Ramón del Valle-Inclán en Pontevedra

 

Por Catalina Míguez Vilas
Grupo de Investigación Valle-Inclán.
Universidade de Santiago de Compostela.

 

    Non resulta doado trazar un perfil biográfico dos anos en que Valle-Inclán vive en Pontevedra, entre outras razóns porque existen lagoas informativas e a estas sempre acaba sumándose a anécdota ou a fabulación. En consecuencia, as páxinas que seguen non van amosar referencias orixinais, senón aportar certa orde cronolóxica ó que se coñece deste periplo valleinclaniano, efímero mais trascendental na súa traxectoria.

     O berce do escritor Ramón del Valle-Inclán, como é ben sabido, debe situarse en Vilanova de Arousa, onde Ramón José Simón Valle Peña vén ó mundo o 28 de outubro de 1866, no seo dunha familia de rico avoengo na que sobresae sen dúbida a figura do pai. Ramón del Valle Bermúdez (1823-1890) foi un home liberal vencellado ó periodismo, escritor e amigo de figuras senlleiras na historia de Galicia, Manuel Murguía ou Andrés Muruáis, entre outros (1). Pois ben, quen fora mariño e xa traballara como funcionario desde 1849 na oficina de Facenda en Pontevedra, vese obrigado a trasladar á súa familia -a súa dona, os dous fillos Carlos e Ramón, e a súa filla María- á capital do Lérez (2)-, onde será nomeado Gobernador civil en 1889. Este cambio de residencia terá, por suposto, consecuencias decisivas na formación dun novísimo escritor en cernes, que atopará nunha cidade provinciana de finais do século XIX o cosmopolitismo literario necesario para activa-la súa imaxinación.

      En Pontevedra, e logo de ter aprobado o exame de primeira ensinanza en Vilanova de Arousa en 1877, Valle-Inclán inicia o bacharelato. Aínda que de varias materias vaise matricular no Instituto de Santiago, doutras o fai na cidade de Santiago, examinándose en Pontevedra, onde obtén o Grao de Bachiller no curso 1882-1883 (3) .               

    Precisamente en 1882 falecera Andrés Muruáis, íntimo amigo do seu pai, quen lle adicará unha emotiva elexía. Pouco sabemos das actividades dun mozo Valle-Inclán ó longo destes anos pontevedreses (4), nos que vai adquirindo coñecementos e, probablemente, déixase influir polo ambiente cultural e literario no que se move o seu pai. Non lle faltarán ó escritor boas bibliotecas nas que ter acceso ós clásicos e á literatura universal, ou ben ás últimas novidades europeas. Entre elas brila con luz propia a de Jesús Muruáis na “Casa do Arco” ou de Matalobos (5), convertida en cenáculo literario da intelectualidade pontevedresa, e onde organizan espectáculos carnavalescos ou poñen en marcha revistas como Galicia Moderna. A este ambiente atractivo, punto de encontro de personalidades como Víctor Said Armesto, Enrique Labarta Pose, Filomena Dato Muruáis, Javier Valcarce Ocampo, Torcuato e Renato Ulloa, Gerardo Álvarez Limeses, entre outras, voltará en máis dunha ocasión Valle-Inclán.               

    Pero antes, xunto co seu irmán Carlos, inicia estudios de Dereito na facultade santiaguesa no curso 1884-1885. Ámbolos dous irmáns participan de forma activa na vida socio-cultural de Santiago de Compostela (6), pois publican os seus escritos en revistas estudiantís coma Café con Gotas, e concretamente, Ramón del Valle-Inclán acude a clases de esgrima impartidas polo florentino Attilio Pontanari e matricúlase en “Debuxo e adorno de figura” na Escola de Artes e Oficios en 1888 (7). O xove escritor non gosta, xa que logo, da carreira imposta pola familia, e decide abandonala en 1889. Ó ano seguinte regresará a Pontevedra coincidindo co falecemento do seu pai. Pola contra, o seu irmán Carlos chega a traballar coma profesor numerario na sección de letras do Instituto de Pontevedra para acadar méritos, aínda que non recibe soldo (8).              

