A Mutua Gandeira do Castelo e Casal Novo

Un exemplo do movemento societario galego.



Tradicionalmente a gandería bovina tivo grande importancia económica en Galicia. Do gando vacún aproveitábase a carne, o leite e a pel, sen esquecer o esterco que producía, usado como fertilizante, así como o emprego de bois e vacas como forza de tiro de carros e arados.

Ó longo do século XIX esta gandería foi acadando unha progresiva relevancia dentro do conxunto das actividades productivas do país que eran fundamentalmente agrícolas, relevancia que continuaría durante boa parte do século XX, onde un sector do campesiñado galego optou por unha relativa “especialización” gandeira por ser este un sector comparativamente rendible.

Os propietarios do gando, que na maioria dos casos tamén eran agricultores, tentaron controlar daquela, con maior ou menor éxito, os procesos de producción (mellora da raza, extensión de forraxes, prados...), a comercialización dos excedentes (matadoiros, evitar intermediarios...) e a seguridade das reses (enfermidade, accidente, morte...), creando para este último fin as mutuas gandeiras, que foron un elemento máis do movemento societario galego dos dous últimos séculos.

Estas sociedades, que actualizan vellas formas de cooperación e axuda comunitaria, xorden nas últimas décadas do século XIX e constituíron as cooperativas máis estendidas do variado e animoso movemento agrarista galego, sobrevindo ata finais do século XX, a pesar da súa desaparición transitoria provocada pola guerra civil de 1936.

Neste contexto nace a Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo. Creada en 1923, foi a primeira mutua da parroquia de Lérez. Os seus estatutos, rematados de elaborar o 14 de abril do referido ano, foron presentados para a súa aprobación no Goberno Civil de Pontevedra o 4 de maio e ían asinados pola comisión organizadora formada por Francisco Casalderrey Magdalena, José Iglesias Fontenla, Juan Casalderrey e José González García.

O contido destes estatutos estructúrase en catro aparatos cun total de trinta artigos, ademáis dunha disposición final. O obxecto desta mutua gandeira é auxiliarse mutuamente todos os seus socios en todo o que atinxe a perdas por reses bovinas, tales como enfermidades, morte, etc.

Para ser socio da Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo cumpría ser labrador propietario de gando e ter encravada a súa vivenda nos lugares de Castelo ou Casal Novo. Os estatutos tamén establecen que non se admitirán como socios da mutua a tratantes, carreteiros nin revendedores.

Cando un socio quería dar de alta un animal debía comunicalo verbalmente ou por escrito ó presidente quen procedía a avisar ó veterinario e ós fiscais. Estes para que taxasen a res e aquel para que certificase o estado sanitario da mesma, xa que non podía ser admitido gando con gota, padecementos do corazón ou calquera outra enfermidade.

Consta que en 1923 foi veterinario desta sociedade José Lois, que cobraba seis pesetas por visita. Outros veterinarios dos que se ten noticia son Francisco Tobío Álvarez, Manuel Lajos Guillán (1979), Bernardo Delgado Delgado (1979, 1980 e 1981), Juan Ocampo Otero e Apolinar Bugallo (ambos en 1982).

A diferencia doutras mutuas que admitían toda clase de gando (ovellas, cabras, porcos...), na Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo só eran susceptibles de ser asegurados bois, vacas, becerros e becerras. Tampouco se admitían reses de escaso valor (en 1923 non podían valer menos de sesenta e cinco pesetas) e, se alguén prestaba unha res a unha persoa non socio, se se “avariaba" “, non se lle pagaba nada.

Para facer fronte ós desfalcos (perda económica por morte, enfermidade ou eiva dunha res) a Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo non impoñía ós seus socios unha cota mensual fixa, como era frecuente noutras mutuas, senón que, ó falecemento ou deterioro de calquera res asegurada, facíase un reparto entre todos os socios proporcional ó capital que por reses aseguradas tiña inscrito cada un no libro de rexistro da sociedade o mesmo día da perda. Non obstante, cando unha vaca se malparía (abortaba) a cría morta valorábase segundo o tempo de xestación facéndose, neste caso, o reparto da perda unicamente en proporción ás vacas, non entrando os bois, becerros nin becerras.

A xunta directiva era nomeada anualmente pola asamblea xeral, a non ser que se observasen irregularidades, caso no que a propia asemblea podía destituír os seus membros e nomear outros. A composición da mesma formábana un presidente, un vicepresidente, un secretario, un vicesecretario, tres fiscais e tres vocais.

