O neno inseguro emocionalmente

Os pais si poden axudalos


    Os pais de Xaquín obsérvano cunha certa preocupación, mentres aloumiña a Pinqui, o gatiño que lle trouxera a súa tía Ana o pasado domingo cando cumpriu os sete anos.

    O motivo da súa inquedanza era que o mestre comentáralles que Xaquín participaba moi pouco nas actividades da clase e nos xogos cos seus compañeiros  e compañeiras. Xa levaban  tres meses de curso, e como  coidaba que xa pasara o tempo adecuado de acomodación a nova situación da clase, considerou que o falar con eles deste feito era moi importante para o desenvolvemento do seu neno.  Na conversa preguntoulles se participaba na casa nos xogos coa súa irmá, se prefería estar moito tempo el só vendo a televisión, se tiña amigos da súa  idade no barrio e xogaba con eles, se amosaba interés por saír de paseo, e entre outras moitas preguntas se tiña algún familiar ou veciño co que falase a cotío.
 


     Pois ben, nestas situacións en xeral normais, os adultos que conviven co neno ou nena teñen moito que facer respecto delas,  xa que coa súa colaboración pouco a pouco van superar estes problemas de relación.

     Os nenos inmaduros emocionalmente  teñen dificultades para manexar, dunha forma equilibrada os seus desexos e sentimentos, polo que é necesario favorecer determinadas conductas cara ó logro dunha adecuada personalidade.  Así coido que pode ser de grande axuda para os pais na educación dos seus fillos e fillas as recomendacións, que como educadores citamos a continuación.

 . Débese evitar por parte dos pais e familiares cercanos gratificar "certas gracias" "fala de bebé", etc. características doutras etapas infantís pasadas, que só fixan e reforzan actitudes e comportamentos que o levan a un desenvolvemento inadecuado.

 . Non  responder a unha situación de inmadurez con outra tamén inmadura, de xeito que ante por exemplo <unha rabecha do neno>, responder con actitudes de perda de control ou  con gritos. Estas conductas do neno se non se lle presta atención van desaparecer paseniñamente, ó non <premialo coa nosa dedicación>; de aí a importancia do control da situación por parte do adulto.

. Atender ó control das súas necesidades alimentarias, acordes coa súa idade. O ceder as súas peticións, unido a falla dos mesmos criterios entre pais e/ou avós ou avoas, vai contribuir a unha evolución emocional serodia.

 . Pensar que moitas veces hai aspectos evolutivos que non levan o mesmo ritmo de adquisición, polo que el non ten que ter unha evolución igual có seu irmán, de aí o ter coidado e reflexionar ante frases que a miúdo se escoitan como "un neno tan grande coma ti como pode facer isto", non axudan a súa seguridade.

 . Ó expresar a nosa afectividade e agarimos non só a el, senón tamén os que o acompañan, axudamos a aumentar a súa madurez emocional; pois así aprenden que os demais e non só el son receptores dese afecto, interiorizando o concepto de compartir e evitando os  egoismos.

 .  Saber aceptar e entender a palabra "non" o antes posible; mediante o emprego de estratexias do tipo "isto comémolo mañá" "agora non pode ser, imos esperar a merenda" "vai abrir máis tarde -a pastelería-" coa demora das súas peticións vai dándose conta que non se pode conseguir nin esixir todo o que lle apetece ou desexa.

     Pero dentro desa inmadurez hai nenos que amosan unha notable inseguridade, e ante isto debemos ter moi  en conta outros  aspectos como:

 . Evitar os castigos verbais <correccións negativas, gritos,  ameazas, insultos>,  e por suposto os físicos, xa que van acrecentar os seus temores, potenciando a súa inseguridade e o seu aillamento; podendo acabar crendo <o que din del, e comportarse de tal maneira>, chegando a reflexar ese mesmo tipo de conducta como adulto, padecendo esas accións os seus propios fillos.

 . Non estar sempre encima do neno con voces esaxeradas ante "pequenos fallos", "notas da clase máis baixas das esperadas", etc.  que van acentuar a súa inseguridade e facendo nacer nel sentimentos de inutilidade e desvalorización.

 . Non comparalo cos seus irmáns ou nenos afectivamente cercanos, dado que pode chegar a crerse inferior e fixar un sentimento de inseguridade; comprendendo que cada ten diferentes capacidades, tendo sempre cada un valores positivos que son os que debemos ter en conta e apoiar para aumentar a súa autoestima.

 . Tanto nas ordes, obrigacións e prohibicións que sexan necesarias facerlle, débense ter sempre os mesmos criterios coherentes na familia para acrecentar o seu autodominio, de tal maneira que poida el prever diante dunha situación determinada cal é a conducta que se espere que leve a cabo; e non volvelo inseguro coa aprobación ou crítica ante o mesmo feito segundo quen sexa o adulto.

