Cartel anunciador do Roteiro
Lérez-Poio organizado por Cedofeita.
Nos escritos de Viaxe a Galicia (1745) de Frei Martín Sarmiento aparece o texto Xornadiña ao Poio no que o ilustre frade bieito describe unha viaxe entre os dous mosteiros. A continuación transcribimos parte do mesmo:
O sábado 25 de setembro saín só para o mosteiro de San Xoán do Poio co gallo de recoñecer o seu arquivo e recrearme, e non fun pola Barca mais pola Ponte das Cabras, v.g.: Burgo Santiña.Vau.Ponte das Cabras.Altabón. Santo Paio (á dereita igrexa de Campañó). Parada.O Porto. Creo ó pasar o río de Cons, que divide a Campañó do Poio. No antigo Canoso. Fraga de Moreira. Orgo do Monte. Bouza. Moíno. Poio, legua e media de Pontevedra.
O mosteiro do Poio está nun val descuberto ó norte e ó mediodía, entre a cadea de montes menores, que chaman en común o Montecelo, e no antigo Monte Zelo ( pero eu creo que é Montecillo, Monticello,Montecelo) e a cadea de montes maiores, que en común chaman Castrove.
O Montecelo elévase ó mediodía de Campañó e vai parar á punta de Campelo pasando polo Vau,e ó poñente da ponte de Pontevedra. O Castrove érguese ó mediodía de Nogueira e ademais doutras derivacións vai parar ó Outeiro Grande, que está sobre Combarro e á punta de Costoiras ou Costoias (en latín custodias) de Combarro. De xeito que entre a punta de Campelo e a de Combarro ( ámbolos dous lugares mirándose) hai unha linda enseada e é A Seca, que se ve ó mediodía desde a cámara de Poio. A mesma cadea do Montecelo divide ó Poio Grande de San Salvador de Poio Pequeño.
O luns 27 á tarde subín a ver o máis alto do Castrove e as ruínas de Santa Mariña. Mirando desde o Poio ó poñente érguense dous altos montes, un máis perto do mar que o outro; e ámbolos fan como un val estreito e precipitado, por onde baixa o río Mouro con dúas derivacións [...]
[ Dende O Castrove]... O monte do Acibal, que divide Lérez de Xebe. O castelo de Cedofeita, Tenorio,etc. Monte Porreiro e o castro de Mourente. Pedrafita, ou o Lauredo de Marcón. San Cibrán e todo o val. A bolsa ou ría do Ulló. As dúas rías xunqueiras de Lérez e de Alva . O convento de Lérez. Non se chega a ver a ponte nin a vila de Pontevedra, por estorbo do Montecelo, nin o Poio pola primeira derivación do Castrove. E finalmente vese todo o mellor de Galiza, e sería moi útil que un enxeñeiro subira ó lugar do Castrove, no que eu estiven, así na devandita ermida coma no cerro que está inmediato; que levara unha agulla de marcar ,un bo anteollo de longa vista, e un instrumento matemático ben grande e que fixera unha xeral demarcación de todo o que se alcanza a ver segundo os rumbos [...]
...O venres, primeiro de outubro, volvín a Pontevedra polo camiño real e ollei perto da Barca, que a ensenada de Porto Santo e da Pontenova fan cruz coa ría.
Con motivo das actividades do Ano Sarmiento organizamos un itinerario guiado entre Lérez e Poio no que participaron cerca dun centenar de persoas. Seguindo a Sarmiento, pasamos a describir este percorrido.
