DOAZÓN DO MOSTEIRO DE SAN SALVADOR DE LÉREZ POLO REI ORDOÑO II




A Época

 A única constancia documental que se coñece é unha copia notarial do ano 1279 que, gravemente deteriorada, se conserva no Archivo Histórico Nacional (Madrid). Neste documento aparece a data de 16 calendas de setembro da era 924, que correspondería ó ano 886; pero todo parece indicar que existen erros e/ou manipulacións posteriores, sendo a data máis probable a do 17 de agosto do ano 915 ou 916. O Padre Flórez, no ano 1792, ofrécenos a transcrición latina, existindo tamén traducción ó castelán (José Millán, 1931).

 A versión que ofrecemos neste artigo está baseada no texto do Padre Flórez e coidamos que é a primeira en galego.

O contexto histórico

 O  contexto histórico do momento (s. X) está determinado polas ameazas exteriores en dúas frontes: os ataques viquingos pola costa e a presión dos musulmáns do califato cordobés polo interior. No que respecta á orde interna, destacar as disputas sucesorias sobre o trono galego-leonés e as fames e pestes ligadas ás crises agrícolas da época

 Os personaxes principais que aparecen no documento son o rei galego-leonés Ordoño II, fillo de Alfonso III, e a súa dona (G)Elvira Menéndez, filla de Hermenexildo Gutiérrez, conde de Tui e Porto, e a súa muller Ermesinda. Do seu matrimonio naceron os reis Sancho Ordóñez, Alfonso IV e Ramiro II. O bispo iriense que se menciona é Sisnando I e non o máis coñecido Sisnando Menéndez. Tamén debemos salientar que é o primeiro texto no que aparece constancia da doazón dun exemplar da Regula Benedicti na dotación inicial dun mosteiro.

O texto

Un estudio completo do documento excede, tanto por extensión como polo contido, o ámbito deste artigo, pero non está a máis facer unha serie de reflexións sobre diversos factores a ter en conta para o mesmo:

· Unha traducción é algo máis que unha simple translación de palabras desde un idioma a outro, é esencial unha comprensión previa do mesmo, o que require achegas de diferentes disciplinas, sendo, polo tanto, necesario un enfoque interdisciplinario. Non se trata só de traducir, senón de explicar o texto.

·  A lingua na que está escrito o texto correspóndese co chamado “latín medieval”, isto é, unha “combinación” do vocabulario latino con unha sintaxe (orde das palabras, colocación das frases,...) que case non se diferencia do galego actual. Os problemas lingüísticos veñen entón dados máis ben polo sentido que se lle debe dar a certas palabras ou frases, que moitas veces poderían recibir máis dunha interpretación ( tal expresión nun tipo de documento pode significar unha cousa ben distinta do que signifique noutro tipo de documento ou mesmo non ter sentido aparente ); a todo isto hai que prestarlle atención especial, así como a posibles erros de copia (téñase presente que poucas veces traballamos con orixinais, senón con copias, e mesmo copias de copias,...) que se vaian acumulando no texto. Como non, tamén pode acontecer que diversas circunstancias (manchas, incendios, roeduras de ratos,...) fagan difícil ou imposible a lectura de certas pasaxes

· Outro factor importante a ter en conta, especialmente en documentos de doazóns, é o dos nomes de lugar citados no texto. Situar zonas de hai mil anos no Lérez de hoxe pode resultar tarefa moi esgotadora ( o mapa vén sendo un bo auxiliar, como o de alguén que sexa bo coñecedor dos nomes do lugar en cuestión; aínda así, quizais sexa obrigado pescudar en fontes históricas ), pero é algo que non pode ser deixado de lado, especialmente en documentos deste tipo, onde é esencial delimitar o couto do mosteiro. Xuntémoslle tamén tódalas posibles modificacións que puido sufrir o terreo ó longo do tempo (variación do curso dos regatos,...) e mais o nome (un lugar que ata o ano X era coñecido dun xeito determinado pode pasar a chamarse doutro xeito a partir daquela data por múltiples causas: migracións, invasións,...) e teremos unha boa imaxe das dificultades ás que hai que facer fronte neste ámbito.
 

· Non está de máis prestar atención a aspectos máis “anecdóticos” mediante un estudio que aclare os lugares do texto que puideran non ser facilmente comprensibles para o lector común; por exemplo, dicir quén eran Datan e Abiron (tamén chamados Dathan, Albiron,...), ben explicándoo directamente ou ben remitindo a unha fonte onde o lector poida pescudar datos sobre eles (neste caso, a Biblia, Números, 16, 10 e seguintes).
 
