Neste nadal do ano que andamos, 2002, cúmprese o terceiro centenario do pasamento de Pedro Xoseph García Balboa <adopta o monástico polo que pasará a historia, Martín -do convento madrileño onde profesa dende o seu traslado dende Pontevedra (1710)- e Sarmiento - do segundo apelido da nai-, durante a súa estancia en Salamanca (1714-17) onde estudia Teoloxía no mosteiro de San Vicente e na propia universidade, dada a profusión de Garcías e xa hai un P. Balboa>(1) polo que foron realizados diversos actos na nosa cidade en memoria do ilustre benedictino -Ano Sarmiento polo Concello e Exposición no Pazo de Mugártegui, Congreso en maio pola Consellería de Cultura, Semana no IES "Martín Sarmiento", roteiro "Xornada a Poio" -baseada na Viaxe a Galicia (1745) pola nosa Asociación Cedofeita, e outras actividades realizadas por outras organizacións e colectivos-.
Portada dunha unidade didáctica
dedicada ó frade bieito, cun retrato seu na portada.
Esta revista CEDOFEITA que ven desenvolvendo entre outros aspectos, os educativos, coida de interés tratar das ideas máis sobranceiras da súa concepción pedagóxica xeral, debido a actualidade que moitas delas teñen aínda hoxe no eido metodolóxico.
Imos facer un percorrido biográfico para situar o noso autor. Aínda que nado en Vilafranca do Bierzo (1695) de Alonso García Gosende, mestre de obras orixinario de Cerdedo e Clara Balboa Sarmiento da terra de Samos, onde xa naceran os seus irmáns -Xoseph Antonio (xesuita), Alonso Antonio (crego secular) e María Bernarda-; con catro meses vai vir para a nosa cidade (o ser nomeado o pai Correo Maior) "son natural do Reino de Galicia, da Boa Vila, Pontevedra"(2) como acostumaba a respostar a pregunta de ónde es, e na que nacerán Francisco Xabier (xurista, será Ministro da Mariña na provincia marítima de Pontevedra, que o acompañará polos nosos arredores nas súas tres viaxes) e Ana Rosa.
O neno "Perucho" -como adoitaba chamalo a súa nai- vive nunha casa preto do Eirado da Herba e máis tarde no pazo de Santa Margarida, ó abeiro "da sombra do famoso carballo que diante da ermida había e hai gracias á oposición do P. Rábago (Confesor dos Reis) a que fose cortado... e xoguei moitas veces cos meus amigos"(3), aquí coñece un aldeán de Mourente, lugar de Monteporreiro -Marcos da Portela- "este era (e coido que vive) o rústico máis espelido, pícaro e gracioso que alí tratei aínda sendo eu neno"(4) con quen conversa tamén nas viaxes aprendendo nomes de plantas, animais, costumes... que foron vitais para súa obra -lingüística ( catálogo de voces, onomásticos...), botánica, etc..- e que o fai mantedor da súa única obra escrita en galego "Coloquio en coplas gallegas/coloquio de vintecatro gallegos rústicos". Na vila e nos seus arredores vai transcorrer a súa nenez e mocidade, do sempre vai lembras os xigantóns do Corpus, o deletreo das inscriciós do altar da igrexa de Hospìtal de S. Xoán de Dios -a carón da súa casa-, e a fuxida cando a batalla de Rande (1702) "as corenta monxas de Santa Clara fuxiron a Tenorio, e eu con elas "(5), e percorrendo os xa esmorecentes peiraos -xa a vila perdera a súa condición portuaria polo de Marín-. En relación co anterior defenderá o drenado da ría cara o impulso comercial da cidade, entre outras medidas, argumentos de Sarmiento que van defraudar ós veciños; ante a demanda da vila do título de cidade e provincia (1743) e non depender arzobispal e xurisdicionalmente de Santiago, decadencia producida polas guerras con Portugal, Sucesión, invasións inglesas, dificultades coa importación do sal, coa exportación do viño...(6).
A
casa familiar de Sarmiento, segundo un debuxo de Carlos Sobrino.
