AS CRUCES DE PEDRA EN LÉREZ, debuxadas por Castelao

 

Neste ano no que andamos cúmprense 50 anos do pasamento dun home bo e xeneroso: ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO.

Dende a revista CEDOFEITA queremos recordar, divulgar e facerlle unha pequena homenaxe reproducindo as súas verbas e debuxos sobre as cruces de pedra da parroquia de Lérez recollidas no seu estudio AS CRUCES DE PEDRA NA GALIZA que é calificado polos expertos como a grande obra de erudicción da primeira mitade do século XX.

Así reprodúcense as VERBAS LIMIARES e os cruceiros e cruces de pedra da parroquia de Lérez: Casal Novo, Castelo, Chenlo, Lérez, Santiña e Casal Dourado, que aparecen debuxados no libro que é un fito na historia editorial da NOSA TERRA.

RAFAEL REDONDO MONROY

 

V E R B A S   L I M I A R E S

 

CANDO FUN RECIBIDO NO "SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS", AOS POUCOS MESES da súa nascencia i en plena faxina de organización, a min sóio me foi doado presentar, como prendas de bó parescer, algúns froitos artísticos e literarios saídos do meu probe enseño. Certo que nunca mentín de ningunha cousa que dixese e que a miña inquisición endexamáis reparou en cousa que realidade non fose: verdades sesibeis ou presentidas, imaxens que os meus ollos de carne apañaban na vida cotián, ou zume que me rubía do fondo da terra por fios de sentimento. Pero a miña obra de artista, por de boa cepa que viñese, semellábame pouca cousa para entrar no seo dunha familia de investigadores, que aspiraban, ren menos, que a exertaren na Universidade de Compostela un órgao da nosa propria cultura; e puñei de merescer con algún traballo especial a garimosa acollida que todos me dispensaron. Era preciso inquirir i estudar. Pensei nas fontes, nos hórreos, nas sepulturas, nos carros, nos barcos, nos reloxes de sol, nos procesos e formas do pan, nas ferramentas do traballo, nas lendas de morte e do nascimento... E de súpeto descobrín nos cruceiros un aspeito da nosa arte popular ainda non estimado como cousa importante. E velahí o que máis me importou.

Santiña, Lérez.1822

Cruceiro de Casaldarado 
(Lérez)

 

Para mellor coñecer a materia do meu estado comecei primeramente a deseñar cruceiros a eito, porque as cousas deseñadas moi amodiño e fidelmente permiten intuir os seus segredos, abrindo luces até na mesma lei que as formou, pois así, en certo modo, as cousas volven a seren refeitas pol-as nosas mans e recriadas diante os nosos ollos; e do pracer con que as interpretamos e trasladamos a un papel, remanece o amor que logo nos inspiran. Deste xeito, quén recolle as cousas creadas xa non é tan estrano a quén as creou e cultivou. Pode unha fotografía superar a un deseño, como documento; mais eu aseguro que os meus deseños son fidediños e que ao facelos comunicáronme un coñecimento da materia que sería inaicesibel ao siso dun simpre fotógrafo. E velahí a grande avantaxen do deseño, que a min me permiteu descobrir un tesouro de arte popular nos desprezados cruceiros.

Cruceiro da Tranca
Castelo, Lérez, 1784

 

Ao pouco tempo andado da miña laboura reparei noutras cruces de pedra, que coroaban as eirexas, os piornos, as fontes, os portalóns, os megalitos, e non tardei en ver formas cruciformes até na arte rupestre, todas elas, por certo, diñas de seren recollidas a par dos cruceiros. O material foi medrando en imprevistas variedades de formas e grupos, e o primeiro plan ficou axiña superado por outro máis extenso. Os cruceiros, como motivo folklórico, xa non eran máis que unha parte do meu traballo; e o todo resumíase nunha verba común: a cruz, ou mellor ainda, a cruz de pedra. Quebrantouse así a miña ledicia de dibuxante afeito á literatura, porque as novas angurias de coñecimento trascendían a mundos nunca denantes catados por min. ¿Podía eu dar cima a semellante estudo? ¿Non sería máis cordo entregar ao Seminario todol-os deseños recollidos? Pero a todo esto eu xa tiña algunha cousa que decir, e, de por parte, considerábame dono dunha liberdade que cicáis non teña sido nunca patrimonio de eruditos, poño por caso de xente responsabel. Sería, pol-o tanto, gran torto amingoar o lume da miña maxinación, porque si en algo do que eu dixer pol-a miña conta houbese un chisco de verdade ou provocase sabias enmendas de quén sabe o que eu non sei, e que eu obriga non teño de saber, por moi honrado me tería na miña condición de artista. Con decir o que se pensa, xa non se dí mentira; e baixo esta sina seguín traballando.

Cruceiro da Xicra

Lérez, 1790

 

 

 

 

Cruceiro de Casal Novo

(Lérez)

 

Cruceiro de Benigno

(Casal Novo, Lérez)

A morea de deseños emparellouse logo cunha morea de notas, que foron recadadas a paso no saber comunicado dos mestres, ou saídas do meu confuso caletre. Merquei libros ingleses, encol das cruces de Irlanda, Escocia e Gales. Tamén merquei libros alemáns, que por certo alá ficaron denantes de seren traducidos. Fun a Bretaña, onde hai cruceiros semellantes aos nosos, â cata de luces para o meu plan de estudo, e voltei menos arrizado, pero máis comprometido. Fun a Portugal, sen lecer dabondo para pelegrinar pol-os seus camiños, e voltei prometéndome novas xeiras, que xa máis nunca puden emprender. Nas bibliotecas de Paris consultei bastantes libros e revistas, que me deixaron abesullar a cortedade das miñas letras e a longura das miñas ambicións. Non me fallaron, no entanto, axuda e consello dos compañeiros de Seminario, naquela avinenza de mestres i estudantes galegos que unha lufada de absolutismo sandiamente tronzou e tolleu. Así decorreron dez anos de laboura, até que outras obrigas, menos gratas e máis graves, estancaron a miña empresa. Unha mixón política, que eu debía comprir por patriotismo, arredoume do traballo emprendido, porque aqueles intres non concedían trégola ningunha. A lide chegou a ser moi brava e moi crúa; e, máis tarde, as resultas sañudas da guerra civil, na que fun belixerante, botáronme pol-o mundo, cara o esilio en que arestora se debate a miña morriña. Empero, a boa fada que soupo gardarme de todo mal, quixo tamén salvar os meus deseños e unha gran parte das notas: papeis que se fixeron vellos e aburados de tanto andaren por pousadas distintas. Trouxen conmigo unha longa lista de libros estranos que na miña vida follearei, porque xa camiño pol-os nevoeiros da vellez e non teño tempo de chegar a onde me propuxen con folia de mozo. Os días xa son pequenos para comprir outras mandas e outras obrigas, que cada vez pesan máis, e velahí por qué poño remate a esta obra inconcrusa e fanada, que outros poderán compretar, reitificar e mellorar con novas aportacións.

 

 

Cruceiro do Cruceiro

Chenlo, Lérez

 

Empezo, pois, a compor un libro que estaba chamado a ser mellor do que en realidade será. E que a boa fada me acompañe ao escribilo.

 

A.R. CASTELAO