Homenaxe ós fundadores do local propio da Asociación Cultural " Juventud Lerezana "


    Se ben é unha honra que me designasen para anunciar un recoñecemento público que a parroquia lles fai, ó través da Asociación Cultural do Cristo, a persoas que dende o anonimato fixeron por esta terra un labor que deixa fonda pegada entre as xeracións seguintes (ós pioneros daquela Juventud Lerezana que contribuíu a construír co seu esforzo altruista o local onde merecidamente hoxe lles rendemos homenaxe), a esta honra hei de engadi-lo gozo de que a encomenda teña lugar na miña parroquia, Lérez, e que, os venerados sexan así mesmo lerezanos. Este feito éncheme dunha fachenda tan especial que provoca no meu interior o síndrome da poeta que buscase desesperadamente entre moreas de palabras fermosas as máis xustas, as máis axeitadas, tentando apreixalas para argallar con elas a máis marabillosa das composicións líricas na derradeira homenaxe, na definitiva despedida a un ser querido que finase e se sentise mudo.

    É unha mágoa que estes actos protocolarios esixan que sexa outra persoa, allea ós protagonistas, quen lles dea apertura. Cónstame que calquera destes persoeiros expoñería unha extraordinaria e amena conferencia que nos serviría de lección sobre o que significou no seu día aquela sociedade que, xunto coa Juventud de Mourente (coa que intercambiaba experiencias) serviron de modelo a imitar por outras moitas.

    O venres, contra a noitiña, tiven unha entrañable entrevista cunha das persoas que hoxe aquí honramos, con José González Lores, ou mellor, co señor Pepe, o do Baile do Chosco, sí, o carteiro que levaba ós nenos na súa moto, nunha época na que ¡so era todo un luxo, aquel que non perdía o sorriso malia cobrar como por tres horas o traballo de toda unha xornada. Este excelente conversador foime poñendo ó día en cousas que eu, sendo de Lérez dende antes de ter uso de razón, non sabía. Confeso que procedo desa xeración da ignorancia por ocultamento, de involuntaria amnesia colectiva que nos mantivo durante anos afastados da nosa lingua e da nosa cultura. Descubro abraiada a inquietude dos nosos maiores por facer agromar noutrora un interese pola cultura entre a xuventude. Coñecer esas ideas altruistas de desinteresada e entusiasta dedicación, faime sentir un arrepío no que se mesturan a emoción do entrañable e a vergonza da comparación co materialistas que pouco a pouco nos estamos volvendo na actualidade.

    Non estaría mal , aproveitando esta emotiva reunión, relembrar a grandes alancadas, as primeiras andainas deste recinto aínda que sexa utilizando palabras que roubei do entusiasmo contaxioso que emerxía na voz dunha das testemuñas, do señor Pepe.

    Tanto José Abilleira Lores (o dos “chinítos” do Ramallás, o de máis idade de todos eles) como Luciano Arribas Hermida, o de Gándara (si, sí, o tío dos da panadería Portela), ou José Gama, ou Urbano Ogando (o “chulán”), ou o meu interlocutor José González Lores, ou Severiano Pérez Casaldarrey (o “calacú”) o cobrador dos troles, ¿quen ía ser?), ou José Pérez Piñeiro (Pepe “o chouza” para todos), ou Lino Eiras Beis de Casal Novo (ese gran conversador que a saúde impide estar aquí hoxe con todos nós, sen que ¡so signifique que eu renuncie a recordar que foi nun deses sorteos que facía a asociación cando lle tocou un chal que, segundo as “malas linguas”, aínda garda con agarimo despois de arroupar a tódolos seus fillos con el), digo, que todos eles forman parte dese exército pacífico de pioneiros que co seu particular e entusiasta esforzo, económico nuns casos e físico noutros (traballando arreo mesmo pola noite colocando ladrillos deste edificio no que nos atopamos e nas horas que seguían á xornada laboral oficial), levantaron este local da Juventud Lerezana no 1933. Este ofrecía magníficas actividades de ocio e esparcemento ós seus socios: teatro, bailes nas noites dos domingos (incluso ocasións sinaladas para ós máis cativos), unha rondalla... Nin sequera a elección de Miss Lérez podía faltar como feito acreditativo da beleza das mozas que como abrochos de flores agromaban nestas terras (unha das “chinitas” foi a primeira, outra, Josefina de Casaldarado, que rematou en Montevideo casada cun profesor que tocaba o violín).

