Aínda
que era unha vella arela de todos nós, houbo que esperar ata
principios de 1995 para que callase en Lérez o nacemento dunha
asociación que verdadeiramente tentase promover a cultura.
Na nosa parroquia as actividades culturais eran escasas, e botábase de menos unha organización que, xuntando pequenos esforzos individuais, tivese como obxectivo ofrecer ó público lecer e cultura nas súas diversas manifestacións.
Por outra banda, as transformacións nos costumes, na vida social, e mesmo nos lugares e paisaxes da parroquia foron, para ben ou para mal, profundas nos últimos tempos, de tal xeito que moitas persoas, en especial as máis novas, ignoran o pasado do seu contorno, descoñecen vellas tradicións ou non saben que devanceiros traballaron a prol do ben común nin en que aspecto o fixeron.
Dalgún xeito, A Asociación Socio-Cultural Cedofeita nace coa intención de reparar estas deficiencias - derivadas, en gran parte, das eivas dun ensino alleante - non provocadas polas persoas que as padecen. Daquela, entre os obxectivos de Cedofeita figuran os de popularizar tradicións, divulgar aspectos do pasado, lembrar paisaxes antigas, dar a coñecer persoeiros da parroquia ou vencellados a ela, contribuír ó coñecemento do territorio parroquial, incorporar o meirande número de persoas á nosa cultura e ofrecer ó público en xeral actividades lúdico-culturais.
Para a consecución dos seus obxectivos, Cedofeita vén organizando exposicións, sesións de teatro, concursos, charlas, concertos, títeres, divulgación micolóxica, cursos de galego, etc. e no seu seo funcionan un grupo micolóxico, outro de teatro e un de títeres. Pulsa aquí para máis información sobre as actividades Pero a Cedofeita quedáballe unha asignatura pendente: a publicación dunha revista propia. Esta revista que levará o nome da asociación, e da que agora sae á luz o número 1, xorde para ser canle de expresión dos nosos devezos, dos nosos proxectos e das nosas realizacións; para divulgar as nosas investigacións e os nosos traballos; e como non, para dinamizar a nosa lingua e a nosa cultura.
Se a Asociación Socio - Cultural Cedofeita é unha entidade plural, aberta e democrática, a revista Cedofeita quere ser un órgano de difusión ó servicio das inquedanzas culturais da parroquia, polo que está a disposición de calquera que teña algo positivo que dicir.
MEMBROS DA XUNTA DIRECTIVA
Presidente:
Jaime Iglesias González
Vicepresidente:
Raimundo Piñeiro Corbacho
Secretario:
Benigno García Casalderrey
Tesoureiro:
José M. Castro Méndez
Vocais:
Xosé Álvarez Castro
Cristina Barreiro Couto
Jaime Barreiro Montes
Manuel Cuñarro Gómez
Victoriano Cuñarro Gómez
José Luis Estévez Solla
Mª del Carmen Pereira Pazos
José Quinteiro Piñeiro
Rocío Quinteiro Ucha
* A Asociación Socio-Cultural CEDOFEITA non comparte necesariamente as opinións e críticas expostas nesta publicación polos colaboradores. Dos artigos da revista permítese a reproducción, citando a procedencia (e, no caso de Internet, poñendo un enlace a esta páxina: http://www.geocities.com/acedofeita )
* Páxina creada
por Ubinam, 1997-2005. Tódolos dereitos reservados. Dirección
de contacto: acedofeita@yahoo.es