Sete parroquias do concello aproban
o plano de ordenación dos seus montes

 

Por Carlos Morgade
Voceiro da Mancomunidade de Montes de Pontevedra.

 

As asembleas xerais de sete comunidades de montes do Concello, integradas na Mancomunidade de Montes de Pontevedra, aprobaron no pasado mes de agosto os seus planos de ordenamento dos montes veciñais. Estes proxectos, realizados pola empresa Montes y Medio Ambiente Consultores en colaboración coas xuntas rectoras, obtivo no pasado ano unha subvención de fondos europeos.

 

A Historia dun proxecto

    No ano 2000, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra decidiu facer un Proxecto de Ordenación dos Montes veciñais. Esta iniciativa foi secundada polas comunidades de Castro-Lampán (Bora), Lérez, Lourizán, Marcón, Mourente, Santa María e Santo André de Xeve. Para a súa redacción convocouse un concurso público no ano 2001 que foi adxudicado á empresa Montes y Medio Ambiente Consultores. O proxecto acolleuse ás Axudas á selvicultura e ordenación de montes arborizados convocadas pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia con fondos europeos.

 

    0 proxecto de ordenación consiste nun completo estudio sobre o estado actual dos montes en todos os aspectos que afectan á xestión: legais, administrativos, ecolóxicos, sociais e económicos, que logo de completado dan lugar a altemativas de xestión que se plantexan e consensúan os técnicos e as xuntas rectoras das Comunidades de Montes que teñen que aprobalo. Unha vez feito o inventario de recursos (productivos, culturais, etc) e definidos os obxectivos xerais da xestión (básicamente as dedicacións do monte a cada tipo de uso preferente -productivo, recreativo, social e/ou protector e conservador da biodiversidade-), teñen que concretarse as actuacións a realizar para acadar os obxectivos propostos. Deste xeito o Proxecto de Ordenación engade unha planificación completa de actuacións para os vindeiros dez anos que se debate na Asemblea Xeral da Comunidade de Montes, pois ten que contar coa súa aprobación e compromiso de cumprilo.

 

    0s montes veciñais de Pontevedra amosan unha grande diversidade de situacións. Dende o punto de vista administrativo gozan de diferentes graos de protección: zonas incluídas dentro da Rede Natura 2000 como as beiras do Río Lérez ou zonas catalogadas como espacios sensibles polo Plano Forestal de Galicia coma o Monte Acibal polo seu interese social e natural. Os máis deles teñen coma toda protección a que lles garantiza o P.X.O.U. como solo de protección forestal e a lexislación forestal. Son montes veciñais as Xunqueiras da Gándara ou Alba e As Xunqueiras do Lérez que inclúen a Illa das Esculturas. Nos montes veciñais atópase unha parte importante do patrimonio cultural, etnográfico e arqueolóxico do concello: mámoas e petroglifos atópanse no monte das Chans en Lérez, no Monte do Castro (Mourente), Catadoiro (Lourizán), etc.

 

    O maior atranco legal que teñen actualmente os montes veciñais de Pontevedra parte da indefinición clara dos seus lindes. Ningún deles, salvo unha parcela do monte veciñal de Santo André de Xeve, ten deslinde. Deste xeito son frecuentes as ocupacións do monte particular, téndose atopado grandes diferencias entre as superficies dos montes que figuran na clasificación e as reais atopadas sobre o terreo, feito que tamén é debido a que as clasificacións fixéronse de xeito pouco riguroso. Aínda que a lexislación vixente establece que a obriga de facer os deslindes corresponde á Consellería de Medio Ambiente, os sucesivos delegados provinciais deste departamento, ós sucesivos requerimentos das xuntas rectoras das comunidades, levan máis de 20 anos respondendo (só verbalmente) que “non teñen medios” (sic).

  Montes veciñais

    Ademáais de espacios de alto valor ecolóxico como as Xunqueiras, os montes veciñais reunen unha grande parte das masas arbóreas do municipio; A Fracha, o monte Acibal, o monte Das Pías e Certán, os montes do Castro, Xanín e Lampán, e o monte Catadoiro atópanse na súa meirande parte arborizados. En moitos casos as masas forestais existentes son froito do interese das comunidades de montes por recuperar os espacios forestais logo do declive sufrido nos últimos anos polos usos tradicionais do monte como a recollida de esquilmos (toxo, xesta...). Hoxe en día van cobrando máis interese para os comuneiros a creación e mantemento de espacios de uso social intensivo (zonas de lecer, instalacións culturais, deportivas...) ó tempo que se entende a producción de madeira como elemento importante para poder manter e conservar o monte. Estes tres son os obxectivos principais que se plantexa a ordenación dos montes veciñais de Pontevedra, ademáis da conservación dos espacios de alto valor ecolóxico e de defensa das paisaxes.

Superficie clasificada (en hectáreas)

Lérez

116
Marcón 229
Mourente 41
Santa María de Xeve 360
Sto Andrés de Xeve 407
Lourizán 52
Castro-Lampán (Bora) 15
TOTAL 1220

 

    Unha grande parte dos montes veciñais de Pontevedra teñen unha superficie moi reducida, que fan difícil obter rendas económicas que permitan conservar o patrimonio natural e cultural que posúen os montes, Por outra parte, os montes están abertos ó disfrute de todos os cidadáns, sexan comuneiros ou veciños da área urbana de Pontevedra, polo que parece lóxico que as Comunidades de Montes conten con axudas das institucións públicas para o coidado dos bens que teñen que administrar.