    Ámbolos dous irmáns son ben coñecidos nos círculos periodísticos pontevedreses, como amosa a seguinte referencia aparecida en El Diario de Pontevedra o 21 de xullo de 1888: “ayer han estado en esta capital nuestros queridos amigos y compañeros en la prensa don Ramón y don Carlos Valle” (9). Nos anos seguintes os xornais constatan a participación de Carlos del Valle-Inclán en veladas literarias onde le as súas creacións (El Anunciador ou La Justicia o 30 de decembro de 1889 e o 23 de outubro de 1890, respectivamente; La Correspondencia Gallega o 1 de decembro de 1890). El Anunciador comenta o 16 de agosto de 1892 que acadou unha mención honorífica nun certame literario (10).

Casa dos Muruais, onde se celebraba a famosa tertulia.

      O achádego de noticias na prensa da época confirma, entón, a enorme importancia e prestixio que os Valle-Inclán tiñan colleitado na vida social e cultural de Pontevedra. Certo, as notas necrolóxicas sobre o falecemento de Ramón del Valle Bermúdez sucédense na prensa: El Diario de Pontevedra (15-01-1890), La Correspondencia Gallega (16-01-1890), e o 24 de febreiro o seu amigo e periodista Lisardo Barreiro fará unha semblanza biográfica en El Diario de Pontevedra. Ó ano seguinte El Anunciador comentará o 13 de xaneiro: “Primer aniversario del señor don Ramón del Valle-Inclán y Bermúdez (...)”. Tamén recollerá a prensa a noticia do pasamento da avoa materna de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa (La Correspondencia Gallega, 25 de xaneiro de 1895) (11).

      É máis, cando trala viaxe a Madrid a finais de 1890 e unha hipotética estancia en Italia aínda por documentar, Ramón del Valle-Inclán viaxe a México e a Cuba (1892-1893), El Diario de Pontevedra fará un seguimento da mesma, feita por un “joven e ilustrado escritor”, tal e coma nolo presenta o 15 de xuño de 1892 (“Un periodista gallego en México”) (12). Non debe estrañar esta descripción se pensamos que no mes de febreiro este mesmo xornal publica dous fragmentos dun libro anunciado co título de El gran obstáculo (o 3 e o 4 de febreiro), presentando ó seu autor como “correcto escritor nuestro compañero en el periodismo don Ramón del Valle” (13). O 5 de febreiro neste xornal tamén aparece o artigo “En tranvía”. Asemade cómpre salientar que por estas datas pronuncia unha conferencia sobre ocultismo, tema apaixoante ó longo do seu periplo vital, no Recreo de Artesáns, reseñada por El Diario de Pontevedra, El Anunciador e La Correspondencia Gallega o 8 de febreiro (14).

      Ó seu regreso de México instalarase na capital do Lérez suscitando coa súa presencia nas rúas pontevedresas o asombro e, como non, o escándalo entre os viandantes. Así retrata J. Pesqueira ó noso autor: “Unas barbas luengas, una larga melena, una larga hopalanda, un ancho chambergo y unas grandes gafas de carey. Todo era negro: negros los pelos, negro el indumento, negras las gafas. En las tranquilas calles de Pontevedra su presencia tuvo la importancia de un insólito acontecimiento”. (15)

       Na prensa pontevedresa irán aparecendo os seus textos; así, entre xullo e outubro de 1893 publica na revista creada polos contertulios de Jesús Muruáis e que dirixe Labarta Pose, Extracto de Literatura, os contos “X”, “Páginas de tierra caliente. Impresiones de un viaje”, “Un cabecilla”, “Octavia Santino” e o artigo “El banquete de Conjo” en La Unión Republicana, descuberto polo profesor Xesús Alonso Montero e reeditado no Faro de Vigo (4 de maio de 1984) (16).

