A carón do Río Lérez

Sobre a orixe do seu nome hai diversas teorías. Non se sabe se este é de orixe primitivo, ou se é celta, grego ou latino. Sábese que en tempos antigos Lerce foi un dos seus nomes máis habituais. Ademais deste nome, tamén foi coñecido por Loerón, Leros, Lerón, Terón , Lericos, Lerice, Lerce, Lerz, Leriz e Loriz.

Hai unha teoría que propugna que o nome pode derivar dunha árbore, abundante noutros tempos nas súas proximidades, coñecida por Larix ou Laricis que moi ben puidera ser o Alerce ou Larice.

Sexa como sexa, o nome do río xa aparece en diversas crónicas e escritos romanos.

O río Lérez ó seu paso por Pereiras, Forcarei

Dende o punto de vista xeográfico, forma parte da vertente atlántica. O seu nacemento ten lugar na Serra do Candán, no concello pontevedrés de Forcarei, para desembocar, logo duns 60 km. de percorrido, na ría de Pontevedra, despois de ter pasado polos concellos de Cerdedo, Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra.

Ó longo do seu percorrido atravesa fértiles vales que dende tempos inmemoriais estiveron moi poboados, tal como o testemuñan os abundantes restos prehistóricos que se atopan a ámbalas beiras do río: petroglifos, mámoas, castros; posteriormente pontes e vías romanas; e máis recentemente mosteiros, torres e casas grandes.

Ve a luz ó pé do monte S. Bieito, que recibe este nome porque houbo alí unha capela dedicada a este santo, aínda que hoxe só se poden apreciar os seus restos. O río Lérez é fillo de dous pequenos regatos, coñecidos co nome dos Vidos. Uz e carqueixa; carrasco, toxo e codeso danlle agarimo e quentura nas longas noites de inverno. Bota a andar cara o poñente e ben pronto saúda ós primeiros veciños da comarca no rueiro da Noveliza. Segue o seu camiño e, como se acordase, vira ó norte rumbo ó mosteiro de Acibeiro, pasando antes polo lugar da Rochela. Camiña con pasos torpes, coma recén nacido, colándose por baixo de sinxelas pontiñas e enredando nas canles dos muíños. E así, xoguetón, chántase ás portas do mosteiro, coma se quixese recibir o bautismo en tan nobre cenobio, ficando logo admirado pola beleza arquitectónica. É o mosteiro de Acibeiro un dos máis antergos de Galicia, fundado no ano 1135 pola orde do Cister, sendo o seu primeiro abade don Pedro a quen se lle debe a obra da igrexa monacal. O rei Alfonso VII foi o seu grande benfeitor, pois concedeulle a xurisdición sobre o grandísimo coto do mosteiro. Tivo unha saneada economía e foi moi soado o seu negocio do xeo, que procedente das súas afamadas neveiras chegaba ata a Casa Real. A principios do s. XVI decae no seu esplendor e puxanza, acabando por integrarse na Congregación de Valladolid en 1518. En 1809 é tomado polas tropas francesas que remataron queimando o mosteiro. Como consecuencia da desamortización de Mendizábal rematou a vida monacal pasando logo a ser igrexa parroquial.

Ponte de Andón, situada no lugar do mesmo nome, na parroquia de Acibeiro. É a mellor conservada