Fai os seus primeiros estudios -Gramática- no colexio da Compañía (comenzos do actual edificio en 1683 e remate da igrexa de San Bartolomeu, o novo, 1714) (7), ó igual cos seus irmáns, no que as expresións galegas (chama "fillo dunha p..." (8) ó mestre sen saber o seu correcto significado), non sempre eran recoñecidas polos mestres xesuitas -aínda que respectou sempre ós mesmos, lamentou ó igual que Feixóo a masificación e memorismo dos seus alumnos nas aulas, do que máis tarde falaremos- que tiñan encomendado polo concello o ensino público (1644). Ademais no convento de San Domingos ensinábase Moral e Filosofía, nos mosteiros de San Francisco e de Lérez Filosofía e Artes e no de Poio estudios de Teoloxía (no que o P. Feixóo foi mestre ademais de Artes en Lérez (1702-07), onde parece que poido cursar Humanidades "Perucho", pero ata agora non hai constancia documental de haber estudiado Sarmiento no noso mosteiro.
Rúa onde naceu Sarmiento
(vista actual).
Ingresa no convento de San Martín (1710), onde profesa un ano máis tarde. Estudia Filosofía en Irache (Navarra), regresando os veráns a Madrid. Teoloxía en Salamanca e é pasante en Eslonza (1714-20). Na súa estancia en Asturias (1720-25) ensina Teoloxía no convento de Celorio, e no 1723 trasládase a S. Vicente de Oviedo, aquí encóntrase co Feijóo, e dende entón xorde unha amistade e colaboración que vai durar toda a vida. Os dous bieitos con Jovellanos van ser máximas figuras da Ilustración en España, movemento cultural iniciado no século XVIII , "das luces", caracterizado polo seu racionalismo, "por disipar as tebras da humanidade mediante as luces da razón"(9), ó propugnar unha serie de reformas e mudanzas sociais tendo os alicerces no coñecemento e a intrucción. Para o P. Feixóo a razón humana debe dominar a natureza, e isto debe facerse con rigor lóxico e sitemático para superar todas as crenzas e supersticións que aniñaban naquela sociedade. Esta postura ecléctica e independente, apoiada na razón e a experiencia "Eu, cidadán ceibe da República das Letras, nen escravo de Aristóteles nen aliado dos seus enemigos, escoitaré sempre, con preferencia a toda autoridade privada, o que me dictare a experiencia"; nese afán racionalista, da capacidade do home para transformar o mundo, de desvelar erros atávicos é polo que vai publicar seu "Theatro Crítico Universal" (tomo I -1726-... IX -1741-)(10). Sarmiento, na súa única obra publicada en vida, fai unha defensa da obra en "Demonstración crítico-apologética del Theatro Crítico Universal" (1732), ademais de responsabilizarse da edición e dos catorce índices da obra do autor tamén de "Cartas eruditas y curiosas". Cómpre salientar aquí as figuras ilustradas galegas preocupadas polo avance e mellora do noso país Cornide de Saavedra , Lucas Labrada, Raimundo Ibáñez... e as institucións científicas que xorden -Academia de Agricultura de Reino de Galicia (1756), Sociedades Económicas de Amigos do País (a de Santiago 1784), Real Consulado Marítimo da Coruña (1786), etc. ó abeiro deste movemento de renovación.
No 1725, antes de regresar para Madrid, vai facer a primeira das súas viaxes a Galicia, de maio a outono. Non escribe nada, mais vai gardar na súa prodixiosa memoria as características dos lugares, fala, coñecementos dos mosteiros e parroquias, etc. En Pontevedra despídese da súa nai, que fina no 1737 "adeus meu Perucho, que nunca me deche que sentir". Dende a volta a capital do Reino permanece nela ata 1745, agás o desprazamento á catedral de Toledo (1726-27) para catalogar os seus fondos, no que o descubrimento das cantigas de Afonso o Sabio, e a lírica galego-portuguesa dos poetas medievais na obra do Marqués de Santillana, será determinante para a toma de conciencia do galego como lingua culta, e que comenzará a plasmar en escritos despois da segunda viaxe a Galicia. Nestes anos ademais da defensa de Feijóo, é cronista da súa orde e realiza diversos informes e memorias -"Memorias para la Historia de la Poesía y poetas españoles", "Reflexiones literarias para una Biblioteca Real", "Sistemas de adornos de escultura, interiores... para o Palacio Real" (ideas sobe o pazo que reixatará posteriormente Carlos III), etc.-; ademais da potenciación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos (a súa instancia créase o Real Xardín).
