UNHA ESCOLMA DE CONXECTURAS RESPECTO DO TOPÓNIMO LÉREZ

 

A propia complexidade que encerra o topónimo Lérez pode explicar, en certa medida, moitas das imaxinativas "hipóteses" que se teñen elaborado. Sintetizaremos varias delas e, a partir dos datos que posuímos, proporemos algunha conxectura que nos leve á aclaración deste topónimo.

I

O texto máis antigo dos conservados que se ten relacionado co río Lérez é o da Chorographia,III,11 do escritor de orixe gaditana Pomponio Mela. Esta obra, seica composta en tempos de Calígula e Claudio, pasa por ser unha descrición, en latín, de moito interese sobre a Península Ibérica. O texto, coa súa correspondente traducción, é o seguinte:

 

"flexus ipse Lambriacam urbem amplexus recipit fluvios Laeron et Ullam" (1).

"o mesmo entrante que abrangue a cidade de Lambriaca acolle os ríos Laero e Ulla".

Foron, entre outras, razóns de semellanza fonética as que incitaron a moitos autores a identificar este río Laero co Lérez.

P. Sarmiento é, en 1745, o primeiro en usar este texto e, coa concepción positivista dos ilustrados, compón orixinais interpretacións sobre o topónimo. Leamos este parágrafo significativo:

 

"En el siglo XII escribió un árabe una "Geografía Nubiensis". Describe las costas de Galicia (...) A 60 millas de la boca del Miño coloca la ría y río Faron al Norte (...) luego aquella voz Faron de río y ría (y en la cual supone el árabe que hay una isla y un castillo) cuadra sin violencia al río Leros o Leron de Mela, pues la voz Faron se debe leer feron y la L pasaría a F: Feron, Leron..." (2)

Tamén comenta outra hipótese vinculando Lérez co latín "larix, laricis" (corresponde co "cedro" ou co "alerce") e rexistra algún resultado máis da mesma raíz. Ademais destes comentarios, enumera distintas manifestacións gráficas do topónimo: "Lárice, Lerce, Lerz, Lérez, Lériz".

Esta contribución de sarmiento serviu de impulsora, en parte, dun novo clima "helenófilo" na interpretación dos topónimos (3), fundamento para a divulgación do texto de Mela e das hipóteses sinaladas. Lembremos que Hermenexildo Amoedo Carballo, cando compón o Carmen Patrium sive Pontevedra (4), publicado en 1787, coñece o mesmo termo:

 

"sive mare inspicias, mixtum cum flumine cerne

Quod Leron esse volunt alii de nomine grajo".

O tamén pontevedrés Xoán Manuel Pintos, o noso grande precursor, traduce en 1853,na cuarta foliada da Gaita Gallega, estes hexámetros deixando o nome do río tal e como figura no texto de Amoedo:

 

"Onde veredes que anda misturado

o mar co rio Lerez, que foi Leron

por nome grego,..."

Trinta anos despois, o compostelán Antonio de la Iglesia, con motivo da morte de Andrés Muruáis, compón un poema onde aparece idéntica forma:

 

"Pontes de Helenes, manantiás da Airiña,

Rivas do Leron, reiseñores brandos..." (5)

1892 ve a luz El Río Lérez de Luís de la Riega (6). Nesta composición, tras recoñecer a escuridade do topónimo ("Difícilmente habrá un río que en el origen de su nombre suscite más cuestiones que yo..."), aparecen moitos comentarios sobre a súa etimoloxía, algún xa feitos por Sarmiento. É fantástica a alusión que fai respecto dun presunto río Hellenón /"río de gregos") e a súa evolución a Hel-Lerón. Isto enlaza cun notorio apoxeo dos enfoques e concepcións mitolóxicas que se produciu no século XIX, emerxendo crenzas fundamentalmente forxadas xa no s. XVI a partir de textos de Estrabón, Xustino, S. Isidoro... (7).

