As transformacións
sociais e económicas dos últimos tempos tamén afectan os refráns. Daquela,
moitos deles, antes transparentes e perceptibles polo público en xeral, son
hoxe opacos a unha boa parte da
poboación a causa da evolución da sociedade, que elimina ou oculta formas de
vida válidas ou, cando menos, merecedoras da nosa lembranza.
Texto: CASALNOVO
Debuxos: JOSÉ M. CASTRO MÉNDEZ
EN MARTES, NON CASES NIN EMBARQUES
As supersticións respecto dos días da semana son moi antigas. Unha delas é a crenza de que martes, mércores e venres son días desgraciados ou polo menos pouco favorables porque teñen r-. Esta letra tamén converte ós meses do ano que a teñen en maléficos, polo menos para comezar accións máis ou menos decisivas na vida. Claro que, por exemplo, en Francia o mes gafe para casar é o de maio. En boa parte do mundo latino sempre se considerou supersticiosamente o martes como un día malfadado, non só para casar e embarcar, senón para emprender calquera actividade. É a mesma teima supersticiosa que teñen co venres en Francia e outros países europeos.
Parece ser que este refrán provén da época dos romanos que non querían casar en martes, día consagrado a Marte, quen, ó ser o deus da guerra, ía traer desacordos e pelexas no matrimonio. Máis tarde aplicouse tamén ó feito de embarcar e, co paso de tempo, ampliouse metaforicamente o seu significado para empregalo en calquera actuación significativa que se comece individual ou colectivamente.
O noso refraneiro está cheo de sentencias supersticiosas como Derramar viño é bo sinal, pero non o sal e A San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo, relacionado este ademais coa relixión. Tamén abundan os refráns sobre o matrimonio, a voda, os desexos de casar, casamentos interesados, etc., dos que citamos algúns exemplos: Matrimonio de parentes ten moitos inconvenientes; Nin voda triste nin enterro alegre; ¡Meu San Antoniño, dáme agora un bo maridiño! ; Casamento por interés, o contento dura un mes. Sen embargo a penas existen refráns sobre embarques a pesar de que houbo moitos, sobre todo aqueles que trasladaron os nosos emigrantes a ultramar. O mesmo se botan de falta refráns sobre os propios emigrantes e a emigración que levou a tantos galegos a Castela, á América e a Europa, tema que, sen embargo, trataron maxistral e comprometidamente os nosos escritores como Rosalía, Curros, Castelao, Celso Emilio, Neira Vilas e outros.
VALE MÁIS UN MAL ACORDO CA UN BO PREITO
Este refrán
sintetiza a experiencia acumulada ó longo dos séculos, que deixa claro que en
calquera litixio sempre é mellor chegar a un acordo pactado entre as partes que
comezar un procedemento xudicial. Pero aínda hai máis: o refrán prefire un
acordo malo ou pouco vantaxoso e non un preito, aínda que prometa un fallo
favorable. Un preito leva consigo, entre outros trastornos, visitar avogados,
apandar coas molestias das declaracións, crear inimigos e gastar moitos cartos,
inconvenientes que desaconsellan preitear. Ademais, hai que engadir o sufrimento
polas moitas preocupacións, porque o resultado dun preito sempre é incerto.
O absurdo dos preitos ponse de manifesto naquel conto popular, como populares son os refráns, que nos narra a discusión de dous labregos que ían de mañá cedo para a feira e oíron cucar o cuco. Cada un deles afirmaba que o cuco cantara para el, pois xa se sabe que o canto do cuco trae boa sorte a quen o oe de primeiro. Como non se puxeron de acordo decidiron ir a un xuíz. Contáronlle o sucedido e plantexáronlle o que pretendían. O xuíz quedou abraiado co que lle solicitaban, pero, despois de pensar un pouco, dixo:
- Déanme vinte pesos cada un e
despois dígolles para quen cantou o cuco.
Os dous así o fixeron e o xuíz
axiña resolveu:
- O cuco non cantou para ningún
de vostedes. O cuco cantou para min que gañei corenta pesos.
