DEZ CONSELLOS PARA QUE OS NOSOS FILLOS LEAN

    Mentres que a aparición da humanidade sobre a terra tivo lugar hai un millón de anos aproximadamente, a linguaxe escrita e, con ela, a lectura xorden hai tan só cinco mil anos. Se a isto engadimos que o coñecemento da lecto-escritura non foi nin é homoxéneo no conxunto da humanidade e que o acceso xeralizado da sociedade á cultura comeza hai uns cen anos, podemos concluír que a lectura é unha activídade relativamente nova se a comparamos con outras capacidades especificamente humanas como por exemplo a fala.

    Por iso, aínda na actualidade existen factores que obstaculizan o encontro dos libros cos nenos e coas nenas e que impidan que todos estes cheguen a ser bos lectores e poidan beneficiarse das posibilidades que brinda a lectura. O inxusto reparto social de bens materiais e culturais, as políticas que negan o acceso á cultura dos desfavorecidos ou afondan nas desigualdades sociais, os ambientes familiares onde subsistir é a principal necesidade ou nos que a cultura (pola razón que sexa) non ten importancia e a escola que consolida as carencias anteriores son factores que dificultan que os nenos e nenas cheguen a sentir amor polos libros e afección pola lectura, privándose dunha aventura atractiva que non reporta máis ca beneficios.

    Ademais, á lectura estanlle aparecendo competidores como o teléfono — que permite a comunicación prescindindo da lecto-escritura — e a televisión e o vídeo que posibilitan recibir información sen necesidade de dominar o aspecto escrito da linguaxe. Non hai dúbida de que estes e outros adiantos tecnolóxicos, ademais de empregar un tempo que podería dedicarse a outras actividades, están a quitar á lectura parte do seu sentido utilitario. Agora ben, do devandito non se pode desprender que as novas tecnoloxías sexan inimigas da lectura, antes ó contrario . O que ocorre é que  na lectura hai que descubrir outros aspectos máis amplos e plurais có simple utilitarismo.

    Daquela, a lectura hai que considerala non só como un instrumento estrictamente útil, senón como medio de formación, de aprendizaxe e de pracer. Polo tanto, a lectura ademais de estimular a imaxinación e a creatividade, potencia a sensibilidade e cultiva a intelixencia favorecendo a estructuración do pensamento. O tempo que nos amplía coñecementos sobre o noso contorno e nos pon en contacto con outros pobos e culturas, a lectura provoca a reflexión e favorece a crítica. Lendo enriquécese o vocabulario e refórzase a expresión oral e escrita, á vez que podemos atopar nela múltiples satisfaccións e inesgotables diversións.

    Cómpre polo tanto, facer que os nosos fillos sexan bos lectores para que poidan beneficiarse das vantaxes da lectura e, con esa intención, van estes dez consellos que non teñen outra pretensión que axudar a conseguilo.
 

* Poñer ós fillos en contacto cos libros desde moi pequenos.

É evidente que nos primeiros anos de vida o neno non sabe ler, polo que o importante é o contexto no que se presentan os libros. Neste senso, o colo da súa nai ou do pai é o lugar ideal para disfrutar das primeiras imaxes lectoras.

Non fai falta ter moito tempo ó día para mostrarlle a un neno libros de imaxes e inventarlle un conto con elas, para lerlle un conto sinxelo, para recitarlle poemas... sempre axeitados á súa idade. Estas actividades, que serán breves, é aconsellable realizalas a unha determinada hora do día, por exemplo antes de ir para a cama e poden ser un bo medio para familiarizar ós fillos cos libros e, en definitiva, coa lectura.

* Facer da lectura un feito habitual na familia.

Probablemente unha das mellores maneiras de que os nosos fillos se interesen pola lectura é que no fogar vexan imaxes lectoras, isto é, que na casa se lea. Non importa o que lean o pai, a nai ou os irmáns. Dá igual que sexan libros, revistas, xornais... Pero, con seguridade, esta imaxe reiterada levará ós pequenos a interesarse pola lectura sen necesidade de impoñerlles este labor.

Daquela, é interesante facer da lectura un feito cotián nos fogares, tan natural como erguerse, lavarse ou xantar, debendo evitarse o tópico tan común entre os adultos, “non teño tempo para ler”, que o único que pretende é xustificar unha falta de vontade.

* Colocar os libros infantís ó alcance dos nenos, de tal xeito que sexa natural a súa manipulación.

O lugar destinado ós libros deberá ser o máis cómodo posible, ben iluminado e disposto para que os nenos poidan alcanzalos facilmente. Hai que partir do principio de que os libros están feitos principalmente para seren lidos, consultados e manipulados, non para decoraren unha estantería. Permitirlles ós cativos que xoguen cos libros, que miren a portada, que descubran os debuxos no interior... O xogo é un elemento esencial no desenvolvemento intelectual do neno, ¿por que non ha xogar cos libros? Todo isto non quere dicir que habituemos os fillos a seren desordenados. Así, cando collan un libro, deberán saber que, despois de “usalo”, hai que colocalo no seu sitio.

