Como vén sendo
tradicional, a Asociación Cedofeita organizou a exposición anual do mes de
agosto que nesta oitava edición
estivo aberta ó público do 3 ó 7 ámbolos dous incluídos. Baixo o título O
CERNE DUN POBO ofreceuse unha ampla mostra de ferramentas para traballar a pedra
e a madeira, algunhas pezas realizadas nestes materiais, así como fotografía e
información sobre os oficios relacionados con elas.
A pedra, especialmente o granito, e as árbores que nos proporcionan a madeira son elementos abundantes en Galicia que, dun xeito sobranceiro, contribúen á configuración da nosa paisaxe, polo que non é de estrañar que se utilizasen como materia prima para a elaboración de obxectos e construccións diversas desde os máis recuados tempos.
Vista (parcial) da exposición.
En efecto, a
pedra e a madeira son dous recursos naturais susceptibles de seren transformados
polo home, convertido en artesán, para se trocaren en edificacións, en útiles
do fogar, do agro ou do mar, así como para se conformaren en expresións plásticas,
tanto relixiosas como profanas, ata o punto de que o emprego de ambas materias
ocupa un lugar destacado no conxunto das artes do noso país, non en balde,
desde tempos prehistóricos, o home, ademais de dedicarse á recollida de
froitos e á caza, esculpía marfil e óso e tamén pedra e madeira, aprendizaxe
que se transmitiu de xeración en xeración ata chegar ós nosos días.
Precisamente
esta longa tradición propiciou que
os artífices da madeira e da pedra, carpinteiros, cesteiros, entalladores... e
canteiros, alcanzasen en Galicia destacados niveis de mestría na realización
das súas obras, chegando nalgúns casos, a seren cualificados de artistas por
dominaren as técnicas do oficio e por se esmeraren na realización
e acabado das creacións, na súa arela por conseguir obras ben feitas.
A pedra e a
madeira están estreitamente vencelladas ós nosos ancestros culturais, pois
foron, e se cadra aínda son hoxe, motivo de certas crenzas. Poñamos por caso
as pedras abaladoiras, como as de Muxía e os milladoiros, moreas de pedras
depositadas por romeiros cando ían de camiño cara a un santuario. Tamén a
pedra pode ser instrumento de súplicas piadosas en demanda de variados
beneficios Por exemplo, saúde física ou mental, coma os penedos de San
Lourenzo de Piñor-Barbadás; chuvia, como a pedra da auga do monte Aloia-Tui;
sabedoría, coma o santo dos croques na catedral de Santiago. A madeira non ten
tanto predicamento neste senso, sen embargo podemos citar o caso de San Xurxo do
Cereixo-A Estrada, onde pasan unha vara de madeira, bendicida, por riba das
vacas ou calquera outro animal para libralos de posibles males.
Pero ademais do significado paisaxístico e antropolóxico, a pedra e a madeira estiveron ó longo do tempo, intimamente relacionadas en múltiples labores artesanais. Lembremos, por exemplo, o feito de poñerlles mango de madeira ás machadas de pedra tallada, invento paleolítico, que supuxo un avance técnico de gran eficacia. Xa no megalitismo, non se pode imaxinar a colocación de pedras fitas nin a construcción de mámoas sen un parello adestramento no manexo das grandes toradas. Tamén se atopa conexión entre os oficios relacionados coa madeira e coa pedra, no granito que, transformado en arquitectura de mosteiros e igrexas por destros canteiros, se complementa coa madeira dos retablos, baldaquinos e coros de artística fasquía de mans dos entalladores e imaxineiros. Outros casos de interacción entre a carpintería en senso amplo e a cantería é o traslado das formas e estructuras de creacións en madeira á pedra. Tal é o caso dos instrumentos musicais que se poden ver non tímpanos das portadas dalgunhas igrexas e catedrais románicas e das fachadas das igrexas e catedrais, especialmente renacentistas e barrocas, que tomaron como referente os retablos realizados previamente en madeira. Na arquitectura popular podemos ver nos muíños e nalgún tipo de hórreo unha perfecta imbricación funcional entre a pedra e a madeira.