       Entre os acontecementos máis salientables nos que Ramón del Valle-Inclán participa entre 1893 e 1895, data da súa viaxe a Madrid onde acabará fixando a súa residencia, destacan unha exhibición de esgrima no Círculo de Artesáns e no Casino de Pontevedra, e a publicación do seu primeiro libro en 1895. De novo temos de rescatar á figura do italiano Attilio Pontanari para entendérmo-lo primeiro feito sinalado, xa que o maestro de esgrima de Valle-Inclán en Santiago aparece moi vencellado a Pontevedra ó crear o corpo de bombeiros voluntarios e impartir como catedrático clases de ximnasia no Instituto cara a 1894. Precisamente neste ano terán lugar as mencionadas exhibicións. Así recolle El Diario de Pontevedra dito evento o 10 de decembro na reseña “En el Casino”: “es preciso ver a Valle apuesto y atrevido, desmelenado y provocativo, impasible ante el peligro, sereno en el acometer unas veces y otras lleno de ira, rebosando cólera y fiereza por todos sus poros, demostrando que es tan experto y competente con la espada en la mano como con la pluma (...)” (17)

        Praza das Cinco Rúas, onde viviu Valle-Inclán.        

    Finalmente, se temos en conta que, como indica Valentín Paz Andrade na súa biografía de Valle-Inclán, Pontevedra disfruta a finais do século XIX dunha florecente imprenta, compartida pola casa Andrés Landín, El Diario de Pontevedra e La Correspondencia Gallega, non é de estrañar que o escritor, sentíndose fondamente vinculado á cidade desde un punto de vista social, cultural, literario e familiar -o ano anterior o seu irmán Carlos publica Escenas gallegas nesta mesma cidade-, dea ó prelo a colección de historias amorosas nas que xorden moitas débedas contraídas polo autor galego  cos movementos simbolista e decadentista finiseculares, cos que a non dubidalo tivera contacto a través das bibliotecas pontevedresas. Así pois, en 1895 e na imprenta Andrés Landín de Pontevedra publícase Femeninas. Seis historias amorosas con prólogo de Manuel Murguía. O 4 de maio aparecerá xa un artigo de Torcuato Ulloa sobre estas novelas curtas en El Diario de Pontevedra. Tamén na cidade do Lérez o seu amigo e contertulio da “Casa do Arco”, Víctor Said Armesto, publica en 1897 o primeiro ensaio de rigor sobre a obra do escritor arousano: Análisis y Ensayos. E, por último, como mostra de gratitude a quen lle abrise as portas dunha excepcional biblioteca e o puxera en contacto coa intelectualidade galega, xa en Madrid Valle-Inclán adicará o seu libro Epitalamio (1897) a Jesús Muruáis.                              

    Desde Madrid enviará con certa regularidade os seus contos, que irán aparecendo nas páxinas de El Diario de Pontevedra e La Correspondencia Gallega a partir de 1902. Cando en 1912 o escritor xa consagrado e con fama internacional se reinstale en Galicia (Vilanova, Vilaxoán, Cambados (18) e A Pobra do Caramiñal), non deixará de enviar os seus textos, retocados unha e outra vez no seu obradoiro, ós periódicos pontevedreses que sempre deron conta dos fitos acaecidos na súa traxectoria. 

 

 NOTAS

1 Sobre o pai do escritor poden consultarse o monográfico na revista Cuadrante, nº 1, 2000; e o artigo de X.L. Axeitos no nº 2 (xaneiro de 2001), pp. 3-22.

2 Sinala o pontevedrés Valentín Paz-Andrade que viven de aluguer nunha casa situada na praza das Cinco Rúas, con entrada pola costa de Santa María (vid. La anunciación de Valle-Inclán, Madrid, Akal, 1981). 

3 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán (comisarios), Don Ramón María del Valle-Inclán (1866-1898), Santiago, Universidade, 1998, vol. I.

4 Como afirman Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán: “Moi pouco ou nada sabemos da infancia e adolescencia de Ramón del Valle-Inclán, e do pouco coñecido nada é seguro nin contrastable. Faltan moitos datos (...)” (op.cit., p. 21).