Continuando coa súa viaxe, o río camiña cara o norte, pasando polos lugares de Forno e Cotiño en dirección a Andón onde saudará a fermosa ponte do mesmo nome; ponte de estilo medieval dun só ollo e pola que transitaban a xente que da Terra de Montes ía cara a de Deza e aínda máis lonxe. Pouco a pouco vai virando á esquerda, pois lembra que ten que ficar na ría de Pontevedra; e adentrándose na freguesía de Pereiras, saúda ó seu patrón S. Bertomeu, que lle presentara a un bo compañeiro de viaxe, o Nercellas. Logo de dar un brinco impoñente para alancar unhas rochas, segue orientando os seus pasos cara o sudoeste. Encaixado entre fortes pendentes e arroupado por unha espesa fraga de carballos, fará en solitario uns cantos quilómetros ata chegar ás proximidades das dúas Quintelas, lugares que son da parroquia de Duasigrexas, despois de pasar baixo a ponte Carballa. Vai deixando atrás Duasigrexas e a ponte de Valiñas veo pasar; camiño vai da ponte do Crego e axiña verá a de Maril, sen esquecer que pola esquerda saudarao o castro de Loureiro. Leiras e prados por ámbalas beiras. Forcarei, a capital do concello que o viu nacer, obsérvao dende un outeiro. Pasa a ponte de Batán camiño da de Gomail a onde chegará paseniño para logo saudar ó lugar de Gaxín. É esta ponte medieval do s.XV unha xenuína obra da cantería galega daquel tempo. Ten dous ollos, un grande, polo que pasa case toda a auga do río, e outro máis pequeno que só a leva nas enchentes. Por ela pasaban as xentes da comarca camiño das feiras e das romarías. Por ámbalas dúas beiras, ó longo do val do Lerce, carballos, bidueiros, ameneiros, freixos e algún que outro salgueiro réndenlle preitesía. Xa se apresta a entrar no concello de Cerdedo pola parroquia de Parada onde se atopará coa ponte antiga ponte que hai alí. Ponte de moita sona dende os tempos medievais, pois era paso obrigado para os que ían cara a Santiago. Tamén por ela pasaba o "camiño breeiro", chamado así porque por el ían os que transportaban o viño do Ribeiro. Hoxe en día atópase moi abandonada e a penas se transita por ela. Esta ponte, xunto coa de Gomail e Andón , seguen unha estructura arquitectónica moi semellante, o que nos leva a pensar que puideran pertencer a épocas moi próximas ou que se foran copiando os modelos. Paga a pena visitalas.

Bouzas e fragas que, xunto coas terras de cultivo, conviven preto do río. Río Lérez en Acibeiro

Segue impasible o seu curso; bouzas, terras de cultivo, pequenas fragas e algún que outro souto achéganse ata el. Xa está fronte a Folgoso e o seu paso modera, quizais pense no abandono en que se atopa a ermida do Pego e, ó seu pé, coma adormecido, case se para. Aquí ten que pagar o primeiro tributo ó progreso, cedendo parte do seu caudal para encher a presa que abastecerá a central hidroeléctrica de Cerdedo. De seguido, bota a andar baixo ponte que leva o mesmo nome da ermida e sobor da que pasa a estrada local que dende Folgoso leva a Forcarei pasando por Parada e Castrelo; e así, rumbo a Cerdedo, orienta os seus pasos. Escolle rota difícil; parece preocupado; durante longo treito vai da civilización afastado. Ladeiras escarpadas, impoñentes penedos e grandes rochas, no seu leito deitadas, fan deste tramo un lugar agreste e solitario. Tan sumido vai, que a penas se lle ve dende o alto. Figueroa, parroquia que é de Cerdedo, xa se avista. A paisaxe comeza a ensancharse. Máis dunha veiga, hoxe inculta, acaróase ó seu leito. Vellos muíños apeados, coa mirada triste, rogando ó río pola man amorosa que veña recuperalos. Pretiño de Cerdedo semella tomar descanso; anda paseniño por un pequeno val de prados e bouzas, noutrora veigas de millo e, sen entrar no pobo, vai ó encontro dun grande amigo que por Castro é coñecido. ¡Adeus a Cerdedo! Moi tranquilo pasa a ponte de Vichocuntín – a da antiga estrada a Ourense – e deste xeito, continúa en busca da de Pedre, pero antes recibirá ó compañeiro Quireza, que coas súas augas contribúe a facelo grande río. Admira a señorial ponte. Romana din que é, aínda que en épocas posteriores sufriu transformacións. É moi probable que aquí confluíse algunha vía romana, tal como pode ser a dezanove que que ía de Braga a Lugo e Astorga pasando por Tui, Borbén, Tenorio e Cuntis. .