Os tradicionais artífices da pedra e da madeira, herdeiros daqueles devanceiros que traballaron nos castros, son homes hábiles, amantes do seu oficio, buscadores da perfección, nobres coma os materiais que empregan, cun extraordinario espírito de compañeirismo que tivo a súa máxima expresión nos gremios, na maioritaria transmisión da sabedoría do oficio de pais a fillos e, no caso dos canteiros, na existencia dunha xerga especial, o verbo dos arxinas, que tiña unha finalidade críptica. Para facer utensilios, para construír calquera habitáculo ou para realizar creacións plásticas, canteiros e carpinteiros utilizaban múltiples ferramentas das que a exposición, O cerne dun pobo, ofreceu unha mostra de cerca de duascentas cincuenta pezas, entre as que se podía atopar desde sinxelas gubias ou simples picos ata outros útiles máis complexos coma un torno ou un guindastre, pasando por ferramentas singulares como unha serra de aire ou unha serra portuguesa moi empregada entre nós.
OS ARTÍFICES DA
MADEIRA
Como xa
comentamos, desde tempos inmemoriais, a madeira foi empregada como materia prima
para construccións diversas, para a producción de obxectos útiles, para a
elaboración de motivos artísticos e mesmamente para a representación de
fetiches. Desde a árbore da fraga ata que se converte na obra desexada, a
madeira pasa por unha variada transformación na que tradicionalmente interviñan
diversos artesáns.
O primeiro en entrar en contacto coa madeira é o fragueiro, quen cortaba as árbores no monte, derramábaas e tronzábaas en toradas. Ás veces cubicaba o seu volume axudado do calibre ou a ollo. Neste caso tamén recibía o nome de madeireiro. Os serradores ou serranchíns, entre os que abundaban os portugueses, traballaban en parellas, aínda que, ás veces, levaban un rapaz para os recados. O seu cometido consistía en transformar os toradas en táboas, pontóns, barrotes, etc. O burro, que lles permitía elevar as toradas do chan, eran un aparello imprescindible para seu labor.
Entre os carpinteiros existían varias especialidades entre as que se poden citar o carpinteiro de taller que facía mesas, tallos, bancos, portas, ventás, canastros, escaleiras, varandas...; é probablemente o prototipo de carpinteiro. O ebanista dedicábase a pezas máis finas e coidadas, tanto no axuste coma no remate, como por exemplo, camas, armarios e mobles en xeral, para os que empregaba maioritariamente madeiras nobres. O torneiro modelaba as pezas de madeira no torno para obter patas para mobles, balaústres, fusos, rocas, etc. Outras especialidades de carpinteiro son o carpinteiro de armar, que colocaba a armadura das casas sobre a que ía a tella ou a lousa e facía teitos e pisos, e o carpinteiro de carros que no seu traballo procuraba empregar o menor número de cravos, facendo as suxeicións das pezas maiormente con tornos de madeira. Por último, dentro do grupo dos carpinteiros, citaremos o carpinteiro de ribeira que artellaba pequenas embarcacións de madeira, tanto de mar como de río: lanchas, gamelas, dornas, etc.
Entrada
ó local da exposición.
Pero existen máis oficios relacionados coa madeira. Os entalladores adoitaban esculpir retablos, cadeiras de coro e, en xeral, imaxes relixiosas. Neste último caso chamábanse imaxineiros. Os toneleiros despois de cortar as doelas convenientemente, domeábaas ó lume para darlle a forma do barril, cuba, pipa ou tonel. Un caso de toneleiro “fino” era o baldeiro, pois fabricaba baldes, tinas e sellas de madeira ós que podía adornar con luxosos aros e outros elementos decorativos, en especial de metal. Os cesteiros, con vergas de carballo, vimbias ou vides confeccionaban cestas de todo tipo (muñicos, patelas, da roupa) así como mesas, cadeiras e bandexas. Tamén facían cabaceiros, canizas do carro, cancelas e grades. Os peneireiros, ademais de peneiras, artellaban cribas, e certos instrumentos musicais como pandeiretas, pandeiros, tambores, bombos e caixas, para os que empregaba, ademais da madeira, elementos metálicos e diferentes tipos de coiro. Por último citaremos os zoqueiros que usaban madeiras lixeiras coma o bidueiro para facer paos de zoques, zocas, madreñas e, a maiores, garfos, culleres, pratos para o polbo e cuncas.
