O EDIFICIO DA CAIXA RURAL DO LÉREZ: UN SINGULAR PROXECTO DE EMILIO SALGADO URTIAGA

 

Na parroquia pontevedresa de Lérez constitúese (1) o 28 de outubro de 1926 a Caixa Rural do Lérez, institución cooperativa agraria de crédito que agrupaba os labregos da zona(2). Pouco tempo despois xorde a iniciativa de construír un edificio social, encargándolle o proxecto ó arquitecto municipal de Pontevedra, Emilio Salgado Urtiaga, que o redacta de forma gratuíta, asinándoo en febreiro de 1929. Iniciativa e proxecto terán ampla repercusión na prensa da época, reproducindo o alzado da fachada principal o xornal vigués El Pueblo Gallego (3). A petición de licencia municipal demórase ata o 30 de agosto de 1930, data na que o presidente da sociedade, Diego Montes Peón, presenta a correspondente instancia no Concello de Pontevedra(4). O inmoble foi inaugurado en marzo de 1933, indicando a prensa da época a intención da Caixa Rural do Lérez de amplia-las súas prestacións, instalando nunha das plantas do novo edificio social unha cooperativa de consumo que atendera os ramos de vestido, calzado e alimentación(5).

O arquitecto Emilio Salgado Urtiaga nace en Puxín (Ourense) o 6 de xaneiro de 1897. De neno trasládase con toda a familia á cidade de Vigo onde os seus pais abren un establecemento comercial. Realiza os estudios superiores na Escola de Arquitectura de Madrid, obtendo o título no ano 1923. En xaneiro de 1924 toma posesión da praza de arquitecto municipal de Pontevedra(6), cargo que desempeña ata os primeiros anos da década de 1930. Como arquitecto municipal redacta un plan xeral de aliñacións e rasantes (7) que presenta ó Concello de Pontevedra a principios de outubro de 1926. Tamén traza o proxecto de escalinatas e rotonda da Alameda, que recibe a aprobación municipal en xaneiro de 1927, iniciándose as obras nese mesmo ano(8). Neste proxecto amosa Emilio Salgado a súa aproximación á arquitectura rexionalista, creando un conxunto marcado pola presencia do granito e unha serie de panos cerámicos con escenas de temática costumista e paisaxes, deseñados polo pintor Carlos Sobrino e executados pola casa Mensaque. A influencia das propostas rexionalistas de Antonio Palacios e Manuel Gómez Román marca unha parte da súa ecléctica producción, como sucede con algúns dos elementos da sede social da Caixa Rural do Lérez. A mesma liña está presente noutros chalés que proxecta na cidade de Vigo e na zona residencial de Praia América.

Alzado da fachada principal da sé da Caixa Rural do Lérez.
Emilio Salgado Urtiaga, febreiro de 1929 (Arquivo Municipal de Pontevedra)

Nestas datas Emilio Salgado mantén aberto un estudio de arquitectura na rúa Montero Ríos da cidade de Vigo. En outubro de 1934, como membro do Partido Radical de Lerroux, é elixido alcalde de Vigo, trala intervención do gobernador civil que destitúe ó alcalde socialista Emilio Martínez Garrido polo apoio prestado ó movemento revolucionario xurdido nesas datas. Durante o seu mandato como alcalde impulsa a constitución do museo de Castrelos, que, dende as primeiras iniciativas da década de 1920, oriéntase cara á exposición da plástica galega do momento, da "arte rexional" na terminoloxía da época. Cuestión que se relaciona co desenvolvemento e auxe dunha pintura e escultura rexionalista de temática costumista baixo o liderato de artistas como Sotomayor, Llorens, Sobrino, Asorey, etc. Esta busca dunha estética de raíces galegas ten a súa correspondencia na arquitectura en parte da producción de Palacios, Gómez Román e outros profesionais. No propio documento de doazón do pazo de Castrelos, asinado polo marqués de Alcedo en París en decembro de 1924, sinálase que o inmoble debe destinarse a museo de arte rexional. Esta consideración está tamén presente no primeiro regulamento que en 1926 redacta Avelino Rodríguez Elías. A principios de 1935, dispondo o Concello de Vigo da plena posesión do pazo de Castrelos, actívase a constitución do primeiro padroado. Emilio Salgado logra integrar nel ó afamado crítico pontevedrés Francisco Javier Sánchez Cantón, neses anos subdirector do Museo do Prado, que é nomeado presidente de honra. No padroado atopamos a personalidades vinculadas a unha estética rexionalista como o pintor Carlos Sobrino ou o arquitecto Antonio Palacios Ramilo(9). En febreiro de 1936 coa chegada de novo a alcaldía de Martínez Garrido reorganízase o padroado, abríndose o museo á exposición dunha arte máis universal. Ademais de Sánchez Cantón, permanece no padroado Antonio Palacios como vocal de honra, entrando o arquitecto Manuel Gómez Román en substitución do seu compañeiro Jacobo Esténs. O inicio da guerra civil atrasa a inauguración do museo ata xullo de 1937.

