A primeira mención da fundación do mosteiro de Lérez aparece nunha copia notarial que se conserva no Arquivo Histórico Nacional de Madrid e mediante a cal o rei Ordoño II e a súa dona Gelvira donan ó abade Guntado o couto para sustentar ós frades que con el vivían e tamén lles dan diversos ornamentos relixiosos , misais e un exemplar da Regra de S. Bieito .É de salientar este dato pois é a máis antiga mención que se fai de dita regra ,iso non quere decir que o convento e Lérez se gobernase dende o primeiro momento pola mesma senon que o máis probable é que se mantesen características do monacato visigodo.
Se facemos caso á data que figura en dito documento diríamos que foi no ano 886 pero diversas contradiccións que aparecen no mesmo , fan que se teña como máis segura a do ano 915 ou 916 como xa apuntaba o P. Flórez.Son , polo tanto , máis de mil anos de historia os que transcurriron dende aquela data.
A fundación do mosteiro faise na honra de S, Salvador , da Virxe María , S. Miguel Arcanxo , Santiago , S. Tirso , S. Lourenzo , S. Mamede , S. Martiño bispo , Sª María Magdalena e Sª Engracia.
Ordoño II era fillo do rei Afonso III e foi rei de Galicia entre os anos 910 e 914 e logo tamén de León ata o ano 924. Consolidou o reino leonés e sostivo varias batallas victoriosas contra os moros pero sofriu a derrota de Valdejunquera. Fixo amplas doazóns a igrexas e mosteiros. A súa dona Gelvira era unha dama da alta nobreza galega. Do primeiro abade ,Guntado , pouco se sabe aparte do nome.
O nome dos fundadores aparece tamén nun gravado ,en latín, na parede sur da actual igrexa e que di : Honore Sancti Salbatoris et Sanctae Marie et Marina, Pelagio, Gontato et Bria fratres.
O lugar no que se funda recibe varios nomes nos distintos documentos : Espinareto , Espinedelo e Canoso sendo a denominación máis corrente a de mosteiro de San Salvador de Lérez. Non é este o lugar para facer un estudio detallado do documento da fundación que , dada a súa importancia , deixamos para outro lugar.
O documento fundacional vai aparecer constantemente nas diversas confirmacións que dos seus privilexios fan os monarcas posteriores : Alfonso VII , Alfonso XI , Sancho IV e outros e que son utilizados nos innumerable pleitos de todo tipo que sostivo o mosteiro.
Na historia do mosteiro de Lérez hai momentos de grande esplendor e tamén outras épocas nas que foi grande o desorde e o abandono, imos facer un pequeno repaso ás máis significativas :
Consagración en Lérez.
No ano 1113 ten lugar no mosteiro de Lérez un feito excepcional: a consagración de Hugo e de Munio Afonso como bispos de Porto e de Mondoñedo respectivamente. A elección de Lérez foi motivada polas tensións entre o arcebispo Xelmírez e Don Mauricio, Arcebispo de Braga, dentro do ambiente de revoltas e conflictividade social daqueles anos que non aconsellaban alonxarse moito das sés arcebispais.
Os feitos son narrados pola HISTORIA COMPOSTELANA:
No mesmo día en que entrou o bispo de Santiago en Lérez, isto é, o sábado antes do Domingo de Paixón, celebrou misa o Arcebispo e elevou ó grao de presbítero a Hugo, arcedián de Santiago. Ó día seguinte, ousexa o Domingo da Paixón, reuníronse na igrexa de Lérez os coengos de Santiago, a saber, o Bispo, pai dos coengos, o coengo Arcebispo de Braga, os bispos de Ourense e de Tui, os electos de Mondoñedo e de Porto, todos os cales eran coengos do Santo Apóstolo, e tamén outros coengos venerables. ¡Oh Deus! ¡ E que lumieiras do Cabildo Composteláns tan respetables iluminaron entón a igrexa de Lérez, que tanto nome acadou aquel día! Logo o Arcebispo celebrou solemnemente a misa con asistencia de ditos bispos e, tendo indagado suficientemente o referente ó acto, consagrou ós electos.
O bispo desta sé apostólica, despois de celebrar misa, visitou unha quinta súa, a saber, Guxilde, sita na amenidade dun val xunto a Lérez, e levou consigo ó bispo de Ourense. Na igrexa de Lérez mandou que se obsequiase esplendidamente ó Arcebispo, o mesmo que ós dous bispos recentemente promovidos á dignidade episcopal e a todos cantos quixo, como quen sabía que ó dador alegre ama Deus. Naquel mesmo día, trataron largamente Arcebispo [de Braga] e Bispo da igrexa de Santiago sobre a confederación para a paz, sobre a utilidade das igrexas, e tamén sobre diversos asuntos tocantes ás Dióceses de Ourense e Tui, dos que había disensión entre os bispos de ditas sés.
Os abades comendatarios
A importancia das rendas que percibía, xunto co ambiente de relaxación na disciplina monástica, fixo do convento de Lérez unha presa apetecida por personaxes cobizosos como os chamados abades comendatarios, que foron unha verdadeira praga.