 

                                                                                        XOSÉ ÁLVAREZ CASTRO
                                                  XOSÉ AFONSO ÁLVAREZ
 



Ordoño II

Rei Ordoño II

                  O noso agradecemento ó profesor Francisco Villamil pola revisión da traducción.
 
 

No nome de Cristo, Nós, o Rei Ordoño II e a miña dona Elvira, cos poderosos e ilustres homes da nosa curia, e o bispo de Iria Sisnando,de boa lembranza, quen dá o seu consentemento, e con todo o colexio dos seus coengos, saudámoste, abade Guntado e a todos os teus irmáns, tanto presentes coma futuros.

 Mediante esta decidida cesión da nosa autoridade e con moi grata disposición e feliz propósito, damos e concedemos a ti, abade Guntado, e a todos os teus sucesores que despois de ti estean no mosteiro de S.Salvador, e ós teus irmáns, tanto presentes coma futuros, a protección, a liberdade e a separación tanto do noso reino como do bispado da Sé de Iria e do Lugar do Apóstolo.

 E a este mesmo mosteiro de San Salvador, no lugar chamado Spinareto, preto do río que chaman Lérez, gardamos e dispensamos de calquera imposto e do fisco real e episcopal a perpetuidade para honra do Santísimo Salvador Xesús Cristo, fillo de Deus Vivo, Noso Señor,  da Santísima María sempre Virxe e dos Santos Miguel Arcanxo, do célebre e moi santo Apóstolo Iago, de S. Tirso, de S. Lourenzo, de S. Mamede, de S.Martiño Bispo, de Sta María Magdalena, de Santa Engracia e todos os Santos de Deus, dos cales se cre que hai gardadas Sacrosantas Reliquias neste mesmo mosteiro.

 En primeiro lugar situamos o límite ante a embocadura do Elva e de alí polos términos de Guigilde e de alí á pedra escrita que hai no muro de Citofacta [Cedofeita], e de alí a través dos límites de Campela e de alí polas augas de Soveira Lamosa e de alí por ese paso entre os términos de Gatomorto e de Canoso e de alí á entrada do río Couso pola vía pública e de alí cara a costa onde se misturan ese mesmo río Couso e máis o Lérez e de alí  polo muro de Castiñeira e por aquela pedra que está na fonte de Vila Verde e de alí polo medio do río de Lérez sen interrupción ata ese lugar onde entra o río Elva no río de Lérez e de alí á embocadura de Sena e de alí á embocadura do Elva, onde comezamos por primeira vez.

 Pola nosa autoridade afirmamos estes límites e todo o contido entre eles, e inda o  confirmamos con todas as heredades e garantías e posesións súas en calquera lugar no que estivesen, e cos homes e a nosa servidume, a cal damos alí para servicio de Deus a favor do mosteiro; e calquera xente de non importa qué lugar viñese para habitalo permaneza honrada a perpetuidade e libre e dispensada de calquera imposto do rei ou dos bispos que hai ou haxa na Sé de  Iria e Lugar Apostólico de San Iago; e para que o xa devandito mosteiro de San Salvador permaneza libre e tranquilo a perpetuidade, non haxa ningún home, nin rei, nin bispo, nin militar, nin príncipe da terra, ou que nela gobernara, que contradiga  este privilexio escrito e confirmado por min, o rei Ordoño, a miña dona Elvira e polo mesmo Don Sisnando, bispo na sé de Iria e no lugar apostólico de San Iago.

 E para confirmar isto, a doazón pontifical e mais a real, eu e a miña dona a Señora Elvira, damos agora a este mesmo mosteiro dúas excelentes campás, un magnífico cáliz de prata, unha cruz de prata, un cofre de prata, doce sagradas vestimentas sacerdotais, estolas, manípulos, casulas e catro capas de seda. E Libros Sagrados, Misais, Oficiais, Antifonais, Salterios, a Regra escrita de San Bieito, con todos os ornamentos segundo convén á orde monástica para realizar ata a fin o servicio de Deus.