Montes veciñais

  

Tres características salientables

 Tres son as características a destacar, que amosa o Proxecto Mancomunado de Ordenación dos Montes de Pontevedra:

 A maioría dos montes veciñais están arborizados

Das 1220 ha. que ocupa o patrimonio destas 7 comunidades, 983 ha. (80 %) teñen uso forestal. Desta superficie, máis da metade é de nova plantación nos últimos anos, o que demostra o interese das comunidades pola forestación. Isto significa que as comunidades de montes dotaron á cidade de Pontevedra dun cinturón verde que actúa de pulmón descontaminador.

 A preocupación ecolóxica está presente nas comunidades de montes

As tres especies máis extendidas son o piñeiro (sobre todo o piñeiro bravo -pinus pinaster-) con 450 ha, o eucalipto con 400 e o carballo con 110. As demais especies xa quedan a moita distancia.

Superficie forestal por especies

Hectáreas Porcentaxe (%)
Piñeiro 450 46
Eucalipto 400 40'5
Carballo 110 11'5
Castiñeiro 10 1
Acacia 5 0'5
Outros 7 0'5

 

 Pero unha análise da dinámica das últimas plantacións oculta unha realidade ben distinta da que nun principio nos amosan os datos: 

a- O primeiro feito salientable é que nestes últimos anos non se ten plantado eucalipto no monte veciñal (mesmo se ten erradicado dalgunhas parcelas) e os traballos dos comuneiros están evitando a súa propagación a partir de eucaliptais de particulares. Malia a que ocupa 400 ha. (sobre todo en Xeve, Marcón e Lourizán), a maioría das parroquias non queren consolidar esta especie e as súas masas de eucaliptos serán substituídas por outras especies despois da tala. Noutras parroquias quedarán reducidas a zonas moi limitadas e lonxe das casas. As razóns aducidas polas comunidades para a loita contra esta especie son, ademais de biolóxicas (acidificación dos terreos, destrucción dos mananciais...), de tipo social (pouca compatibilidade co uso social do monte). 

b- O piñeiro consolídase como primeira especie no futuro próximo. Inda que nas últimas décadas estaba en retroceso pola invasión do eucalipto, a conservación das masas existentes e a plantación de novas parcelas (é a primeira especie en superficie plantada nos últimos anos) afianzará aínda máis a súa primeira posición por extensión. A subespecie dominante segue sendo o piñeiro bravo (pinus pinaster), inda que ten aparecido o piñeiro insigne (pinus radiata). 

c- O carballo vai recuperando terreo. Nas plantacións recentes, o carballo disputa ó castiñeiro o segundo posto en extensión. Estanse realizando plantacións de carballo americano (maior ritmo de crecemento, maior porte e madeira menos nudosa) e de carballo do país, ó tempo que se están recuperando os espacios de antigas carballeiras a partir de rebolos (rebrotes) das propias parcelas.

 d- Xunto co piñeiro e o carballo, as especies máis plantadas nos pasados anos son o castiñeiro, o bidueiro, a cerdeira, o freixo e o pradairo, ademais doutras de menor importancia. As comunidades téñense decantado por especies nobres e autóctonas, de folla caduca e crecemento lento. Para esta escolla tivéronse en conta criterios de uso social, biodiversidade (pequenas plantacións complementarias) e enriquecemento da paisaxe, deixando os criterios económicos en segundo termo.

 Montes veciñais

O 100 % das terras teñen uso social

    O estudio demostra que os montes veciñais do rural sofren unha forte presión demográfica e colaboran de xeito moi activo a elevar a calidade de vida dos pontevedreses. Non soamente conforman un cinturón arborado, senón que son depositarios de importantes recursos etnográficos de gran valor cultural (castros, mámoas, petroglifos, cruceiros, muíños, fontes...) e turístico (rutas de senderismo, paisaxes...).

Uso do monte

Hectáreas Porcentaxe (%)
Social intensivo
(zonas deportivas, culturais, de lecer,...)
107 9
Social extensivo forestal
(forestal-social)
983 80
Social extensivo agrario
(agrario-social)
130 11

 

     O uso social está presente, non soamente nas parcelas de equipamento social intensivo (edificacións e instalacións), senón tamén nas de uso agrario (aproveitamento de esquilmos sobre todo) e de uso forestal, polo que os traballos de coidado e explotación do monte deberán ser pouco agresivos (limpezas frecuentes, talas de pequena extensión...) e protectores da paisaxe (eliminación de secos e torcidos, podas axeitadas...). Deste xeito podemos dicir que a totalidade da superficie comunal ten uso social, xa sexa intensivo (isto é, exclusivamente social) ou extensivo (social compatible con productivo, forestal ou agrario). Non hai que esquecer que os montes comunais son abertos e non están valados.

     Esta dedicación social apréciase claramente no aumento de parcelas de equipamento social intensivo. Nos últimos anos, as comunidades de montes realizaron cesións de terreos ás distintas administracións para equipamento público (sanitario, educativo, deportivo...). Pola súa parte, as propias comunidades instalaron nestes anos máis de 40 zonas de lecer con dotación de mesas, bancos, fontes, miradoiros... que supuxeron un importante investimento económico e que comporta un mantemento moi gravoso para as comunidades de veciños.

     Por todas estas razóns, as xuntas rectoras sosteñen que, dados os importantes servicios que os montes veciñais prestan a todos os cidadáns da comarca, tanto a administración local como a provincial e autonómica deberán colaborar ó mantemento desta importante infraestructura de uso social que eleva a calidade de vida dos pontevedreses e revaloriza os seus recursos naturais, culturais e económicos.

Montes veciñais