Este contexto é o que explica a peculiar mitificación do Lérez, non só como personaxe alegórico, senón tamén como escenario idílico repleto de musas e ninfas e "locus amoenus" onde o mesmo Xúpiter alza o seu trono (8).

Con esta mesma perspectiva, de la Riega permítese, "después de tantas opiniones y de tantas conjeturas" sobre o termo Lérez, dar unha máis:

 

" según el testimonio de Mr. M. Champré, la ninfa Falóe era hija de un río llamado Lyris y otro llamado Ladon, en la Arcadia, que fue muy celebrado por los poetas, por la metamórfosis de la ninfa Syrinx. Pues bien, ¿no podría ser corrupción de estos nombres, el de Lerez que hoy me dán, ó de los de Leriz y Leron que en otros tiempos me dieron?" (9).

II

Fronte a visións tan fantásticas, cómpre, de intentarmos algunha aclaración deste topónimo, partir da realidade, é dicir, dos textos medievais que teñen constatado referencias seguras da voz Lérez. De entre os exemplos rexistrados, podemos elixir os seguintes:

Ano 910: Leruce (10)
Ano 916: Lerz (aparece 8 veces: 6 referidas a río e 2 a lugar)
		Lérez (aparece 2 veces: unha referida a río e outra no título, ao mosteiro) (11)
Ano 1113: Lerzensem, Lerzensis (forma adxectival, tres veces referida á igrexa)
		Lerzium (dúas veces sinalando lugar) (12)
Ano 1141: Lerz (refírese ó curso inferior do río) (13)
Ano 1165: Lerice (río) (14)
Ano 1169: Lerze (mosteiro), Lerze (río) (15)
Ano 1178: Lerze (mosteiro) (16)
Ano 1199: Lerze (mosteiro) (17)
Ano 1347: Leres (San Salvador de...) (18)
Ano 1444: Leres (o abade de...) (19)

 

Partindo desta pequena mostra, da que salienta o uso maioritario da forma Lerz, podemos anotar o seguinte:

A) As formas Lerze/lerce serían sincopadas (desaparición dunha vocal breve nunha sílaba interior átona) dun posíbel Lerice (co seu dobre gráfico Leruce).

B) A forma Lerz é a apocopada de Lerze/Lerce (supresión da vocal da sílaba derradeira).

C) Aparecen algúns textos que presentan, tomando como base Lerz, unhas veces formas novidosas dende o punto de vista gramatical (Lerzium), e outras veces evidentes adxectivos (Lerzensem, lerzensis).

D) A nivel gráfico, cando menos, parece que reaparecerá a forma "plena" Lerice.

E) Constátase Leres, forma cun seseo ben habitual e normal, en textos posteriores (s. XIV, XV ...).

Baseándonos nisto, e en aspectos filolóxicos e históricos, habería que rexeitar unha xénese de Lérez como antropónimo (conectado cun nome de persoa). As opinións que defenden unha relación cun *Laurentius (co que si pode tela Lourizán) non parecen nada verosímeis tanto por dificultades lingüísticas como pola propia realidade dos textos. Outras suposicións serían estrañas.

Igual de descartábel sería propolo como orónimo (nome referido ao relevo, monte, etc.). Ë certo que dun glarea latino ("cascallo, grava") temos "leira", ou que lira define unha terra que se ergue entre dous sucos, ou que hai constancia dunha raíz indoeuropea *plaro- que significa "plano", etc., pero esta hipótese vémola invalidada tamén polos testemuños documentais.

Tense suxerido, lembremos Sarmiento, Lérez como fitónimo (ten que ver con nomes de árbores, vexetación, etc.). Xa foi apuntada a posibilidade de larix. Hai tamén indicios dun lerr prerromano ("piñeiro"), que pervive no vasco (ler, lerdo...). Non debemos esquecer, respecto disto, que si é fitónimo o antigo nome onde se erguía o Mosteiro, Spinareto ("lugar de espiños e silvas") e que, asemade, no mesmo texto, xa se constata Lérez como denominación do río (20).