Co adaxo de asistir como deputado ó Capítulo Xeral da Orde en Valladolid, vai emprender a segunda viaxe a Galicia (xuño de 1745 a xaneiro do 1746). Desta deixa constancia autógrafa en máis de vinte pregos segundo di na "Cronología de los Escritos " e no "Catálogo de Pliegos" feita sobre o orixinal no tomo I, dos 17 tomos das súas obras completas mandadas copiar polo seu amigo o XIV Duque de Medina Sidonia (tres dos cales conserva o Museo de Pontevedra; ademais das outras dúas coleccións manuscritas Dávila e De los Heros)(11) e na que vai apuntando xornada a xornada por ónde pasa, describindo os lugares, paisaxes, topónimos, antróponimos, herbas, peixes, moedas..., e os pergameos de igrexas e mosteiros que visita, asombrándose do número deles escritos en galego, así "o día 22 de outubro pasei ó colexio de Lérez con intención de estar algúns días, e rexistrar o seu arquivo.... O luns subín ó último do castelo de Citofacta, hoxe Cedofeita, que ten un vértice desde o que se ve moito. Pontevedra vese de cheo tendida de oriente a poñente, e a súa ponte de mediodía a norte, e rexístrase todo o Lérez coas dúas xunqueiras"(12). Volta cheo de saberes lingüísticos, botánicos, cadernos cheos de anotacións, sacos de sementes e herbas medicinais (na súa cela chega a ter máis de 7.500 libros, microscopio, telescopio, herbarios, etc.). Recupera a lingua da infancia, e anceia quedarse e dotar a Galicia dunha Historia Natural, dunha Lingua científica e Xeografía de Galicia (solicitará que lle deixen sacar copia das freguesías, parroquias, etc) "sen a que nada se poderá escribir sen fundamento".
Placa da Rúa Martín Sarmiento,
no concello de Pontevedra.
De novo na
Corte, e coa morte no verán de 1746 de El Rei Felipe V e a exaltación de
Fernando VI escribe o "Coloquio de Perico e María. Coloquio de 24 gallegos
rústicos" -no que parte dos personaxes dende o Chan de Parafita (hoxe zona
do polígono do Campiño) contan as súas impresións- e un "Glosario o
Comento" das mesmas (que vai completando case ata súa morte); e comenza o
"Catálogo de voces y frases de la lengua gallega" no que as vivencias
da súa viaxe son fundamentais para o desenvolvemento da obra, polo que abondarían
para consideralo como o fundador da Lingüística galega. A súa afección
naturalista, é coñecedor da obra de Linneo, Pitton, Quer, Tournefort, Vigier,
etc. comenza a reflectirse en escritos que proseguirá despois da súa terceira
viaxe ó pais galego "Pensamentos Crítico-botánicos" cume dos seus
intereses naturalistas e botánicos. É elexido abade do seu mosteiro no 1748.
De 1750-1755 é Cronista de Indias (derradeiro, aínda que dende 1744 debían
revertir a Real Academia da Historia) (13).