A saída foi ó pé do mosteiro de Lérez, aproveitando a plantación dunha oliveira no adro da igrexa. O mosteiro de Lérez presenta unha relación moi estreita con Sarmiento xa desde a súa nenez, cando ve un frade de Lérez, un dos "frades negros" da orde bieita e lle causa moita impresión; logo está un tempo de estudiante e fai diversas visitas con posterioridade. Tamén ten varios escritos referidos a esta zona, que el relaciona coa Lambríaca de Pomponio Mela, sendo o Lérez o río Leron que alí aparece. Cerca do mosteiro hai unha fervenza sobre o Lérez, a fervenza da Fillagosa que el describe, afirmando que o seu rumor se escoita na cidade. Non é este o lugar para lembrar a historia do mosteiro de Lérez, xa tratada en números anteriores de Cedofeita, aínda que sí podemos lembrar a Sarmiento cando di: Estiven 4 días en Lérez, o día de S. Bieito de xullo. Vin o arquivo e ten poucos pergameos. A fundación é de Ordoño II na era de 924. Di foi fundada polo Abade Guntado, con quen fala e a quen dá conto. O sitio de Lérez chámase Spinidelo... Precisemos que a data de fundación é posterior (anos 915 ou 916). Non foi só Sarmiento o atraído polo mosteiro lerezán, anos despois o padre Amoedo no seu exilio en Boloña escribe no Carmen Patrium sive Pontevedra: como me atraen, San Bieito, os teus monxes de Lérez co seu educador mosteiro, atráeme tamén o seu templo e aínda todas as súas celas. Por longo tempo cobicei habitar os venerables muros da verde colina.
Participantes no Roteiro no
paso polo lugar de San Paio (Campañó).
Baixando polo Camiño Vello dirixímonos ó Burgo, onde inicia Sarmiento o seu percorrido. A primeira referencia aparece en 1290. A ponte romana posiblemente sexa a que se nomea na Paz do Lérez entre Fernando II e Afonso Enriques de Portugal (30 abril 1165), dicindo que se firma sobre o río Lérez na vella ponte. Logo a ponte romana sería substituída pola medieval no s. XII. A capela era do s. XIX e foi construída ó tirar a vella, da que di o padre Amoedo: Ó fin da ponte nunha capeliña / está Santiago Apostol no pequeno / Burgo onde van todos os estudiantes / coa súa bandeira, como en rexemento / a rezarlle ó Santo e á pedirlle axuda / ó fin do curso, regalando ó velos. Nela estaría a imaxe sedente en pedra de Santiago Apóstolo, do s. XIV e que está no Museo de Arte de Cataluña. Voltemos a Sarmiento: Aquel arrabaldo que está ó saír da ponte de Pontevedra,camiño de Santiago e que en instrumento de 1419, que lin, chámase o Burgo de alen, esto é de alen da ría e noutros chámase o Burgo pequeno relativo ó famoso arrabaldo da Moureira ou Pescadería que era o grande Burgo de Pontevedra.
Collemos o camiño da Santiña, deixando á nosa esquerda o Cruceiro do Cristo (ano 1822), posterior a Sarmiento, no que aparece un anxo recollendo o sangue de Cristo. No basamento aparecen como é costume os símbolos da morte (caveira) e do pecado (a serpe de Adán e Eva).
Chegamos ó cruce do Magueiro e desde alí contemplamos o Vao. O seu significado é o de "vado" ou "paso", sendo esta unha zona de influencia das mareas por onde era fácil pasar para ir a Poio (o malecón das Corrientes é moi posterior); cando a marea estaba alta tíñase que ir pola Ponte das Cabras, como fixo Sarmiento. A casa grande do Vao pertenceu a María Corneda, sobriña dun dos abades comendatarios de Lérez, pasando por diversos enlaces matrimoniais á casa de Gondar de Xeve, dos Bermúdez de Castro. O nome de "magueiro" ten a súa orixe en que nesta zona estaban os sitios onde se fabricaba o saín, prensando ou cocendo as cabezas e magas das sardiñas. Recordemos que Pontevedra e Noia tiñan a exclusiva real para fabricar o saín, que se usaba como lubricante, substituto do aceite, cera ou sebo para o alumeado na casa dos pobres, pois cheiraba moi mal. As ordenanzas dicían que os magueiros ou lagares de saín, igual que os cortellos, debían estar fóra da vila, baixo a pena de 60 maravedís.
Tamén había na zona os fumeiros e os pardiñeiros, e Sarmiento lembra: A un e outro lado da ponte hai casas longas que chaman fumeiros e pardiñeiros. Os fumeiros son uns almacéns onde se salan as sardiñas e outros peixes. Os pardiñeiros, almacéns de viño [...] son testigo de vista que dende aqueles pardiñeiros botábanse ó mar 30 ou 40 barricas que, atadas cunha corda á popa do barco, flotando por ser o viño máis lixeiro que a auga, ían ata a paraxe onde estaba o barco maior.