 . As frases ou comentarios que di o adulto debe saber controlalas,  ó non darlle moitas veces o neno o mesmo significado ca eles, o que pode levalo a considerar que todo o fai mal, pola inseguridade o que o leva esa diferente interpretación dado o seu nivel de pensamento e linguaxe.

 . Evitar tamén un excesivo control no que fai, ou pola contra darllo todo xa feito; porque ó atoparse fóra do ambiente protexido da casa, e o ter que decidir por si mesmo, vai xurdir un sentimento de inseguridade e dubidar da súa capacidade para levar a fin calquera tarefa.

 . Debe crearse un ambiente que permita ó neno expresar os seus medos e inseguridades buscando momentos favorables para comentalos, falándolles dos propios ó seu nivel,  quitándolles trascendencia, recurrindo ás situacións cotiás nos que se den istos.

 . Aproveitar os logros acadados polo neno a nivel escolar, nos xogos, actividades na casa, etc. -aínda que sexan cativos-, para facerlle comentarios positivos, e ignorar dentro do posible os seus erros ou aspectos negativos cara á mellora da súa seguridade e autoestima.

 . Ante a manifestación da timidez non hai que amosar  disgusto, nin mostrar excesiva preocupación ou sobreprotección se queremos que a súa relación persoal  e interacción cos demais mellore.

 . Actuar con menosprecio ou burla ante a situación de timidez é potenciar a súa inseguridade -que puido ser a causa inicial da mesma-, volvendo a unha situación recurrente de cada vez máis difícil superación.

 . Mostrar unha actitude comprensiva, mediante un afecto equilibrado e constante cara ó neno, de xeito que ó sentirse seguro dos adultos aumente a confianza en si mesmo e nos demais, relacionándose mellor en grupos cada vez máis complexos de compañeiros.

 . Participar en festas, reunións, con outros nenos para superar a dificultade de trato cos demais, dende os grupos máis íntimos de amigos e familiares ata outros máis amplos no que a socialización é factor positivo para a superación desa timidez.

 . Levalo de paseo a outros parques diferentes o que vai a miúdo,  acompañado dun familiar ou outro adulto no que confíe, pois despois da situación de sorpresa inicial darase conta doutros ambientes e outros  nenos; e que máis tarde ou máis cedo necesita entablar novas relacións para poder xogar charlar.

 . Gratificar felicitando e aprobando as conductas sociais, evitando posturas negativas cara ó seus amigos, louvando toda actitude de relación verbal ou de xogo cos demais nenos.

     Outros amosan sentimentos de inferioridade e maniféstanse tratando de atraer a atención, querendo facer as cousas á perfección, sentindo moito as críticas que se lles poden facer, traballando sós, volcándose nunha actividade na que destacan e pechándose nela e sendo moi críticos cos demais. Por iso os adultos podemos axudar:

 . Evitando situacións e actividades cunha dificultade elevada na que é moi posible o fracaso, ou cun nivel de esixencias e perfección superiores o seu estadio evolutivo, o que vai incrementar o seu nivel de inseguridade.

 . Realizar traballos e actividades tanto no colexio como as que pode facer na casa < domésticas ou intelectuais>, cun gradual nivel de dificultade, no que o éxito nos pequenos pasos afiance o seu autodominio e motíveo para realizar novas tarefas cunha maior dificultade.

 . Coñecendo e eloxiando aquelas  cousas que fai mellor e as  habilidades mínimas a prol dunha maior seguridade.

 . Aceptando, escoitando e respetando os seus puntos de vista o que o fará  asegurar as súas propias ideas, criterios e afianzar a súa autoestima.

 . Adicarlle os adultos parte do seu  tempo, xa que o ver esa  dedicación e comprensión o neno síntese valorado, querido e seguro,  o que mellora a idea que ten de si mesmo.

      Tamén as carencias afectivas levan  á inseguridade polo que cómpre por parte da familia prestarlle a necesaria atención: falar con eles e saber escoitar os seus problemas e inquietudes, interesarse polos seus amigos, polas dificultades que poidan ter no colexio, participar na casa con xogos de salón <parchís, oca, cartas, mémori, etc.>, recabar a opinión -o seu nivel- na toma de decisións en certos asuntos domésticos... facilitan unha relación persoal segura.

     Se os pais traballan fóra da casa, ou con algún deles só pode estar o fin de semana, hai que procurar compensar esa carencia con máis tempo de dedicación; aínda que moitas veces cheguen cansos  <son os seus fillos>-, e teñen sempre que escoitalos, interesarse polo que fixeron polos seus desexos, intereses, vivencias, e dificultades coidando que esta comunicación afectiva, este compartir e este apoio é determinante para o seu desenvolvemento, ademais de  pola pegada que van deixar as vivencias da nenez na súa personalidade  futura.

 

XOSÉ LOIS ESTÉVEZ