Barriga Verde


Barriga Verde
xorde coma un dos moitos personaxes de títeres
(1) creados por un home de extraordinario talento, chamado José Silvent Martínez, para o espectáculo que representaba no seu teatro ambulante, Melodías de España. A popularidade que acadou este personaxe produciu un fenómeno metonímico polo que o propio José Silvent pasou a ser coñecido por Barriga Verde e Barriga Verde chegou a denominar o teatro Melodías de España e ademais a totalidade do espectáculo de humor e entretemento nel se ofrecía nas festas e romarías de Galicia.



JOSÉ SILVENT MARTÍNEZ, VECIÑO DE LÉREZ.

José Silvent Martínez é un galego de adopción e de devoción, home xenial que, coma outros moitos galegos, non foi suficientemente valorado. Era máis coñecido por Barriga Verde, xa que, como quedou dito, este o personaxe foi o máis atractivo de cantos concebiu para o seu espectáculo de monifates de indiscutible aceptación popular. Pero ademais, nos arredores de Lugo chamábanlle Traga Estopa, personaxe de reclamo que actuaba diante da barraca antes de empezar cada función. No sureste da provincia de Pontevedra e parte da de Ourense identificaban a José Silvent como Xosé o dos Monecos por razóns obvias.

José Silvent



Este artista de nidia alma galega tiña, non obstante, raizames fóra de Galicia. Naceu en Santa Marta del Campo (Badaxoz), en 1890, fillo de pai francés –Joseph, de Perpiñan- e de nai extremeña –Josefa-. Este matrimonio, que vivu en diversas localidades españolas, tivo varios fillos. José, alá polo ano 1905, cando só tiña quince anos de idade, pasou de Badaxoz a Portugal e logo colleu cara ó norte ata chegar a Pontevedra.

Aquí coñeceu á lerezana Emerenciana Fernández Gómez coa que casou na igrexa de San Salvador de Lérez o vinteseis de xaneiro de 1919. Estableceron o seu fogar no lugar da Torre (Camiño Vello) desta parroquia, vivindo unha pequena tempada na Fontaíña para volver de novo á Torre e instalarse máis tarde definitivamente na hoxe denominada avenida Leandro del Río númeno 22. Tiveron oito fillos: Lucia, Celso, Nieves, Trinidad, Celia, Saladina, Otilia e Alfonso.

Sabemos que José Silvent era alto, ben parecido e de caráter pacífico. Sempre se mostraba moi humano e comprensivo diante das situacións difíciles dos demais. Sen embargo, a pesar de ser humorista, caracterizábase por ser un home serio e formal; inimigo de faladurías e incapaz de facer mal a ninguén.

A súa formación académica era moi escasa, así que todas as realizacións e todos os éxitos acadados ó longo da súa existencia debéronse á súa decidida iniciativa persoal, á súa intelixencia natural, ó seu sentido práctico da vida e á súa extraordinaria inspiración artística. Chámanos a atención que unha persoa coma el, pacense de nacemento, se adaptase tan ben á idiosincrasia galega ata o punto de sentirse autenticamente galego e de dominar a lingua galega coa perfección necesaria como para realizar o seu espectáculo de monicreques na lingua do noso país que sen dúbida tamén era o seu.



BARRIGA VERDE, CREADOR DE ILUSIÓNS

A afección de Barriga Verde pola farándula vénlle de crianza, xa que naceu e viviu no seo dunha famila que se dedicaba ó mundo do espectáculo, circunstancia que propiciou que sempre se sentise atraído por esta actividade.

Nun pricipio foi trapecista de circo, chegando a ser un destacado acróbata. Sen embargo, a sona de Barriga Verde, a súa gloria e mesmo a súa fortuna débella ó creativo e orixinal espectáculo de monecos que, acompañado de certos complementos, constituíu unha atracción sen par. José Silvent foi o “...fundador del guiñol popular gallego.” (2) e neste senso, cómpre dicir que ideaba os monecos e efectuaba todos os labores precisos ata saír con eles ó escenario: desde a súa concepción e caracterización ata a manipulación, pasando pola elaboración dos diálogos; el mesmo era quen esculpía os monicreques dándolles a forma precisa partindo dun madeiro, dáballes cores e poñíalles a vestimenta adecuada axudado da súa muller.