O presidente era a máxima autoridade da sociedade; ademais de presidir as reunións e asembleas, supervisaba as taxacións dos fiscais, facía os repartos do que tiña que pagar cada mutualista cando había un desfalco e rendía contas ó final do ano. Nalgunha ocasión especial, como por exemplo cando se elixia nova xunta directiva, podía presidir as asembleas un membro cualificado da sociedade. Así ocorreu con Juan Canosa na asemblea do 29 de xaneiro de 1926 e na do 29 de decembro de 1929 con José Blanco Argibay.

O secretario levantaba acta das reunións e asembleas e custodiaba a documentación e aparellos da mutua. O vicepresidente e o vicesecretario realizaban respectivamente as funcións do presidente e do secretario nas ausencias destes.

Os fiscais taxaban as reses cada tres meses co prace do presidente quen anotaba as taxacións no libro correspondente. Se un socio non estaba de acordo coa taxación podía recorrer á xunta directiva e se aínda continuaba en desacordo podía acudir á asemblea xeral, sendo o acordo desta inapelable.

As funcións dos vocais non están explicitamente expostas nos estatutos, pero da lectura das actas dedúcese que puideran ter como misión fundamental colaborar co presidente na elaboración das contas e presupostos. Aínda que non figuran nos estatutos, había ademais outros cargos. Eran os recadadores e os delegados de barrio, un para O Castelo e outro para Casal Novo. Os primeiros encargábanse de cobrar o que había de pagar cada socio cando había un desfalco; por ser o seu labor pouco gratificante realizábase por rigurosa orde establecida polo presidente seguindo o listado de mutualistas. Os delegados de barrio tiñan como principal misión convocar un por un ós socios para que asistisen ás reunións e ás revisións.

A pesar do dito sobre a duración do mandato da xunta directiva, os cargos podían ser reelixidos. Así entre 1926 e 1938 esta mutualidade gandeira tivo unicamente tres presidentes: Manuel Tilve Castro (1926 e 1938), Francisco Casalderrey Magdalena (1927-28-29 e 1937) e Constantino Estévez Casalderrey (1930). Nos últimos tempos foron presidentes desta mutua gandeíra Manuel González Carballo, José Simón Paz, Angel Moldes Casalderrey, sendo o último Perfecto Barreiro Casalderrey.



Estatutos da Mutua















Terceira e última páxina dos estatutos da Mutua Ganadera de Castelo e Casal Novo, coa sinatura cos catro membros da “Comisión Organizadora” e a dilixencia de presentación no Goberno Civil para a súa autorización.





O domicilio social da Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo estableceuse, segundo os estatutos, no baixo da casa propiedade de Mercedes Magdalena García, no lugar do Castelo, hoxe inmoble arruinado e identificado co número 11. Por acordo da xunta directiva do 21 de xaneiro de 1927, gratifícase polo uso do local en asembleas e reunións con dez pesetas á propietaria. Non obstante entre 1928 e 1930, cando Constantino Estévez Casalderrey, marido de Mercedes, ocupou cargos directivos (secretario e presidente) na mutua, consta que este renuncia a calquera inmdemnización polo alugamento do local en beneficio da sociedade, quedando satisfeito co simple recoñecemento dos compañeiros.

En 1935, (reunión do 4 de outubro), diante da demanda de Mercedes Magdalena ou do seu marido no senso de que se lle deixe o local, acórdase indemnizar por adiantado ó propietario do local onde se establecera o domicilio social que “figura no noso regulamento” o importe do alugamento do ano 1936 coa petición de que instale unha luz nel.

Sen embargo, a reunión do 11 de novembro de 1937 celebrouse no adro de Lérez pola inseguridade política e xurídica da propia sociedade, causada pola guerra civil, e pola ausencia de Mercedes e Constante que tiveron que fuxir a América, víctimas da represión franquista. A reunión do 23 de xaneiro de 1938, última das que temos constancia escrita, volve celebrarse na casa de Mercedes Magdalena, probablemente cedida polo seu “apoderado”, José González García.



Acta









Acta da reunión do 21-11-1937,
celebrada no adro de Lérez.





