Sociedades de Lérez

(1886-1936)



Con este título, a Asociación Socio-Cultural CEDOFEITA organizou a tradicional exposición do mes de agosto. A mostra consistiu nun conxunto de documentos, fotografías, xornais, etc. que deron a coñecer a tódalas persoas que a visitaron a importancia excepcional que tivo a nosa parroquia na organización do movemento societario galego, principalmente no ámbito agrario. Deixando para outro momento o estudio polo miúdo das distintas asociacións, imos dar unha visión xeral das mesmas facendo fincapé no contexto histórico no que xorden.



O contexto histórico-social

As últimas décadas do século XIX caracterízanse por seren un período de paz, pero no que xa estaban latentes as rivalidades entre as potencias colonialistas. A necesidade de expansión económica fai que os imperios europeos (Inglaterra , Francia...) busquen aumentar os seus dominios e Alemaña aspira a telos para dar saída ós productos da súa industria en expansión. A maiores, as disputas territoriais en Europa contribúen ó inicio da Iª Guerra Mundial que vai traer a desolación, morte e pobreza xunto coa modificación do mapa político do mundo: xurdimento da Unión Soviética e outros estados europeos, perda da hexemonía europea en beneficio dos Estados Unidos.



Con posterioridade, o deterioro da situación social e económica e a crecente influencia soviética levan ós grupos conservadores a organizarse baixo ideoloxías totalitarias: nazismo, fascismo,... que chegan ó poder axudados pola crise económica do 1929. Na década dos 40 empeza a II Guerra Mundial.



Empalme de Lérez





 Empalme de Lérez antes de se construír 
  o edificio da Caixa rural, hoxe farmacia.



En España, trala morte de Alfonso XII (1885) e coa rexencia de María Cristina, consolídase a chamada Restauración que, en esencia, consiste nun réxime de alternancia no poder (Cánovas, Sagasta) entre dirixentes de escasas diferencias ideolóxicas que garantizaba os privilexios políticos e económicos da alta burguesía, todo sostido por un forte aparato represivo. As eleccións viñan a sancionar a posteriori os acordos entre os notables dos partidos, e se os resultados electorais eran contrarios, recorríase ó pucheirazo (coacción, compra de votos, manipulación do censo,...) Intentos rexeneracionistas en intelectuais e espertar do movemento obreiro.



A crise do sistema (inestabilidade social, perda das colonias, guerra en Marrocos,...) propicia a instauración en 1923 da Dictadura de Primo de Rivera: supresión do réxime parlamentario, corporativismo,...Apoio popular debido á bonanza económica, pero a crise do 29 e outras causas lévana a unha situación sen saída que conduce á proclamación da Segunda República o 14 de abril de 1931: nova constitución, política de reformas,... Os primeiros dous anos goberna Azaña, logo un goberno de dereitas con Lerroux e no 36 triúnfan de novo as esquerdas coa Frente Popular. Cinco meses despois, a Guerra Civil.

No ámbito local, os partidos burgueses da Restauración eran máis ben de certos personaxes (Riestra, Vincenti, Montero Ríos, Bugallal, Mon,...), sendo habitual que militasen no partido liberal ou no conservador segundo os tempos e intereses. Xunto a eles, republicanos, socialistas e comunistas. Ten especial importancia o Partido Radical de Lerroux, con Emiliano Iglesias. Outros partidos serán a CEDA, os monárquicos e a Falanxe (Secundino Esperón e Castro Pena). En 1931 fúndase o Partido Galeguista. Nos tempos da República a política estaba moi polarizada, como reflexo da situación española.

No aspecto técnico, difúndense dúas importantísimas fontes de enerxía: a eléctrica e o petróleo. Aparecen novos medios de locomoción: automóbiles, aviación,... Novos sistemas de comunicación serán o teléfono, o telégrafo e a radio. Gran difusión da maquinaria e destacados avances en todos os campos.



C.D. Lérez

A parroquia de Lérez foi pioneira na práctica do fútbol, pois xa o 13 de abril de 1913 se funda o Football-Club, sen dúbida o primeiro equipo da nosa parroquia. Na exposición mostráronse testemuños gráficos do ano 1917 da existencia do equipo de Lérez, que se retrata na eira dos Chouza, sendo recoñecible Antonio Reboreda, que era vicepresidente.

