Historia Viva


Nestes tempos de esquecemento e desmemoria, Cedofeita, consciente da necesidade de dar a coñecer ás novas xeneracións o pasado da nosa parroquia, comeza unha serie de entrevistas con persoas que son referencia histórica do acontecer de Lérez ó longo do presente século. E ninguén máis indicado para o comezo da serie que D. José Pérez Piñeiro, coñecido por todos como Pepe O Chouza. Nacido no ano 1910 , casou no seu día con Jesusa Arribas e de dito matrimonio viven dous fillos ; ten, polo tanto, 88 anos que lle permiten ser testemuña e tamén protagonista de moitos feitos  do pasado lerezán , sinaladamente polo seu papel na fundación dunha sociedade tan representativa como a JUVENTUD  LEREZANA. Mantivemos con él unha amigable conversa que ofrecemos a continuación:
 
Pregunta .- ¿ Como foron os anos da súa infancia?
Resposta .- Eran anos nos que non había a abundancia que hai agora ; para ir a xogar á pelota á Xunqueira utilizabamos balóns feitos con trapos e moitas veces chegabamos á casa cos pés esfolados de dar contra as pedras. A primeira  escola que tiven , foi na Piolla , cunha mestra que nos cobraba 2 pta ó mes. Logo estiven na de Juan da Corna , na Porta do Sol. As matemáticas aprendíanse , principalmente , cantando a tabla de multiplicar e dábase moito catecismo. Acórdome de compañeiros como Juan o irmán do Chosco ,Celestino o Ferrancheiro e outros.

P. .- De mozos ,  ¿como  empregaban o tempo libre?
R . .-O primeiro que hai que decir é que non había tanto tempo libre como agora ; os domingos  , se había baile  iamos , se non , iamos ó cine. Os cines daquela eran o dos Exploradores , o Principal e un que había na rúa do Chanchullo , que era de D. Alejandro Mon.

P. .-¿Cando empezou a traballar?
R. .-Empecei a traballar ós 16 anos na droguería de D. Luis Esteban (daquela non había farmacia) Por certo que ía moitas veces a facer recados á farmacia de D. Perfecto Feijóo. Fun  mpitas veces a buscar alí “ auga de vegeto” e unha das cousas que recordo de D. Perfecto é que me repetía que lle dixera á xente que non era para beber senon para dar fregas. Naquela época as farmacias máis sonadas eran , aparte da de Feijóa , a de Maquieira , a de Gastañaduy , a do Puente e a de Eiras. Deste último  contábase a anécdota de que tiña por manía ir de noite pola súa finca en Mourente para vixiar se os caracois lle comían as plantas.

P.- .- Entre os personaxes famosos de Lérez , un cura moi sonado foi D.Leandro...
R.- Certo, estaba moi ben visto por todos, era moi  dado e todo o que reunía por S. Benito ,como galiñas , aceite,etc, repartíao entre as familias máis necesitadas ,cousa que non fixo ningún outro.Recordo de pequeno unha especie de festa que fixeron no Gramal e na que estaban D. Leandro , os Gama , Filgueira o vello e outros moitos.

P.- ¿Como foi o nacemento de Juventud Lerezana?
R.- Os que empezaron foron Juan o do Chosco, Celestino o Ferrancheiro e logo os Gama, cambeouse de xunta e viñemos para a casa de Dorinda a Ruana que tiña o piso de arriba sin dividir e alí faciamos  o baile os domingos e festivos. Seriamos uns 60 ou 70 socios. Como Dorinda tiña taberna pedía que se fixeran moitos bailes e nós non podíamos. Sebastián Dios , Agustín Freiría e Arturo Sánchez , entre outros , pularon pola idea de comprar un terreo  cerca e facer un local propio.  Recolleuse diñeiro para os gastos e comprouse un terreno á nai de Luciano Arribas que vive no lugar da Gándara. Allanouse o terreno traballando todos e cargando a terra nos carros. O director de obras do edificio foi Sebastían Lores. Eu mesmo traballei facendo de electricista.