Na derradeira viaxe a Galicia, dende maio do 1754 a novembro do 1755, en parte fuxindo da fame e con o devezo pola terra nai, volve recorrer as praias do Morrazo e da Lanzada, os curutos do Castrove e do Pindo, as fragas, as vilas, os mosteiros... como sentindo que non voltará. Daquela bautiza no vello San Bartolomeu (el defende a súa permanencia, traslado definitivo en 1842) a Matildiña, neta do seu irmán Xabier, que o acompaña nos seus itinerarios). Escribe dende Pontevedra "Sobre el origen de la lengua gallega" e "Sobre la paleografía española". Aquí recibe o nomeamento de abade de Ripoll con resignación, e así escribelle ó duque de Medina Sidonia "andaba eu peregrinando polos portos máis septentrionais de Galicia tan distante en pensamento e corpo de Madrid... Para a miña desgracia atendendo ó meu xenio totalmente adverso a ese xénero de dignidades e empregos"; el que tamén lle escribira "Aquí teño tamén meu Aranjuez"(14) por a Boa Vila. Toma posesión de abade da man do bispo de Tui.
Nela vai estar menos dun ano por diversas dificultades e renuncia á abadía, retornando a Madrid. Volve e retomar con ímpeto os temas botánicos - sobre árbores chamados "Cinamomo"(1756), "Kali, Sosa y Barilla", "Mostazo", "Carqueixa", "Bidueiro", "Seysebra" (1762), etc.- "Noticias de algunos vegetales extraños que ya están connaturalizados y se cultivan en España, o en tierra o en tiestos"; sobre Historia Natural "Sobre los atunes o almadrabas", "lobo cerval", ·cuerpo de rinoceronte", etc. No ámbito lingüísticoa redacta a máis sobranceira "Onomástico etimológico de la lengua gallega"(15), e "Elementos etimológicos según el método de Euclides", "Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares", "Origen de la voz gallega mixiryqueiro" entre outras. Sobre xeografía e historia escribe "Problema corográfico para describir todo el reino de Galicia con un nuevo método" (realizadas dende 1757 ata 1762). Tamén neste último ano comenza o seu escrito máis extenso "Obra de seiscentos sesenta pliegos" que corrixe afirmacións anteriores e fala sobre Historia natural, arte, relixión, ciencia e na que trata de diagnosticar os males de Galicia e propón solucións dentro dese espírito ilustrado, na que considera inadecuada a Provisión Real de Carlos III, no que os fidalgos atribuíanse a representación do reino a prol dos beneficios da inmobilidade e renovación forzosa dos foros, cara a novas reformas, e no que el apunta argumentos como o reparto das terras en colonias de 250 veciños cunha atención xurídica e relixiosa propia.
Aínda que escribiu máis de 30.000 folios, só publicou o comentado en defensa do Pai Feijóo, e como adiantándose a esa pregunta do pouco editado, escribe "El porque sí y el porque no del P. Sarmiento" (1758); quizais influido pola grande implicación dos diversos informes emitidos e pola grande polémica creada en España co seu mestre e amigo, no que as súas avanzadas ideas, como o apoio en F. Bacon, foron tildadas de heréticas.
Igrexa de S. Bartolomeu (o Novo). Colexio da Compañía, hoxe Edificio
Sarmiento, dependente do Museo.
Morre o Padre
Sarmiento no mesmo convento de San Martín, onde estivera case toda a súa vida
no nadal de 1772. Foi soterrado na igrexa de San Martín, nunhas exequias
solemnes gracias o seu amigo o duque de Medina Sidonia; mais a perda dos seus
restos despois derrubamento da Igrexa na ocupación de José Bonaparte e o
posterior traslado á Casa de la Villa, foi parella co descoñecemento da
importancia da súa obra nos posteriores decenios e no seguinte século. Xa
puxemos de manifesto o inmenso traballo desenvolvido como ilustrado, como
alethophilo ou amante da verdade, tanto a nivel filolóxico e lingüístico,
coma no eido da ciencia e da técnica, medicina, e principalmente nas ciencias
da natureza. Mais, evidentemente, desta preocupación pola mellora do home e
pola súa adecuada formación están inzadas todas as súas obras, e parece que
vai ser neste contexto de renovación europea dende mediados do s. XVII e as
ideas ilustradas, polo que a Congregación Bieita francesa de San Mauro lle
encarga en 1729 o estudio dunha nova formación dos novicios da Congregación
hispana de Valladolid, da que dependen todo os mosteiros españoles da orde
dende metade do século XVI.