* Acudir cos fillos ás bibliotecas públicas ou escolares é un xeíto de darlles importancia ós libros.

Nas bibliotecas atopamos adultos e nenos traballando, consultando libros e disfrutando do pracer de ler. O préstamo de libros é un sistema positivo para o neno, que debe comprender a economía que supón disfrutar da lectura dun libro sen custo ningún. Ó mesmo tempo aprende a ser responsable coidando o libro e devolvéndoo ó seu debido tempo. Se as bibliotecas organizan actividades de animación á lectura, convén invitar os nosos fillos a que participen nelas.

Naqueles lugares que é posible, pode ser interesante acompañar ós nosos filos ás feiras do libro e ás exposicións, polo seu valor e significación.

* Falar cos fillos dos libros que están a ler.

Isto que non signifique facerlle un interrogatorio sobre o libro. Senón comentar o seu contido, os personaxes, algúns feitos, outros libros do mesmo autor, do mesmo tema, etc.

Se nestes comentarios se descobre que o neno leu o libro e non o entendeu ben, non se debe ridiculizar
nin obrigalo a que o volva ler. Cómpre resolverlle as dúbidas, explicarlle as palabras que non entende, en definitiva, axudarlle a comprender a mensaxe que contén o libro.

Tampouco se debe obrigar a que lea en voz alta, agás nos casos especiais, para examinar a sua competencia lectora. Se nalgún momento se fai, pediráselle que lea cunha finalidade non controladora:
“gustame oirte ler”, “ le este parágrafo que é moi bonito”, “a ver en que contexto vai tal palabra”...
 

* Apoiar as iniciativas lectoras dos profesores.

O apolo ás iniciativas lectoras dos colexios false aceptándo positivamente as indicacións que sobre a lectura fai o profesorado.

Durante o ensino primario, axudándolles a resolver as dúbidas, a comprender o libro e a descubrir os seus segredos e todos aqueles interrogantes que o fillo nos presente.

Na secundaria, pode ser útil compartir as mesmas lecturas que fan os fillos. Isto axudará a conversar sobre os mesmos temas, o que favorecerá o diálogo e achegamento entre pais e fillos. Nestes casos, os pais non deben ocultar as súas limitacións, se as houbese, e pedirá axuda os amigos, a veciños ou consultará outros libros para resolver as dúbidas, mostrándolle un camiño práctico ó fillo.

* Informarse dos libros axeitados á idade e ós gustos dos nenos.

Nas librerías existe unha grande variedade de libros que falan de distintos temas (deportes, inventos, viaxes, países, contos realistas e de ficción, biografías...) que se adaptan ós distintos gustos e idades. Para adquirir un libro axeitado, o mellor é acudir a unha boa librería onde normalmente contan con persoal capacitado. Tamén no colexio ou nas bibliotecas se pode obter unha axeitada información.

De calquera xeito, o que vai ler o libro é o neno. Daquela, despois de orientalo, debemos deixar que sexa el quen elixa o libro que máis lle chame a atención e que máis lle guste.

* Axudar ós fillos a organizar o seu tempo para que cada actividade teña o seu momento.

Os nenos e os adolescentes necesitan realizar unha serie de actividades que lles son vitais: xogos, colexio, amigos, televisión, lectura, descanso... A clave para poder realizar todas aquelas que lles interesen está nunha boa distribución do tempo. Por tratarse de algo persoal, onde as circunstancias teñen un peso significativo, non procede dar modelos de distribución horaria, pero na distribución do tempo, cómpre ter en conta algunhas consideracións:
• Escoitar os gustos e preocupacións dos fillos.
• Transmitir a importancia da lectura (sen demasiada énfase) polo que esta debe ter un lugar na organización do tempo.
• Non utilizar a lectura como castigo.
• Non plantexar o dilema lectura ou televisión, pois esta confrontación pode ser contraproducente.
 

* Convén facer de cada libro unha ficha

Nela poderan figurar algúns datos como o título do libro, os nomes do autor e ilustrador, a editorial, a cidade e o ano de publicación e a data da lectura. Pódese engadir un pequeño resumo, personaxes curiosos, capítulo preferido, tema de que trata, opinión persoal... Estas fichas deben coleccionarse nunha carpeta ou caderno de aros e a súa realización, que de ningunha maneira pode transformarse nunha obriga, adoita ser do gusto dos nenos, en especial cando se van facendo maiores, pois van vendo o que opinaban dos libros cando eran pequenos.

* A afección á lectura adquírese gradualmente, nunca nun momento concreto da nosa vida.

Daquela, estes consellos han de dosificarse pouco a pouco, sen desesperar. Hai nenos que tardan máis ca outros en acercarse ós libros. Ademais, cada familia ten que adaptarse ás súas circunstancias de horarios, economía, vivenda, barrio, etc. De calquera xeito, non esquezamos que unha das tarefas importantes dos
pais e nais é contaxiar ós seus fillos da importancia da lectura como medio de aprendizaxe e de pracer. Pero calquera iniciativa que se tome ha realizarse con moita cautela, pois o verbo ler non admite imperativos.
 
 
 

JAIME IGLESIAS GONZÁLEZ