O Padre Yepes, na súa Crónica General de la Orden de San Benito, Patriarca de Religiosos describe o proceso:
Pero con auer los Reyes
assegurado este Monasterio con tantas mercedes, y libertades, no se pudo
defender de Abades comendatarios, y seglares, que fue la langosta, con
que permitio nuestro Señor, que la fertil heredad de la Orden de
San Benito, se destruyese, porque muchos dellos sin conciencia, y sin temor
de Dios, de la Abadía que tenian a su cargo, disponian della, como
si fuera propia, gastandola no en servicio del Convento, sino destruyendola
entre otros seglares: assi esta casa siendo fundacion Real, y con aversele
aficionado tanto el Rey don Ordoño el Segundo, estos Abades camendatarios
dieron tan buena cuenta della, que la dexaron en los huessos, y para que
no se acabasse de perder, en tiempo que reinaua en España el Emperador
don Carlos Quinto, el año de 1540, se vnio este Monasterio a la
Congregacion de San Benito el Real de Valladolid, siendo General fray Alonso
de Toro, que fue reelecto muchas vezes como en aquel tiempo se vsaua.
Colexio de Humanidades e Filosofía
Con posterioridade á unión coa congregación de San Benito de Valladolid, foi convertido en Estudio para os monxes da rexión (1575). No ano 1657 convírtese en Colexio e no 1661 en Colexio de Artes para o ensino de futuros monxes. Neste Colexio estiveron, como mestres ou como alumnos, personaxes importantes, como Feijóo, Sarmiento, Fr. Diego de Lerma, Fr. Benito de Salazar, etc...
A Desamortización
No Trienio
Constitucional (1820-1823) foron exclaustrados os monxes de Lérez
e vendidos os utensilios de cociña e refectorio e os enseres de
frades e estudiantes pero será no ano 1835 cando a Desamortización
de Mendizábal os exclaustra de maneira definitiva e se poñen
á venda as súas posesións. Os intentos de refundación
do P. Juan Arribas a finais do século XIX axudado polo monxes de
Samos e do arcebispo Quiroga Palacios nos anos cincuenta do século
actual, non deron resultado.
Economía
Anque non se pode comparar
cos grandes mosteiros benedictinos, o de Lérez tivo un certo poder
económico na comarca. Os seus bens sofren altibaixos nas distintas
épocas, pero, en liñas xerais, atende ás seguintes
características:
O mosteiro recibe DOAZÓNS de todo tipo de bens; estas doazóns teñen unha finalidade en principio piadosa pero, ás veces, responden a situacións máis complexas que as fan case obrigadas. Os doadores poden ser campesiños pero tamén reis e nobres. Aparte de Ordoño II, hai documentación de doazóns e confirmacións feitas por Afonso VII, Afonso X, Sancho IV, Fernando IV, Afonso XI, os Reis Católicos,...etc. Moitas veces consisten na exención do pago de impostos e semellantes. Así, no ano 1338, Afonso XI ordena ó concello de Pontevedra:
" Por que vos mandamos [...] que daquí
delante que non vayades nin enbiedes a los cotos del dicho monasterio a
cortar llena nin madera, nin tomedes nin preyndedes vos nin outros por
vos, nin mandedes tomar nin prender a los dichos abbat et conviento, nin
a los sus omes nin a los que estudieren en el dicho monesterio e en los
sus cotos, las cosas que tienen en el dicho monesterio nin en los sus cotos
por las dichas cocharadas et portagens nin por outra rason alguna..."
As COMPRAS de terreos, casas, utensilios de culto,... son outra maneira de incrementar o patrimonio. No ano 1517 o abade de Lérez encarga ó prateiro compostelán Lope Muñiz un cáliz de prata que importou máis de 60 ducados. Ó redor do século XIV o mosteiro tiña 16 casas na cidade de Pontevedra.
Aparte da EXPLOTACIÓN DIRECTA das terras, son as RENDAS DOS FOROS os ingresos con maior interese. As rendas poden ser fixas, expresadas en diñeiro ou en medidas de cereais ( o "pan" dos documentos ) e canados de viño, ou proporcionais que son a maioría e que oscilan entre a metade e a terceira parte da colleita. Os FOROS eran contratos agrarios de longa duración mediante os cales o campesiño cultivaba a terra propiedade do señor a cambio dunha renda e do recoñecemento de señorío e dereitos feudais.
Ademais, teñen ingresos por determinados dereitos feudais ( loitosas ) e de patronato sobre algunhas parroquias. A Loitosa era un imposto que se pagaba cando morría o titular do contrato e que consistía no pago dunha cantidade en metálico ou especie.Nos foros máis antigos o señor elixía a " mellor cousa de catro pés que quedase".
Nun foro de diversas terras e casas que ten o mosteiro de Lérez na parroquia de Dorrón no ano 1684, estipúlase por renda de cada ano: 38 ferrados de pan mediado, dez de trigo, 11 reais de vellón, moeda de vellón, un carneiro, 2 galiñas, loitosa (que ten que ser a mellor cousa de catro pés que se topase ó tempo do falecemento de cada cabeza de foro). Todo isto debía ser pagado na Granxa do mosteiro en Dorrón o día de San Martiño.
Tampouco debemos esquecer os dereitos sobre a pesca no río Lérez, obxecto de interminabeis pleitos ó longo dos séculos; aínda en 1707 hai petición por parte dunha confraría pontevedresa ó abade de Lérez para que se autorice a un mariñeiro a que pesque no río e o peixe que colla sirva para atender as dúas funcións que ía celebrar dita confraría.
A influencia cultural do mosteiro foi moi
grande sobre todo dentro da orde de S. Bieito debido precisamente ó
feito de ser Colexio da mesma. Isto fixo que fosen mestres ou alumnos neste
convento moitos personaxes que ocuparían postos de relevancia. Entre
eles temos ós xenerais da congregación Fr. Diego de Lerma
, Fr. Benito de Salazar ( bispo de Barcelona) e os escritores Feixóo
e Sarmiento.