Coidamos que
as súas lecturas de F. Bacón -teorizador do empirismo ( con Hobbes, Locke,
Berkeley...), no que todo coñecemento debe partir da observación da natureza,
pois o verdadeiro saber reside na experiencia; considerando a inducción, e
apenas a deducción (apoiada polos racionalistas como Descartes, Malebranche,
Espinosa...)-, de J.B. de la Salle -escola graduada e simultánea na lingua
materna, da disciplina preventiva, colexios secundarios tamén con estudio das
materias técnicas-, de W. Ratke -Memorial de Francfort, 1612, ensinanza do
doado ó dificil como a propia natureza, ensinanza en lingua materna,
aprendizaxe sen violencia, aprender de memoria só o xa comprendido,
uniformidade de métodos-, de J.A. Comenio -a pansofía, para todos todo o
saber; "Orbis sensualium pictis", as palabras xamais deben aprenderse
separadas das cousas; escola pública para todos-, de J. Locke -opónse as ideas
innatas, defende o valor educativo do xogo, o importante da educación é o
desenvolvemento das facultades intelectuais e morais do home, o seu ideal e a
formación do cabaleiro-, e, entre outros, J.J. Rousseau -naturalismo pedagóxico-.(16)
Isto que todos os enciclopedistas preconizaban unha escola nacional, laica,
científica e natural, mais áinda hai que esperar a Francia da Constitución de
1791 para que sancione a gratuidade do ensino elemental, previo a súa
obrigatoriedade (obrigatoriedade, por parte do estado para suplir á dos pais, e
universalidade da instrucción elemental sen distinción de sexo nen condición
social que xa defendera Lutero). O coñecemento destes autores sérvelle a
Sarmiento para apoiar as súas reflexións sobre a condición dos métodos
imperante na época: memoristas, especulativos, dogmáticos, autoritarios, con
docentes distantes e mal formados didacticamente, e alonxados da fala e o mundo
cotiá.
Ademais das ideas educativas presentes en obras como os "Onomásticos", "Vida y viajes literarios" e "Seiscentos pregos", trataraas con máis propiedade en "Disgresión sobre la educación de la juventud española, desterrando el estudiar de memoria y a la letra y el castigo" (1764), "Tratado de la educación de la juventud" (1768), "Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las lenguas vulgares" (1770), e na carta que escribe ó seu irmán Xabier (1758) sobre a educación dos seus netos Alonsiño e Matildiña.
Carballo de Santa Margarita
(vista actual).
As súas ideas pedagóxicas máis salientábeis podemos sintetizalas en:
- A defensa dun ensino empírico,
da intuición sensible, no que os profesores favorezan a curiosidade infantil, a
espontaneidade dos educandos e a memoria natural; comenzando polas cousas
naturais e artificiais visibles, cos obxectos para chegar ós conceptos matemáticos
e científicos. "Sobre todo, ciencia e claridade e
arte en ensinarlle, pois teño evidencia que hai moita falto diso en España.
Agora que está neno, fai que o saquen a pasear e que vexa obxectos novos e
espectables.... E isto sen estudiar nada de memoria, que é o coco, e o que
promove a ignorancia e a aversión ás letras en España. Acórdate de Pepiña,
que nos refiriu aí todos os obxectos do Corpus sen ter estudiado de memoria nen
unha palabra" (carta a A. e M.)(17). E "A
afección ós libros xamais nacerá de estudiar párrafos de memoria, senón de
entendelos ben, sen facer aprecio das palabras formais coas que os formou o
escritor", "Canto máis enredosas, máis
se debe cultivar o entendemento e pouco ou nada a memoria. Non me opoño ó
cultivo da memoria que resulta de ler, reler, entender e continuar na lectura
dos bós libros" (1752), e "A clave para
que os nenos se eduquen ben e se poidan aplicar despois e con facilidade todo coñecemento...
sen facerlle estudiar cousa algunha de memoria e á letra" (1764)(18).
