Os montes comunais.

Un futuro nas nosas mans.


        A existencia dos montes comunais constitúe posiblemente o fenómeno socioeconómico máis importante de Galicia; só hai que ter en conta que supoñen un tercio da superficie forestal galega e que ocupan máis de 600000 Ha. Non sería posible comprender a súa problemática actual sen repasar, aínda que sexa esquematicamente, os avatares históricos dos mesmos.




Monte da parroquia de Lérez

O Pasado

A súa orixe vén dada pola posesión dende tempo inmemorial de terreos que proceden de antigas propiedades de carácter colectivo. É o que os especialistas definen como " comunidade xermánica de titulares " na que os dereitos de propiedade non están cinguidos ó individuo coma tal, senón que lle veñen dados pola posesión da condición de veciño, de ter " casa aberta e con fume " nun determinado lugar. Así, a propiedade dos montes pertence á comunidade de veciños, con independencia de quen a forme nun momento histórico determinado. As notas que caracterizan ó monte comunal son as de ser inalienable, indivisible, imprescriptible e inembargable.

Precisamente este carácter de propiedade colectiva vai ser ignorado no século pasado polo estado liberal, que concibe unicamente dous tipos de montes: os públicos e os privados, polo que clasifica os comunais como públicos e estes son transferidos á administración baixo - xa daquela - a idea de progreso económico. Así, a Lei Madoz de Desamortización ( 1855 ) tenta subhastalos, obtendo un fracaso pola ausencia de compradores.

Despois de diversos avatares chegamos á década dos 40, na que os veciños son desposuídos dos montes e o Patrimonio Forestal do Estado efectúa repoboacións masivas de eucaliptos e piñeiros. Os conflictos e a represión ( multas e malleiras ) sobre os lexítimos propietarios son o pan noso de cada día.

Hai que agardar ata o ano 1968, no que se promulga a Lei de Montes Veciñais, con poucas repercusións prácticas de cara a devolver os montes ós veciños. Será no ano 1980 cando a Lei de Montes Veciñais en Man Común consegue un forte avance ó resolver a Titularidade Veciñal, pero inda con eivas importantes: deslindes, quórum,...

Baixo o lema " O monte é noso ", lévase a cabo unha importante mobilización en toda Galicia na que teñen destacada participación dirixentes veciñais da nosa parroquia e ocupando un lugar senlleiro o inesquecible Xerónimo Escariz, " o avogado dos veciños ".

Co goberno tripartito xorde un intento de certa privatización, creándose a Coordinadora de Montes de Galicia que logra modificar o proxecto en moitos puntos, acadando a eliminación da chamada " débeda histórica ", a división dos montes e impoñendo a obrigatoriedade de investir o 15% do presuposto no monte. Esta lei de 1989 supón un avance considerable e recoñece ós montes como un tipo especial de propiedade: a propiedade privada colectiva ligada á parroquia.

Chegados a este punto, podemos preguntarnos: ¿ cales son os problemas máis importantes que amenazan ós nosos montes ? e aínda algo máis importante: ¿ Que podemos facer para mellorar a súa situación ?

Os problemas

Neste momento parece fóra de toda dúbida que a administración, en connivencia con intereses moi poderosos do sector, pretende subtraer, ou cando menos condicionar, as decisións dos comuneiros sobre os montes. O instrumento xurídico que posibilitase este novo intento de privatización sería unha nova lei de montes e o motivo aducido é - o mesmo que no século pasado - a necesidade de poñer en producción os montes, de aplicar criterios pragmáticos que conquiran un maior rendemento económico. O argumento non é novo, enlaza coa idea decimonónica de " progreso " e está en sintonía cos ventos de neoliberalismo actuais que sopran derrubando todo o que non siga fielmente as leis do mercado puro e duro.

Os puntos fundamentais deste novo ataque ás características dos montes comunais son:

- a) Prioridade á obtención de beneficios económicos inmediatos.

      Arguméntase que é necesaria unha profesionalización das Xuntas Rectoras, potenciando o seu papel na liña de consideralas como direccións de empresas e e aplicando técnicas de xestión semellantes ás mesmas. Está claro que se busca diminuír a capacidade de decisión da Asemblea Xeral de comuneiros, co perigo de que a propiedade colectiva se subordine a intereses particulares.

        É certo que a xestión dos montes presenta aspectos legais, económicos, etc.... de certa complexidade e que hai Xuntas Rectoras cun funcionamento irregular pero, para nós, a situación pasa por un maior compromiso da administración na formación e asesoramento dos comuneiros, tarefa esta completamente descoidada. Este desexo de conquerir o máximo beneficio pode levarnos a modelos de repoboación baseados no monocultivo forestal con especies de crecemento rápido ( eucaliptos ). Un representante dos sectores máis partidarios das que chaman " formas racionais e modernas " de xestión forestal, sostivo nunha ponencia a escaseza da cota asignada polo Plan Forestal Galego ó eucalipto ( e debemos lembrar que as previsións deste son pasar dos 1'6 millóns de Ha actuais ata 5 millóns nos próximos 40 anos.

- b) Redefinición da condición de comuneiro

       Preténdese posibilitar a entrada de profesionais no sector, trocando así o tradicional criterio de veciñanza.

