O antigo concello de Alba



Non temos que remontamos moito no tempo para saber da historia dos concellos, sobre todo en Galicia.

A súa orixe é relativamente recente, pois os primeiros indicios datan da invasión francesa aló polo 1810. Pero será a partir da constitución de Cádiz, cando se tracen as primeiras bases da nova distribución administrativa do territorio español.

Ata aquí, o sistema administrativo e xurídico confundíase moitas veces. Así mesmo, a tipoloxía das divisións administrativas era moi variada e imprecisa, con réximes administrativos diversos, derivados de distintos conceptos e supeditadas a múltiples autoridades. A Igrexa, os grandes señores e os rexedores reais posuían o control da maioría de vilas e pobos do noso pais. Eran moi poucas as vilas que tiñan rexedores electos.

Para superar esta amalgama de poderes e divisións, que ás veces se superpoñían, inténtase levar a cabo unha profunda reforma administrativa en todo o territorio español, pero Galicia, pola súa singularidade (dispersión de poboación, orografía...) e os arraigados “dereitos” de certas clases sociais, fará que este proceso sexa moi difícil, sobre todo, nas zonas rurais.

A pesar de tódalas dificultades, vai ser relativamente fácil en Galicia para as vilas, xa que as sucesivas leis, promulgadas a tal fin, favorecíanas na constitución de concellos, pois pedían, entre outras condicións, ter un determinado número de veciños nunha superficie concreta. Estas condicións eran dificilmente cumpribles pola grande maioría das parroquias galegas que, se ben tiñan a superficie, case nunca tiñan os veciños requiridos para formar concello, o que levaba á necesidade de ter que agruparse varias para poder formar concello. Todo isto, xunto cos “manexos” dos personaxes máis significados das distintas parroquias para integrarse nun ou noutro concello co fin de manter o seu “status social”, así como, os avances e retrocesos no sistema político español da época, coas sucesivas alternancias das tendencias liberais e absolutistas, que promulgaban e derrogaban leis a favor e en contra, fará que o proceso de constitución de concellos só se consolide a partir de 1870, despois 55 anos de levar a cabo os primeiros intentos.

A partir de aquí, salvo algunhas variacións moi concretas, que non afectaron globalmente ó sistema, a nova división administrativa chega ata os nosos días.

A todo este problema non é allea a parroquia de Lérez, pois formará parte dun concello distinto do que actualmente pertence.

As primeiras noticias sobre a integración de Lérez nun concello constitucional (así era como acostumaban a definilos nos primeiros tempos) datan do período coñecido como Trienio liberal (1820-1823). Desta epoca son as primeiras referencias ó antigo concello de Alba, aínda que a súa existencia fora efémera, xa que, coa reimplantación do absolutismo baixo o réxime do rei Femando VII, quedan abolidas tódalas reformas constitucionais, voltando ó que se coñece en historia como o Antigo réxime, co que se volvía ó primitivo sistema de gobernación. Comezará o que foi coñecido como Década ominosa, que rematará á morte do rei en 1833.

Coa chegada da súa filla, Isabel II, ó trono de España, reiniciarase o proceso de constitución dos concellos en todo o territorio do estado. Será en 1835 cando se promulgue a nova lei de réxime local, que permitirá reimplantar os concellos xa existentes e a creación de novos co fin de completar a tarefa iniciada nos anos vinte.

A primeira constancia que existe sobre o concello de Alba nesta época é un escrito firmado polos maiordomos pedáneos das parroquias de Lérez, Alba, Campañó e Cerponzóns demandando concello propio. En representación da parroquia de Lérez firmaban este documento: Pedro Bieites, José Piñeiro e Francisco Casás, que o facían ó abeiro do artigo cuarto da Lei de axuntamentos. Sucederanse máis escritos en demanda desta arela. Un dato curioso éo de que as reunións dos veciños para tomar as decisións tiñan lugar os domingos no adro das igrexas parroquiais, despois da misa popular.

Así temos que nas reunións do 18 de outubro, celebradas de forma simultánea nas catro parroquias, estas elixiron ós seus representantes, os cales levarían a cabo os trámites pertinentes para conseguir formar concello propio. Resultando elixidos os seguintes:

PorAlba. Ramón deTuve
Por Campañó: José de Moldes
Por Cerponzóns: Domingo de Tilve
Por Lérez: José Piñeiro

Convén lembrar que as demais parroquias do rural pontevedrés tamén demandaban constituírse en concellos.

O 13 de agosto de 1835 constitúese a comisión encargada de elaborar o plano dos futuros concellos en base ás distintas propostas.