 

Edificio do Concello do Porriño (1919-1924)
Antonio Palacios Ramilo

Durante o seu mandato como alcalde xorde na cidade de Vigo unha ardua polémica en torno ó ambicioso proxecto urbanístico de "Ensanche e Reforma Interior" (1932) que trazara Antonio Palacios Ramilo e fora aprobado definitivamente polo Ministerio de Traballo e Sanidade en xullo de 1934. Ante a enérxica oposición que suscitou a aprobación, Emilio Salgado foi o único técnico da cidade que mantivo o apoio ó proxecto do arquitecto porriñés. Proxecto que será rexeitado pola primeira corporación xurdida da guerra civil e anulado definitivamente en 1939. Na obra de Emilio Salgado atopamos a influencia de Antonio Palacios, arquitecto de recoñecido prestixio profesional con grandes obras en Madrid(10), polo que sentiu unha profunda admiración. Durante os últimos anos da súa vida Emilio Salgado reside en Madrid, cidade na que falece o 27 de xuño de 1970.

O conxunto da obra de Emilio Salgado amosa un eclecticismo profesional que lle permite elixir estilo segundo a función da edificación ou o gusto da clientela. Dende este espírito ecléctico é capaz de asumir nun mesmo período influencias tan contradictorias como o rexionalismo arquitectónico e o racionalismo. A súa obra fluctúa entre o eclecticismo academicista e un particular rexionalismo, aproximándose tamén a un racionalismo heterodoxo que asimila máis nas formas que na compresión da teoría do movemento moderno. Algúns edificios da primeira etapa, como o que proxecta en 1924 para Juan G. Fernández na rúa México 21 da cidade de Vigo (11), relaciónanse co eclecticismo dos anos vinte e amosan a influencia do depurado clasicismo dos edificios comerciais de Palacios, utilizando un esquema de composición no que grandes pilastras percorren a fachada actuando a última planta como falso entaboamento. Na década de 1930 atopamos na súa obra creacións de corte racionalista con matices expresionistas, como sucede no proxecto da Escola Elemental de Traballo de Pontevedra (12) ou no deseño do edificio social do Club Marítimo de Vigo, no que incorporaba as formas aerodinámicas da arquitectura de barco, cunha proposta (non executada) que se aproximaba ó actual edificio do Real Club Náutico de Vigo de Francisco Castro Represas e Pedro Alonso.

O proxecto de Caixa Rural do Lérez inscríbese nunha variante da obra de Emilio Salgado na que se acerca ó rexionalismo arquitectónico, estando presente en edificios singulares e sobre todo nos chalés ou vivendas residenciais, se ben algúns elementos ornamentais relacionados con esta tendencia asoman tamén nalgúns inmobles de vivenda colectiva. Unha aproximación epidérmica a esta tendencia, na que segue os dictados da moda, incorporando citas ou referencias decorativas sobre composicións de carácter ecléctico. A diferencia de Antonio Palacios, que opta por un creativo rexionalismo de corte neomedieval, ou de Gómez Roman, que se decanta por unha versión persoal inspirada na arquitectura pacega e no barroco de placas compostelán, Emilio Salgado acumula referencias ou citas diversas, nas que se atopan as influencias dos arquitectos citados e outras que proveñen do gusto pintoresco ou dos diversos focos rexionalistas españois.