P.- ¿Tiveron que empeñarse para facer o edificio?
R.- Nós sempre nos opuxemos a pedir prestado ou a hipotecar o local anque houbo ofertas para que o fixeramos,pois tiñamos presente todo o problema da Caixa Rural. Como nos bailes do día de S. Benito tiñamos moitos ingresos , xa se ía amortizando.

P.- ¿Como eran aqueles bailes?
R.-  Pois eran moi serios , os que non ían un pouco decentes non se deixaban entrar. Os socios tiñan entrada libre e os forasteiros pagaban entrada. Tíñase moito compañerismo con outras sociedades como a de Mourente e Campañó e convidabamonos unhas a  outras.

P.- ¿Que outras actividades culturais se facían daquela?
R.- Pois xa na Sociedade de Agricultores , Ricardiño o de Portas tiña feito funcións de teatro. Era un home moi instruído ,tamén pintaba cadros... Na Juventud Lerezana fíxose unha rondalla e tiñamos unha biblioteca na que a primeira obra que compramos foron os Episodios Nacionales de D. Benito Pérez Galdós. Os libros foron destruídos cando foi da incautación e tamén se dixo que había libros comunistas. As estanterías foron feitas polo difunto do pai de Victoriano o Palomita.

P.-  ¿Lémbrase vostede de como foi a incautación?
R.- Anque fun movilizado, sei que viñeron grupos de falanxistas e cívicos; e posteriormente,  o local empezou a funcionar como centro de reclutamento.

P.- Vostede foi movilizado na guerra civil ¿como pasou a mesma?
R.- Cando estalou o  movimiento , movilizáronme e fun para A Coruña ,alí fixen un curso de farmacia , aprobéi e destináronme a Salas (Asturias) , Xixón , logo a León , a Morella (Castellón) onde recordo que había un castelo moi bonito e logo a Valencia ata que rematou a guerra. Había moitos piollos e miseria.

P.- Temos entendido que a  caza sempre foi moi importante en Lérez e vostede foi un home moi afeccionado á mesma...
R.- Certo. O que máis e o que menos andaba escaso de diñeiro e cazábase para comer. Na zona do Vao cazábase moito , lembro a Benigno o Marcelo , Bernardo Costado e Apolinar o Calacú. Daquela o normal era cazar moito , eu recordo matar no primeiro día despois da veda e xunto con Apolinar, 32 coellos e gastamos tódolos cartuchos. Iamos andando ata Chancelas e máis tarde iamos en bicicleta levando os cans atados detrás noso. Eu tiña un can pequeniño  , moi bo ,que levaba atado ó pescozo.Sebastián Dios cazaba lebres nas ladeiras da Escusa e foi fundador da Sociedade de Caza de Pontevedra. Despois da guerra quitáronme a licencia como a todos os que estiveramos na Juventud ou na  Casa do Pobo. Máis tarde teño ido a cazar a Zamora e a Villanueva de las Cañadas en Madrid. Tamén fun pescar pola zona de Gargallóns.

P.-  Lérez tivo naquela época moita  sona  e un dos aspectos máis coñecidos era o de ser terra de moinantes ¿Que nos pode contar sobre eles?
R.- Os moinantes tiñan mala fama pero aquí na parroquia eran boa xente. Os máis sonados eran Venerando que viveu nuha casa de planta baixa na rúa de J.B. Andrade , “Catro Ollos” que era moi ben presentado e fíxo algún que outro  fillo  na parroquia , e tamén era moi coñecido Adolfito. No lugar da Torre vivían moitos máis pero os verdadeiros artistas eran os que dixen antes.
 

 Estaríamos moito tempo en tan agradable conversa con José Pérez Piñeiro pero o tempo e o espacio obrígannos  a dar por finalizada a entrevista e despedímonos  agradecéndolle a súa amabilidade e a súa disposición a apoiar a recuperación dun local como o de Juventud Lerezana que foi feito para  fomentar a cultura do pobo de Lérez e tamén por manter viva a memoria daqueles tempos.
 


BENIGNO GARCÍA CASALDERREY
JOSÉ ÁLVAREZ CASTRO