Despois de facer diversos estudios valoracíóns, o 30 de xuño de 1836 o responsable da comisión presenta as conclusións dos traballos, que segundo a proposta de Femando de Saravia para a zona de Pontevedra, esta quedaría distribuída en tres concellos: Mourente, Berducido e Pontevedra. Non se contemplaba, por tanto, a creación do concello de Alba, polo que ficaría a parroquia de Lérez no de Pontevedra, Campañó e Alba dentro do de Poio e Cerponzóns no de Berducido.

Pero esta proposta non debeu agradar a certos sectores, xa que posteriormente, o 29 de outubro, apareceu outra subscrita por Ruperto Roda e Eugenio Carbón que contemplaba o concello de Pontevedra con once parroquias (dúas urbanas e nove rurais). Esta proposta resultaría ser a definita, publicándose no B.O.P. o 30 de novembro do 1836. As parroquias que demandaban o concello de Alba, ficarían no concello de Pontevedra, agás a de Cerponzóns que sería integrada no concello de Berducido.

A pesar disto, os veciños non perderon a esperanza de conseguir concello propio e así, no 1839 presentan un novo escrito demandando a constitución do concello de Alba. Desta vez, as parroquias serán tres, pois Cerponzóns está integrada no de Berducido, aínda que posteriormente, xa iniciado o proceso, solicitará a súa segregación deste concello para integrarse no de Alba.

En decembro de 1839 constitúese a mesa para a composición dos novos concellos, sendo as persoas máis significadas neste proceso D.Luis Romero, D.Antonio Blanco e D. Bernardo Cobián. As tensións no seo do concello de Pontevedra deberon ser moitas e de moi diversa índole, pois este vese na obriga de ter que aceptar as pretensións dos veciños, despois de moitos escritos demandando a segregación das parroquias do rural para constituírse en novos concellos. Son os veciños, que solicitan ó concello de Alba, os primeiros en iniciar este proceso, seguíndolle máis tarde os das demais parroquias do rural.



O Concello de Pontevedra antes e despois da segregación


Pero será o 1 de maio de 1841, cande comece realmente o proceso segregador ó ser encargado o deputado Flórez para que redacte un proxecto-informe ó respecto. 0 23 do mesmo mes solicítase a súa aprobación e o 30 de xullo o xefe político dá traslado da orde da Rexenta, mandando se instrúa o oportuno expediente oíndo ás distintas parroquias rurais e se faga un esbozo do terreo, onde consten as distancias dos pobos ás capitais municipais que se designen.

E así, o 22 de agosto celébranse reunións simultáneas nas distintas parroquias rurais, nas cales os veciños manifestan a súa vontade de que sexan segregados e, ó mesmo tempo, designan ós seus representantes (dous por parroquia) para que interveñan en nome das mesmas na sesión do concello na que se vai tratar o tema da segregación. En representación da parroquia de Lérez serán comisionados Leandro Hevia e Felipe Arrivas. Estes acudirán, xunto cos demais representantes, á sesión do concello de Pontevedra do 26 de agosto de 1841 na que se trata o asunto. Nesta sesión acórdase que o actual concello de Pontevedra se reconverta en catro novos concellos, a saber: Alba, coas parroquias de Alba, Campañó e Lérez; Mourente, con Bora , Marcón, Tomeza e a propia Mourente; Salcedo, con Lourizán e Salcedo e por último Pontevedra coas dúas parroquias urbanas: Sta. María e S. Bartolomé.

Esta resolución é remitida á Deputación Provincial para que resolva en consecuencia e o 10 de novembro de 1841 esta aproba a segregación. A parroquia de Cerponzóns engadirase ó concello de Alba o día 8 de decembro.

A resultas desta disgregación, o concello de Pontevedra, que tiña 3.107 veciños e 12.311 almas, pasa a ter 1.010 veciños e 4.149 almas. Pola súa contra, o recén creado concello de Alba configúrase con 764 veciños e 3.123 almas distribuidos por parroquias do seguinte xeito:


Veciños

Almas

Alba

84

238

Campañó

319

1197

Lérez

361

1688



Non figura a parroquia de Cerponzóns por estar integrada no concello de Berducido (Xeve), aportando, no momento da súa anexión, 109 veciños e 274 almas, que sumados ás cantidades anteriores dará un resultado global de 873 veciños e 3.397 almas que será o censo do concello de Alba no momento da súa instauración.

A súa superficie era a mesma sobre a que se asentaba o antigo coto xurisdicional de Cedofeita, tal como se reflicte nun escrito da época.

A elección da primeira corporación ten lugar o 28 de decembro en reunión que preside o deputado Flórez, resultando elixidos:

Domingo Antonio Blanco

1º Alcalde

José María Maquieira

2º Alcalde

Manuel Cochón Sertal

1º Rexedor

Vicente de Castro

2º Rexedor

José González

Rexedor

Rosendo Vila

Rexedor

Florencio Casal de Rey

5º Rexedor

José López

6º Rexedor

Felipe Arrivas

Síndico



Acta do concello de Alba









 Acta da reunión celebrada en Lérez o día 22 de agosto na que se nomean os dous representantes da parroquia para o proceso de segregación.






