O CASTELLUM DE CITOFACTA EN LÉREZ
Uns comentarios sobre a súa documentación



    Malia haber certa tradición oral e textual, e tamén constatación histórica, acerca da existencia do “Castelo” de Cedofeita (Citofacta), as interrogantes e dúbidas dalgúns aspectos relativos ao mesmo fan que as afirmacións que se emitan presenten un carácter provisional e parcial. A cautela deriva tanto da falta dun rigoroso proceso de investigación integral (arqueolóxico, toponímico, documental, de tradición oral, etc.), como das brumas e mesmo silencios que seguen a agochar moita información, inclusive da Pontevedra ata o século XII  fundamentalmente. Citofacta, termo aparecido nos textos, é o nome do castelo” situado en Lérez — o topónimo de Castelo non ofrece discusión- na alta área que se ergue sobre Casaldarado, nunhas coordenadas de 42º 27’ 48’’ N; 8º 37’ 55’’ O. Aínda que hai referencias e rastros da existencia dun castro (apuntadas no Arquivo Arqueolóxico do Museo de Pontevedra), tamén algunhas lendas populares, que contan que alí viviron os mouros e tiñan feito un gran túnel ata a Xunqueira do Vao. Aínda que é incuestionábel a situación estratéxica do lugar,  sen embargo, varias intervencións humanas (os traballos agrícolas, ordenación das propiedades, repoboacións forestais, a extracción de pedra e as alteracións dos terreos, etc.) dificultan o coñecemento preciso da súa delimitación e extensión. Esperando que o azar nos agasalle con algúns achádegos ou que se inicien algunha vez prospeccións arqueolóxicas que nos aclaren as escuridades, presentamos aquí uns comentarios sobre diversa documentación relativa a Citofacta.

Situación do Castellum

Situación do Castellum (marcado cun X)

I

    As primeiras mencións de “Citofacta” aparécennos en relación co Mosteiro de Lérez, a comezos do século X. Así, o Padre Yepes, cando comenta na súa Crónica General de la Orden de San Benito (1611) a fundación da “casa de San Salvador de Lérez”, segundo el —erradamente- en 886, por mor dun privilexio outorgado ao abade Guntado por Ordoño II e a raíña Elvira, xa alude á existencia do castelo:

La abadía de San Salvador de Lérez está asentada en un ameno y deleitoso sitio en el Reino de Galicia, en el obispado de Iria, llamado ahora de Santiago, en el arcedianazgo de Salnés, que antiguamente se llamó Saliense, donde solía haber un castillo cuyo nombre era Citofacta, que, corrompiendo el vocablo, los naturales dicen Cedofeita.

     O Padre Flórez publica en 1792 o dito privilexio real nun apéndice do Tomo XIX de España Sagrada, datando a fundación no 16 das kalendas de Setembro da era de 954, é dicir, o 17 de Agosto do 916. A pesar de que Yepes prometera na obra mencionada reproducir tal documento, o certo é que resulta Flórez o primeiro que o saca á luz, titulándoo Dotatio Monasterii S. Salvatoris de Lerez a Rege Ordonio II. Circa annum 916. Nel, en efecto, reprodúcesenos a confirmación da fundación do Mosteiro no lugar de “Spinareto”, levantado polo abade Guntado en terreo propio do rei. Neste documento, á hora de sinalar a delimitación do couto, aparece “Citofacta”:

In primis ponimus Cautum per Portum de Elva, et inde per terminos de Guigílde, et inde ad Petram scriptam quae est in muro de Citofacta...

Fragmento da Donatio Monasterii

Fragmento da Donatio Monasterii S. Salvatoris de Lerez a Rege Ordonio II.
Facilitado polo Museo de Pontevedra.

    A expresión "in muro de Citofacta” pode pór de manifesto a existencia de, como mínimo, certa estructura edificada, quizais defensiva, ou certo recinto amurallado, fose para a protección ou para a vixilancia, ao xeito de atalaia... Pois ben, de atérmonos a este documento, a presencia de “Citofacta” é explícita, tanto a antiguidade como a denominación do “castellum”, segundo nos di o texto:

Et est istud Monasterium fundatum in terra Saliniensi subtus Castellum quod ab antiquis temporibus Citofacta nuncupatur.

