A súa orixe
é asiática, pero distintas variedades desta especie están estendidas por todo
o mundo. Unha delas, de pequeno tamaño, é a que usan os arxentinos como
recipiente para confeccionar o mate; os guaranís utilizábana para facer
botellas e almacenar grans; da mesma especie é a cabaza dos peregrinos, que tamén
se utiliza para levar líquidos,...
En Italia coñécese esta variedade co nome Lunghissima della Sicilia, explicitando así a referencia á característica que máis chama a atención, a súa lonxitude, que en cultivos no lugar da Gándara (Lérez) ten superado amplamente o metro.
Vista desta cabaza branca.
Anque a denominamos "cabaza", realmente non pertence ó xénero Cucurbita coma estas, senón que o seu nome científico é o de Lagenaria Vulgaris. As sementes cultivadas por nós foron adquiridas en Padua (Italia), no mercado que cada sábado ten lugar no incomparable Prato della Valle, praza de 90000 m2 (equivalente ás dimensións de 10 campos de fútbol), cun canal de auga elíptico no seu interior, bordeado por 78 estatuas de paduanos ilustres.
O seu cultivo é fácil; a sementeira faise no mes de abril, poñendo 2-3 sementes en cada burato, con abono de fondo. Cando as pequenas plantas acadan un tamaño suficiente, déixase unha soa e colócase un sistema de soportes resistentes, pois os froitos acadan bastante peso; a planta agárrase bastante ben a calquera parte. A distancia entre plantas debe ser, como mínimo, dun metro.
Hai que controlar os ataques de oidium (un fungo con aspecto balorento) e
de botrite ou podrico; para iso, pode sulfatarse con sulfato de cobre (caldo
bordelés) e xofre, do mesmo xeito que se fai co resto de cabazas, cogombros,
etc. Entre setembro e outubro efectúase a recollida dos froitos, esperando a
que toda a planta estea seca e os seus froitos completamente maduros. As cabazas
obtidas son ricas en azucres e vitamina A, e poden conservarse durante varios
meses en ambiente fresco e seco.
Vista
da cabaza na que se pode aprezar o seu tamaño.
Os seus usos, aparte na cociña, son a ornamentación e mesmo para confeccionar instrumentos musicais coma o zucófono (sería unha especie de clarinete; o nome provén do italiano zucca, cabaza). En zonas de Italia hai a crenza de que tela de adorno dá felicidade e abundancia, crenza que procede do Extremo Oriente, área de orixe desta especie (xa coñecida polos antigos romanos). Esta crenza relaciónase co abundante número de sementes que dá a planta, aínda que seguramente tampouco é allea a propia forma fálica do froito; na festa de vodas tradicional na China, os esposos beben das dúas metades para subliñar a unión conxugal.
PEPE ÁLVAREZ