Son moitos os refráns que recollen e expoñen as desvantaxes dos preitos, de entre eles escollo estes tres: Máis vale ruín compostura que bo preito; Quen de preito se librou, preito gañou, ambos de intención e contido semellante ó que comentamos, e En preitos vexas a quen mal queiras que, sendo diferente, deixa claro o pernicioso que poden chegar a ser os preitos.
SANTIAGUIÑO PINTA O VIÑO, SAN SALVADOR PÍNTAO MELLOR
Estamos
diante dun refrán de fácil interpretación, pois o seu significado é doado de
captar e polo tanto de aplicar. Isto non quita que nel atopemos varias
metonimias. Santiaguiño e San Salvador, termos evocados, lembran pequenos
periodos de tempo próximos á celabración das festas dos respectivos santos,
termo real. Por outra banda, a palabra viño ten o significado de uvas/bagos, e
probablemente foi buscada para obter a rima Santiaguiño/viño da primeira parte
do refrán, recurso propio deste tipo de sentencias. A dependencia e sucesión
que se advirte nos dous caos entre o plano evocado e o real xustifican
plenamente as respectivas metonimias.
Non son
moitos os refráns referidos a uvas, bagos e acios, sen embargo no noso
refraneiro abundan os relativos á viña e ó viño. Uns buscan remedio para a
viña ou falan dos seus labores, A viña vella, amo novo;
O que cava e bima, fai boa vendima. Outros avisan
da bondade ou maldade do viño, O aceite das cepas cura
moitas doenzas; Onde entra o beber, sae o saber.
Tamén se refiren a variados aspectos como á situación da viña e a calidade
do viño, Viña ó pé do camiño ten mal veciño; O
viño que é chispeiro, non precisa pregoeiro.
Polo Santiago
comeza na viña a pintar o bago é outro refrán que nos transmite unha idea moi
semellante á que comentamos pero menos completa. Trátase dunha forma común
en case toda Galicia, recollida en varios refraneiros. ¿Por que entre nós
usamos a forma máis ampla? Tal vez en Lérez se adaptou este refrán
introducindo nel a acción do noso patrón, San Salvador, quedando o refrán coa
forma máis completa que expuxemos ó principio, que, dito sexa de paso, tamén
é a usada en Poio, onde unha das parroquias ten o mesmo patrón ca nós.
E falando de
uvas, viñas, e viño, vénme á cabeza aquel taberneiro que, cando estaba
agoniando no leito, mandou chamar ós seus fillos e díxolles:
¡Meus fillos! Quérovos confesar un segredo: o viño tamén se fai de uvas.
NA TERRA DOS CEGOS, O CHOSCO É O REI
Unha das características do refraneiro é o seu sentido metafórico de moitos refráns. Pero algúns ofrécennos verdadeiras metáforas, coma o que expoñemos aquí, que, tal vez por sérennos moi familiares non nos decatamos delas. Está claro que a terra dos cegos é o vehículo que substitúe ó termo real (tenor), un hipotético lugar onde non destaca ninguén en ningún aspecto; do mesmo xeito chosco substitúe a individuo mediocre; rei está aquí lexicalizado co sentido figurado do que domina, o que sobresae. Na comprensión destas metáforas está o significado do refrán: por pouca valía que teña calquera destacará entre os que valen menos, porque o mediano terase por bo no medio dos malos. Esta idea tamén se expresa no refrán Á falta de homes bos, ó meu fixérono alcalde; e os romanos enunciábana, Beati monoculi in terra caecorum, co significado literal de Na terra dos cegos, son felices os que teñen un ollo.