    Chegados aquí, faise preciso acudir a unha perspectiva máis xeral para poder contextualizar e entender o texto. Se nos remontamos aos momentos de inseguridade do século III, vencellados aos fenómenos de ruralización que se dan na Baixa Romanidade, e á paulatina constitución das villae, veremos que os castros se van reocupando en situacións de inestabilidade. Así, na Alta Idade Media vanse erguer nos curutos dos mesmos torres defensivas e castelos de pedra (...) e hai referencias a ocupacións dos mesmos cando os normandos comezan a chegar a esta terra (1). Neste marco xeral tampouco hai que esquecer o auxe demográfico dos séculos VIII e IX.

    Ademais, dende o século IX asistimos a diferentes incursións ao noso país por parte de vikingos. Nunha delas, a dos anos 858-861, no reinado de Ordoño I, un cento de naves saquean a ría de Arousa, chegando a Iria. Para facer fronte a estas pillaxes e perigos e protexer a poboación, eríxense nas zonas agredidas e preto delas, fortalezas costeiras como o “Castellum Honesti” (as Torres do Oeste, en Catoira) ou, probabelmente, o “Castellum de Citofacta’ posto que, de seguirmos a literalidade documental, previamente ao 916 xa o “Castelo” de Cedofeita existía. Por outra parte, no mesmo texto comentado, que resulta importantísimo para o estudio da nosa historia toponímica, aparecen citadas entidades poboacionais seguramente de certa magnitude (2); asemade, a ubicación estratéxica da “fortaleza” é evidente se pensamos na significación dun próximo ad portum de Elua.
 

II

Outros documentos fundamentais son subministrados polos Tumbos da Catedral compostelá, sobre todo o A. O tumbo A é un códice diplomático confeccionado no século XII con 165 textos de doazóns de reis, confirmacións, promesas, etc. A colección destes diplomas é coincidente no tempo coa Historia Compostelá, confluíndo nalgúns escritos con esta na exaltación da igrexa de Santiago.
De entre os documentos deste tumbo, en relación con Cedofeita, interésanos nunha ordenación cronolóxica un do 30 de marzo de 1019: Afonso V, que preside unha exquisitio magna entre o prelado Vistruario e os seus vicarios, esclarece os dereitos da Igrexa compostelá sobre as súas terras e comisos. No contexto das disposicións que se refiren á administración dos bens e dereitos dos habitantes da sé de Iria, dísenos:

Item debitum Hiriensis sedis, quantum notatum est in scripturis et petomaciis et capitalibus per totam Gallaeciam, ecclesias diocesales, monasteria, canonicas, villas, homines, tam idoneos quam humiliores, sicut scriptum est in scripturis tesauri Beati Iacobi apostoli sic verum est, et alibi villas que sunt in giro Citofacta et sunt de ecclesiario, id sunt: Serpenciones, Godegildi, Anserizi, villa de Fonte, Sancta Maria de Elua, Sancta Maria de Maurenti. Istas ecclesias et uillas cum suis hominibus de ecclesario. Et illa penna per se Citofacta (3) fuit edificata per iussionem pontificis domni Sisnandi in ¡psius debitum desuper exaratum...

Este parágrafo merece algúns comentarios. Por unha banda, séguense a rexístrar algúns topónimos "cum suis hominibus" sen ningunha mención de Pontevedra (4). Por outra banda, con respecto á expresión ‘Illa penna per se Citofacta fuit edificata per iussionem pontificis domni Sisnandi’ hai que facer unhas observacións:

a) O castellum de Citofacta xa se nos constata, segundo vimos antes, en épocas anteriores. Lembremos que na Dotatio publicada polo Padre Flórez, datada no 916,  menciónasenos explicitamente a antigüidade do mesmo (Ab antiquis temporibus Citofacta nuncupatur)
b) A cronoloxía incítanos a identificar o “Sisnandi” do texto con Sisnando II (bispo dende o 952 ata o 968, ano en que morre en combate contra os normandos), polo cal o concepto de “edificata”, quizais propagandístico, debe identificarse ou cunha profunda reforma ou, máis dificilmente, cunha reconstrucción, ocultando en ambos casos unha existencia previa do “castellum”.
c) O sustantivo “penna”, que concerta coa formación adxectival “Citofacta” ("feita rapidamente" ou "preparada para chamar e acoller xentes e protexelas"), sóese definir como unha “rocha ou pena de grandes dimensións adherida de forma natural ao terreo”. Os coñecedores da zona que debeu ocupar o castelo saben dos enormes penedos actualmente cubertos pola broza e esquecidos no seu abandono.

