O Local Social Recreativo de Lérez

 



         A parroquia de Lérez foi pioneira no xurdimento de entidades asociativas en todos os eidos e sinaladamente nas de tipo agrario. Non debemos esquecer que a primeira sociedade agrícola de Galicia foi a de Lérez, fundada no ano 1896 e que liderou no primeiro tercio do século todo tipo de iniciativas de defensa dos intereses agrarios e especialmente na loita antiforal.

       Tamén no campo cultural e recreativo tivo a parroquia unha asociación modélica : a " Juventud Lerezana " O seu regulamento data do día 2 de maio de 1929 e no mesmo especifícanse os fins da mesma: " Realizar por todos los medios a su alcance, una persistente labor de cultura, organizando conferencias, creando una biblioteca, dando clases nocturnas de lecturas, escribir, contabilidad, dibujo, etc. Crear cuadros artísticos de declamación y canto, organizando coros, orfeones y rondallas, etc. Dar bailes,... "  Os asociados deberían ter máis de 16 anos e podían ser residentes ou non na parroquia. A cota mensual era dunha peseta. No seu artigo 30 recolle que esta sociedade " por ser eminentemente antipolítica no podrá pertenecer a ningún partido político ".

           Será o 12 de abril de 1933 cando se toma o acordo de comprar un solar e construír un edificio de seu. Constitúese unha comisión a tal efecto e artéllase un sistema de accionistas, tanto en metálico como en traballo e materiais. Na documentación histórica que desta sociedade sobrevivíu ós avatares da guerra, hai unha relación minuciosa das persoas que contribuíron e da cuantía da súa aportación .

          A relación de gastos ocasionados pola compra do solar e construcción do edificio ascende a dez mil cento seis pta con oitenta e cinco céntimos. A título de exemplo, vexamos algúns conceptos: 1862 pta pola compra do solar, 11 ptas por un refresco para os albaneis e puntas para a obra, 7'50 da póliza do permiso,... Estes exemplos dannos idea da rigurosidade con que era levada a contabilidade. A comisión de control permanente estaba integrada por:

Agustín Freiria Fernández, Ramón Dios Blanco, José Cons Fernández, Sebastián Dios Blanco, Manuel Arribas Hermida, José Pérez Piñeiro, Francisco Teso Solla, Alejandro Gama Casalderrey, Luís de los Reyes, Benigno Iglesias Fontenla e Manuel Gama Casalderrey. A licencia municipal foi concedida polo Excmo Concello o día 17 de xullo de 1933.




Local Social Recreativo de Lérez

             Por desgracia, a guerra civil non lles permite disfrutar máis que uns meses do edificio que aínda se conserva. O chamado Tribunal de Responsabilidades Políticas dispón a incauntación dos bens de 55 entidades da provincia de Pontevedra e así, amais dos correspondentes ás sociedades de agricultores, partidos políticos, sindicatos, aparece unha entidade cultural, como é a Juventud Lerezana. No informe emitido polo Concello de Pontevedra e encabezado polo ¡ VIVA ESPAÑA ! de rigor, aparece un párrafo que inda hoxe produce calafríos: " Con respecto a la Sociedad Recreativa Lerezana o Juventud Lerezana, con cuya denominación es conocida, puede concretarse que tenía un carácter de sociedad recreativa, pero de las juventudes marxistas, concurriendo éstas al local y siendo sus elementos dirigentes miembros de los partidos socialista y comunista "

         O expediente de incautación dos bens de Juventud Lerezana remata o seis de xullo de 1938. O edificio pasa a poder das organizacións do Movemento Nacional; foi local de escolas, Teleclub, etc. As organizacións veciñais sempre utilizaron o mesmo para as súas reunións e, nestes momentos, todas elas, reunidas nunha Coordinadora, levan a cabo accións de todo tipo para que se recoñeza, sen ningún xeito de dúbida, a propiedade veciñal do mesmo. Pero a loita por este recoñecemento debe ser motivo para outro artigo.

 

XOSÉ ÁLVAREZ CASTRO