De Conversa


    Se digo que estiven de conversa con José González Lores, puidera pensarse que un día, premeditada ou casualmente, estiven falando dun xeito concreto e puntual con Pepe o Rapeiro ou Pepe o Chosco, sobrenomes cos que, se a caso, é máis coñecido. Pero a realidade non é así. Con meu tío teño falado moito ó longo do tempo, aínda que é ben certo que últimamente as conversas son máis frecuentes.

     É obvio que falamos de todo, pero Pepe sempre bota a mán da anécdota curiosa, do exemplo clarificador ou da experiencia vivida que fan das conversas algo ameno, enriquecedor e gratificante. Non estamos sempre de acordo nos nosos pareceres, pois temos diferentes ópticas que dialecticamente tratamos de defender, pero por riba das nosas diferencias está, sen dúbida, a nosa sinceridade e tolerancia.

    De pequeno, Pepe debeu de ser un neno rillote a xulgar polo que conta da súa infancia. Cando na casa lle mandaban facer un traballo que el non quería ou o contrariaban nalgún dos seus propósitos, enrabechábase e fuxía dicindo que se ía botar a afogar, cousa que nunca pensaba facer, pero que lle servía para saír coa súa, pois de seguida ían buscalo, cedendo ás súas pretensións.

    Pepe o Rapeiro é un home moi vencellado á parroquia; ultimamente está moi sensibilizado pola devolución do teleclub e dunha finca que existiu onda o túnel. Neste punto é moi firme: “Para conseguir un beneficio para a parroquia hai que olvidarse da política. O remedio, veña de quen veña.”

    Pepe o Chosco contou e conta con moitos amigos, de todas as idades, clases e lugares. De todos apunta características e conta anécdotas, que aproveita para salientar as súas virtudes. Non obstante, tenlle especial consideración ós que xa finaron. Coñeceu a Ballina, “médico dos pobres”; a Don Leandro, “co que tiven moito trato”; a José da Flor, “traballador feliz”; a Venerando “a sona de Lérez”; ó Carranco, “home íntegro, cabal, veterinario de moitas casas...”

    Asegura que señor Antonio o Torneiro (Antonio Pérez) deulle a idea de facer uns “caballitos” a Ramón de Juana. Evidentemente os cabaliños carecían de galope e desprazábanse arredor empuxados a man. Tamén me ten dito que señor Manuel o da Filoxera (pai do Moreno), tanto sabía de animais que ata os coñecía polos excrementos. “Era o Félix Rodríguez de La Fuente de Lérez”. Sabe a historia da tómbola da ratita, moi popular nos anos cincuenta e sesenta, que fora ideada por Antonio, (tillo do Maño) casado con Dominga a Carballeda. Lembra a José Silvent que, casado coa Meneciana, creou o espectáculo Barriga Verde, onde o Sr. Silvent facía as voces de case todos os personaxes axudado de palletas.

Fala indefinidamente da Guerra do 36 na que lle tocou estar como soldado e furriel. Pero, aínda que naceu canda a Guerra do Catorce (Primeira Guerra Mundial), Pepe é un home de paz: “As guerras son arrepiantes: fame, destrucción, odio, persecución..., tamén son un negocio. Na guerra de Marrocos (1925), mosquetóns fabricados en Trubia eran empregados para atacar o exército español.”

José González Lores é un home solidario e conversador, iso si, con moito xenio. Pero onde hai xenio hai bondade.
 


JAIME IGLESIAS GONZÁLEZ