Fernando II

    Pero, sen dúbida, o texto onde o castelo de Cedofeita chega a ser centro de acontecementos, e incluso espacio narrativo, é o de doazón que, o 18 de marzo de 1169 (5), Fernando II fai desta fortaleza á igrexa de Santiago, unha vez recuperada do poder das tropas portuguesas. Por facermos unha breve síntese que nos sirva de encadre, hai que lembrar que en 1165, super flumen Lerice in vetula ponte asínase a coñecida “paz do Lérez” entre Fernando II e Afonso Henriques, o primeiro rei de Portugal, despois da disputa polo territorio galaico do norte do Miño (6). Con este acordo chegábase entre ambas partes a un compromiso de amistade mutua e á devolución por parte do portugués do castelo que tiña ocupado. Parece que isto quedaba ben garantido co matrimonio de Fernando con Urraca, filla do lusitano, dos que nacerá o futuro Afonso VIII (7). Pero, sen embargo, polo que nos di o documento, os pactos non se daban cumprido. En
efecto, en vista de que o castelo non é entregado, lévase a cabo unha operación de “reconquista” por parte das tropas de Fernando II. O texto indícanos que, despois de reunido o exército, decidiuse asediar e atacar o castelo. Isto complicouse debido ao mal tempo, ás chuvias e a unha tempestade que, xunto á inexpugnabilidade natural e terreo abrupto do lugar, demoraron a acción.

    Nesta doazón da fortaleza confirmada en Compostela, cóntasenos, por suposto que tendenciosa e interesadamente, a axuda divina e milagreira que o Apóstolo Santiago, adoptando forma de raio (8), prestou ás tropas de Fernando II: o prodixio, nunha atmosfera relixiosa e nunha noite escurísima, derruba a torre (9) do castelo de xeito “fulminante”, morrendo os frecheiros. Isto de tal maneira atemoriza e espanta aos soldados que, ao día seguinte, se consigue entrar no castelo, apoderándose del sen ningunha ferida nin lesión os do bando fernandino. Para conectar co clima mítico-relixioso, tamén se nos manifesta que xa anteriormente se revelaron estes feitos en soños, certificando aínda máis o papel protector e favorecedor da divindade. A axilidade na narración destes feitos bélicos, cunha construcción e estilo non moi afastados dun tratamento clásico, por exemplo dun Xulio César, resulta evidente:

    Cum siquidem sepedictum castellum ab hoste nostro, rege Portugalensi, nostris incautis, caperetur, nos, congregato exercitu, idem castellum obsedimus [...] Ceterum superuenientibus ¡mbribus ac tempestate, castellum nobis expugnare non licebat, at gratia diuina nobis non defuit, nam quadam obscurissima nocte turris castelli, fulmine percussa, cecidit, omnes saguitarios interfecit, militesque ita terruit et perturbauit, quod sequenti die castellum sine uulnere et lesione nostrorum intrauimus. Quod ideo celitus contigisse credimus, quia multis ante in somnis eo modo quo contigit, reuelatum est (10).

    Outra das confirmacións á igrexa compostelá onde figura Cedofeita será a que anos despois, concretamente o 4 de maio de 1188, faga o noso rei Afonso VIII. No texto, sen embargo, con “Citofactam” non aparece ningún sustantivo:

... Ex quibus hec propriis duximus exprimenda vocabulis:  Detiam, Salnes, Citofactam, burgum quod dicitur de Ponteveteri cum aecclesia in terra que dicitur de valle Morracium... (11)
 

III

    Noutros escritos diferentes aos ata aquí mencionados aparece tamén “Citofacta”: son as bulas papais. Nestas aparécenos reiteradamente o termo “castrum”. De entre estes documentos expedidos polos pontífices de Roma, podemos citar algúns.