As voces dos diferentes personaxes tamén as facía Barriga Verde para o que se axudaba de palletas de prata, que el mesmo construía. Este singular recurso gardouno celosamente como un segredo profesional. Colocaba as palletas na gorxa de tal xeito que non o abafasen nin lle impedisen mover a lingua para facer falar os monecos. Tamén axudaban a José na tarefa de poñer voz ós monecos a súa muller Emerenciana (para voces femininas), máis tarde o seu neto Manuel e mesmo o fillo Alfonso colaborou neste cometido.

As obras que Barriga Verde representaba con monicreques eran curtas, variadas e sempre cheas de gracia con certo grao de picaresca. Nelas o personaxe Barriga Verde era o intelixente, o audaz, o protagonista fronte ós personaxes secundarios.

O xogo do pau era unha peza curta de moita aceptación polo público, na que se establecía un diálogo entre un portugués e un galego -Barriga Verde- obviamente máis hábil, quen, ó final, lanza ó portugués polo aire no medio do aplauso do auditorio.

A viuda alegre consistía nunha parodia na que Barriga Verde se enfronta a Manuel (fachendoso rico chegado do Brasil) no xogo da pelota (un pau na realidade) á voz de:

-¡Pelota va!

–¡Venga ya!

Manuel morre e Rosita, a súa muller, finxe sentir moita dor polo falecemento do seu home, pero termina casando con Barriga Verde.

En Toro polo Rabo, Barriga Verde é toureiro. Mata o touro e o antagonista quere cerciorarse de que está verdadeiramente morto. Daquela tenta escoitar se lle bate o corazón para o que, absuramente, lle levanta o rabo e di:

¡Está podre, non serve para nada!

Na representación de “O cura”, Barriga Verde pregúntalle ó remate:

-¿Vostede en que quere cobrar, en papel ou en moedas?

–Eu quero prata. Di o cura.

-¿Canto quere?

–Trinta pesos.

E Barriga Verde, coa gracia que o caracterizaba dílle:

Pois tome. Un, dous, tres... E dáballe trinta paus na cabeza.

O espectáculo de monicreques de Barriga Verde representaba outras pezas como por exemplo O demo, O barbeiro de Sevilla e O enterro fatal. Con todas elas, Barriga Verde divertía e ilusionaba ó público polo menos no tempo que duraba unha sesión.

O teatro de Barriga Verde en fase de montaxe.

BARRIGA VERDE, O PERSONAXE ESTELAR

Os personaxes creados por José Silvent, aínda que sinxelos, estaban ben caracterizados e artellábanse nunha estructura comunicativa simple semellante, coas debidas diferencias, á dos contos intantís, onde a trama constaba das tres partes típicas: un acontecemento inicial, o nó e o desenlace que en Barriga Verde sempre tiñan un ton divertido e gracioso. Eran personaxes extraídos da mesma vida cotiá; simples, aínda que disparatados; habilidosos uns, torpes outros; pero sempre argallantes e sobre todo cómicos.

Así por exemplo, Traga Estopa era o mellor publicista; O Demo era o máis malo; O Portugués o máis fantoche; Toro polo Rabo, o máis inocente; O Cura o máis interesado; Rosiña, a máis finxida. Normalmente todos eles tiñan en fronte a Barriga Verde que se caracterizaba por ser o máis bo, o máis sensato, a máis hábil, o máis natural, o máis exeñoso, nunha palabra, o mellor. Era o personaxe principal.



UNHA SESIÓN DO ESPECTÁCULO DE BARRIGA VERDE

Uns trinta minutos duraba cada sesión do teatro Melodías de España. Ó longo da tarde podían ofrecerse varias sesións, segundo a demanda de público, de tal xeito que nos días de maior afluencia as representacións eran continuas.

