O problema do monte veciñal
usurpado pola Administración



De todos é ben sabida a indefensión legal que sufriron os montes veciñais en man común, especialmente nos dous últimos séculos e que posibilitaron múltiples apropiacións por parte de particulares e institucións. Tal foi a importancia destas accións que se considera que a extensión hoxe conservada de monte veciñal non sobrepasa o 30% da existente no século XVIII.

Esta indefensión legal foi froito do individualismo promovido polo liberalismo económico, que consideraba anticuada e anacrónica a existencia de propiedades colectivas privadas de procedencia non romana e que, ademais, non entendía a importancia do monte como complemento imprescindible para a economía agraria galega.

Deste xeito, e como unha consecuencia máis desta indefensión, habemos de considerar a equiparación legal dos montes veciñais cos montes públicos de titularidade municipal feita polo franquismo, xa recollida na lexislación anterior baixo a forma de “tutela municipal” e consagrada na Lei de Montes de 8 de xuño de 1957 e do Regulamento aprobado polo Decreto 485/1962, de 22 de febreiro, que postula no seu artigo 10 que “los montes cuyo dominio útil, o parte de él, corres ponde al Estado o a cualquiera de las Entidade referidas en el artículo anterior (Entidades locales y las demás Corporaciones o Entidades de Derecho Público), se considerarán públicos, aunque el dominio directo pertenezca a un particular”. O artigo 11 di, pola súa parte, que “los montes públicos tienen la condición jurídica de bienes patrimoniales y, por consiguiente, son de la propiedad privada del Estado o de las Entidades a que pertenecen.

Xa que logo, a consideración dos montes veciñais como patrimonio do Estado, normalmente dos concellos, fixo medrar os catálogos dos inventarios de bens municipais e dotou a moitas entidades locais de terreos públicos dos que carecían ou estaban escasos. Así, ó longo dos anos 50 e 60, mentres se consumaba nos montes máis axeitados e arredados dos núcleos poboados unha desordenada repoboación forestal baseada no piñeiro, as parcelas periurbanas de cidades e vilas eran cedidas ós distintos organismos da Administración para instalacións, edificios e equipamento de tipo social (centros educativos, sanitarios), industrial (fábricas, almacéns), militar ou comercial. Este uso foi tan frecuente deica finais dos anos 70 que hoxe podemos dicir que era monte veciñal unha parte importante do solo dedicado a equipamento público das zonas de crecemento de áreas urbanas, sen esquecer os casos de cesións para empresas públicas hoxe privatizadas ou en fase de privatización. No Concello de Pontevedra podemos citar os casos, entre outros, do Cuartel de Figueirido, as diversas instalacións construídas nas Xunqueiras do Covo e da Gándara, o Hospital Montecelo e a Cidade “Príncipe Felipe”. Estas cesións realízanse frecuentemente sen posibilidade de reversión, ou teñen carácter indefinido, e nalgunhas nin sequera consta o fin da cesión na documentación correspondente.

Como doadamente se pode supoñer, en todas estas cesións non se teñen en conta os dereitos das comunidades desposuídas nin o seu parecer sobre o novo uso das parcelas. Nin sequera se consideraron os prexuízos que tal cambio de uso supoñían para a economía agraria da poboación afectada. Os argumentos utilizados para xustificar tal proceder eran, por unha parte, que “os montes xa non son dos veciños, senón do concello, e pode facer con eles o que considere máis conveniente”, e pola outra, que "os novos usos que terán estas parcelas beneficiarán máis á comunidade que os tradicionais e significará un progreso para a poboación”.Todo isto adornado en moitas ocasións polas autoridades con falsas promesas ós veciños sobre supostos dereitos preferentes no uso das novas instalacións ou na ocupación dos postos de traballo xerados.