Aínda que sería difícil confundir un cesteiro cun carpinteiro de ribeira, na realidade unha mesma persoa podía coñecer varios destes oficios, en especial os pertencentes ó grupo dos carpinteiros, polo que era frecuente atopar artífices que dominasen as técnicas de dúas ou máis profesións. Daquela, un mesmo suxeito podería armar a cuberta dunha casa, tallar un armario, arranxar un barco ou labrar a imaxe dun santo, co que se producía unha ininterrompida sucesión entre oficio, artesanía e arte.
A ARTE NA PEDRA
O emprego da pedra desde tempos prehistóricos para a fabricación obxectos con fins utilitarios ou máxicos facilitou que o home plasmase nela a súa capacidade artística. En Galicia atopamos machados de pedra, primeiro lascados e despois pulidos, e outras peza como por exemplo poutadas e raspadeiras. Con grandes pedras construíronse mámoas, destinadas a sepulcros colectivos, mentres que as fortificacións castrexas edificáronse con pedras máis pequenas colocadas con harmónica mestría. A pedra foi o soporte da arte rupestre, tanto a realizada nas covas con pintura, como a dos petroglifos gravados nos grandes penedos á aire libre coma os de Campolameiro ou Mogor.
A achega romana deixa na cantería galega obras singulares como a muralla de Lugo e a ponte sobre o río Bibei así como a técnica de construír calzadas coma a que existiu na Gándara. Ó longo da Idade Media constrúense castelos, igrexas e catedrais, traballándose a pedra baixo varios estilos. O máis florecente e arraigado no noso país é o románico que culmina na catedral de Santiago co Mestre Mateo. Nesta época tamén se representan en pedra escenas relixiosas coa finalidade de adoutrinar á xente, daquela, maioritariamente analfabeta.
Torno para traballar a madeira.
Ó entrarmos na modernidade, á tradición secular galega únese a mestría dos canteiros biscaíños, trasmeranos e portugueses que colaboran na realización de obras renacentistas como a fachada da igrexa de Santa María de Pontevedra. O poder económico do clero e a fidalguía (s. XVII e XVIII) vai espertar unha febre constructiva de estilo barroco que acada unha especial sensualidade no xogo de volumesxeométricos nos que a pedra ten un protagonismo de excepción. A paisaxe rural galega queda remodelada pola esplendorosa presencia pétrea dos anovados mosteiros (coma o de Lérez que reedifica a igrexa), polos campanarios engadidos ás igrexas e polos pazos de nova construcción que, coma o de Oca, se ubicaron afastados das vilas. Tamén se fan obras nas catedrais ( por exemplo, a capela da Virxe dos Ollos Grandes en Lugo) e se colocan fachadas en vellos edificios coma a do Obradoiro e a da casa do Cabido en Santiago. Nos dous últimos séculos a pedra segue ofrecéndonos a súa sólida esencia en edificios como a Deputación de Pontevedra e en esculturas figurativas, como San Francisco de Asorey, ou abstractas como Arcobotante de Silverio Rivas.
En fin, en calquera lugar de Galicia podemos achar nas pedras unha pegada da arte ou unha testemuña do pasado: pontes de singular traza, hórreos de coidada labra, humildes fogares de excepcional paramento, valados de artística disposición e cruceiros, coma o da Tranca no Castelo, de requintada fasquía. Ademais, empedrados de prazas e rúas, fontes, pombais, petos de ánimas e un longo etcétera teñen na pedra, coa súa variedade de matices, a materia prima ideal para seren realizados aínda nos nosos días, xa que a mecanización actual non impediu a pervivencia dos canteiros artesáns que, manexando habilmente as ferramentas, seguen sacando da pedra a sorpresiva maxia que mesmo semella levar dentro.
Dous nobres materiais, madeira e pedra; oficios seculares que as utilizan nas súas realizacións; ferramentas sinxelas ou complexas que lles dan forma para se converteren en obxectos útiles ou ornamentais, sacros ou profanos; así se amosou contido desta exposición que tivo como tivo principal obxectivo contribuír á divulgación do noso pasado e á recuperación da memoria histórica da parroquia.
JAIME IGLESIAS GONZÁLEZ