Equipo de fútbol de Lérez retratado na eira dos Chouza











Naqueles primeiros tempos figuraban como xogadores: Telesforo, Picolo, Valentín Tobío, Pacheco, Besada, Salamanca, Gabrielito,... No ano 1920 e 1921 aparecen crónicas de encontros entre o Lérez e o Comercial de Vigo ou o Alfonso (antecedente do Pontevedra). No periódico republicano La Libertad (1920) aparecían apaixonadas crónicas dos seus partidos asinadas por A. Mateur. O C.D. Lérez continúa na actualidade, sendo o equipo representativo da parroquia.



Sociedades Agrarias

Sociedad de Agricultores de Lérez

Fúndase no ano 1896, sendo a primeira sociedade agraria de Galicia. No ano 1897 toma postura pública en contra do proxecto do Ministerio de Fomento para vender os montes comunais. No ano 1898 saca adiante a representación municipal no concello de Pontevedra. Convoca en 1902 un Congreso Agrario, con numerosa asistencia doutras entidades. En Pontevedra organiza un mitin, que se celebra no cine Principal o 23 de febreiro de 1908, mitin ó que se adhiren 124 sociedades, intervindo por Lérez Ramón Abilleira, e no que se acorda a constitución do Directorio Antiforal de Teis.

Nun mitin celebrado en Láncara (Lugo) encárgase á sociedade de Lérez a redacción dun proxecto de regulamento da Federación Agraria Galega. Ten unha destacada participación na Asemblea Agraria de Monforte. Sofre varias disolucións por orde gobernativa (1898, 1903, 1922). Creou seccións nas parroquias veciñas de Campañó, Alba e Cerponzóns, que logo se independizaron. Pasa por sucesivas influencias: republicanas, liberais, socialistas,...























 Portada do primeiro número de
 La Glosopeda (15 de maio de 1902)



É a inspiración da publicación "La Glosopeda", dirixida polo lerezán Valentín Peña, impulsor desta sociedade. Outros membros destacados son Severino Pérez, Ramón Abilleira, Adolfo Ortigueira, Víctor Moldes, José e Severino Filgueira, Manuel Cons, Ángel Castro, Manuel Moldes,...



Unión Agrícola de Lérez

Foi fundada o 13 de febreiro de 1918 e a súa fundación non é allea a discusións entre os agricultores lerezáns. A finalidade que declara é a mellora da agricultura e consegue agrupar 300 socios. Toma postura activa na campaña de mitins contra o acordo do goberno español e o Uruguai para a importación de carne (1933). Nese mesmo ano, acorda o ingreso colectivo na Caixa Rural. Mantén a libertade de voto nas eleccións, pero recomenda que se vote a unha candidatura de esquerdas. Persoas destacadas na mesma foron Juan e José Benito Pérez Piñeiro, Isidoro Almón, Manuel Calvo García, Eladio Pérez Ucha, Raimundo García, Manuel Tilve,...

Selo de Unión Agrícola





Selo de Unión Agrícola



O edificio da Sociedade de Agricultores foi incautado durante a Guerra Civil e o seu solar desapareceu ó ser atravesado pola vía do tren.



Caja Rural de Lérez

Foi fundada o 28 de outubro de 1926, anque nos arquivos do Goberno Civil consta o día 11 de novembro de 1925. O pulo fundador foi dos agrarios de Lérez e sinaladamente de Manuel Gama Casalderrey, que foi secretario-contador e que ten publicados varios artigos sobre cooperativismo. A entidade funcionaba como cooperativa agrícola comarcal de crédito, compra, venta, etc. e servía como introductora na parroquia de novos productos, apeiros,... Contaba co apoio da Federación Comarcal Agraria e de Traballadores de Pontevedra e chegou a contar con centos de asociados das distintas parroquias do concello.



Factura emitida pola Caixa Rural











  Factura emitida pola Caixa Rural de Lérez
            (31-7-1933)





Construíu un precioso edificio con proxecto do arquitecto Emilio Salgado Urtiaga, sendo presentada a petición de licencia municipal polo presidente Diego Montes León o 30 de agosto de 1930 e inaugurado o edificio en marzo de 1933.