 

Alzado do proxecto do chalé do bispo Garay para construír no monte do Castro (Vigo)
Manuel Gómez Román, 1927 (Arquivo Municipal de Vigo)

A tendencia rexionalista xorde na arquitectura española no ambiente de crise que provoca o desastre cubano de 1898. Maniféstase nun primeiro momento como busca dunha linguaxe especificamente hispana, dun estilo español, reaccionando contra a presencia de arquitecturas foráneas. Dende unha posición tardorromántica recóllense elementos dos estilos de desenvolvemento peculiar en España para vertelos nunha arquitectura que pretende unha aparencia de propio. Neste diálogo coa historia o estilo de maior aceptación será o plateresco, xa que, ademais de seu carácter particular, supuña, dende a nostalxia, a expresión dunha época de esplendor cultural e político fronte á decadencia que se vivía. Tralo éxito do pavillón español na Exposición Universal de París de 1900 -proxectado por José Urioste tomando referencias da obra de Gil de Hontañán- aparecen numerosas obras interpretadas en clave neoplateresca que buscan entroncar cun pretendido estilo nacional. Como consecuencia xorde o rexionalismo arquitectónico, que mantén unha similar metodoloxía, substituíndo a referencia dos grandes estilos españois por outra de carácter vernáculo recollido tamén dos estilos de peculiar desenvolvemento en cada rexión ou da arquitectura popular. A tendencia rexionalista está plenamente configurada no inicio da década de 1910, destacando os focos cántabro, vasco sevillano, etc. O rexionalismo arquitectónico foi unha das últimas expresións das actitudes eclécticas decimonónicas que se prologan na arquitectura española de principios de século. Formou parte do debate arquitectónico da época, contando co apoio de teóricos tan importantes como Lampérez ou Cabello Lapiedra e coa rigorosa crítica que inicia Torres Balbás e continúan aqueles que buscan opcións de maior modernidade. O rexionalismo mantense como opción conservadora de gran aceptación, cando, co inicio da década de 1930, se producen as primeiras manifestacións racionalistas (13) da man dos xoves membros do GATEPAC.

A presencia dunha arquitectura rexionalista de contidos vernáculos coincide en Galicia coa afirmación da cultura propia que impulsan as Irmandades da Fala e cun ambiente artístico no que tamén se busca unha expresión plástica peculiarmente galega. Arquitectos como Rafael González Villar, Antonio Palacios Ramilo ou Manuel Gómez Román intégranse neste grupo de artistas, participando na organización das coñecidas exposicións colectivas de "Arte Gallego". Na expresión da arquitectura rexionalista en Galicia tamén existe unha pescuda na historia, recolléndose referentes daqueles estilos que na súa implantación na nosa terra tiveran unha expresión particular. A atención céntrase no románico de transición e no barroco compostelán. O primeiro acercamento prodúcese da man de Antonio Palacios cos proxectos da Igrexa da Encarnación de Celanova (1918, non construído) e do Concello do Porriño (1919), optando por unha mirada ós estilos medievais galegos (14). Manuel Gómez Román, último secretario xeral do Partido Galeguista, foi o gran representante desta tendencia en Galicia, definindo na década de 1920 un modelo de chalé inspirado na arquitectura de pazo e no barroco de placas que terá unha gran aceptación, reflectíndose neste caso a súa influencia no proxecto da sede da Caixa Rural do Lérez. Gómez Román incorporou tamén esta linguaxe neobarroca ós edificios urbanos, realizando numerosos proxectos para Vigo, Santiago, Lugo, etc.(15) Outros arquitectos, como Antonio Cominges, Jenaro de la Fuente Álvarez, José María Banet, etc. incorporan esta versión neobarroca, aparecendo na estampa urbana un novo repertorio formal: solainas, torreóns, recercados neobarrocos de portas e ventás, frontóns partidos, ornamentacións de placas, etc.

Chalé El Pilar (Casa da Xuventude), na rúa López Mora (Vigo)
José Franco Montes, 1913