Como reclamo propagandístico, o propio José Silvent vestíase de pallaso e, acompañado dos redobres de tambor de Alfonso, animaba ó público a entrar mentres dicía a toda voz:

“Pasen, señores pasen,
la función está a empezar.
¿Hay quien se quede fuera?
¡Pues si que estamos listos!”

Ás veces, poñía estopa na boca e cun cigarro aceso no medio, de tal maneira que ó soprar figuraba que botaba lume pola boca. Outras veces simulaba tragar a estopa e de aí lle vén o nome de Traga Estopa co que se coñecía nos arredores Lugo.

Como é lóxico, o prezo ó público de cada sesión non foi sempre o mesmo. Nun principio valía dez céntimos; nos últimos anos da década dos cincuenta xa custaba tres pesetas e no remate da actividade de Barriga Verde (1964) facía falta un peso para disfrutar do “... guiñol ingenuo, amable, humilde y verdadero de Barriga Verde (3)

O reparto dunha sesión do espectáculo que se ofrecía no teatro Melodías de España variou ó longo do tempo, pero pode estructurarse do seguinte xeito: primeiramente ofrecíase canción española, algunhas veces acompañada de baile; a continuación, breve espectáculo de equilibrismo e malabarismo; por último, viñan os monicreques cos que a familia Silvent acadaou a maior popularidade.

O último número da cada sesión era habitualmente a pequena obra de monicreques titulada O demo, quen falecía ó final, mentres Barriga Verde dicía:

¡Señores!
Morreu o demo,
acabouse a
peseta.

E recibía o pechado aplauso dos espectadores.

Monicreque que representaba o Demo

ALGUNHAS CARACTERÍSTICAS DOS MONICREQUES DE BARRIGA VERDE

É evidente que se tiveramos que cualificar o espectáculo de José Silvent- Barriga Verde diriamos que se trata dun espectáculo de humor. A gracia e o enxeño con que están concebidos os monecos, os seus diálogos cheos de agudeza e a destreza con que son manexados provocaban no público o riso, a hilaridade e a alegría.

Pero ademais o espectáculo de Barriga Verde preciábase de culto e moral tal como rezaba na cabeceira da barraca. Non nos extraña tal carecterización, pois naqueles tempos a censura era un elemento condicionante de moitoas actividades. Agora ben, en efecto, José Silvent e os seus fillos “...foron os animadores dunha das aventuras máis fermosas da cultura galega da nosa época. Nun tempo (anos corenta e cincuenta) en que a cultura galega estaba proscita, os Silvent idearon un espectáculo en galego que apaixonou ás moitedumes: ¡O Barriga Verde! (4) Pero ademais, as funcións de Barriga Verde non aparecían destapes nin cancións obscenass, nin palabras malsoantes en concordancia cos gustos oficiais da época.

É sorperendente, ou cando menos curioso, que nas sesión de monicreques, o galego fose o vehículo de comunicación co público. Non nos sorprendemos por pensarmos que o público non comprendese o galego que sí o comprendía e era xeralmente a súa lingua de relación, senón porque era un tempo no que a lingua e a cultura galegas estaban postergadas e mesmo perseguidas.

Este feito pode interpretarse como unha concesión do réxime franquista a un espectáculo popular, sinxelo e de contido desenfadado que tiña como única misión divertir ós espectadores nunha das épocas de máis dificultades da nosa historia

Para conseguir maior interese e atención do auditorio, Barriga Verde incorporaba ós diálogos dos personaxes elementos de actualidade e sucesos de tipo local o que significa que había estar ó corrente das noticias importantes e dos acontecementos próximos. Ademais presupón que as obras ían variar dunha localidade a outra en certos detalles máis ou menos puntuais.

Pero a variación do contido dos diálogos non se debe só ás noticias do momento, senón tamén a que José Silvent non escribía as súas obras. El creaba os personaxes, caracterízábaos coa vestimenta e coa voz, imaxinaba os movementos e concebía os diálogos, pero todo quedaba no seu cerebro. Despois, transmitía oralmente toda a composición ós colaboradores que con el ían realizar o espectáculo.