- c) As directrices da Comunidade Europea

      No proxecto " Compostela Bosques " da Unión Europea sinálase como unha das metas a conquerir " que se comparen as normativas forestais tan distintas que caracterizan as diferentes rexións, a fin de propoñer determindas medidas de harmonización, especialmente xurídicas e fiscais, capaces de facilitar a producción forestal  "

      Coa meta do rendemento económico tentarase rematar coas nosas institucións propias. A renovación lexislativa é unha esixencia europea nun  prazo de dous anos. O perigo está en caer no erro da chamada PAC ( Política Agraria Común ) que provocou problemas de excedentes e graves impactos ambientais debidos á intensificación da producción; de feito a reforestación é unha máis das maneiras de tentar rectificar os erros da PAC.

- d) A privatización como panacea

     A doctrina que nos transmiten políticos e medios de comunicación sostén reiteradamente que coa xestión privada  mellora automaticamente a xestión. Neste caso só temos que observar a situación do omnte privado non comunal, que está nun estado de abandono xeralizado. Contra do que voces interesadas sosteñen, o goberno dos montes polos veciños supuxo unha apreciable mellora na xestión dos mesmos respecto á que tiñan realizado os concellos ou o Estado, que os reducía a utilizalos con fins puramente especulativos de carácter económico ou como un medio para que as administracións obtiveran terreos de maneira totalmente gratuíta. As inversións nas parroquias dos rendementos dos seus montes foron case inexistentes e o abandono e falla de coidados eran xerais.

- e) O abandono da administración

      As leis vixentes conceden potestade para que a administración interveña no caso de que o monte comunal presente un estado de grave abandono e tamén sinala obrigas da mesma para asesorar e controlar o funcionamento das comunidades. A inhibición da Consellería de Agricultura en temas como deslindes, apropiacións por parte de particulares, expropiacións,... Mesmo nos casos dos montes con consorcio ou convenio - como é o caso de Lérez - o incumprimento é total, obténdose menos avantaxes que os non suxeitos ó mesmo. Detrás de todo isto hai un desexo de deixar que se deteriore a situación para así xustificar o apuntado con anterioridade.

- f) A fiscalidade

  Algunhas administracións de Facenda levan a cabo intentos para aplicar a fiscalidade xeral ós montes veciñais. Estes intentos cobrarían realidade no momento en que se perdese o carácter de interese público. Fagamos notar que as Comunidades non se opoñen a que se tribute no caso de que se repartan beneficios entre os comuneiros, pero nunca no caso de inversións sociais.

O futuro

             O monte, en xeral, perdeu o carácter de soporte da actividade agraria: utilízase pouco o estrume, non se aproveita a leña, etc,.... Pero o monte, independentemente do seu valor económico, adquire na sociedade moderna e, sobre todo en zonas próximas a núcleos urbanos, como é o noso caso, outros valores coma paisaxe natural e a percepción por parte da poboación de que os valores estéticos e recreativos son valores moi importantes no mesmo.

              Polo tanto, os criterios economicistas antes analizados non teñen en conta outras funcións do monte, aparte da económica. Estas funcións son sociais, culturais, recreativas, ambientais, etc... Os montes non son só reserva de madeira. Todos estes aspectos estarían recollidos se apostamos por un modelo de desenvolvemento sostible  do monte, e este concepto leva consigo que o manexo do monte sexa solidario cos veciños do futuro, non hipotecando o seu destino con accións de carácter irreversible ( como plantacións irracionais ) , e solidario tamén cos veciños actuais, posibilitando obras de mellora e conservación do seu patrimonio cultural, creación de áreas de lecer e elevación, en suma, do seu nivel de benestar.

               Buscaríase un equilibrio entre producción e conservación e teríanse en conta os aspectos ambientais : o monte como sumidoiro de dióxido de carbono, como reserva de biodiversidade en tódolos niveis ( paisaxística, ecosistemas, especies,...) etc. Na nosa zona non debemos esquencer o uso turístico e cultural: educación ambiental, rotas de sendeirismo, etc., propiciadas pola nosa proximidade á cidade. Cada día é máis importante o aproveitamento doutras produccións: recollida de cogumelos e plantas medicinais, caza, pastoreo, abastecemento de auga, etc...

                No aspecto da xestión do monte, un risco certo é a entrada das comunidades de montes na loita política e a conseguinte subordinación ás súas estratexias partidarias. A xestión debe ser plenamente democrática e cunha total autonomía na toma de decisións por parte dos comuneiros. As comunidades de montes son as entidades parroquiais representativas por excelencia e capaces de vertellar a parroquia  como entidade xurídica propia do noso país.

                E para rematar esta aproximación ós montes comunais galegos, afirmamos a nosa coincidencia co aprobado no 1º Congreso Galego de Comunidades de Montes ( Poio, 1997 ) sobre o que debe ter en conta unha lei de montes:

               " As ideas básicas que deben rexer unha lei necesaria pasan por establecer o equilibrio medioambiental, o recoñecemento da veciñanza coma xeito de participación activa, o potenciamento da figura do axente forestal coma asesor cualificado das Comunidades tanto no legal como no forestal e o recoñecemento, unha vez máis, de que o monte veciñal é inalienable, imprescriptible, indivisible e inembargable "

 

XOSÉ ÁLVAREZ CASTRO