Homenaxe ás Cantigas de Mendiño e Martín Códax

Traballo que obtivo o 1º PREMIO no concurso que, co gallo do Día das Letras Galegas convocou Cedofeita en maio de 1998


    San Simón é unha illa pequena, agachada nun recuncho do Mar de Vigo, preto da praia de Cesantes, pero, tan protexida das olladas dos curiosos pola espesura da súa arboreda, que resulta ideal para ocultar ós que non se queren deixar ver, para esconder amores e protexer segredos. É unha mancha verde no medio do mar gris-azulado, unha mancha calada e fiel, é o escenario dos amores de Martiña e Mendiño.

    Martiña de Códax é unha doncela fermosísima, de pel branca e cabelo loiro, lanzal como a cana de azucre, bondadosa filla e neta, ardente namorada, nostálxica nas ausencias, esperanzada nas esperas e apaixonada nos encontros.

    Mendiño é un doncel de Cangas, mouro e fresco, fino e doce, cegamente namorado, fiel e  inquedo, considerado o máis impetuoso. Ama a Martiña cun amor fondo, cáseque desesperado. Espera cada día que chegue o solpor para colle-la súa dorna e achegarse a San Simón, para estar con ela, para mirala e bicala sen que ningún ser humano os poida ollar, porque coida que as olladas poderían lixar ese amor tan puro que se profesan.

    O amor de Martiña e Mendiño é un segredo que só coñece San Simón, santo do ceo, diante da súa imaxe de buxo espérao a amada tódolos días, aínda sabendo que non sempre pode acudir ó seu encontro, xa que as súas obrigas ou os antollos do mar son barreira que non sempre pode saltar, pero a esperanza está sempre no corazón dos dous amigos, sempre pode ocorrer un milagre que os deixe xuntar aínda que sexa só un anaco case insaboreable de tempo, porque eles teñen dabondo con se ver e cunha caricia lene á porta da ermida do santo cómplice, entre os carballos murmuriantes, acariñados polas ondas que arrolan a illa e polo vento mareiro docemente salgado.

    Non piden moito os dous amigos, non son cobizosos de ren que non sexa a súa fidelidade e o seu namoramento. Esperan, sempre esperan.

Illas de San Simón e San Antonio

    Coma tódolos días, o comenzar a cae-lo sol, Martiña deixou, silandeira, a casa do seu pai e camiñou pola praia cara á lila. Non tardou en chegar. Botou unha ollada arredor, non había nada que non fora familiar e querido, pero tampouco albiscou a ninguén. Pensou:

- ¡Poderá vir Mendiño?. ¿Virá o meu amado?. Vou ó altar a esperalo.

    Dirixiuse á ermida e púxose de xeonllos diante do santo querido. Rezou sen palabras na boca, con palabras no corazón, a mesma oración de tódalas tardiñas:

-San Simón querido! Fai que veña o meu amado, fai que veña o meu amigo.

    Tan intensa era a súa pregaria que non se deu conta de que o tempo pasaba, de que se facía noite. Cando acordou, notou a noite. Tiña que voltar á súa casa, seu pai e súa avoa ían nota-la súa falta, preocuparíanse por ela. Botou a andar cara á ponte. ¿De seguro que Mendiño non viría?. Era igual, era moi tarde e tiña que voltar. Chegou á pontiña e quedou abraiada, as ondas cercaban a illa, non podería chegar á praia, non tiña barca nin tiña barqueiro, nin tiña a Mendiño. Non se lle ocorría qué facer. Aínda que berrara, ninguén a ía escoitar, e se a escoitaban e ían buscala, todos se enterarían de que fora á illa, e preguntarían a qué fora no solpor. Ela tiña que garda-lo seu segredo, non podía pedir axuda.

-¡Ai San Simón! ¡Ai meu amado, meu amigo! ¿Que será de min se non me acudides?

As ondas do mar de Vigo cercaron a Martiña sen o seu amigo. 


MARTA A. RODRÍGUEZ MARTÍNEZ
Colexio Xunqueira-2