    Tampouco non faltaba o humor que adoitaban regar unicamente con viño rebaixado con gaseosa, “rendía máis e non se subía á cabeza”. Un humor que, ben seguro, se ve reflectido na memoria dos presentes hoxe homenaxeados aquí. ¿Lembran vostedes cando Ricardiño de Portas, polo entroido e vestido de home, penetrou no local da Ruana onde desenvolvía as súas actividades daquela a Juventud Lerezana, facendo parella co Labaradas, que facía de muller preñada a punto de parir? Ante tan teatrais dores de parto, uns amigos colocáronlle baixo as saias unha penica (nova, que todo hai que diciio) con viño branco e chourizos que axíña retiraron mostrando ós asistentes ó baile o que querían facer crer a todos, e con simulada falta de escrúpulos puxéronse a comer e a beber perante o abraio dos inxenuos que supoñían un contido ben noxento na penica. Este local estaba onde tiña consulta o médico Ballina.

    É que de certo este de aquí non foi onde a Juventud Lerezana levou a término as súas actividades. Primeiro xa estivo na de Carmiña a do “calacú” (a casa era do Torneiro). De alí partiron as primeiras notas de acordeón. Logo pasou a onde viviron os Buján, onde as Trubias do Castelo, as Pandas (entre as que se atopaba a miña avoa Josefina, as Marocas, as da Pecadora de Casal Novo, e xa máis abaixo, as Nuncias, as Torneiras, as da Gándara... Tamén meus tíos Severiano Canosa (todo un cabaleiro) e Manolo o da Barburiña (quen roubou a cor do mar para os seus ollos), dúas persoas entrañables que recordo con especial agarimo. Sendo moi nena corría cada día a saudalos ó seu paso pola Porta do Sol. Dábanme, de cando en vez, unha peseta. Medrei e deixei de correr a recibilos no temor de que cresen que era pola moeda. Todos eles e moitos máis, por suposto, posuían o carné xa daquela.

    Unha vez que estes socios fundadores que hoxe honramos en representación tamén dos que xa non poden estar aquí, digo, unha vez que argallaron este local, as cousas camiñaban cara adiante, en dirección ó futuro. A Guerra Civil fixo que todo quedase sacudido por ese irracional movemento que enfrontou a irmáns e veciños e que acabou con todo o que tivese que ver coa cultura. Manternos na ignorancia facíanos máis manexables. E xorde a abominable paradoxa de transformar este Centro Cultural nun polvorín. Logo quedou todo abandonado, e como adoita acontecer nesas situacións, as portas, as ventás, a instalación eléctrica, as tellas... ían desaparecendo como anaquiños dunha ilusión colectiva que se crebaba ó ve-los seus esforzos voar polos aires.

    Foi daquela que D. Leandro, ó tal ver, dende á sua condición privilexiada de Prohombre de la Hermandad de Labradores y Ganaderos, transferíuno á Cámara Sindical Agraria e así poder obter axudas para o seu arranxo e mantemento. Transformou o local nunha escola: “La Escuela de la Hermandad”, aí xa descubriron o significado dos signos escritos algunhas das miñas amigas, como Marisa a Rascada.
 




Interior do local da Sociedade Juventud Lerezana, convertido en polvorín, almacén e escola da "Hermandad", aspecto ese que se ofrece na foto. Desde hai moitos anos, este local vén sendo utilizado por tódalas entidades e asociacións parroquiais.

    ¿Recordan que o que hoxe fai de bar, era a cociña da escola? Alí comía voluntariamente o alumnado que o desexaba, alí saboreaban o que cociñaba a señora Peregrina a “chulana”.

    Despois da escola foi cando Manuel Piñeiro, Antonio Odriozola e Calvo trataron de crea-lo Tele-Club, solicitando parte do local á Cámara Agraria arredor dos anos setenta.

    Recentemente, disoltas as Cámaras Agrarias, pasou a mans da Consellería de Agricultura, agardamos que como paso previo á volta ós seus verdadeiros donos, ó pobo de Lérez.

Hoxe as diferentes asociacións da parroquia celebran aquí as súas reunións.

    ¿Lembran señores pioneiros a José o “golondrinas”, o “da flor”? Este singular persoeiro tamén foi asiduo desta sociedade que mantiña ós veciños en contacto, que fomentaba a relación entre todos, evitando aquilo que acontece hoxe de non sabermos quen vive no piso de arriba.

    ¿Lembran vostedes cando, rematada a guerra no 39, polo San Benito, no Virote, a xente bailaba, en troques de na terra, no estrado de madeira onde tocaba a orquestra e que cubría a corte das vacas, a onde foron parar uns poucos cando as táboas cederon? Non, non se rían, pois ata houbo quen rompeu unha perna.

    ¿Lembran a Poceiro, aínda de pantalón curto, tocando o acordeón alá polos anos 30?, con el tocaba o violín Celestino, ou Tino, un irmán da miña ben querida mestra dona Digna.