Outra das súas iniciativas foi a publicación a partir de 1927 de "Vida Agraria", revista de técnica e economía agrícola que trataba sobre diversos aspectos da economía rural: divulgación agrícola, créditos, cultura, etc., todos eles artigos cun carácter eminentemente práctico. Constaba de 8 páxinas.



Exemplar da revista Vida Agraria













     

     Vida Agraria. Revista editada pola Caja Rural.





Entre as persoas que ocuparon cargos destacados na entidade atopamos a Juan Pérez, Manuel Gama, Diego Montes, José Blanco, José Costado, Manuel Lores, os irmáns Filgueira Solla, J. Rodríguez, José Cons, etc.

Coa Guerra Civil, o edificio pasou a mans da Caixa de Aforros de Vigo por mor dunha hipoteca e tras diversos avatares é na actualidade propiedade particular.



Sociedades gandeiras

As mutualidades gandeiras eran asociacións de ámbito parroquial que tiñan (e aínda teñen) como finalidade atender ós gandeiros que sufran perdas no gando. Existían dous tipos principais: as que tiñan un sistema de cotas relacionado coa valoración das reses e as que contribuían dun xeito solidario cando se producía unha perda. Tiñan lugar reunións periódicas en determinados lugares e nas que se pasaba revisión e se valoraba o gando.



Mutua gandeira de Castelo e Casal Novo

Foi fundada o 16 de abril de 1923 e continuou funcionando ata hai poucos anos. tiña a particularidade de abranguer dous lugares da parroquia e non a totalidade. Na comisión organizadora da mesma figuran os nomes de Francisco e Juan Casalderrey, José González García e José Iglesias. (Para máis detalles, véxase o artigo neste mesmo número da revista)


Sociedad Ganadera de la parroquia de Lérez y sus limítrofes de Alba, Campañó y Cerponzones

Consérvase no Museo de Pontevedra un exemplar do regulamento datado en 1900.




Alianza Ganadera

Fundada o 20 de marzo de 1934. Non se teñen máis datos.



Alianza Ganadera Mutua de Lérez

Fúndase o 3 de marzo de 1937 e continúa existindo na actualidade, presidida por Honorio Poceiro.



As sociedades mutuas do gando non sufriron contratempos especiais durante a Guerra Civil, quizais polo seu carácter estrictamente asistencial.



Sociedades Recreativas

Juventud Lerezana

Entidade de carácter cultural e recreativo fundada en Lérez o 2 de maio de 1929 e que tiña como obxectivos fundamentais os seguintes:

* Realizar tarefas culturais como organización de conferencias, creación dunha biblioteca, impartir clases nocturnas, etc.

* Crear cadros artísticos de declamación e canto, organizar coros, orfeóns e rondallas,...

* Ofrecer bailes para os seus asociados.



Vista do local social











Local Social de
 “Juventud Lerezana”







Mercou os terreos para construír un edificio propio, que foi levantado con contribucións de anticipos en metálico, materiais ou horas de traballo polos propios socios; foi inaugurado en xullo do ano 1933. Coa Guerra Civil os seus bens foron incautados e aínda non se rematou o proceso de devolución legal do seu edificio, tarefa na que están traballando as entidades da parroquia, representadas na revitalizada Juventud Lerezana.



Juventud Libre

Foi fundada o 22 de marzo de 1922 e disolta o 14 de xaneiro de 1924.

Unión Lerezana Recreo

Fundada o 11 de xaneiro de 1923.

Recreativa de la Juventud “Plus Ultra”

Constituída o 12 de xuño de 1926.

Recreo Artístico de Lérez

Aparecen dúas datas de constitución da sociedade: 17 de novembro de 1909 e 22 de febreiro de 1924.

Recreo de Artesanos de Lérez

Aparece citada nun xornal como organizadora dun baile. Descoñécense máis datos.



















 Benigno Iglesias Fontenla
Fundador e secretario (1934)
de Juventud Lerezana.




Esta breve relación do movemento societario lerezán da primeira metade do século é un reflexo do compromiso social dun grupo de persoas solidarias que, por desgracia, seguen no esquecemento, sendo tarefa de todos reivindicar a súa memoria.

XOSÉ ÁLVAREZ CASTRO