5 Jesús Muruáis exerce a súa función docente no Instituto de Pontevedra e falece en 1903. Sobre a súa rica biblioteca, conservada na actualidade na Biblioteca Pública de Pontevedra, pode consultarse o artigo de Jean-Marie Lavaud, “Una biblioteca pontevedresa a finales del siglo XIX (de Jesús Muruáis hacia Valle-Inclán)”, Museo de Pontevedra, 1975, tomo XXIX; ou tamén en Estudios de información, nº 24, oct.-dic. de 1972, pp. 257-401.

6 Lembremos que entre as súas amistades figuran os irmáns González Besada, en concreto Moisés dirixe Café con Gotas. Anos máis tarde Augusto González Besada será Gobernador Civil en Pontevedra, cando Femeninas sexa publicada en 1895. Coñece, polo tanto, na capital galega o ambiente rexionalista e tradicionalista, que acabará influindo na súa formación ideolóxica. Vid., a este respecto, Margarita Santos Zas, Tradicionalismo y Literatura en Valle-Inclán (1889-1910), Boulder, Society of Spanish and Spanish-American Studies, 1993.

7 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 22.

8 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 23.

9 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 24.

10 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 30, n. 21.

11 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 16.

12 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 16.

13 Vid. Robert Lima, Valle-Inclán: El teatro de su vida, Vigo/Santiago, Ed. Nigra/Consorcio de Santiago, 1995.

14 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., pp. 23 e 29, n. 35.

15 Vid. Margarita Santos Zas, Valle-Inclán, Madrid, Cuadernos de Acción Cultural de la UGT, 1998, pp. 30-31.

16 Vid. Javier Serrano Alonso y Amparo de Juan Bolufer, Bibliografía general de Ramón del Valle-Inclán, Santiago, Universidade, 1995.

17 Vid. Xoaquín e Xabier del Valle-Inclán, op.cit., p. 23.

18 Vid. o artigo de Víctor Viana, “Valle-Inclán en Cambados”, Cuadrante, nº 2, xaneiro de 2001, pp. 35-58.

  

BIBLIOGRAFÍA

                 Axeitos, X.L., “Don Ramón del Valle Bermúdez, home íntegro e liberal e pai dun xenial escritor”, Cuadrante, nº 2, xaneiro de 2001, pp. 3-22.             Cuadrante, nº 1, 2000. 

                Fernández Almagro, Melchor, Vida y literatura de Valle-Inclán, Madrid, Taurus, 1966 (1ª edición, 1943).

                Lavaud, Jean-Marie, “Una biblioteca pontevedresa a finales del siglo XIX (de Jesús Muruáis hacia Valle-Inclán”, Museo de Pontevedra, 1975, tomo XXIX, pp. 411-438 (versión resumida); Estudios de información, nº 24, oct.-dic. 1972, pp. 257-401 (versión ampliada).

                Lima, Robert, Valle-Inclán: El teatro de su vida, Vigo/Santiago, Ed. Nigra/Consorcio de Santiago, 1995 (trad. de María Luz Valencia: Valle-Inclán: The Theatre of His Life, 1988).

                Paz-Andrade, Valentín, La anunciación de Valle-Inclán, Madrid, Akal, 1981, 2ª ed. ampliada (1ª ed., Buenos Aires, 1967).

                Santos Zas, Margarita, Tradicionalismo y Literatura en Valle-Inclán (1889-1910), Boulder, Society of Spanish and Spanish-American Studies, 1993.

                                , Valle-Inclán, Madrid, Cuadernos de Acción Cultural de la UGT, 1998.

                Serrano Alonso, Javier y Amparo de Juan Bolufer, Bibliografía general de Ramón del Valle-Inclán, Santiago, Universidade, 1995.

                Valle-Inclán, Xoaquín e Xabier del (comisarios), Don Ramón María del Valle-Inclán (1866-1898), Santiago, Universidade, 1998, vol. I.

                Viana, Víctor, “Valle-Inclán en Cambados”, Cuadrante, nº 2, xaneiro de 2001, pp. 35-58.