    Non podo deixar de nomear a todos aqueles que de algún xeito colaboraron en que este local, froito do empeño e entrega dos veciños de Lérez, fose sede de actos culturais que merecen permanecer con continuidade na nosa memoria. E é que opino que todos vostedes conservan unha inxenuidade que agroma dunha xenerosidade de seu, de non ser así non pagarían do seu peto persoal a gabardina que lle faltou a un dos asiduos da sociedade, nese gardarroupa de a pataco. ¿Lembra señor Pepe González? Menos mal que Niní Casalderrey, socio con Godoy, fíxolle unha rebaixiña para a ocasión.

    Menciono tamén a Ricardiño de Portas (casado con Peregrina a “chapela”), o señor Ricardo para os máis novos, ese home polifacético que os que o coñecen calificaron de artista, pois o mesmo ensaiaba teatro, que pintaba un cadro, recitaba un poema ou facía nun alarde de boa memoria, un reconto mental dos veciños de cada lugar que ían desaparecendo; ou mesmo deliciosos zócalos de madeira cun pulido que os transformaba en mármores de extraordinaria beleza e que algúns veciños conservan como reliquias.

    Unha lembranza para Sebastián de Dios pola creación desa rondalla que mereceu actuar no Teatro Principal de Pontevedra. Nela participaban os fillos do señor Juanito o “galiñeiro”, dous irmáns de Lola a “candiña” (o Angelito e o Manolo), os de García, os Bujáns... chegando a xuntar entre 30 e 40 músicos (violíns, guitarras, laudes, bandurrias... soaban ó unísono nos múltiples eventos que organizaba a Asociación.)

    A escasa e apresurada información fai inevitable que caiba a posibilidade de que aquí haxa inxustas omisións, mesmo de mulleres, nais e esposas, que soportaron pacientes a ausencia dos seus homes durante moitas xornadas. Para todos eles ,e para todas elas vai o meu recoñecemento.

    Sinto un sincero desexo de que todo ese ambiente e esa actividade se poidan recuperar (sen ser en local de prestado), e poder experimentar dalgún xeito o que noutrora tiveron ocasión de vivilos meus
avós José (como socio) e Francisco como asiduo visitante que pagaba a súa entrada de 1 peseta relixiosamente. Tanto como a cuota do mes enteiro do meu outro avó. E é que facerse socios, ademais de axudar a impulsar unha sociedade organizada, reporta beneficios na economía. É polo que dende aquí aproveito para animar ós presentes, que aínda non o sexan, a que se fagan socios da Asociación Cultural Cedofeita, que está facendo un labor de iniciación, sempre difícil, dunha recuperación cultural que Lérez merece. Sentiríanse ledas facendo súa esta homenaxe coa ledicia de que a súa semente non caeu en camiño de pedra.

    Incluso o padre Sarmiento, que se formou no noso mosteiro, sentiría fachenda de que este tipo de iniciativas se multipliquen, pois sería sinal de que comenzamos a recupera-la autoestima de ser de Lérez, de ser galegos, polo que el tanto loitou, e tanto lle chocaba o rechazo e indiferencia das nosas xentes por todo o herdado dos nosos antergos.

     Non hai nin un mes, tiven oportunidade de visita-lo noso antigo e extraordinario en beleza, Centro Galego da Habana (feito co esforzo de tódolos galegos que viviron a emigración en Cuba) e que hoxe recibe o nome de Gran Teatro de La Habana ou Teatro García Lorca. Foi para min emocionante descubrir que, a pesar dos avatares políticos que llo arrincaron a quen sufriu o esforzo persoal de erguelo, na cúpula do maxestuoso teatro principal conserva o escudo de Galicia, como seña da súa orixe, da súa verdadeira identidade.

    Pode que algún día, con tempos máis razoables, ese escudo volva ter un significado actual, ó ser devolto o edificio ós seus donas orixinais.

    Tamén este local posúe na parte superior da fachada gravadas as letras de SOCIEDAD JUVENTUD LEREZANA e que nos tempos irracionais da guerra (como tódalas guerras de sangue) foron
mandadas tapar con cemento. Aquí na actualidade témolo máis doado ca en Cuba, posto que a recuperación deste local está nas mans de gobernos democráticos que agardamos saiban facer alarde da xustiza, e dar a Lérez o que é de Lérez.

    A Benigno García, o “Marselo” da Gándara, arrincaríalle sorrisos o saber que a fachada que el mesmo construíu conserva aínda o selo do seu traballo desinteresado.

    Na festa que organizaremos cando iso aconteza terán moito que ve-los persoeiros que homenaxeamos hoxe; é polo que quero rematar dándolle-las gracias polo que xa fixeron e polas consecuencias que agardamos en breve traia.
 

FINA CASALDERREY