Nos días de outono e despois das chuvias propias desta época , aparecen nos bosques e campos uns seres que dende a antigüidade chamaron a atención da xente e provocaron sentimentos de misterio , medo , etc. É comprensible o anterior porque certas características que posúen diferéncianas dos outros seres vivos : medran nos sitios máis dispares ,unhas nos cañotos ou polas das árbores , outras aparecen de súpeto no chan , tanto das veigas como dos bosques ; as súas formas son do máis diverso : a típica forma de paraugas e laminiñas como as amanitas e champiñóns , redondas coma ovos ( peidos de lobo , trufas...) ,algunhas con aguillóns ou tubiños en forma de esponxas coma os hydnum e boletos , outras coma cestiños e cunchas...
Os seus tamaños poden ir dende poucos milímetros a moitos centímetros e varios quilos de peso ; non digamos nada da gama de cores que as adornan : verdes (Russula virescens ... ) , lila como a Laccaria amethystina , roxas ( A. muscaria...) , amarelas (Tricholoma flavovirens...) , brancas (A. verna ...) , azuis , etc. Os olores , dende os apestosos dos Clathrus e dos Phallus ata o anisado dalgúns champiñóns e clitocibes , o de avelá das Lepiota procera , a chiculate rancio das Laccarias e o de melocotón das cantarelas , non falla o cheiro a lexía ou a barolo doutras ...
Todo isto explica que a utilización das mesmas estivera sempre nas mans de certos iniciados e rodeadas de connotacións de tipo máxico ou relixioso. Debemos recordar que algunhas delas producen a morte ou danos moi graves e outras provocan situacións de delirio ou alucinacións e a historia da humanidade está chea de situacións nas que foron utilizadas para envenenar a outras persoas ( algún Papa como Clemente VII e emperadores como Claudio ) ou para ritos de tipo máxico ou relixioso ( chamáns siberianos...). Tamén hai fungos que causan enfermidades tanto nas plantas como nos animais ( mildeu , micosis...) e deles tamén se obtiveron medicamentos tan importantes como a penicilina e outros antibióticos.
O primeiro que debemos preguntarnos é onde debemos clasificar a estes seres ¿ animais? ¿ plantas? , pois se observamos detidamente as súas características vemos que semellan as das plantas : viven sobre a terra , non teñen desprazamento propio , certo parecido na forma... pero tamén diferencias fundamentais xa que non teñen clorofila e , polo tanto , a súa maneira de alimentarse é como a dos animais. Na actualidade , forman un reino propio : o reino dos fungos.
Un fungo consta dunha especie de filamentos que se topan baixo a terra ou na madeira e que , cando as condicións son favorabeis , forma en determinados puntos o que coñecemos vulgarmente como setas. As setas son unha parte do fungo e teñen como función a de producir un polviño microscópico que chamamos esporas e que darán lugar , nalgúns casos , a novos fungos ; son , polo tanto , algo así como os órganos reproductores dos mesmos. A parte productora de esporas ( himenio) pode adoptar diferentes formas como laminiñas , tubos , aguillóns ... que xunto con outros caracteres van a servirnos para diferenciar unhas especies doutras.
Non é posible nun artigo coma este tratar as maneiras que permitan diferenciar e coñecer a cada unha das especies pois iso require coñecementos , medios gráficos e observación directa no campo que somentes poden proporcionar os diferentes cursiños que hai na nosa cidade , entre eles o organizado en Lérez por Cedofeita. O que sí cabe facer é unha chamada á prudencia que hai que ter antes de aventurarse a comer setas : non hai ningunha regra xeral que permita distinguir unha seta comestible dunha seta tóxica , a única maneira posible é a de recoñecelas , debendo empezar por unha ou dúas das especies comestibles seguras e as de maior toxicidade coa asesoría dunha persoa experta e rexeitándoas no caso de ter a máis lixeira dúbida.
As saídas de campo guiadas é o mellor medio para familiarizarse coas características das especies máis interesantes e tamén para darse conta do valor ecolóxico que teñen. Tampouco está de menos mercar unha boa guía de campo que cos seus debuxos , fotografías e descripcións axudaranos na tarefa e proporcionaranos a posibilidade de ampliar coñecementos.
Non está de máis recordar que o maior número de intoxicacións son producidas polas setas do xénero Amanita e que as setas deste xénero caracterízanse por ter sempre as seguintes características : láminas brancas , anel en forma de faldiña e unha especie de saquiño (volva) na base do pé. Anque hai outras setas tóxicas , as amanitas son as máis perigrosas , abondando un cacho pequeno dalgunha delas para producir a morte.
E , para rematar, queremos
animar a tódalas persoas a iniciarse no coñecemento do apaixonante
mundo das setas como unha maneira de valorar o entorno natural , de establecer
relacións con outros aficionados e tamén ¿ por
que non? de descubrir os praceres gastronómicos que nos poden proporcionar.