- A crítica ós castigos e a
disciplina represiva como inadecuado método pedagóxico, e que só consegue
torcer unha axeitada personalidade "O sempre
inminente temor ós azoutes e a outros castigos bárbaros son a verdadeira orixe
de que os nenos aborrezan o estudio" (1752). "Cariño,
premio e emulación, sexan os seus atractivos, e sobre todo ciencia e claridad e
arte" (carta a A. e M.).
- Xunguido a unha pedagoxía
natural e do éxito, tamén fai fincapé no inadecuado das ameazas, coaccións e
medos para un desenvolvemento psíquico harmónico "É
preciso non aterrar a Alonsiño (¿Matildiña?) con castigos nen espiritalo coa
Compaña e outros espantallos”.
- Ó igual ca defensa da
importancia do xogo para a súa cognitividade, e interacción persoal e social "Outra
tiranía padecen os nenos na prohibición que se lles fai das súas diversións,
xogos inocentes e enredos de nenos, e de brincar , saltar e bailar con outros do
seu tempo" (1762).
- Na necesidade dun ensino tamén
para o traballo e a vida, ó igual que defendían os Irmáns das Escolas
Cristianas "Foi Sarmiento quen primeiro chamou a atención sobre as
necesidades de cultivar novas as novas xeracións cunha educación máis
utilitaria, no caso de promover en España as industrias mecánicas e toda clase
de manufacturas".(19)
- O ensino en galego é un tema angular no seu ideario pedagóxico, xa comentamos o ocurrido de cativo cos xesuitas e coido que os seus primeiros tempos en Madrid co galego coma lingua de seu debeulle crear algún apuro, o que xunguido as súas vivencias e as ideas pedagóxicas que xorden en Europa a prol dun ensino na lingua materna, fai nacer nel a defensa dunha educación na lingua nai, para liberar o desacougo que sufrían os nenos galegos ó estudiar o latín e outros coñecemetos a través da lingua castelá, en vez da propia coma noutros pobos. “Tomei a pluma para escribir estes pregos, compadecido da xuventude galega, que tanto tempo ocupa en estudiar unha lingua que ignora por outra que non sabe; sendo así que na lingua nativa, que mamou, ten os principais fundamentos para entender con máis facilidade o latín e con máis prefección o castelán" (1764); "A ensinanza dos nenos debe comenzar pola ensinanza das voces, sinalándolle cos dedos as cousas visibles significadas... os obxectos que os sexan máide preto, dándolles o nome vulgar , en voz alta, repetindoo dúas ou tres veces, e que o neno o repita coa xusta pronuncia e claridade" (1768). "Quero que se lle ensine a lingua galega con especial coidado, ademais que debe charlar con outros nenos. Non penses en que castelanice ata que saiba ben e con extensión o galego... É unha desalmada necedade poñer ós nenos glagos á xiria da Gamática antes de saber con moita extensión a lingua galega... Faite cargo que o portugués se lle ensina en portugués, ó francés en francés... ó castelán só en castelán. Pois que tiranía é que ó galego non se lle ensine en galego o latín (certos autores como Alonso Montero entenden que aí subxace unha educación para os mellores lockiana -Alonsiño-) ... Había que queimar todo libro de Gramática que pasase a Galicia e que non estivese explicado en lingua galega. Teño unha Arte de Nebrixa que se estudiaba en Francia pero está a explicación só en francés... O caso é que despois de todo hai infinitos galegos con catro ou cinco anos de estudiar de memoria a Gramática que nen saben latín, nen castelán, nen galego. Asunto este que pide moitos pregos para sacar á luz os crasos erros que se cometen neste tema" (da carta a A. e M.).