Acta do Concello de Alba





























Certificado da acta da sesión do concello de Pontevedra na que se tomou o acordo de segregación.







Non cabe dúbida de que esta segregación non foi aceptada de bo grao por certos sectores da cidade, pois pronto aparecerán as primeiras manifestacións dalgúns veciños que firman escritos nos que solicitan reintegrarse ó concello de Pontevedra. Un dos exemplos máis representativo é o do escrito asinado por Ramón Villaverde, Manuel González, Ramón García e Manuel Baul..., veciños do concello de Alba,solicitando a reinserción e poñen de manifesto unha serie de razóns que, a primeira vista, poderían semellar normais, se non fose que, simultaneamente, aparecen outros escritos de veciños dos concellos de Mourente e Salcedo e as razóns que aducen son as mesmas. Tanta coincidencia no tempo e na forma é algo sospeitosa, xa que non se entende moito que, despois de tantos anos de loitar pola consecución dun concello propio, os veciños dos mesmos coincidan de tal xeito en pedir a súa reintegración. Mais ben nos leva a pensar que estaban “habilmente” instruídos por “alguén” que “desinteresadamente” lles facía os escritos, xa que o estilo literario e os recursos lingüísticos eran moi semellantes.

Fose como fose, o caso é que a manobra non prospera, pero a intención da reintegración non morreu, o que nos levará ó ano 1853, que será cando de novo comece outro intento de anexión. E este si que vai máis en serio, pois chégase a iniciar un expediente, obrigando ós responsables dos concellos rurais a ter que esforzarse para contrarrestar esta ofensiva. Estes víronse obrigados a facer consultas nos seus respectivos concellos para decidir si se incorporaban ou non ó concello de Pontevedra. A consulta lévase a cabo o día 29 de maio de 1853 e o resultado é desfavorable á integración, aínda que o proceso podería ter sido algo manipulado, pois no caso da parroquia de Lérez no apartado que dicía: NO QUIEREN LA INTEGRACION, aparece sobreescrito por riba con letra distinta QUIEREN e debaixo, sempre coa mesma tipoloxía de letra, “Quieren la integración si es lo más conveniente para todos “. Isto podería inducir a pensar que tódolos que se opoñían, semellarían estar de acordo coa decisión da maioría. O feito ten certa relevancia, se temos en conta que Lérez era por aquela a parroquia do concello de Alba con maior número de veciños.

A consecuencia de todo este proceso, o 6 de xuño de 1853, remítese un escrito de oposición a esta integración con Pontevedra e facíase constar que no caso de que fose inevitable , preferíase antes facela con Poio ou con Xeve.

Ante esta oposición dos veciños, o intento de anexión non prosperou e obrigou ó concello de Pontevedra a ter que rexeitala o 28 de xuño de 1853, pese ó informe favorable do gobemador civil, pero si deixou aberta unha “brecha". A partir deste momento, as autoridades políticas de Pontevedra non deixarán de manobrar para conseguir a fusión dos devanditos concellos. Esta producirase en 1867, e agora sí vai a ter carácter case definitivo. Ata agora os veciños do concello de Alba, e supoño que os dos demais concellos do rural, que souberan contrarrestar eficazmente as manobras de anexión, non contaron con que ían ter un inimigo máis, o goberno do estado, que coa súa lexislación e os informes parcialísimos dos gobernantes locais, van inclinar irremisiblemente a balanza a favor do concello de Pontevedra. Pero a pesar disto, os veciños do concello de Alba non se arredan e dirixen un escrito á Raíña de España con data 28 de abril de 1867, no que expoñen os fundamentos da súa oposición á integración e do cal podemos extraer os seguintes parágrafos: “El procedimiento sería aceptable para el pueblo que lo solicita; pero no lo es, ni puede serlo para para el que se trata de suprimir, cual se evidenciaría si conforme a la ley municipal vigente se hubiese consultado la opinión del de Alba, según prescribe el articulo 72”. Tamén fan constar que para suprimir concellos de máis de 200 veciños é necesario:

a) A falta de recursos económicos para o seu financiamento.

b) Que o pida o propio concelbo.

Este escrito contaba cun grande apoio, pois ía referendado por 256 firmas, se temos en conta o grao de analfabetismo e que só asinaban os que tiñan a categoría de veciños. Tiña o concello de Alba unha poboación que se estimaba en 4.600 almas, segundo un escrito destas datas. Tamén facía constar que contaba o concello con 5 escolas de instrucción primaria, médico e botica.

