O Marxismo de Manuel Gama Casalderrey



Cando o fin da dictadura primorriverista andaba preto, o movemento agrario pontevedrés coñeceu un relanzamento que, cando advén a II República, vai colocalo nunha situación decisiva dentro da correlación de forzas republicanas.

O panorama que se desenvolvia á altura de 1929 non era máis que a suma do labor de militantes de vello no agrarismo e a participación novidosa neste eido de activistas relacionados co Partido Comunista de España.

Este último grupo de loitadores non era nin moito menos advenedizo, ao contrario. Militantes con anos de activismo ás súas costas, comezaran a maioría a actuar no seo do PSOE para abrazar, primeiro, as teses terceristas e pasar logo a ser organizadores en primeira hora do PC na Galiza.

No caso da comarca de Pontevedra, pasan a integrar o novo partido acreditados militantes obreiros e sindicais con anos de experiencia política e mesmo prestixio institucional. Eis o caso de Manuel García Filgueira, verdadeiro líder natural para toda unha xeración que partindo de posturas comunistas arrastrou cara a elas a un importante núcleo obreiro asentado e actuante nas parroquias de Pontevedra desde 1921.

O PCE pontevedrés non abandonou nin rexeitou o orixinal deseño organizativo que coordinaba esforzos e enerxías, xa na práctica desde primeiros do século. A Federación Local Obrera para o ámbito sindical, centrando a actividade nas fábricas, talleres, comercio e servicios e a Federación Comarcal Agraria para todo o que se atinxira ás necesidades das familias labregas das parroquias. Dúas organizacións que actuaban en empatía e que xeraban un aforro considerábel de recursos e enerxías á vez que serviron para tecer unha eficaz rede de apoios ante os conflictos máis decisivos.



Manuel Gama














 Manuel Gama Casalderrey





A comezos dos anos trinta, a coherente e orixinal estratexia aberta polos líderes pontevedreses do PCE conseguiu unha sorprendente aceptación entre destacados militantes que procedían dunha tradición histórica que, como no caso de Lérez, se relacionaba co primeiro agrarismo de finais do século XIX.

A posibilista liña política dos comunistas, recoñecendo e apoiando aos pequenos propietarios, tal como eran a maioría dos labregos da comarca, foi un instrumento de captación imparábel que lles levou a implantarse nun sector tradicionalmente de difícil acceso aos partidos marxistas. Mesmo lle serve para asentarse en postos de dirección do agrarismo, tanto local como provincial, pontevedrés.

Clave desta nova situación foi a captación de militantes plenamente agrarios como o lerezán Manuel Gama Casalderrey que, malia a súa xuventude, á altura dos anos trinta contaba cunha destacada folla de servizos no movemento agrarista comarcal non colaborador coa dictadura.

Foi a comarca lerezana e o entorno vigués con Lavadores á cabeza desde onde se artellou unha nova estratexia do agrarismo elaborada en conflicto con outros líderes, tamén asentados, que tiñan como lastre o ter sido receptivos con certas manobras da Dictadura emanadas desde a Deputación de Pontevedra.

Líderes como Raimundo Vidal Pazos, García Temes ou Rey Durán foron contestados nas primeiras asembleas que con certa liberdade de acción e discusión celebrou o movemento agrarista. Punto definitivo do enfrontamento de tendencias foi o Congreso Provincial Agrario celebrado en abril de 1930 con asistencia de 48 organizacións e 200 congresistas. O evento celebrouse entre grandes tensións pola perda de protagonismo que os homes de Vidal Pazos detectaron na asemblea. Unha alianza táctica entre elementos republicanos de esquerdas, entre eles Osorio Tafall e os activistas ligados ao PCE, levou ao Congreso a un punto sen saída que motivou a súa suspensión e a unha ruptura clara entre o vello agrarismo colaboracionista e as tendencias que o ligaban estratexica mente co movemento obreiro.

No frustrado congreso de 1930 vai ser precisamente Manuel Gama Casalderrey quen defenda a ponencia “Estructuración económica do agrarismo". No seu discurso elaborado con gran precisión e didactismo apostou por unha organización interna onde tivesen cabida as “Cajas Rurales comarcales” que se basearían, segundo expuso, “de abaixo arriba, en forma de células parroquiais”. Para Gama “ a vida do campesiño galego é pobre: sempre temendo a miseria e vivindo a espensas do cacique e do usureiro”. Noutro momento da ponencia expresou con contundencia que “mentras o labrego sexa escravo non terá independencia política" Afirmación que abriu unha intensa polémica con Waldo Gil, veterano socialista vigués, que rebatiu a Gama negándolle o carácter revolucionario aos labregos galegos.

Dividida a Provincial Agraria, os novos líderes emerxentes terían os dous relación con Pontevedra. Na comarca de Vigo o PCE situaría para íntervir na problemática agraria ao pontevedrés Eugenio Urtaza, xove tamén pero importante cuadro comunista en Teis. Urtaza fora daqueles mozos que se sumaron á celula pontevedresa do PCE arrastrados por García Filgueira, quen por certo tamén participara no Congreso de 1930.

Tanto Urtaza como Gama saíron fortalecidos da asemblea e con renovado prestixio entre os agraristas máis novos. O perfil que o xornal El Campesino, voceiro do Sindicato de agricultores de Teis, ofrecía de Gama non mantiña equívocos. “Gama Casalderrey o mellor de todos, é un excelente definidor do concepto materialista da vida. Un verdadeiro marxista rural. Moi capacitado para grandes obras de edificación no seo de organización campesina".



Manuel Gama










Manuel Gama Casalderrey
Fundador de Juventud Lerezana
Secretario-contador da Caja Rural
Concelleiro do Concello de Pontevedra





Pero como era este marxismo de Manuel Gama Casalderrey?

A crueldade da desmemoria organizada botou sobre persoeiros tan importantes da Galicia contemporánea lousas de olvido. O medo, a destrucción da prensa agraria e a propia represión física dos loitadores máis consecuentes fai certamente difícil reconstruír non só as súas vidas e traxectorias, senón mesmo o seu pensamento.

No caso de Gama, concedémoslle moito interese a un artigo que publicou no xornal do sindicato de Lavadores en maio de 1930. Baixo o título de “Lucha de clases”. El Campesino recollía unha colaboración do agrarista lerezán na que intuímos por onde circulaba e avanzaba o seu pensamento político. Gama Casalderrey móstrase como un coñecedor do marxismo e da literatura socialista e aposta pola loita de clases como motor dos cambios e proceso. históricos. Para el, todo problema social radica en evitar a explotación do home polo home.

En procurar que a cada traballador lle sexa entregado o producto íntegro do seu traballo. Gama afirma tamén neste artigo que non haberá paz no mundo mentras o problema da xustiza distributiva e a equidade social se resolvan.

Lector de O Capital de Marx, Gama Casalderrey foi un dinamizador político e un gran divulgador do marxismo entre a clase obreira pontevedresa dos anos trinta. A perda case íntegra da colección de El Campesino impídenos coñecer se este artigo tivo continuación e se chegou a ser columnista habitual. En todo caso, recuperar e restaurar a obra de Manuel Gama Casalderrey - por exemplo o seu labor á fronte da Caja Rural de Lérez - e os seus escritos é todo un acto de xustiza que repararía, só en certa medida claro é, a cruel afrenta que sobre esta figura vital da Pontevedra contemporánea deitou o franquismo e os que se aproveitaron del.



X.ENRIQUE ACUÑA