Para iso cre que os Onomásticos, no que aparecen as voces en diferentes campos semánticos -todos os peixes, todas as aves, todos os insectos, todos os meteoros, as partes do home, etc- son necesarios para unha aprendizaxe de orde natural, e a partir de aí poderían pasar ó estudio da Gramática. Mais vai máis lonxe e preconiza a necesidade dunha Arte ou Gramática vulgar en lingua galega, un Vocabulario ou Diccionario, e un Onomástico galego, unha Historia Natural de Galicia, unha Descripción Xeográfica do Reino de Galicia, un Catecismo en galego-como defensor das linguas vernáculas tamén na igrexa-, uns Elementos Etimolóxicos da lingua galega "O fondo principal dunha lingua é a colección de voces da Historia Natural ou de todas as cousas que Dios creou visibles, e despois a das cousas que fan os homes, pero visibles tamén" (da carta a A. e M.). "Esoutro de se hai ou non libros escritos en lingua galega é un espantallo ... Non se estudia o galego porque non hai libros. E eu digo que non hai libros porque non se estudia o galego. Dentro de vinte ou trinta anos , se se manda, e se costea haberá libros galegos impresos e encadernados en pasta, que traten de todas as materias, por espiñentas que fosen" . ¡E aínda hoxe, nestes comenzos do século XXI hai sectores da sociedade e do ensino que andan nestas andrómenas!.
Para rematar podemos falar de Sarmiento como un precursor da escola nova, de haber posto os alicerces dunha Escola Galega que esmorece con el, nese degoro da creación dun centro -con sede en Santiago- que impulsase a ciencia e a lingua galega, trata de vender a súa inxente biblioteca -mais pertencía a orde- "Si tivese autoridade e caudais, mandase que vintecatro eruditos... xuntaranse nunha bilbioteca numerosa". Polo que se pode dicir que aínda hoxe as súas ideas teñen plena vixencia e forman parte do ideario dos movementos de renovación pedagóxica.
JOSÉ LUIS ESTÉVEZ SOLLA
NOTAS
1. - Páx. 48-52 . "El Gran Gallego". A. López Peláez. Biblioteca Gallega. La Coruña. 1895.
2. - Páx 2, e outras. "Martín Sarmiento". F. Carballo. Nosa Terra. 2002.
3. - Páx, 15 e outras "Roteiro Sarmiento". Concello de Pontevedra. 2002.
4. - Páx. 9. "Coloquio en coplas Gallegas". Martín Sarmiento. Edición de Xesús Carballo. Galaxia. 2002.
5. - Páx.11. "Frei Martín Sarmiento". J. F. Filgueira Valverde. Xunta de Galicia. 2002.
6. - Páx. 461, 482, 451."Historia de la ciudad de Pontevedra". X. Fortes. La Voz de Galicia. 1993
7. - Páx. 432. Tomo XXXV. "Noticias sobre la fundación y desarrollodel Colegio de la Compañía de Jesús en Pontevedra". E. Fernández Villamil. 1981.
8. Páx. 12. Martín Sarmiento, F. Carballo.
9. - Páx. 25. Frei Martín Sarmiento. Unidades Didácticas. Xunta de Galicia.
10. - Páx. 221 P. Feijóo, Tomo 11. Enciclopedia Galega.
11. - Páx. 31. Suplemento Martín Sarmiento. Maio 2002. Día das Letras Galegas. A Voz de Galicia.
12. Páx. 187. "Viaxe a Galicia (1745). Edición e estudio de J.L. Pensado.Toxossoutos. 2001
13. - Páx. 419, Tomo III. E. Larousse
14. .- Páx. 39. Martín Sarmiento. F. Carballo.
15. - "Onomástico...". II tomos. Edición e estudio por J.L. Pensado. Fund. Pedro Barrié de la Maza. 1999
16. - "Historia de la educación". J.M. Moreno. Paraninfo. 1978. "Historia de la Pedagogía". N. Abbagnano e A. Visalberghi. Fondo de cultura Económica.. 1974.
17. - Páx. 45. "Martín Sarmiento". F. Carballo. Ed. A Nosa Terra.
18. - Páx. 30. "Frei Martín Sarmiento". A. Costa. "Suplemento. Letras Galegas 2002. A Voz de Galicia..
19. - Páx. 156. "Tres hombres y un problema. Feijóo, Sarmiento y Jovellanos ante la educación moderna". M.A. Galino. 1953