Por mor deste asunto, o alcalde de Alba que á sazón era Francisco González Saavedra, celebra en Lérez unha reunión co fin de establecer o número de veciños que estaban a favor e en contra da integración con Pontevedra sendo o resultado desfavorable á integración; pero a pesar de todo, o Gobemador civil dirixe escrito o 27 de xullo a favor da fusión nuns termos parcialísimos e do cal convén extraer o seguinte: “de los vecinos que interrogué, abrigo la seguridad de que no hai uno solo que tenga la conciencia del contenido de aquellas solicitudes 1.. .1 su negativa no tiene otro fundamento que la absoluta ignorancia de toda idea que tienda al desarrollo 1.. .1 que existen unos cuantos malavenidos que despiertan en su inculta imaginación aspiraciones que les hacen olvidar los hábitos del trabajo, hasta que lo abandonan 1.. .1 todo lo que fomenta discordia y las pasiones más lamentables. Viven al impulso de ser poder”.



Así teremos que asistir ó decreto da Junta Revolucionaria que ordenará a integración dos concellos do rural no de Pontevedra. A pesares disto, a situación será meramente transitoria, pois axiña se voltará á situación primitiva coa reposición dos antigos concellos. Non obstante, para os tres concellos do rural pontevedrés, o proceso está tocando ó seu fin. Hai constancia dunha sesión do concello de Pontevedra celebrada o 11 de outubro de 1867 na que se insiste na anexión destes concellos. E a cousa debeu ter o seu éxito, pois tamén consta que na sesión, celebrada o día 14 de outubro de 1868, levouse a cabo a remodelación da corporación do concello de Pontevedra ó ter que integrarse no mesmo os cargos electos dos concellos anexionados. Sen embargo, o proceso non debeu ser moi correcto, xa que esta anexión foi anulada por un Decreto do Ministerio da Gobernación con data de 25 de novembro de 1868, na que se ordena a reposición dos concellos suprimidos. Tamén consta a exposición do concello de Pontevedra para que este decreto non sexa aplicada no seu concello. E non debeu de ser respectado, pois con data de 28 de febreiro de 1869 hai unha nova providencia do goberno instando á instalación dos devanditos concellos.



Selo do antigo concello de Alba


















 Selo do antigo Concello de Alba







Nembargantes, o destino xa está trazado, dado que o concello de Alba celebra reunión extraordinaria o 20 de marzo, baixo a presidencia do seu alcalde, Manuel Paz Torres, na que se acorda solicitar a anexión co de Pontevedra e o 23 do mesmo mes diríxese escrito solicitando esta, que será aceptada polo concello de Pontevedra en sesión do 1 de abril, pero o proceso debeu de ter algún fallo ou ser recorrido, pois non chegou a consumarse, xa que consta que a instalación da corporación municipal, que se ía levar a cabo o día 1 de xullo de 1869, foi aprazada e, tres días despois, houbo unha suspensión cautelar para resolver problemas que se suscitaron cos edís dos concellos integrados e a súa reinstalación no de Pontevedra, circunstancia que debeu ser meramente transitoria, habida conta que, o 18 de agosto do mesmo ano, os representantes dos tres concellos do rural estaban integrados na nova corporación municipal de Pontevedra, así como nunha toma de posesión celebrada o 22 de outubro. Polo que podemos afirmar que o proceso de integración queda consolidado na segunda metade do ano 1869, rematando así a existencia do concello de Alba, xunto cos outros tres do rural, despois de 28 anos de vida municipal, aínda que os tres últimos estivesen marcados polas sucesivas integracións e reposicións.

A última corporación do concello de Alba, elixida en 1868, estaba constituída por: Manuel Paz Torres, José Abilleira, Sebastián Arrivas, Angel Casal de Rey, Manuel Femandez, Manuel González, Leandro Martínez, José Filgueira, Pascual Sabarís, Agustín Freijo, Manuel Tilve, Manuel Femández, José Casal e Manuel Pérez. Sendo o seu secretario Fermín Brey.

Desta corporación pasarían a formar parte da corporación de Pontevedra, logo da anexión, Manuel Paz Torres, Pascual Sabarís e Sebastián Arrivas. Posteriormente tamén entraría Angel Casal de Rey.

Como dato curioso podemos citar que a vida municipal destes concellos debeu ser moi axitada nestes tres últimos anos, xa que os representantes das últimas corporacións figuraron máis tempo integrados no de Pontevedra, que rexendo os destinos dos concellos para os que foran elixidos. A modo de exemplo, diremos que Manuel Paz Torres figura como concelleiro na corporación de Pontevedra o 14 de outubro de 1868, chegando a ser 2º Tenente de Alcalde na corporación de 1873 e aparecerá en sucesivas corporacións do mesmo ata o ano 1902.





BENIGNO GARCÍA