Muíño en Cerdedo. Os outrora motores básicos da economía galega están hoxe abandonados

Xa di adeus ó Serrapio e a Pedre aló no alto -o pobo da Eira Vella- cos seus fermosos canastros. A súa andaina prosigue e xa vai chegar ós concellos de Cotobade e do Campo Lameiro, e , coma se espertase dun sono, comeza a choutar por entre riscos e taludes; retórcese e brinca; tropeza con grandes penedos; cae e volta a erguerse; semella querer fuxir da civilización e tardará en saudar lugar habitado. Varias veces terá de dar bos saltos para salvar enormes rochas que lle saen ó seu paso. De cando en vez, na inmensa soidade, vai meditando no mal que se lle aveciña, pois se ninguén o remedia, ficará asolagado baixo as fouces do progreso desmesurado. Coida que non merece semellante asoballo, el que deu xeneroso parte do seu caudal para uso racional. E, coma se quixese gardar tanta anguria e preocupación no máis profundo do seu ser, cavou no seu leito fondas covas onde ocultar os segredos. Ó longo dos tempos tanto segredo gardado deu pé a que as xentes da bisbarra armaran centos de andrómenas, contos e historias. Así temos á da trabe de ouro que deixaron os mouros cando tiveron que fuxir a toda a presa; a da galiña de ouro que saía tódalas noites de S. Xoán e non había quen de pillala; a da cruz do namorado que se vía no fondo do río nas noites claras de lúa chea. E tantas e tantas outras.

Malia a eiva, continúa o seu destino alá no fondo escondido. Dorna a un lado e ó outro S. Isidro. Moi pronto terá que aportar parte da súa enerxía para mover a central de S. María de Sacos. Sen respiro e sen descanso prosigue camiñando. A carballeira de S. Xusto xa o está agardando. Quérelle cantar a copla e falarlle dos veciños que por salvala loitaron. Tamén que beba un grolo da menciñeira auga, que aló no fondo ó seu pé aflora. E de seguido chega, logo de dar un brutal xiro, primeiro á dereita e logo a esquerda.

O río Lérez pasando por Dorna

Cumprido o rito de beber e escoitar a historia, vaise cara a ponte de Lixó. Outra ponte que din é romana, aínda que eu coido que é medieval; non importa, sexa como sexa, é a ponte máis esvelta e audaz de tódalas pontes antigas que ven ó río pasar. Erguida sobre dúas inmensas rochas, ten un só arco, lixeiramente apuntado, que acada unha altura de máis de trinta e cinco metros. Xunguía nun tempo as localidades de Sacos e Fentáns. A traveso dela hai unha calzada que vai en dirección das terras do Ulla e probablemente Santiago

Vaise indo, logo de pasar a ponte. Aínda terá algún que outro sobresalto. O sol aperta e fai calor. Freixos e ameneiros. Algunha xesta e salgueiro; se cadra sanguiños, e tamén sabugueiros danlle sombra a xeito de sombreiro. Parece ter présa e anda lixeiro. De vez en cando, por mor da presa dun muíño, ten que dar un brinco. E así, sen querer, chántase ante a ponte de Cutián, sobor da que pasa a estrada que leva das terras de Cotobade ás de Campo Lameiro e Moraña.

Ó pé da ponte, o río semella durmir a carón dunha área de lecer. A ela acostuma a acudir a xente para o baño ou pasar un rato de descanso. Esperta e bota a andar. Ten que rematar o seu cometido. Avanza dereito o Sur, sen a penas torcerse ou dar grandes saltos ata chegar á altura de Viascón e as Fragas; aló no alto os veciños e no fondo o río. Ameneiros e carballos, tamén pinos e algúns eucaliptos, que van mollar os pés ó río, altérnanse coas bouzas, herbeiros e terras de labradío. De cando en vez algún muíño para sempre apeado. Endexamais fará maquía. O progreso e a modernidade deron ó traste con tan abnegado servicio. E de repente volta agocharse da civilización. Entre fortes ladeiras vaise achegando a Gargallóns pola zona da Infesta. Á súa esquerda quedará Parada de Tenorio e moi pretiño, pola dereita, virá Fragoso que pertence a Xeve no concello de Pontevedra.

