A gaita, e a pandeireta son os instrumentos máis representativos da música popular galega, entorno a eles desenrólanse todas as actividades musicais desta terra.
A orixe da gaita é incerto, algúns supoñen que procede dos pobos Celtas. O primeiro documento coñecido en Galicia no que aparece un gaitero é no contrato de venda dunha finca no ano 1.374. A primeira representación iconográfica é a do capitel de Melide (A Coruña) que data dos séculos XII e XIII. Tamén nas cantigas de Afonso X O Sabio atopamos representacións de miniaturas nas que aparecen gaitas. Este instrumento sufríu unha continua evolución, tanto na forma visual como na musical.
Galicia ten un rico patrimonio folklórico de cancións e danzas populares:
A cantiga
popular é unha composición polo xeral breve (3 ou 4 versos, na súa maioría
octosílabos) que sobre unha arquitectura musical igualmente múltiple e esquemática
permeaneceron vivas na memoria do pobo que as creou. A través delas
podemos coñecer as características temperamentais dun pobo, dos rasgos anímicos
da súa esencia colectiva, dos seus costumes e da idiosincrasia máis xenuina,
da súa actitude ante a vida ou a
morte, do seu xeito de ser, de sentir e, en definitiva, que as aportacións que
proveñen da recopilación e da investigación crítica do seu folklore son
elementos de xuicio fundamentais para un estudio máis profundo da nosa forma de
vida.
Os cantos populares galegos nacen dun conxunto raro e complexo de circunstancias. Ninguén sabe que creou a canción popular. É o mesmo pobo, a musa popular, espontánea e fecunda e anónima case sempre; alguén fai unha cantiga que comeza a ir duns a outros e que, pouco a pouco, vaise perfilando, arranxando, mellorando, completando, ata o momento da súa fixación nunha ou máis variantes. Así o autor non é un, senón moitos. Agora ben; o pobo non fai poesía sen motivo; a cantiga xurde cando a xustifica e este algo son os traballos do campo, os labores do liño, as esfollas, as ruadas e mil momentos máis que se prestan para lucir o inxenio e facer máis levadeiras as actividades cotiás.
Manuel
Murguía dividiu os cantares en varios grupos: que os mesmos campesiños
distinguen co nome de muiñeiras, cantar de pandeiro, alalás, aninovo, maios,
etc. Vicente Risco pensa que deben clasificarse segundo as festas do ano,
relixiosas ou non, e nalgúns ritos
paganos:
Divertimentos.- muiñeiras, fandangos, ribeiranas, cantigas de pandeiro, de desafío, foliadas.
De traballo.- espadelada, as entonadas nos fiadeiros, cantigas de sega, de arrieiro, de vendima.
Domésticas.- arrolos e cantigas de berce e cantigas de cego.
Instrumentos tradicionais no folklore galego.
Algúns tipos de cantares que coñecemos
son:
- ALALÁS
Son cantos dilatados, de ritmo
libre, de grande fondura. Considérase o alalá, como un dos máis característicos
cantos galegos, dunha antigüidade e ascendencia máis remota que o segundo período
do canto gregoriano, chamado do apoxeo. O alalá, sen dúbida, é unha das
constantes na música galega, cuns valores
estéticos e artísticos innegables e que o convirte nun dos cantos máis
fermosos da nosa tradición.
ALALÁ
DAS MARIÑAS
Teño unha casiña branca
na Mariña entre os loureiros
teño amores, teño barcas
i estou vivindo no ceo !
Ailalelo, ailalalo
Adiós á miña casiña
Portelo do meu quinteiro
Auga da miña fontiña
Sombra do meu laranxeiro
Ailalelo, ailalalo
- A MUIÑEIRA
A muiñeira é un dos ritmos máis coñecidos e utilizados en Galicia. Fíxose
tan popular que sufríu múltiples variantes, ata chegar a estropealos. O nome
de muiñeira pénsase que procede dos bailes que os campesiños facían nos muíños
mentres esperaban para recoller a fariña.
