No mundo actual, onde as ciencias e as novas técnicas condicionan de forma total o noso xeito de vida, asistimos á irremediable transformación das artes, oficios, tradicións e calquera tipo de manifestación da cultura galega. Así, temos que moitos oficios xa desapareceron ou só se conservan de forma testemuñal. Este é o caso do oficio de cesteiro, que por mor do empuxe das fibras sintéticas, e máis concretamente do plástico, só perdura en casos moi limitados.
Galicia presenta unha riqueza moi grande en canto á cestería se refire, tanto polos materiais empregados como pola forma de fabricación. Atopáronse sinais de tecidos feitos con ponlas, que cubertos de barro, formaban parte das vivendas, tal como se pode comprobar polos anacos de cerámica con impresións de pólas atopados no Castro de Cameira. Tamén coñecemento de que tecidos de varas servían para armazón de pequenas embarcacións que logo se recubrían de coiro. E os queipos, tecidos con variñas finas, para seren usados nos labores de lavar o ouro.
A vida e a arte dos cesteiros estivo moi ligada, sobre todo na Galicia rural cos labores do campo e os trafegos da pesca. Neste senso e doado facer mención a unha cestería de grandes dimensións relacionada coas actividades do campo. Os cabazos, as canizas do carro, o canizo para achanzar a terra... son algúns dos exemplos máis representativos deste tipo de cestería. A arte de tecer a base fibras vexetais é unha das máis antigas da humanidade, anterior á cerámica que supón maior complexidade técnica e obedece á necesidade de gardar e carrexar cousas para a vida cotiá.
Os materiais empregados son naturais e non están suxeitos a complicados procesos de preparación previa. Estes van dende os silvestres de monte baixo e ribeira, tales como: canas, xunco, vimbio, etc., ata ás distintas especies de árbores da nosa vexetación, sendo o castiñeiro, o carballo, o salgueiro e a bidueira os máis empregados. A técnica cesteira é basicamente sinxela, pois consiste no trenzado ou entrecruzado dos materiais empregados, e segundo sexan estes, as técnicas presentas diversas variantes, atopando en Galicia representación de todas elas, agás das que empregan o esparto.
Podemos considerar dúas clases de artesáns: unha os do rural ou campo e outra os da vila ou cidade. Os primeiros acostumaban a facer unha vida inqueda, dun lugar para outro, parando nas casas onde lle ofrecían traballo e, rematado este, continuaban cara outra casa ou aldea co seu instrumental ó lombo, o cal non era moito nin moi pesado. Este traballo era fundamentalmente práctico e baseábase na construcción de útiles axeitados para as tarefas do campo, fuxindo case sempre da estética. Durante as épocas de colleita (patacas, millo e vendima) este traballo víase acentuado pola demanda.
Ademais destes artesáns do rural, tamén hai que ter en conta que moitos labregos amañábanse para facer os seus propios útiles segundo as necesidades e a época. Había por tanto unha cestería de necesidade que realizaba cada quen para si mesmo. Neste punto convén recordar que en moitas aldeas sempre había un “milmañas” que ó igual que capaba porcos ou asistía ós partos das vacas, tamén facía cestos ou o que cadrase. Temos por tanto que, coincidindo coas colleitas máis importantes acentuábase a construcción de cestos e cestas.
Lembro que meu pai, pola época da vendima, facía unhas cestas de vides moi xeitosas. A tal fin apañaba no período da poda as vides máis longas do caíño e do catalán. Atábaas, estiradas en mollos, e logo levábaas á Xunqueira onde as enterraba na lama, poñéndolle unhas pedras derriba para que non llelas levase a marea. Facía todo isto co fin de que a auga do mar lles dese consistencia e elasticidade. Así, ó estar dondas, non partían ó torcelas cando se facía a cesta. Este costume era tan habitual no meu lugar, que polo sitio onde estivesen colocadas as vides xa se sabía de qué veciño eran.
![]() |
![]() |
Convén non esquecerse das tarefas da pesca. Cestas, patelas e nasas son os útiles máis representativos desta arte, polo que o cesteiro ambulante soía aproximarse ás vilas mariñeiras nos meses de inverno, cando os labores do campo esmorecían, para realizar os traballos de reparación e construcción destes útiles. Ata a década dos oitenta era doado ver polas mañás a carón da Praza de Abastos de Pontevedra algún cesteiro que se dedicaba a compoñer as cestas das peixeiras. Logo, pola tarde, adoitaba achegarse ata ás zonas do rural máis próximas á vila para realizar algúns traballos, que case sempre lle foran encargados con antelación.