    O 27 de setembro de 1170, o papa Alexandre III, seguindo a doazón de Fernando II, subscribe en Anagni unha bula que confirma á igrexa compostelá todas as súas posesións, entre elas o castelo de Cedofeita. Xa anteriormente, en 1110, Pascual II dende Letrán e, en 1154, Anastasio IV fixeran confirmación á mesma igrexa citando expresamente o mosteiro de Lérez.

    O 20 de marzo de 1178 o xa citado Alexandre III, dende Letrán, volve a confirmar todos os privilexios e posesíóns da Igrexa compostelá, e entre eles o castelo de Cedofeita:
castrum, quod dicitur Citofacta cum ecclesiis et aliis pertinentiis suis (12)

    O termo “castrum” aplícase tamén nesta bula a “Honestum” (Torres do Oeste), “Sancte Marie de Lanceata” (A Lanzada), “Luparia” (Lobeira), etc. Este mesmo concepto de “castrum” volverase a repetir identicamente na bula de xullo de 1199 asinada, tamén dende Letrán, por Inocencio III:
castrum, quod dicitur Citofacta (13).
 

IV

    Tamén hai unha alusión moi significativa a Cedofeita na obra de Ordoño de Celanova Vida e milagres do bispo San Rosendo, elaborada no último tercio do século XII (14). No libro II, capítulo 20, titulado Do mosteiro de celanova invadido polo rei de Portugal e logo recuperado, nun contexto no que se louva ao rei Fernando e se constatan as preocupacións e malestares causados por Afonso Henriques, exemplifícase o carácter protector e favorecedor do santo, recorrendo ao uso das visións: unha muller conta “que fora advertida polo santo prelado de que en oito días o rei de Portugal sería feito prisioneiro... isto probouse logo que sucedeu así”. Estes avisos premonitorios que enaltecen a figura de San Rosendo trátanse de verificar ao narrar como feito real o episodio xa coñecido da “conquista” do Castelo:

En efecto, o pobo chamado de Cedofeita, que conseguira por malas artes, perdeuno aínda estando presente, e Deus omnipotente entregoullo fulminantemente ao reí Fernando (15)

San Rosendo

San Rosendo en loita contra os viquingos, por Luis Seoane.

    Se meditamos un pouco neste texto, de seguido veremos que o xa apuntado vencello entre a intervención divina e Fernando II volve aparecer de xeito explícito. Por outra parte, preséntase outra vez, como no antes citado do tumbo compostelán, a figura do raio como manifestación da divindade. A importancia destas conexións entre rei e apóstolo (raio), nas coordenadas relixiosas do momento, salta de novo á vista. Sen embargo hai neste fragmento citado algo novedoso: o uso da palabra neutra “opidum”e, concertando con ela, "Citofactum". De todos os textos vistos, é o único en que aparece esta forma, probabelmente debido a certas pretensións “gramaticalistas” por parte do autor, a uns afáns de total corrección nos usos linguisticos.

    Podemos considerar, en vista do texto, que o episodio de Cedofeita debeu ter unha transcendencia histórica grande na época. A súa utilización como “exemplum” relixioso por Ordoño quizais o corrobore.
 

V

    Se buscamos mencións de Cedofeita en textos posteriores veremos que comezan a escasear. Así, no Livro do Concello de Pontevedra (1431 -1463), fálasenos dun notario do rei e procurador municipal chamado Rui Fernandes de Çedofeita. Pode que aquí o topónimo xa se utilice como formante dun alcume que quizais indique procedencia.

    Outras referencias quizais nos aparecen no contexto das loitas internobiliarias de Pedro Alvarez de Soutomaior (Pedro Madruga) contra o arcebispo Fonseca, despois da morte de Enrique IV en 1474. Sen embargo, estas referencias rexistradas no Nobiliario de Vasco Da Ponte modifican a denominación polas de “Trinidad” e “Santa María de Alba”, aínda que parecen responder á mesma realidade (16).