A cultura galega tivo dende moitos séculos notables coros e corpos de baile que recollían as melodías populares e as danzas campesiñas, mariñeiras, etc. Estas danzas executábanse nas festas das distintas comarcas galegas. A muiñeira é sempre un alarde de ritmo, rapidez e vistosidade. Soe representarse nas romarías galegas, festas, onde soe haber un ambiente tradicional e recóllese o costumismo popular galego. Unha das muiñeiras máis características de Galicia é o espantallo. É unha danza campesiña, con música popular, o traxe que se utiliza é típico da comarca de Noia e pertence ó século XVIII. Trátase dunha danza inspirada nun espantallo. No medio do baile o espantallo cobra vida para bailar coas mozas. Este baile é en realidade un culto ó sol, ás aguas polas boas colleitas e ó espantallo que as protexe. Este baile é un dos poucos nos que só bailan as mulleres cun só home, ese home ponse unha coroza por encima da súa roupa e baila con ela. Outra das muiñeiras que se interpretan moito é a muiñeira de Fraga (provincia de Pontevedra). Bailada por homes e mulleres a principios deste século. Está caracterizada pola roda, común na maioría dos seus paseos e coplas. É de ritmo rápido que permite comprobar a variedade de muiñeiras existentes en Galicia (a muiñeira Ribeirana é de ritmo moi lento), segunfo a súa zona o comarca. Estas pezas son recollidas por agrupacións no mesmo pobo que leva o seu nome, así como o canto e ritmo da pandereita (instrumento que acompaña as voces).
MUIÑEIRA DE VILARIÑO
Unha vella nunha fonte
Por unha verza bebía
A verza estaba rachada
Toda a auga lle vertía
Ai e le lo ai e le lo
Ai e le lo ai e le lo
Ai e le lo ai e la la.
As mozas de Vilariño
Todas xuntas nun montón
Unhas cantan outras bailan
Outras andan ó castrón
Ai e le lo ai e le lo
Ai......
- CANTO DE SEITURA
Ata tempos ben próximos ós nosos, cantos oficios debían percorrer longos traxectos a pé ou en cabalerías arrieiros, pastores, cargadores de sal...- ou os que conlevaban un traballo pesado e monótono tiñan as súas cancións especiais, para andar ou traballar. En moitas ocasións as cancións ían destinadas a marcar o ritmo, para que o esforzo resultase máis regulado, ou noutros casos facer o traballo máis levadeiro.
CANTO DE SEITURA DE CADÓS
Hei d´ir a túa seitura,
Hei d´ir a túa segada
Hei d´ir a túa seitura,
Que a miña vai ch´acabada
Ai la la la ai la la la
- CANTAR DE CEGO
Son os que cantan os cegos en festas e romarías cos seus lazarillos, acompañados pola zanfona ou un violín. Acostuman a axustarse ó momento, ó lugar, á ocasión e a finalidade que o motiva. Crítica social, enfrontamentos dos sexos, casamentos ridículos, sucesos tráxicos, verdadeiros ou imaxinados, vidas de santos, sinais do fin do mundo e romances tradicionais, algúns deles moi espallados, como Xerineldo, O Conde Alberto, Rufiniña, etc.
ROMANCE DO CURA E A CRIADA
Y a la media noche,
Llamó la criada,
Chiribí, chiribaina,
Llamó la criada.
¿Qué tiene, mi amo,
que tanto me llama?
Me hace el chuculate,
Tráimelo a la cama
Chiribí, chiribaina....
- CANTAR DE BERCE
Canción de cuna que ten xeralmente unha música monótona axeitada para dormir ós nenos. O arrolo require berce e o arroró cántase co neno en brazos, facendo ó tempo un lixeiro vaivén coa parte superior do corpo.
CANTIGA DE BERCE
Se queres que brile a lúa
Pecha os ollos meu amor
Que mentres os tes abertos
A lúa pensa que hai sol.
Nin pola prata da lúa
Nin polo ouro do sol
Non te deixo meu meniño
Non te deixo meu amor.
- OUTROS CANTOS POPULARES
Polo mes de Nadal comezan a ter lugar os fiadeiros, nos que as mulleres fían o liño e a lá cada unha co seu fuso e a súa roca, mentres esperan a chegada dos mozos que comezan a cantar, entoando cantigas que son contestadas polas mozas, comenzando así un desafío ou un cortexo. Mozos e mozas cantan, bailan, falan e brincan ata o remate da festa. Nos fiadeiros nacen outras dúas produccións populares: os cortexos e os parrafeos.
Os cortexos non teñen o carácter agresivo dos desafíos, senón que son amorosos. Os cortexos fanse entre un mozo e unha moza, axudado cada un deles polo seu correspondente coro. Os parrafeos danse entre as mozas soas, entre mozos ou entre uns e outros e teñen carácter festivo.
A mociña fía,
As estrigas blancas
Fía noite e día.
Fía liño de ouro
Ou fía a esperanza
Dun meniño louro.
Lenzos de noivado
Amor non espera
Fía noite e día
E non da fiado.A veliña fía
As estrigas brancas,
Fía noite e día.
Fía por deleve
Seu cabelo branco
¿Ou só fía neve?
ALMUDENA MARIA GRANDAL BARREIRO