Rosalía Castro: a memoria da Gándara

 

    Facerlle unha entrevista a Rosalía non é fácil, porque son tantas as vivencias, as anécdotas que che pode contar, que é moi difícil que dunha soa vez poidamos acollelas na revista. Polo tanto, enténdese que a de hoxe é só a primeira parte, e é un resume do que dixo. 

 

Rosalía Castro.

    Eran tempos de moitas carencias, pero tamén de alegría e unión entre a xente, que se axudaba e facía cáseque todos os traballos en común, pero non faltaba alguén para meterse cos demais, neste caso era famosa a Espía, que cantaba coplas como:

 

Alogue, alogueo / ¿dónde lo tienes que no te lo veo?
si lo tienes debajo de un plato / que no te lo coma ni perro ni gato.
 

María, tu cuerpo moreno / María, tu cuerpo elegante
 
que la luna [...] / en tu cuerpo no hay menguante. 

Por andar entre las mujeres / me la tuvieron que cortar
la bolsita de los cascabeles / la cañita de pescar.

 

    E dirixíndose logo ó seu home, preguntáballe: Rufino, ¿hierve la teja, Rufino? O tal Rufino era suxeito de varias falcatruadas, como cando Ramón e Pepe lle ían ás cereixas e aproveitaban que estaba debaixo para mexar por el. Por certo, que as cereixas de Lérez eran moi famosas, e contábase que un corvo comera unha e os de Lérez foran detras del para ver ónde soltaba a cravuña e levouna a Arcade, sendo por iso que alí había tantas cerdeiras. 

    Outra vez, os mesmos das cereixas abríronlle a empanada por debaixo e coméronlle todo o de dentro, armándose unha boa liorta cando Rufino foi comela, botándolle a culpa a uns inocentes. Foi tan sonado o suceso que O Lugués, mestre onde estaba a casa de Chinto, aproveitou para facer unha copla:

 Chegou á porta de Crespo / fixeron unha parada.
Quitapón levou co rodo / Conapeira unha patada. 

Este mestre era afeccionado a facer coplas, como o proba a que lle fixo a unhas irmás de Lérez que estrearon un gabán: 

Por el principio del siglo / Elisa, Consuelo y Juana
por el principio del siglo / estrenaron sus gabanes,
desde el cuello hasta el ombligo.
 

Todos los gabanes eran / de un igual verde color
 no siendo el de la Consuelo, / la bocamanga varió. 

A Santa Lucía fueron / con el mal tiempo que estaba,
tan sólo con el objeto / de lucir la gabanada

Llevaron el santo, con el gabán puesto para se lucir [...]

Xunqueira da Gándara coa calzada romana. 

Era moi corrente ir con présa para levarlle a comida ós obreiros, o que levaba a varios percances, como cando caeu unha delas de capitón e lle caeron as luras, que parecía que aínda estaban vivas. Pero, voltando ás empanadas, Rosalía non para de rir, recordando cando Serafina foi facer unha empanada de anguiachos, e cando foi buscala ó forno, os gatos andaran nela; e os donos, para remendar o feito, déronlle unha de pescadilla. Cando a estaban comendo no monte, dicía a finada de Mercedes: "¡Que boa está, Deus lle dea saúde ó gato!"

 

    Tamén recorda Rosalía os bailes na Juventud Lerezana e a Don Enrique, o médico que andaba en coche de cabalos, que unha vez lle botou unha bronca ó pai dela por levantarse antes de sanar de todo, ¿Que che mandou levantarte? Poideches ir a Campañó xunta Carlitos o Ramallo para que che dera algún acordeón vello e tocalo.

 

    Rosalía tampouco era allea a facer pillerías, como cando Dona Carmen a de Paz lle mandaba levar uns peixiños dicíndolle que llo deran á criada para o gato, e elas, sospeitando outro destino, esmagábanllos, porque se eran para o gato, había comelos igual. Tamén cando o sifón era unha novidade e ía apretando nel e logo dicía que xa llo deran así.

 

    Na Gándara era famoso o Patana, que era moi medoso, e o finado do pai de Nita colleu unha sábana e, disfrazado de pantasma, aparecíalle dun lado a outro, e el pedía auxilio a unha cadela que tiña, que lle chamaban Lindiña, e dicía: "A min, Lindiña, acúdeme, Lindiña".

 

    Recorda Rosalía a recollida do xunco e as pelexas que se formaban entre os que ían ó xunco da maré, ou sexa, o que a auga levaba dun sitio a outro. Tamén se apañaban alí cantidade de sollas, cangrexos grandes coma mans, camaróns pequenos e ata chocos que entraban nas marés de abril. Todo iso era posible pola limpeza dunha zona de area limpísima onde viña lavar moita xente, ata de San Roque. Moitas delas facían a comida en tarteiras, e Rosalía lembra as compotas de mazá. Non faltaba quen roubou as redes que o Pitucas tiña para protexer dos paxaros as ervellas para empregalas, pescando.

 

Carro de vacas na xunqueira.

 

    Aínda non aparecera a contaminación da Cross, coa oxidación dos arames das viñas e os estragos na roupa. Lembra Rosalía cando foi coller unhas xudías e veu toda chea dun po de cor amarelo laranxa. Tamén recorda o cheiro que soltaba, sobre todo de noite, as viñas secándose e o viño que facía como unha escuma e non era viño nin nada (e todo iso nunha zona con moi bos viños...). Pero a unión da xente, co que iso significaba naqueles tempos, conseguiu que mellorasen as cousas.

 

    Outro suceso famoso foi a caída dun helicóptero da Mariña nunha lagoa da Xunqueira, que tiveron que quitar os mariñeiros ó lombo, como se fose un santo; por certo, que algunhas mulleres xa foran  ver se era dos que traían os escaravellos da pataca.

 

    Non falta a vergoña de cando ían buscar a roupa para lavar ás casas ricas de Pontevedra, e non sabían falar ben o castelán: "ya lo diguí yo". Pero non lles faltaba esa sabedoría natural, como cando unha levaba un veo na man e dicíalle a señora: "Ah, vais a visitar las iglesias - No, porque no tenemos qué poner en la cabeza - Bueno, pues os doy yo un pañuelito, que vi a gente de la aldea con el pañuelito". E elas veñen rindo, pero cun pano.

 

    E así poderíamos contar miles de cousas das que nos dixo Rosalía, pero o espacio é limitado, e queda para a próxima ocasión; e daquela a ver se a convencemos para que nos deixe facer unha foto.

 

 

PEPE ÁLVAREZ

JAIME BARREIRO

BENIGNO GARCÍA