Precisamente pos isto, ademais de polos propios documentos medievais expostos, sospeitamos, non sen certa dose de receo, que nos atopamos máis ben cun hidrónimo (nome alusivo a río). Coidamos que unha base indoeuropea L-R (*ler) cun sufixo en –z (-ice) tamén indoeuropeo (ilirio-lígur, segundo Menéndez Pidal (21)) sería a orixe de Lérez.

Hai que indicar a fartura de radicais indoeuropeos integrados por fonemas líquidos e nasais que dan lugar a hidrónimos, a maioría deles bastante permanentes e estábeis nas súas formas ao longo do tempo. Así teriamos, como pequena mostra:

  • *M-R: mare, Meira

    *N-R: Nervión,Neira

    S-R/S-L: Sar,Sor,Sarria/sal,Xallas,Sil,¿salix? (salgueiro)

  • Co hipotético *L-R poderiamos, se cadra, explicar, aluda ou non ao Lérez, o Laero de Pomponio Mela (22). Tamén nos entra a tentación de relacionar esta raíz co "ler " das nosas cantigas medievais, que parece significar "extensión de auga", "mar", etc. (23), e, ¿quen sabe?, co Ler, ou Lez, do Arnoia,Arnoia. de Ferrín.

    Dado o problemático e difícil do topónimo Lérez, o aquí presentado foi un reducido panorama de distintas conxecturas, unhas máis probableis, outras máis aventuradas, coa finalidade, non de disipar absolutamente todas as dúbidas ao respecto, pero si de, polo menos, presentar posibilidades de achegamento para a comprensión do seu significado.

    XOSÉ ABILLEIRA SANMARTÍN

    NOTAS:

