¡Os tempos son chegados! Esta expresión que na política é tan manida en Galicia, pódenos servir para enfatizar arredor do hoxe do encaixe que, como moitas artesanías, estase a poñer outra vez de moda. Non só é unha arte que vai de mans en mans da beiramar ás montañas, das cidades ó rural ou viceversa. A antigüidade da artesanía do encaixe está probada no camiño dende Oriente cara o Occidente, por terra e por mar, dende a idade Antiga deica hoxe, chántase en Galicia con tanta fondura que amosa unha creativa carta de natureza, traballándose con tanta orixinalidade que o noso encaixe ten técnicas e motivos totalmente xenuinos da nosa terra.
Unhas das entradas históricas máis salientables do encaixe son os chamados Camiños de Santiago, en concreto o chamado portugués, que chega desde o estado irmán, recorre parte da provincia de Pontevedra marítima e desde a capital do Lérez escolle o camiño interior ata chegar a Santiago, logo de pasar por Caldas e Padrón. No seu camiño pola capital provincial mestúrase polos antigos camiños da parroquia de San Salvador de Lérez nunha andaina lene e fermosa, polo histórico camiño romano. Facer partícipes a todos deste camiño só ten obxectivo de lembrar que os camiñantes peregrinos, non foron soamente penitentes, senón tamén presentadores doutras culturas con tódolos seus complementos, entre os que se atopa o encaixe, coma unha artesanía con sabores alleos, pero con titulación totalmente galega. Este producto que representa unha forma de sociedade de gran desenvolvemento e moda, tamén foi un xeito de símbolo social, ora como ofrenda e/ou arrepentemento en mosteiros e santuarios por onde pasaban os peregrinos, ora como pago de impostos en varios lugares do devandito camiño.
Abondando máis neste campo de investigación, debemos indica-lo feito de que na parroquia de Lérez había varios lugares onde a sementeira de liño, materia prima do encaixe ata a 1ª Guerra Mundial, que tivo moito seguimento por toda Galicia durante todo o século XVIII, no que Pontevedra cunha poboación de 4000 almas chega a ter 320 palilleiras e 7 almacéns de compra - venda do encaixe, e que se configura como o oficio mais importante en número de traballadoras/es, despois dos mariñeiros. A pesar da gran importancia desta artesanía, temos poucas novas deste desenvolvemento xa que as mulleres non formaban, en xeral, elementos fiscais na economía daquel tempo e só por estudios económicos do Concello ou de profesionais privados, coñecemos hoxe este tipo de datos.
Palilleira de Pontevedra, nun delicado traballo de encaixe.
En moitos fogares da parroquia lerezana aínda se conservan encaixes soltos ou mesturados en teas de sabas, panos de man, mantelerías ou en roupa de vestir con diferentes tipos de encaixes como as puntillas, estreitas ou anchas, colos, entredoses ou complementos que foron mercados no primeiro tercio do século XX polas mulleres e algúns homes achegados desde Camariñas, Muxia, Vimianzo ou Santiago, que varias veces ó ano visitaban a nosa cidade e que de rúa en rúa pregoaban as súas mercadorias ou se instalaban na praza da Ferrería, nos días de feira e mercado, para ofrece-lo seu producto a tódolos / tódalas pontevedreses.
Na actualidade, un bo grupo de mulleres de Lérez levan adiante a herdanza do encaixe, formándose nas diferentes escolas, antigas palilladas, urbanas da nosa cidade, realizando unha gran variedade de encaixes, dos que sobresaen puntillas para panos de man, xogos de cama ou mantelerías, sen desbotar complementos para traxes de comunión. Abofé que xa non se fan encaixes para a roupa e ritos relixiosos, polo camiño social que leva o encaixe de tipo, case sempre individual e para uso familiar, en xeral fóra dos circuitos comerciais e sen pretensións económicas, pero tamén podemos indicar que o mosteiro de Lérez, en semellanza coas igrexas de Santiaguiño do Burgo, Alba ou Xeve, conserva algúns exemplos antigos de pezas encaixadas doutros tempos.
Encaixes
Asemade, a técnica empregada para a realización do encaixe galego polas nosas artistas da parroquia é de tipo galego, é dicir, o de Camariñas, capital do encaixe de Galicia, aínda que o fío de algodón e os palillos xa non sexan autóctonos, pola contra, mércanse en tendas especializadas e chegados de Cataluña.
A antiga materia prima do liño deixouse de sementar na parroquia, pero segue subsistindo en varios lugares de Galicia e podemos profetizar que, non está lonxe o día en que outra vez o encaixe se faga con liño galego.
Na parroquia de Lérez convive o encaixe de séculos co realizado día a día, sen a necesidade económica de principios do século XX e, polo tanto, con maior proxección de creatividade e tranquilidade. Cada día son máis as mulleres da parroquia que poñen o seu ocio en mans do encaixe, adornando a casa e a roupa con elementos desta artesanía, conseguindo un camiño de harmonía coa nosa historia e as nosas tradicións máis enxebres.
MARIO GALLEGO REY