Estas cesións aumentaron a comenzos dos 70, ante o crecemento das zonas urbanas como consecuencia da expansión económica e a falta ou escaseza, por parte dos concellos, de terreos propios para satisfacer as novas necesidades de infraestructura e equipamento. Seguíronse utilizando parcelas de terreo veciñal para construccións da Administración local, provincial ou central, malia que foi promulgada a Lei 52/1968, de 27 de xullo, de Montes Veciñais en Man Común que recoñece a titularidade e o aproveitamento dos montes veciñais ós habitantes de parroquias e aldeas, previa clasificación como tales, para o cal establece a creación nas catro provincias galegas dos xurados clasificadores. Tamén recoñece de xeito definitivo, pois será unha constante de toda a lexislación posterior, que estes montes son indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables.

Pero a nova lexislacíón non fixo mudar de actitude ás administracións, que seguiron dispoñendo dos montes veciñais coma se de propios se tratase e, particularmente, detraendo parcelas para diversas instalacións públicas sempre que houbera necesidade de solo urbanizable. Nalgunhas zonas os montes veciñais foron a despensa de terreos de balde para equipamento público da administración local. Sinxelamente os xurados provinciais ou non se constituíron ou non funcionaron, e practicamente non se clasificou ningún monte como veciñal en man común. A nova lei era, na práctica, papel mollado.

Coa chegada da democracia parecía que novos ventos ían correr. A imposición unilateral da autoridade ía dar paso ó recoñecemento dos dereitos individuais e colectivos. E promúlgase unha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común, a 55/1980, de 11 de novembro. Tamén recoñece que os montes veciñais en man común son indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables, ademáis de reiterar a titularidade de dominio ós veciños integrantes das comunidades. Dá un prazo de tres anos ó Ministerio de Agricultura para a investigación dos montes veciñais en cada provincia e un prazo de tres meses para o traslado ós xurados provinciais dos expedientes de cada monte trala finalización. Pola súa parte, os xurados provinciais terán outros tres meses para iniciar o correspondente expediente de clasificación. Mesmo na Disposición Final 3a desta lei, referente ás concesións realizadas pola Administración sen a intervención da comunidade, pon nas mans dos veciños as opcións de cobrar un canon actualizado ou que se expropie a concesión. As demais cesións son inexistentes.

Ó mandado desta lei axilizouse o traballo dos xurados provinciais de clasificación, que en pouco tempo procederon á clasificación de centos de parcelas sobre o papel, sen a penas cartografía e con documentación moi limitada, nunha mestura de chapuza técnica e desidia administrativa impropia do labor de tutela ordenado polo artigo 14.2 desta lei, que ordena á Administración velar pola integridade e pola conservación dos montes veciñais.

Pero esta carencia de medios e de interese non foi atranco para que, atentando precisamente contra a súa integridade e violando o principio de indivisibilidade, os xurados provinciais deixasen á marxe da clasificación as parcelas desafectadas polas entidades locais e cedidas a calquera das administracións para instalacións ou usos públicos. E ¡sto realizouse malia a que o artigo 12 desta lei establece que “no será obstáculo a la clasificación de los montes como vecinales en mano común la circunstancia de hallarse incluídos en catálogos, inventarios o registros públicos con asignación de diferente titularidad, salvo que los asientos se hayan practicado en virtud de sentencia dictada en juicio declarativo”. Mesmo ás veces (como no caso do Centro Tutelar de Menores de Mourente, hoxe ocupado pola Garda Civil), e nunha actuación claramente irregular, chegou a realizarse a desafectación dalgunha parcela unha vez iniciado o expediente de clasificación, a pesar de que o artigo 10.3 di que “Una vez iniciado el expediente de clasificación, ningún terreno afectado por aquel podrá ser objeto de enajenación, división o gravamen hasta que recaiga la oportuna resolución del Jurado...”. Sobre a aplicación da Disposición Final 3ª, ninguén sabe nada. Isto quere dicir que a propia Administración despreza e búrlase da lei en beneficio propio.