Frai Martín Sarmiento

    Moito máis tarde, en 1745, na Viaxe que fai a Galicia Fr. Martín Sarmiento, escribe en varias ocasións sobre Cedofeita, lugar ben destacado e ben vísíbel dende algúns lugares como o Monte Castrove ou Mourente. Parece que, daquela, xa non queda castelo ningún, aínda que si algúns sinais:

El lunes subí a lo último del castillo de Citofacta, hoy Cedofeita, desde cuyo vértice se ve mucho. Pontevedra se ve de plano tendida de oriente a poniente, y su puente de mediodía a norte, y se registra todo Lérez con las dos junqueiras, la Barca y mucho de la ría, pero no se ve el Ullóo. Es una vista amenísima. El vértice no tiene castillo, pero sí señ’ales (en) peña viva que allí hubo puerta” (17)

 ALGUNHAS CONCLUSIÓNS
 Podemos deducir dos textos expostos, e á espera doutros datos derivados dalgún tipo de prospección arqueolóxica ou doutros documentos, o seguinte:

*0 castellum de Citofacta, situado no alto outeiro que se ergue sobre Casaldarado, conta coa herdanza actual do topónimo do Castelo.
*no 916 xa se manifesta a súa antiguidade, feito que quizais conecte coa existencia (real ou lembrada) dun anterior castro.
*nos textos dos séculos X, XI e parte do XII parece que xa se constata a presencia na zona de entidades habitadas, fronte á ausencia de referencias a Pontevedra.
*a situación estratéxica do castellum resulta clara tanto no que ten de protección e defensa como de control e vixilancia (vikingos, camiño de Santiago...)
*probabelmente desapareceu, destruido ou abandonado, no século XV quedando na memoria colectiva,
 cando non nas néboas do mito.