A asistencia ás reunións era obrigada para os socios. Así, en varias ocasións, posiblemente diante da ausencia reiterada dalgúns deles, tómanse acordos conducentes a propiciar a presencia nas reunións e asembleas. Daquela apróbase que os socios que non asistan ás reunións están obrigados a acatar os acordos tomados e ademais, cando un socio falte a unha reunión sen causa xustificada, sexa sancionado con cinco céntimos que se destinarán a gastos administrativos da sociedade (acta de 4-10-1935).

Os seguintes cadros mostran a evolución da Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo desde 1972 a 1990. A súa simple observación pon de manifesto un gradual devalo da mesma que conduciría á súa extinción.

SOCIOS

Ano

Casal Novo

Castelo

Total

1973

25

26

51

1975

18

24

42

1980

18

23

41

1985

10

11

21

1990

6

9

15



Aínda que as diferencias non son substanciais, Casal Novo sempre tivo menos asociados có Castelo, dato que se reflectirá tamén no número de reses aseguradas de cada lugar. Por outra banda obsérvase que a críse desta mutua fráguase na década dos oitenta, circunstancia que igualmente se deduce ó observar as seguintes táboas.

RESES ASEGURADAS

Ano

Número vacas

Crías

Total Reses

Reses por asegurado

1973

68

10

78

1'58

1975

64

12

76

1'80

1980

56

11

67

1'63

1985

33

19

52

2'40

1990

13

6

19

1'26



NÚMERO DE RESES POR LUGAR

Ano

Casal Novo

Castelo

Vacas

Crías

Vacas

Crías

1973

31

6

37

4

1975

28

2

36

10

1980

23

6

33

5

1985

15

8

18

11

1990

5

2

8

4



É de notar que no período comprendido nos anos referidos non estaba asegurado ningún boi. O número de reses por mutualista oscilaba de unha a catro reses, sendo moi frecuente a posesión de dúas vacas que puntualmente pasaban a tres reses cando nacía unha cría.



CAPITAL ASEGURADO

Ano

Capital Asegurado

Valor medio por res

1973

1 619 000

20 758

1975

2 247 000

29 565

1980

3 462 000

51 671

1985

2 983 000

57 365

1990

1 140 000

60 000



O valor medio por res, aínda sen ser un indicador significativo, non deixa de ter certo interese. A súa comparación co índice de prezos ó consumo (IPC) revela a primeira vista que, agás no período 1973-75, o incremento do valor medio por res é moi inferior ó IPC, o que probablemente actuou como unha causa máis do abandono da gandería nos dous lugares e polo tanto da extinción da súa mutua gandeira.

A gandería destes lugares, aínda que tivo certa importancia relativa nas economías familiares, en especial nas épocas de maior pobreza como foron os anos inmediatos á guerra civil, sempre foi de carácter complementario e no seu momento careceu da capacidade económica suficiente para se modernizar, polo que se converteu pouco a pouco nunha actividade residual ata chegar a niveis mínimos de rendemento, de aí que paulatina e definitivamente foi abandonada, ó tempo que a poboación, atraída pola cidade, incorpórase decididamente a outros sectores, en especial ó de servicios e á construcción ou emigraba.



José González García











JOSÉ GONZÁLEZ GARCÍA
Fundador da “Mutua Ganadera de Casal Novo y Castelo”. Membro da “Comisión Organizadora” en 1923.





A Mutua Ganadera de Castelo y Casal Novo, ó longo dos seus sesenta e sete anos de existencia realizou un labor extraordinario, actuando de amortecedor das perdas nun sector, que, coa relatividade antes apuntada, era economicamente significativo. A solidariedade e a claridade estiveron sempre presentes na xestión da mutua. A última revisión de valoración do gando realizouse no Montiño, lugar habitual nos últimos anos, o 27 de xaneiro de 1990, comunicándolles ós socios a situación insostible en que se atopaba a mutua, rematando así a andaina dunha asociación, exemplo da solidariedade e da inquedanza que presidiu o movemento societario galego que, como vemos, tamén estivo presente nestes lugares da parroquia de Lérez.



JAIME IGLESIAS GONZÁLEZ



NOTA: O presente artigo está realizado en base á seguinte documentación:

- Regulamento da sociedade.

- Carta de pago de 1929. Tributo por gastos de inspección.

- Catorce actas do período comprendido entre 1926 e 1938.

- Libro-rexistro do presidente onde se anotaban as valoracións das reses de cada socio, desde 1973 ata 1990.

- Facturas e recibos varios datados en 1980, 1981 e 1982 e diversas anotacións soltas.