Antes da saída do roteiro,
plantouse unha oliveira no adro da igrexa de Lérez.
Pasamos o lugar da Gándara e chegamos á parte norte da Xunqueira do mesmo
nome, no punto onde ata hai pouco máis de vinte anos aínda estaba ó
descuberto un longo treito de calzada romana. Anque hai controversias entre os
especialistas sobre se era a vía XIX ou a XX do Itinerario de Antonino, parece
ser que era a XIX, sendo Pontevedra Turoqua e non Ad duos pontes.
Ía desde Braga (Bracara Augusta) ata Astorga (Asturica Augusta), seguindo a
depresión meridiana Tui-Padrón. Nesta zona atopáronse varios miliarios: ponte
do Burgo, Alba (dedicado a Caracalla), Cerponzóns (a Maxencio); estes miliarios
servían en orixe para indicar distancias, aínda que logo se converteron nunha
forma de adular ós emperadores. Tamén preto de aquí houbo restos
dunha vila romana no Ramallás e diversos achados de moedas. As vías
romanas só eran de varias capas con morteiro e boas
lousas nas grandes vías de Italia e en España, nas principais cerca das
cidades; nos terreos chans só se facía un labor superficial. Como a xunqueira
era un terreo propicio ó encharcamento, utilizáronse grandes laxes ben
asentadas, o que permitiu a súa conservación. Perde importancia como vía de
comunicación cando se constrúe o Camiño Real no século XVIII.
Seguindo pola calzada romana, pasamos a Ponte das Cabras, deixando á nosa man dereita o cruceiro, que ten a curiosidade de ter no basamento un anxo da garda, e non a caveira e a serpe, como é costume. Subimos a costa de Altabón, deixando á esquerda a chamada Casa de Sansón, e chegamos á pequena igrexa de Santo Paio, xa en terras de Campañó e na que se dá culto, ademais de ó santo titular, ós santos Xusto, Pastor e Ramón Nonato, sendo a base do altar unha estela romana atopada na zona.
Desde o lugar de Parada contemplamos o alto de Casaldarado, onde se atopabao castelo de Cedofeita, construído para facer fronte ós ataques dos normandos, tendo, debido á súa situación, un perfecto control das comunicacións ó norte da Ponte do Burgo. Tamén recibiu o nome de Cedofeita o xulgado que abarcaba as parroquias de Alba, Lérez, Campañó, Cerponzóns, Verducido e S. Andrés de Xeve (incluía a Santa María), estando tamén comprendido o Burgo (que non era parroquia); este xulgado desaparece no 1785 (nomenclátor de Floridablanca). Sobre Cedofeita hai un completísimo artigo de Xosé Abilleira no número tres da nosa revista. Sarmiento refírese en varias ocasións a Cedofeita: O luns subín ó último do castelo de Citofacta, hoxe Cedofeita, que ten un vértice desde o que se ve moito. Pontevedra vese de cheo tendida de oriente a poñente, e a súa ponte de mediodía a norte, e rexístrase todo Lérez coas dúas xunqueiras, A Barca e moito da ría [...] É unha vista amenísima. O vértice non ten castelo, pero si sinais en rocha viva que alí houbo porta. Noutra ocasión, e referíndose á planta coñecida como quitamerendas di: Así chamou un vello de Lérez a unhas rosiñas que nacen xunto ó castelo de Cedofeita, e son as mesmas que atopei no Castrove e alí chamaron"bugallos"[...] Hai abundancia en Cedofeita e alí vanas procurar con ansia os boticarios.
Seguimos por terras de Campañó e lembramos a disquisición de Sarmiento sobre
este nome: Campaniola.
San Pedro de Campañó é un curato a media legua de Pontevedra cuxo latín é
de Campaniola por estar a igrexa nunha " campiñuela" elevada ou nun
campiño, campaniolo, e perdido o L e ñeñeando o N, Campañoo, e por contracción
Campañó.
Desde o lugar de Porto pasamos por Fragamoreira e Orgo do Monte, albiscando ó lonxe o mosteiro, hoxe mercedario pero na súa fundación bieito, de Poio, onde remata o itinerario.
PEPE ÁLVAREZ CASTRO
Portada da edición de Viaxe a
Galicia de Sarmiento a cargo do Prof. Pensado.