Este criterio foi seguido comunmente polos xurados provínciais nas súas resolucións, malia a que a Lei 13/1989 do Parlamento de Galicia e o Regulamento aprobado polo Decreto 260/1992 de Montes Veciñais en Man Común reinciden nos aspectos citados, establecendo claramente que a clasificación como veciñal serao “con independencia do seu aproveitamento actual”. Por estas actuacións e polo seu funcionamento, os xurados provinciais teñen amosado, no desenvolvemento das súas funcións, unha clara traxectoria de defensa dos intereses patrimoniais do Estado e fieis ó mandado da Administración, que neste órgano administrativo é xuíz e parte.




A Xunqueira do Covo é un exemplo de terreo veciñal progresivamente
ocupado por distintas administracións. Compárese a situación actual
con esta vista dos anos setenta.

Estamos, pois, diante dunha usurpación de terreo comunal ós seus lexítimos propietarios, por canto a non clasificación destas parcelas significa o recoñecemento da titularidade ós seus antigos administradores, os concellos, ou ós destinatarios das cesións, que son os diversos organismos das administracións, e equiparando estes terreos, na práctica, ós de carácter público ou de propios. Que estas parcelas forman parte do patrimonio das administracións vén demostrado polo feito de que nalgúns casos xa foron destinadas, en todo ou en parte, a fins distintos ós contidos nas cesións, cando a Lei 13/89 establece no seu artigo 5 que "a cesión poderá ser por tempo indefinido en favor de calquera das Administracións Públicas cando sexa destinada a equipamentos a prol da propia Comunidade, e en tanto se manteña o fin para o que foi feita a cesion".

Estas actuacións incorrectas dos xurados provinciais obríga ás comunidades de montes a reclamar xudicialmente a titularidade destas parcelas, detraendo recursos económicos e esforzo humano da xestión do monte, precisamente cando a Administración se queixa da suposta incapacidade das comunidades na explotación e xestión do monte veciñal. O recoñecemento dos dereitos de propiedade dos veciños de Salcedo, Lérez, Mourente e as demais parroquias sobre as instalacións do Concello de Pontevedra citados máis atrás non supón necesariamente unha interferencia no seu uso actual.

Deste xeito e a modo de recapitulación, podemos apuntar as seguintes conclusións:

* 1ª A non clasificación como veciñais das parcelas desafectadas e cedidas polos concellos é un intento da propia Administración de manter nos seus inventarios de bens parcelas de monte veciñal, confiscadas por unha lexislación inxusta dun réxime dictatorial e que hoxe conta coa axuda dos xurados provinciais, que emitiron e emiten resolucións parciais en defensa dos intereses das propias administracións.

* 2ª Estas actuacións dos xurados provinciais son ilexítimas porque usurpan a titularidade de terreos veciñais ós seus lexítimos propietarios, faltando ó principio de boa fe que debe rexer toda actuación da Administración. Son, ademais, ilegais, como teñen demostrado diversas resolucións xudiciais desautorizando estes criterios e recoñecendo o carácter intemporal do principio de imprescritibilidade.



Dos anteriores postulados podemos inferir que a solución a este conficto é ben doada:

* 1º Os xurados provinciais deben recoñecer o carácter veciñal das parcelas desafectadas utilizando a mesma documentación histórica que serviu para clasificar as parcelas lindantes ou restantes, na liña argumental amosada por diversas sentencias.

* 2º Os diversos organismos da Administración usufrutuarios destas parcelas (Ministerio de Defensa, Sergas, Deputación Provincial, Concello de Pontevedra...) deben establecer convenios sobre dereitos de superficie ou cesións de uso coas comunidades titulares, sempre dende o recoñecemento do carácter veciñal (isto é, privado e colectivo) destes terreos.

* 3º Onde non sexa posible o establecemento de convenios, a expropiación semella a mellor solución, co xustiprezo que a normativa establece, e recollendo sempre o dereito de reversión que a xustiza recoñece.



CARLOS MORGADE

(Secretario da Comunidade de Montes de Mourente.
Membro da Xunta Rectora da Organización Galega de Comunidades de Montes)