 E ademais, como complemento, canto de beneficios teño alí nese límite dou e concedo todo a este mesmo mosteiro para uso e servicio a Deus dos servos da orde da Santa Relixión e Regra de San Bieito: a saber, a metade de Vila de Lamas, a metade de Figueiroa, todo o Casal de Lavandeiras con todos os seus productos. Estas vilas damos con todas as súas propiedades dentro e fóra. Vila de Lamas extrema con Vila de Lérez por aquel camiño de enriba dese Casal de Conchido: e de alí polo marco de Ermelao que extrema con Lamas, e de alí polo outeiro de Fonte Gramal, e de alí a aquela pedra que está no camiño sobre Porto de Sicca e de alí cara a aquela anta de Soveira da Gándara e de alí cara aquel marco que está naquel regato, a auga do cal entra no río Lérez, e de alí pola vereda de Figueroa, e de alí pola finca maior, e de alí pola embocadura de Espiñeiro no río Elva, e de alí entra no prado como o propio río Elva no río de Lérez.

 E tamén engadimos alí homes da nosa servidume: a saber, Daraldo e Dosevio, habitantes na vila de Lérez e Sisnando, cos seus fillos Pepi e Iustario. E dous en Canoso, Sisnando e Anseredo. Todo isto concedemos e afirmamos e aseguramos a ti, abade Guntado e ós teus sucesores; a saber, o xa mencionado mosteiro, que ti fundaches na nosa propia propiedade, como quedou dito arriba, baixo os términos xa ditos con tódalas súas entradas e apéndices, as heredades e servidumes que sirvan a este mosteiro en perpetuidade. E é este mosteiro fundado na terra Saliniense por debaixo do castelo que era chamado Cedofeita nos antigos tempos, fluíndo nese lugar o río Lérez, baixo a diócese de Iria, sendo Sisnando bispo de Iria e do lugar apostólico de San Iago, e que permaneza firmemente confirmado e defendido pola nosa autoridade e pola dos nosos sucesores que gobernen despois de nós no reino de Hispania, e sempre protexan e defendan a este mosteiro. E mandamos que ninguén, nin home nin príncipe, que gobernase terra saliniense, nin soldado, requira aquí vasalos nin outra cousa nunca.

 E se con respecto a este noso espontáneo acto, alguén, tanto da nosa familia de reis de Hispania como dos bispos que houbese na sé de Iria e o Lugar Apostólico de San Iago, o contradicise ou desfixese, atraído polo espírito diabólico, sexa entón  separado da fe de Cristo a perpetuidade, excomungado do corpo e sangue do señor, e condenado pola sé romana, que é a nai da cristiandade, e anatemizado e sumerxido a perpetuidade no inferno con Xudas traidor ó Señor, con Dathan e Abiron, ós que a terra tragou vivos, polo Xuízo do noso Señor Xesús Cristo que virá na fin do mundo. E ademais disto, polo atrevemento pague 5 libras de ouro pola parte do rei e por caer na impostura faga fronte ó dobre e ó triple. E permaneza sempre este mosteiro baixo a nosa protección e tutela e dos nosos sucesores, libre e tranquilo a perpetuidade.

 E é feito este documento polo Notario o día XVI das Calendas de Setembro correndo a era DCCCCXXIIII.
 E Nós, o rei Ordoño, coa nosa dona a raíña Dona Elvira, poñemos as nosas mans sobre esta serie de Documento e Privilexio.
 Eu, o rei Ordoño, confirmo esta doación feita por min.
 Eu, a raíña Elvira, confirmo.
 Baixo o nome de Deus, Sisnando, bispo por gracia de Deus, confirmo.

Brandericus, bispo de Tui // Sayaricus, bispo de Dumia // Recaredus, bispo de Lugo // Ermogius, bispo de Portugal // Martinus, bispo de  Ourense // Froyla Ordonez // Sarracinus Nunez // Muninus Froylani // Assenati Furtuniz // Froyla Alurti // Athaulfus  (Diácono) // Zedón (diác.) // Sandinus (diác.) // Ermegildus (diác.) // Guimara (diác.) //
Vistilla  (diác.) // Vimara (Presbítero) // Nunius (Diácono) // Vermundus (diác.) //
Gundesindus (diác.) // Loytus (diác.) // Vistilla (diác.) // Adulfus (diác.) // Fradamundus (diác.) // Visclaramundus (Arquidiácono) // Adefonsus Gundisalvez // Aloyto // Abendus // Gundaricus // Ermegildus (Diácono) // Sigeridus (Abade)

Eu, Adefonso, Notario Canónico do bispo D. Sisnando na Sé de Iria e Lugar Apostólico, escribín e confirmei.