Para o desenrolo do seu traballo o cesteiro conta cunha serie de ferramentas que basicamente son as que seguen:
O BURRO, que é unha peza prismática de madeira de grosor variable, dun metro e medio de longa, se o cesteiro traballa de pé, é máis curta se traballa sentado. A COITELA, que é unha peza espatelada de ferro, afiada por un dos cantos e con dous mangos virados para o lado onde ten o fío. Completa o listado do material a fouce, o macico, as cuñas o calco e os ferros de furar.
O cesteiro cando fai útiles prácticos, sobre todo para as tarefas do campo ou tamén do mar, empregaba case sempre madeira de carballo ou castiñeiro, que ás veces combinaba con vimbios. Para esto buscaba árbores novas, dereitas e que tivesen poucos nós, xa que isto restáballe consistencia á madeira. Logo de cortar os toros, pasábaos polo lume ata lle chamuscar a casca e de seguido quitáballa. Despois, cun podón ou fouce, ías fendendo ó longo do pao seguindo as veas da madeira. As tiras resultantes reciben o nome de vergas, estilizas, corres ou costelas. A continuación as que saían con defectos pasaban ó burro onde eran amañadas coa axuda da coitela. Realizada esta función comezaba o proceso de elaboración do utensilio desexado.
O cesteiro, se quer facer un cesto, colle varias vergas e ponas no chan, dispoñéndoas segundo queira facer un obxecto de base cuadrangular ou redonda. Logo comeza a tecer con outras vergas ou con vimbios, segundo cadre, ata facer o fondo. De seguido crava no chan varios paos para evitar que “descarrile” o traballo e, collendo máis vergas ou vimbios, continúa tecendo en redondo ata altura desexada para o cesto. Por último só queda facer o remate. Cada cesteiro acostumaba ter o seu estilo propio, pero basicamente consistía no seguinte: collía os ferros, poñíaos ó lume e logo facía unhas furas nas puntas das vergas. Despois collía unha vara longa de castiñeiro e rodeaba a boca do cesto, para de seguido coller unhas vergas finas e cinguir a vara contra as vergas verticais da cesta ou cesto. Convén recordar que se os traballos do cesteiro ían ser empregados par conter líquidos tiñan de ser embreados.
Por outra banda o cesteiro da vila ou cidade era fundamentalmente sedentario e dispoñía dun pequeno taller que facía ás veces de tenda. Traballa máis en fino e emprega materiais moi diversos e delicados, tales como vimbios, xuncos canas e palla. As vergas teñen un uso moi limitado. Os traballos que fai son moi diversos e con distinta finalidade. Basicamente estaban destinados ás necesidades do fogar. Igual facía cestos, cestas da compra, selas, mesiñas ou adornos para lámpadas, berces e andadores para nenos acabados de nacer, bolsos con vimbios e palla, etc.
Este tipo de cestería atópase hoxe en día moi desvirtuado por mor dos materiais empregados, xa que o plástico e outras fibras artificiais fixeron a entrada nos talleres destes artesáns. Outra causa é a comercialización de productos vidos de fora, así como a industrialización do sector. Pouco a pouco, o cesteiro de cidade foise convertendo cada vez máis en comerciante e menos en artesán.
Os cesteiros de Galicia formaban un oficio cunhas características moi especiais, xa que constituían un xeito de gremio e ata tiñan unha linguaxe propia A VERBA DOS CESTEIROS- a semellanza dos canteiros e afiadores. Velaquí unha pequena mostra dalgunhas verbas empregadas por eles:
Docaito - machado / achapar - morrer / Chumo - viño / chumar - beber / Egueiro - leite / longuiño - centeo /Escaino - muíño / horxe - madeira / Entaleigar - saber /xabil - diñeiro / Erena - bruxa / lucio - día / Marila - pita / raucha - noite / Pielo - bébedo / cadino - enfermo / Balbinaxe - si / nente - non / Ferrexar - traballar / caxaca - lobo / Chapona - chaqueta / galrupar - falar / Lampaneiro - coello / oreta - auga / Charramaneiro - ferreiro / Dalbarteiro - carteiro / Marila da tedra - perdiz / Liorna dos Biscornios - Lisboa.
Tamén son moitas e variadas as coplas sobor dos cesteiros. Sirva como mostra a seguinte copla:
O
que fai un cesto fai cento
se lle dan vergas e tempo.
E aínda hoxe en día lembramos aquela cantilena con que os cesteiros ían anunciándose ós veciños polos rueiros.
¡Co om... poon cestas!
E soíanlle remedar os rapaces.
¡Tamén burros e bestas!
Non cabe dúbida, por tanto que os cesteiros, ó igual que outros oficios desenvolveron en Galicia unha arte e unha cultura que por desgracia esmoreceu a causa dos avances das novas técnicas e do tan gabado progreso.
ANDRÉ SOLLA