NOTAS
(1) CALO LOURIDO, F. “Prehistoria e Idade Antiga”, en VV.AA.: Historia Xeral de Galicia, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1997, páx. 87.
(2) Ademáis a toponimia e microtoponimia actual da zona ou arredores responden a lugares quizais poboados xa na Idade Media (Casalnovo, Casaldarado, Vilares, etc.), lugares de paso ou entrada (Porta do Sol, Porta da Pata, O Vao, etc.) ou defensivos (A Devesa...), etc.
(3) Na marxe da páxina figura a expresión “De citofacta”, en minúscula diplomática do século XIII.
(4) A primeira mención de “Ponte Veteri” (sic) nun documento de 1103 relacionado co mosteiro de Lérez, non parece recoller aínda a existencia de núcleo urbano. Fronte ao silencio de Pontevedra nos textos da época, destaca a abundancia de citas dos arredores: Alba, Poio, Lérez, Mourente... Papel destacado debeu de ter “Geogildum” ou “Godegildi” ( Goxilde, en Alba), mencionado na Historia Compostelá máis dunha vez. Isto pode suxerirnos a importancia, como mínimo demográfica, destes lugares.
(5) Aínda que os Tumbos A e B indican 1170, Rodríguez Figueiredo argumenta esta data en “Disparidad de textos y error de fecha en las versiones conocidas de la donación del castillo de Cedofeita’" Museo de Pontevedra, 23, 1969 (pp. 35-45).
(6) Camilo Nogueira, nunha interesante investigación Sobre as orixes da cuestión nacional Galega  dinos que tan galego era o reino de Gallaecia-León con Fernando II, como o reino de Gallaecia-Portugal con Afonso Henniques. Véxase A Trabe de Ouro, T.25 e 26. Ed. Sotelo Blanco, Santiago de Compostela, 1996.
(7) A historiografía española, nun proceso de ocultación e deturpación da nosa propia historia, computou falsamente o noso Afonso VIII como IX . Un labor interesante e dignificador de divulgación da nosa historia e cultura, fronte ás sinaladas concepcións negadoras e aniquiladoras da nosa identidade, é o que se vén realizando dende hai algún tempo e con rigor por parte de moitos historiadores e editoriais, do cal damos unha breve mostra ao final, para o período que nos ocupa.
(8) necnon intuitu miraculi, quod in obsessione commemorati castelli beatisssimus apostolus Iacobus nobis divinitus revelavit. A adopción do raio corresponde ben ao seu apelativo bíblico de “fillo do trono” (Rodríguez Figueiredo, op.cit., nota 1 bis, p. 44).
(9) Este sustantivo feminino “turris” cádralle moi ben a “Citofacta”, igualmente que o arriba mencionado “penna”. Sen embargo, na maioría dos textos úsanse “castellum” ou “castrum” ou unicamente “Citofacta”.
(10) Tamén hai que apuntar que nesta doazón se sinalan os termos “nouissimos et antiquos” que abrangue o “Castellum”, incluíndo todo o seu realengo e honor, a marca de sete Igrexas, coa xurisdicción e reverencia dos mosteiros de San Xoán de Poio e de San Salvador de Lérez, comprendendo como demarcacións: ... per cacumen montis de Custodiis et inde per cacumen montis de Castroue et inde per montem de Bazar, et inde per Sanctum Iohannem de Ramo, et inde quomodo diuidit de terra de illa Fraga, et inde quomodo intercluditur per flumen Lerce et ferit ibi...’.Aquí na marxe da páxina do códice, en miniatura minúscula do século XIII, está escrito “De castello de Citofacta”. Este é outro dos textos relevantes para un necesario estudio toponímico. Por outra banda, hai que dicir que 9 meses despois deste documento, en decembro, Fernando II e Urraca conceden o foro de Pontevedra, outorgándolles a “omnes habitatores... tam presentes quam futuros” exencións diversas. Será o 15 de decembro de 1180 cando se produza a doazón do “burgo de Ponteueteri” á igrexa de Compostela e ao seu arcebispo Pedro.
(11) No tumbo A este texto leva na marxe da páxina en letra do século XV a seguinte inscrición: “De burgo de Pontevedra, Deça, Saines, Cedofeyta...”
(12) LÓPEZ FERREIRO. Historia de la SA.M. de Santiago de Compostela. T IV, Apéndice nº LII, páx. 126 e ss. Santiago, 1901.
(13) VAZQUEZ MARTÍNEZ, A.: Documentos pontificios de Galicia (1088-1341), A Coruña, 1941, páx. 109 e ss.
(14) DÍAZ E DÍAZ, M.C. e outros: Ordoño de Celanova: Vida y Milagros de San Rosendo. Fundación Pedro Barrié de la Maza (Galicia Histórica), A Coruña, 1990.
(15) Adaptamos a versión de Díaz e Díaz, op.cit., páx. 191, sendo o texto en latín: siquidem opidum nomine Citofactum quod male impetrauerat ipso presente perdidit: et celesti fulmine omnipotens deus regi Fernando tradidit.”
(16) Lembremos que na nota 48 do T. XII da Geografía General del Reino de Galicia de Carreras y Candi (páx. 248), dísenos: “El castillo de Cedofeita estaba situado en el alto del cerro de Casaldarado, antiguamente Casaldaraldo(..) También se cree que fuese este mismo castillo el llamado de la Trinidad y de Alba en la Edad Media, el cual fue arrasado y destruido en las revueltas de Don Pedro Madruga.
(17) FR. MARTÍN SARMIENTO; Viaje a Galicia, 1745, edición de J.L. Pensado. Museo de Pontevedra, 1975 (páx. 144). Véxase como a expresión “peña viva” se podería relacionar coa “penna” do tumbo compostelán antes comentada. Como anécdota, cando Sarmiento escribe da herba chamada “quita merendas”(páx.149) di: así llamó un viejo de Lérez a unas rositas, que nacen junto al castillo de Cedofeita(...) En Lérez también unos llamaron a las mismas "nocellas”y otros "margaritas” (..) Hay abundancia en Cedofeita y allí las van a buscar con ansia los boticarios

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
Ademais da citada:
W.AA. Historia Xeral de Galicia, Ed. ANT, Vigo 1997.
LÓPEZ CARREIRA, Anselmo: O Reino de Galicia, Ed. ANT, 1998.
LUCAS ÁLVAREZ, Manuel: Tumbo A de la Catedral de Santiago. Cabido da SAMI Catedral. Seminario de Estudos Galegos. Santiago, 1998
Historia Compostelá, Ed. de Enma Faíque Rey. Akal, Clásicos Latinos Medievales. Madrid, 1994.
 
 

XOSÉ ABILLEIRA SANMARTÍN