Na sede da Caixa Rural do Lérez o arquitecto amosa unha composición de carácter ecléctico que se distancia nas súas siluetas da versión rexionalista proposta por Gómez Román e seguida pola maior parte dos arquitectos galegos que se suman a esta tendencia, mentres que nos detalles ornamentais asume o repertorio neobarroco desta variante de tanta aceptación neses anos en Galicia. Na definición dos volumes Emilio Salgado opta por unha solución moi utilizada noutros focos rexionalistas, especialmente no cántabro, no que a torre se destaca como marcado elemento referencial do conxunto. Sen embargo, neste caso, o seu carácter esvelto con remate en inclinada cuberta, bufarda superior e agudo chapitel, remítenos ós modelos pintorescos centroeuropeos que con intensidade circulaban nos libros de repertorios ou pattern books. O gusto pintoresco difundírase dende Inglaterra ó longo do XIX por todo o continente europeo, producíndose adaptacións do rustic cottage ás diversas tradicións vernáculas locais que se manifestan nas variantes de casa ou chalé suízo, alemán, alsaciano, bretón, etc. Estes modelos gozaron de aceptación en Galicia, incorporándose ás zonas residenciais e tamén á arquitectura de promoción indiana. Un exemplo do transplante destes modelos atopámolo na rúa López Mora da cidade de Vigo no chalé "El Pilar" (hoxe Casa da Xuventude) que proxecta José Franco Montes en 1913. En moitos casos o compoñente exótico que aparece nas vivendas de indianos provén destes modelos, xa que o gusto pintoresco, como o modernismo, tivo unha difusión universal. Quizais como influencia da visita que trala obtención do título realiza por Inglaterra, noutras obras de Emilio Salgado atopamos á referencia pintoresca foránea como sucede no chalé situado na rúa Feliciano Roldán do monte do Castro de Vigo que proxecta en decembro de 1924 para Francisco Ulloa. Nel utiliza un poderoso corpo vertical redondeado e unha torre lateral rematada en pronunciado beiril de madeira con barrotes exteriores sustentantes.

 

Alzado do proxecto do chalé para Paulino Evan Arnaz, para construír en Alcabre (Vigo)
Emilio Salgado Urtiaga, maio 1930 (Arquivo Municipal de Vigo)

Nos detalles ornamentais o proxecto orixinal da sede da Caixa Rural do Lérez remítenos a unha mirada de Emilio Salgado á obra de Gómez Román, que foi a que tivo na expresión da tendencia rexionalista en Galicia unha maior continuidade, mentres que a complexa e orixinal proposta de Antonio Palacios a penas tivo seguidores. No remate ameado da parte superior da cornixa, que se propón no alzado orixinal, aparece unha alusión ó arquitecto porriñés, que utiliza este remate en moitas obras encadradas nesta corrente, como sucede en Panxón (Nigrán) no templo Votivo do Mar e no chalé de Celso Méndez. Noutras obras de Emilio Salgado atopamos a utilización deste remate en ameas. Por exemplo, aparece, xunto ós detalles neobarrocos, no proxecto de chalé de Paulino Evan, trazado en 1930 para construír na zona de Alcabre en Vigo (16). No alzado da sede da Caixa Rural do Lérez os detalles ornamentais característicos da versión neobarroca da tendencia rexionalista en Galicia maniféstanse na inclusión de dúas solainas situadas na fronte da torre e na fachada principal e tamén no recercado dos vans da planta superior que presentan as características orelleiras barrocas. A solaina foi incorporada como un dos elementos máis característicos na definición desta tendencia en Galicia, perdendo nalgúns casos as funcións que na arquitectura histórica tiña en relación coa insolación ó incorporala como ornamentación sen ter en conta a súa orientación. O recurso a esta ornamentación neobarroca de carácter rexionalista aparece noutras obras de Emilio Salgado como ocorre na igrexa das Servas de Xesús da rúa Urzaiz esquina Cuba de Vigo, na que varía un proxecto anterior de carácter neogótico de José Franco Montes. Os detalles heráldicos co campo interior vacío, que no alzado flanquean a solaina principal, tamén foron motivo decorativo moi recorrido na expresión rexionalista, se ben normalmente situábase nun dos ángulos da torre. O proxecto da sede da Caixa Rural do Lérez é a expresión dunha tendencia arquitectónica que gozou dunha gran aceptación nas primeiras décadas do século XX, pero que amosa un gran desfase coas correntes da vangarda arquitecónica da época. Amosa a persistencia de gustos conservadores fronte ás primeiras manifestacións racionalistas que introducen os membros do GATEPAC e tamén indica como o rexionalismo arquitectónico derivou en moitos casos nunha moda de gran aceptación que baseou o seu éxito na incorporación de detalles ornamentais de aparencia vernácula e fácil lectura polos potenciais clientes, sen plantexar renovacións ou experimentacións dende a tradición. Neste caso búscase ademais a singularización do inmoble coa incorporación dunha torre allea á tradición vernácula. Poucos foron os que responderon con propostas persoais, creativas e orixinais á demanda ambiental dunha época que incidía na relación da arquitectura coa xeografía e historia propia.

 

JOSÉ Mª RAMÓN IGLESIAS VEIGA

 

NOTAS.