Como dicía, o refraneiro está cheo de metáforas, como Árbore sen flor, día sen sol ou O boticario é a chave do médico, sen que falten outras figuras literarias de tipo variado. Daquela podemos atopar, por exemplo, imaxinativas metonimias, Ó novo dálle prato, ó vello zapato; atrevidas hipérboles, Unha nai coida cen fillos, cen fillos non coidan unha nai; enxebres comparacións, Boca sen moas é coma muíño sen pedra; hábiles ironías, Está caladiño como a gaita na festa; sonoras aliteracións, Ó malo amalo, senón deixalo; cumpridos hipérbatos, Dálle ó rabo o can, non por ti, senón polo pan; non faltando paralelismos e anáforas como O ben vén andando, o mal vén voando e Ano de ameixas, ano de queixas, respectivamente.
CANDO A MERDA VALE DIÑEIRO, OS POBRES NACEN SEN CU
Se os refráns anteriores son coñecidos e teñen certo uso no noso contorno, este probablemente é ignorado pola maioría dos lectores. Trátase dun refrán recollido por Taboada Chevite en Chaves (Portugal) o que non quere dicir que sexa un refrán portugués, porque, pola súa forma e contido, puido e pode aplicarse perfectamente en Galicia ou en calquera outro lugar, como se demostra coa existencia da correspondente forma en castelán: Cuando la mierda tenga algún valor, los pobres nacerán sin culo. Ademais, os paremiólogos sosteñen que os refráns son internacionais, pois moitos deles son traduccións máis ou menos libres doutros más antigos que sobreviviron ó paso de tempo; e a maioría dos demais transmiten pensamentos comúns en moitas partes do mundo, tendo sen embargo unha forma de expresión particular en cada lugar. Particular tamén pode ser a escolla que cada comunidade fai dos refráns, xa que a xente aprende e aplica axeitadamente aqueles que mellor concorden coa súa maneira de ser e de entender a vida.
Para ilustrar o devandito observemos os seguintes refráns tomados do Diccionario de refráns de Conde Tarrío, publicado na editorial Galaxia de Vigo. A frase de Plauto, Flamma fumo est proxima, (O lume está próximo ó fume) está relacionada co refrán Onde hai fume, hai lume, que se corresponde en castelán con Donde fuego no se hace, humo no sale e en francés con Il n´y a pas (point) de fumée sans fue. Nos Proverbios de Salomón atopamos esta sentencia: In multiloquio non deerit pecatum (Nunha chea de palabras non faltará o erro) Sen dúbida ten que ver co noso refrán A moito falar, moito errar, que equivale ó castelán Quien mucho habla, mucho yerra e ó francés Qui parle beaucoup, di beaucoup de sottises. E como último exemplo citarei aquela sentencia do filósofo grego Séneca que dicía Non qui parum habet sed qui plus cupit pauper est (Non é pobre quen ten pouco, senón quen desexa máis) que ten a súa correspondencia nos seguintes refráns: galego, Non é pobre o que ten pouco, senón quen desexa máis; castelán, No hay mayor mal que el descontento de cada cual; francés, N´est pauve qui a peu, mais qui désire beaucoup.
Volvendo á paremia que se comenta, diremos que se trata dun refrán escatolóxico dos que non está falto o noso refraneiro, como por exemplo: Mexo de can, diñeiro na man; A cada un chéiralle ben o peido do seu cu ou Quen arrenda o cu, non caga cando quere. Pero a súa escolla para este artigo está motivada pola idea mordaz nos transmite, un pensamento cheo de serena desilusión e, ó mesmo tempo, marcado polo máis desgarrado pesimismo que o converten nun refrán desesperadamente fatalista que, ó lado doutros como A desgracia ha de vir, non pode fuxir e O que nace para ichavo non pode ser carto, tamén abundan no noso refraneiro. Ademais, ó meu modo de ver, estamos diante dun refrán que nos presenta esa mensaxe corrosiva cunha enérxica expresividade e cunha violenta contundencia remexedora de conciencias que o fai raiar no surrealismo máis espontáneo, do mesmo xeito que raian outros refráns galegos como Miña nai ten unto vello do porco que ha de matar e Co mellor dos homes limpou o cu o demo e tirouno ó inferno, que, como é fácil de adiviñar, tamén teñen outras connotacións.