Cantar dos maios

 

Maio tradicional, con todos os seus elementos decorativos característicos.

 

O cantar que se transcribe a continuación chegou a nós por intermediación de Paco Romero, a quen llo facilitou D. Sebastián Dios coa seguinte nota explicativa: cantábase pola parroquia de Lérez na festa dos Maios, aproximadamente polos anos 1939-40. O "Celta" era o can do Ramallo, que vivía na Gándara, cerca da Santiña, e que se escapou da casa e pasou esta odisea. Había certa psicose contra os cans vagabundos, pois algún caso de rabia se tiña dado por aquel tempo.

 

 

Hai no lugar da Gándara / unha pandilla de mozos

que a miúdo están pensando / e soñan con cans rabiosos.

O can que sae ás cadelas / e vai por aquel lugar

antes de saír da casa / xa se pode confesar.

 

Coro e palitroques:  O can que sae ás cadelas ...

 

Berra que te berra / corre que te corre

tratan de levalo / ata o lugar da Torre.

Está alí a do Carranco / que ten un viño estupendo

toma cada un seu neto / e saen de alí fervendo.

 

Coro e palitroques: Está alí a do Carranco ...

 

Primeiro sae José / despois Antonio e Ramón

e poñen a todo o barrio / en plena revolución.

Saen todos dando voces / detrás do pobre animal,

o que non leva unha fouza / vai armado de puñal.

 

Coro e palitroques: Saen todos dando voces ...

 

Ía P.F. / que corría moi veloz

enganchouse nuns alambres / e metía "a de Dios".

Non vale a pena ser can / pra pasar tanto traballo,

quen volo pode contar / é o "Celta" do Ramallo.

 

Vista parcial dos elementos decorativos dun maio.