1.POZA JUNCAL, Joaquín, "Instituciones cooperativas. La Caja Rural del Lérez..." en Faro de Vigo, 28-X-1928, pág. 8. Joaquín Poza era neses anos o avogado asesor desta institución. Sinala como data de fundación o 28 de outubro de 1926.

2. Sobre as características e funcionamento destas institucións agrarias cooperativas, véxase: MARTÍNEZ LÓPEZ, Alberte, O cooperativismo católico no proceso de modernización da agricultura galega, 1900-1943, Pontevedra, Deputación Provincial, 1989, páxs., 116-125.

3. El Pueblo Gallego, 28-V-1929, páx. 16.

4. Arquivo Municipal de Pontevedra, Mazo: G-24. Solicítase licencia municipal para construír na estrada da Coruña a Pontevedra, no km. 113, punto limítrofe coa estrada a Campo Lameiro

5. "La Caja Rural del Lérez inaugura su edificio social" en El Pueblo Gallego, 13-III-1933, páx. 7.

6. "Pontevedra. Nuevo arquitecto" en Faro de Vigo, 26-I-1924, páx. 2.

7. "Mejoras urbanas en Pontevedra. El plano de la población..." en Faro de Vigo, 5-X-1926, páx. 1.

8. "Pontevedra. La urbanización local y el arquitecto señor Salgado" en Faro de Vigo, 9-IX-1927, páx. 2; "Pontevedra al día..." en El Pueblo Gallego, 22-I-1927, páx. 10, 18-II-1927, páx. 10.

9. Vid. IGLESIAS VEIGA, J. Mª Ramón. "Antonio Palacios, a divulgación dunha plástica peculiarmente galega" en Olea Europaea, núm. 2, 1995, páxs. 17-20

10. Vid. GONZÁLEZ AMEZQUETA, A., "La arquitectura de Antonio Palacios" en Revista Nacional de Arquitectura, núm. 106, 1967; PÉREZ ROJAS, F.J., "Antonio Palacios y Joaquín Otamendi" en Arquitectura madrileña de la primera mitad del siglo XX, Madrid, C. Cultura, Concello de Madrid, 1987; IGLESIAS VEIGA, X. M0 R., Antonio Palacios. Arquitecto. De O Porriño a Galicia, Pontevedra, Deputación Provincial, 1993.

11. Sobre a obra de Emilo Salgado na cidade de Vigo: GARRIDO RODRÍGUEZ, X. e IGLESIAS VEIGA, J. Mª R., Vigo. Arquitectura urbana, Patrimonio Histórico. Concello de Vigo (no prelo).

12. "Crónica. El edificio para la Escuela de Trabajo" en Faro de Vigo, 17-I-1931, páx. 2; 15-II-1931, páx. 2; "Pontevedra al día. El edificio para la escuela de trabajo" en EL Pueblo Gallego, 17-I-1931, páx. 6. José Cao Moure no Libro de Oro de la Provincia de Pontevedra (1931), reproduce un debuxo dunha perspectiva de conxunto.

13. Con anterioridade á presencia dos primeiros exemplos racionalistas, prodúcese un cambio de sensibilidad cara á modernidade da man dos arquiectos da xeración de 1925. Xeración que actúa de ponte entre a tradición ecléctica e a renovación do GATEPAC. Sobre a importancia deste cambio de sensibilidade, véxase: DIÉGUEZ PATAO, S., La generación de 25. Primera arquitectura moderna en Madrid, Madrid, Cátedra, 1997.

14. Vid. IGLESIAS VEIGA, X. M0 R., "Contenidos regionalistas en la arquitectura de Antonio Palacios en Galicia" en Espacio, Tiempo y Forma, Serie VII, Historia del Arte, Tomo, 7, Madrid, 1994, págs. 383-418; "Renovación e tradición: arquitectura de Antonio Palacios en Galicia" en Arquitecto Antonio Palacios (1874-1945), Santiago, Xunta de Galicia, 1998, páxs. 24-41.

15. Sobre a obra rexionalista de Gómez Román, véxase: GARRIDO RODRÍGUEZ, X, e IGLESIAS VEIGA, X. M0 R., Manuel Gómez Román, mestre da arquitectura galeguista, Vigo, Xerais, 1995.

16. Arquivo Municipal de Vigo, Sección licencia de obras, caixa: URB-209.