    1. ROMERO MASIÁ,A. Mª e POSE MESURA, X. M.: Galicia nos textos clásicos. Museo Arqueolóxico da Coruña, 
    col. "Monografías Urxentes", 3. A Coruña, 1987, p. 55. O subliñado dos textos é noso.
    2. P. SARMIENTO: "El Río Lérez", recollido en EMP, T. I, 1942, pp. 107-108.
    3. Helenofilia cunhas bases diferentes ás dos séculos XVI e XVII.
    4. Pode verse a nosa edición facsimilar, que tamén contén a traducción libre de Xoán Manuel Pintos, en Casal de Edicións, Pontevedra, 1993.
    5. Corona fúnebre á la memoria del llorado poeta gallego Andrés Muruais. Pontevedra, 1883.
    6. LUÍS DE LA RIEGA: El Río Lérez. Su origen, el de su nombre, fuentes de su nacimiento, sus afluentes, 
    sus cascadas y su curso desde Acibeiro á Pontevedra.- Descripción de sus pintorescas márgenes.- 
    Tradiciones y costumbres populares de Galicia y leyendas histórico-fantásticas de sucesos ocurridos en las orillas
     y sobre las aguas de tan celebrado río. Prólogo de Augusto González Besada. Música (para un himno titulado "júpiter sobre el Lérez") 
    de Francisco R. Núñez. Pontevedra, 1892.
    7. Esas crenzas pretendían atopar na Antigüidade greco-latina unha nobre orixe para as florecentes vilas galegas, 
    sempre en relación cos nostoi, os heroes que regresaban á patria despois da guerra de Troia. Faise preciso lembrar a figura de Teucro,
     confundido iconograficamente con Hércules, como epónimo de Pontevedra, mitoloxizada como Helenes. 
    Houbo abundancia de textos que incidían nisto, como A la antigua Helenes y hoy moderna e ilustrada Pontevedra (1861), 
    Los desposorios de Helenes. Alegoría lírica (1864), ambas de Luís Rodríguez Seoane; ou referencias posteriores sinalándoa como "cibdá de Teucro" 
    (Sarah Lorenzana no poema "¡Meu Leres!"), "a linda Helenes" (Ramón Cabanillas en "O fillo de Celt"), etc.
    8. Mesmo se chegou a representar a "Villa de Pontevedra en una hermosa matrona contornada de ninfas, alusivas al río Lérez..." 
    nas festas celebradas a principios de xaneiro de 1834 pola capitalidade. Vid. FERNÁNDEZ VILLAMIL, 
    Historia sucinta del nacimiento de una capitalidad. 1946, Anexo VI. Este carácter de paisaxe idílica do Lérez inspirou o título do primeiro xornal da nosa cidade,
     Las Musas del Lérez, en 1842. Tamén recolle o tópico Cosme Fernández Soler, cando menciona a "maxestade e encantos" do río 
    ("Un paseo por el río Lérez", 1889) ou o cualifica de "poético" ("Descripción de Pontevedra y del Lérez, o sea El río y la ciudad á vista de pájaro", 1892).
    9. LUÍS DE LA RIEGA, op. cit.
    10. E. RIVAS QUINTAS. Lingua galega, nivéis primitivos. Ed. Laiovento, 1994, p. 132.
    11. P. FLÓREZ. España Sagrada, T. XIX, 1792. Apéndices, pp. 354-358, "Dotatio Monasterii S. Salvatoris de Lerez à Rege Ordonio II".
    12 E. FALQUE REY. Historia Compostellana, in Corpus Christianorum.Continuatio Medieualis, LXX, Turnholti, 1988, pp. 129-130.
    13. M. MURGUÍA. Galicia. 1888, p. 666 (pertence a unha escritura do mosteiro de Lérez).
    14. AHN. Dcs. De Armenteira, leg. 1206, segundo M. RODRÍGUEZ FIGUEIREDO. "Disparidad de textos y error de fecha en las 
    versiones conocidas del documento de donación del Castillo de Cedofeita, 1169", EMP, XXIII, 1969.
    15. M. LUCAS ÁLVAREZ. Tumbo A de la Catedral de Santiago. SEG, 1998 (doazón que Fernando II fai do Castelo de Cedofeita á Igrexa de Santiago).
    16. LÓPEZ FERREIRO. Historia de la SAM de Santiago de Compostela. T. IV, Apéndice LII (bula de Alexandre III), Santiago, 1901.
    17. A. VÁZQUEZ MARTÍNEZ. Documentos pontificios de Galicia (1088-1341), A Coruña, 1941 (bula de Inocencio III).
    18. P. FLÓREZ. Op. cit., XIX, p. 329 (segundo Rivas Quintas, op. cit., p. 132).
    19. Livro do Concello de Pontevedra 81431-1463), ed. De A. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ e I. MILLÁN. Museo de Pontevedra, 1989, fol. 74 V.
    20. O texto di: "Et ipsum Monasterium Sancti Salvatoris, in loco qui vocatur Spinareto, circa fluvium quem vocitant Lerez...".
     Sería de proveito, quizais, espremer as implicacións que poidesen ter, para toda esta materia que estamos a tratar, as claras diferencias morfolóxicas
     e as máis que probabeis semánticas dos verbos vocatur e vocitant. Quen sabe se nos reflectirían aspectos relativos ao uso dos topónimos na época.
     Sobre spina, base de Spinareto, hai que dicir que é un termo que por transferencia metafórica do significado pasou a designar accidentes xeográficos 
    e nomes de lugar, tomando o seu sentido de "espiñazo, lombo", etc. Vid. E. RODÓN. "Toponimia y latín medieval", Emérita, 40, 1972.
    21. MENÉNDEZ PIDAL. Toponimia prerrománica hispana. Ed. Gredos, 1968, pp. 167, 171.
    22. Tamén podería estar na base de nomes de ríos como o Liria, Liris, etc. e do nome grego Léros, que se refire a un peixe.
    23. Pódense ver, por exemplo: 
    "Foi eu, madre, veer
    as barcas eno ler, 
    e moiro-me d´amor"
    (de Nuno Fernández ¿Torneol?).
    "En Lixboa, sobre lo ler, 
    barcas novas mandei fazer, 
    ai mia senhor velida!"
    (de Joán Zorro).