De conversa


           Un día aínda de verán, nunha tarde serena desas do mes de setembro que cheiran a millo novo e arrenceden a vendima, tiven a sorte de poder conversar con Dolores García González, veciña do Arco, máis coñecida entre nós por Lola a Cañota.

            Se falar con persoas maiores sempre é para min un pracer, falar coa señora Lola ten un especial aquel, non só polo moito que se pode aprender dela, senón tamén polo xorne singular que lle imprime ás súas dúbidas e afirmacións, xorne que transmite a quen a escoita, a pouco avisado que sexa.

            A señora Lola, a pesar da súa idade, pois naceu alá polo ano dez deste século, é unha muller forte, mental e fisicamente, chea de saúde, enérxica e cun talante solidario e moderno, a quen non lle falta bondade e alegría. Conversar con ela significa recibir unha chea de información viva referente ós anos pasados, tanto de persoas de Lérez como de feitos parroquiais e de ámbitos máis amplos. Calquera dos motivos que trate vai máis alá da pura anécdota, pois a súa lucidez e cabal xuízo permítenlle relacionar numerosos acontecementos e mesmo sacar as súas conclusións cheas de real lóxica.

           A señora Lola non ten papas na boca para falar claro das cativezas, desvergoñas e incoherencias dalgúns dos nosos políticos, dos que segue  a súa andaina ideolóxica que logo contrasta cos feitos que promoven ou realizan, para concluír, ó final, cunha ponderada valoración.

           Pero a Cañota entristécese ó lembrar ós fuxidos, que durante e despois da Guerra Civil, escondidos polo Gramal e zonas próximas, se ocultaban ó abeiro das abundantes árbores e canavais que daquela por alí había, e acudían de noite á súa casa para pedirlle un bocado con que agasallar os seus famentos estómagos, e rogarlle, ó mesmo tempo, silencio confidente e cómplice, rogo que nunca se esqueceu de cumprir.

            Non pode deixar de emocionarse a señora Lola con relatos de destacados feitos protagonizados por honorables persoas como o que conta do seu bisavó, Gabriel Argibay Torres, que, no século pasado, fora tenente de alcalde do desaparecido concello de Alba (ó que pertenceu a parroquia de Lérez ) a quen atribúen numerosos feitos honrosos e de quen se di que pedía á autoridade competente, para librar do Servicio Militar, e de feito librou a moitos mozos, a non ser o seu propio fillo.

             Tamén se comprace en lembrar moitos datos de interese sobre a parroquia, como a existencia dos dous arcos, situados sobre o que hoxe é a estrada de Campolameiro, que soportaban o acueducto ( do que inda queda un piar preto da encrucillada que vai ó Cruceiro ) que levaba a auga procedente do pé do Monte das Pías ata o convento. Da existencia deste arco, que segundo a señora Lola desapareceu cando ela tiña uns dez anos ( isto é, sobre o ano 1920 ), derívase, probablemente, o nome dese lugar da parroquia.

           Aínda que de poucas cousas se fachendea, a señora Lola a Cañota sente orgullo ó confesar que de moza, a comezos dos anos 30, foi a un  mitin da Pasionaria na praza de touros de Pontevedra, do que garda un imborrable recordo, non só polo mítin en si, senón por ter a oportunidade de acompañala desde a Alameda ata a propia praza de touros.

          Podiamos continuar case indefinidamente con cousas de Dolores García, pero de momento paga a pena quedar coa auga na boca. 

JAIME IGLESIAS GONZÁLEZ