Por último convén remarcar unha idea que se vén reiterando ó longo deste artigo: o espectáculo era moi popular. A popularidade de Barriga Verde vén dada non só polo contido das súas obras senón tamén pola forma de expresalas e pola ambientación en que se desenvolvían.



UNHA BARRACA SINGULAR

A barraca de Barriga Verde comenzou sendo unha simple lona vertical que se penduraba entre dúas paredes contiguas dunha praza ou similar para cerrar un triángulo no que Silvent se colocaba para manexar os monicreques e facelos xesticular e falar mentres o público disfrutaba dun espectáculo xenial. Ó final pasaba o prato e os espectadores agradecían o seu divertimento botandolle unha moeda.

Máis tarde artellou un recinto rectangular pechado e cuberto de lona e posteriormente Barriga Verde fíxose cunha barraca de madeira que non puido ser realidade ata que contou cun automóbil de seu para transportarla. Como era habitual na empresa,esta barraca foi ideada por Barriga Verde en colaboración coa súa familia e feita por un carpinteiro de Lugo. Contaba con camerinos, escenario, espacio para bancos e gradas ó fondo. Cunha cabida aproximadas para cen espectadores, tamén dispoñía doutras dependencia como cociña e dormitorio.

A modernidade da barraca era indiscutible. Estaba dotada de luz eléctrica e contaba cunha avanzada megafonía formada de amplificador, altofalantes e micrófonos. Barriga Verde foi probablemente o primeiro en empregar unha gramola con altofalantes nun espectáculo da súa categoría.

Exteriormente, a barraca de José Silvent tiña un porche sustentado por catro columnas coroado cunha especie de tímpano. A decoración do mesmo era alusiva ós distintos números do espectáculo: canto, baile, pallasos malabarismo, monicreques... Tiña rotulado o nome da barraca Teatro Melodías de España a súa condición espectáculo culto y moral e o gran subtítulo El auténtico Barriga Verde o que pon de manifesto que o espectáculo tivo imitadores.


AS ROTAS DE BARRIGA VERDE

Seguramente non haxa na xeografía galega lugar que non se divertise con aqueles monecos graciosos e maxistralmente concebidos que presentaban a vida dun xeito especialmente particular, de tal maneira que as xeracións que tivemos a sorte de presenciar o espectáculo de José Silvent gardamos sempre en nós un sentimento afectivo para Barriga Verde.

Este artista que xurdiu do pobo, querido e admirado en todas partes, conseguiu cos seus monicreques moitos éxitos nas festas de María Pita da Coruña, nas de S. Froilán en Lugo, nas da Peregrina en Pontevedra e nas do Corpus de Ourense. Pero non só nas capitais gozaron dos mellores monicreques populares galegos de Barriga Verde, senón tamén as vilas de toda Galicia disfrutaron dos inolvidables personaxes, puco menos que indispensables en toda festa que se preciase de tal.

Desde A Guarda ata Ribadeo, desde Fisterra a Negueira de Muñiz pasando pola maioría das aldeas e parroquias galegas andou Barriga Verde, o creador, o personaxe, a barraca, o espectáculo. Se nalgún lugar non estaba, os seus veciños acudían ó máis próximo para poder darse o pracer de presenciar uns marabillosos monicreques cheos de pureza e encanto. “Ibamos a la Peregrina con el fin de ver a Barriga Verde –el de Lérez- en su ambiente ideal en la Alameda...” (5).

O medio de transporte utilizado para se desprazaren dunhas localidades a outras eran dous carros de catro rodas tirados por dous cabalos cada un. Máis tarde José Silvent mercou unha furgoneta que supuxo unha mellora notoria nas condicións do traballo. A este vehículo da marca Fiat seguiron outros tres: un Chrevrolet, un Dogge e un Barreiros, xa máis ben tirando a camión.