O río Lérez ó seu paso por Tenorio

De novo, bouzas, veigas e algunha pequena fraga achéganse á súa beira. Preto está do corazón de Tenorio, onde se asenta o mosteiro que leva o seu mesmo nome. "Crese que foi fundado nos últimos anos do s. X, pois non hai constancia da data exacta da súa fundación. Conserva o claustro cuadrangular a carón da igrexa, hoxe parroquial. Ó longo da súa historia pasou por moitas vicisitudes, sobre todo no s. XV cando foi conquistado por Pedro Madruga, conde de Soutomaior. No 1535 ingresa na Congregación de Valladolid. Este feito non é aceptado polos residentes do mosteiro e o seu abade Francisco de Orense decide irse a Portugal con toda a documentación, circunstancia que fai moi difícil o estudio do mosteiro dende a súa fundación. Posteriormente pasa a depender do mosteiro de Lérez, dependencia que só durará oito anos. Na guerra da Independencia foi fortaleza e centro defensivo das guerrillas de Cotobade que actuaban contra os franceses, situación que o levou a ser tomado e queimado por estes. Como tantos e tantos outros mosteiros rematou a súa vida monacal coa desamortización".

Sosegado e calmo, xa non é aquel mozo algareiro, continúa cara a Bora. Á dereita queda Xeve (S, André). As súas marxes frondosas, xalonadas de ameneiros, carballos e mimosas, e algunhas rochas, que emerxen do seu leito, fan deste tramo un dos máis fermosos do río. Xa está en Bora; semella pararse, coma se algo pasase; pasa lentiño baixo a ponte de Sadornil e de súpeto sabe o por que. Diante sí ten a presa de Bora. Hai que facer o último aporte ó progreso industrial. Para levar a cabo tal cometido recibe a axuda do Almofrei, o máis grande compañeiro que aquí se une a el. De seguida continúa , parece debilitado. Algunha que outra presa de muíño abandonado dificulta o seu paso. Mais, é moi forte a ansia por chegar ó final da seu percorrido. Mourente e Lérez veno chegar deste xeito. Aínda terá que aportar xeneroso un bo puñado de auga para o consumo humano das xentes da capital. Superada a presa que hai ó pé de Monteporreiro, xa non terá máis atrancos dende aquí ata o final. Olla preocupado as mudas paredes do que noutro tempo fora afamado balneario. Xa comeza a percibir o sabor da auga do mar que lle lembra que a viaxe vai rematar. Olla para o mosteiro de Lérez que está alá no alto, agardando recibir do santo milagreiro a súa bendición. "É este mosteiro o máis antigo dos tres que se atopan ó longo do curso do río. Foi fundado no ano 916 polo abade Guntado ó recibir, por doazón do rei Ordoño II, o coto onde se asenta. Igual que os outros dous, tivo moita importancia e pasou unha época de decadencia. Integrouse na Congregación de Valladolid no ano 1540. Foi sé dun Colexio de Humanidades e Filosofía, contando entre os seus alumnos e ensinantes cos coñecidos pais Feixóo e Sarmiento. Tamén coma os outros desaparece a súa vida monacal coa exclaustración en 1835. Aínda houbo en 1865 un intento de restauración da actividade, pero fracasou ó morrer en 1886 o seu impulsor. Hoxe o mosteiro e sé parroquial".

Coma se se deixara levar, continúa de vagar; parece non ter présa. Despois de deixar atrás as pontes do Burgo e da Barca, despídese de Pontevedra e, a modiño, vai a deitarse no mar, pois xa quere descansar de tan axitado recorrido, aló fronte a Tambo e a carón de Lourido.

 

ANDRÉ SOLLA