Por instalarse nunha festa ou romaría Barriga Verde pagaba un canon que oscilaba entre mil e quince mil pesetas, segundo as épocas e as localidades, sendo a cidade de Lugo a máis cara. É de destacar que nalgúns sitios, como nas festas da Ascención en Santiago, reservábanlle a Barriga Verde sempre o mesmo sitio e non lle cobraban nada, pois era impensable esta festa sen o espectáculo de Barriga Verde.



A COLABORACIÓN FAMILIAR

Os fillos, dun xeito ou doutro, colaboraron co pai e coa nai no espectáculo que os fixo famosos, pois a empresa tiña carácter esencialmente familiar, aínda que algúns deles escolleron outras alternativas cando se lles presentou a ocasión.

As fillas Saladina e Celia, mentres no casaron, cantaban e bailaban, en especial canción española, facendo un magnífico espectáculo. Asemade, o neto Arsenio, fillo de Nieves, actuaba no teatro Melodías de España bailando o rolo ó tempo que realizaba unha serie de malabarismos con aros e outros elementos. O neto Manuel, fillo de Nieves axudaba a Barriga Verde no manexo dos monecos e na execución das voces; progresivamente foi adquirindo protagonismo no espectáculo a medida que José ía perdendo folgos. Alfonso era o técnico da montaxe, do sonido e da iluminación.

Emerenciana, a muller, era o cerebro da empresa. Ela encargábase de xestionar os permisos, de acudir ás subastas dos postos, de participar na propaganda e incluso axudaba póndolle voz a algún personaxe feminino. Ademais ocupábase da contabilidade e cando os fillos buscaron vida e os netos non eran suficientes ou non estaban disponibles, tamén se encargaba Emerenciana de buscar persoal para o espectáculo que se contrataba normalmente por un verán.



NO INVERNO, CINE

A actividade de Barriga Verde era fundamentalmente no verán. Pero no inverno, José Silvent seguía activo facendo proxeccións de cine polas vilas e aldeas. El foi o introductor de cine en moitos lugares de Galicia. En principio, eran películas mudas e máis tarde foron sonoras. As proxeccións de cine eran un medio de diversión e igualmnte gozaban de popularidade, tal como o relata Erundina Martinez Loureiro da Lama: “Tamén me gustaba moito o cine e cando viña por aquí Xosé dos Muñecos era para min a mellor festa” (6)

Para a proxección das películas non usaba a barraca, senón que o facía en locales disponibles e mesmo en alboios dalgún xeito habilitados e iluminados coa luz producida por un xerador que funcionaba con carburo e osíxeno.



O ADEUS DE BARRIGA VERDE

Despois dunha vida entregada de cheo ó espectáculo, José Silvent retirouse da frándula e deixou os seus monicreques. Xa tiña bastantes anos, xa divertira a moitas xeracións. Era o ano 1964. Manuel, o neto que gradualmente fora suplindo as carencias de José, tiña que entrar no servicio militar obrigatorio e Alfonso decidiu non continuar co teatro el só. Daquela, Barriga Verde converteuse no resón dun tempo afastado e perdido para aqueles que o lembramos con saudade e nunha perda para os que non tiveron ocasión de gozar dun espactáculo singular, humorístico e imaxinativo.

José Silvent vivirá uns anos como xubilado. No ano 1967 deulle unha parálise e de alí a tres anos finou deixando tras de si o recordo imborrable, o riso satisfeito, a ledicia graciosa e o aplauso cerrado dun público que o admiraba pola súa sinxeleza , polo seu humanitarismo, pola súa arte, polo seu humor e pola súa creatividade .José Silvent Martínez-Barriga Verde, unha aperta.



JAIME IGLESIAS GONZÁLEZ

GRATITUDE: Agradezo a Alfonso Silvent, fillo de Barriga Verde, a información proporcionada para a elaboración deste artigo e as facilidades dadas para a obtención de fotografías, así como as amenas charlas que mantivemos tardes enteiras, algunhas delas acompañados de Julia, a súa muller. Ós dous, moitas gracias.

NOTAS: