ALGUNHAS NOTAS SOBRE A ARQUITECTURA DA
IGREXA DO MOSTEIRO DE LÉREZ



    A actual igrexa do mosteiro de Lérez foi construída no século XVIII, no mesmo lugar onde se erguía a igrexa anterior. Cómo era esta e baixo qué estilo arquitectónico se edificara son cuestións descoñecidas para nós. Incluso dubidamos se a igrexa que hoxe vemos estivo precedida no tempo por outra ou, pola contra, houbo dúas igrexas anteriores a ela.

Mosteiro de Lérez
Mosteiro de Lérez. Vista xeral

    Se temos en conta que a primeira noticia documentada que coñecemos referida o mosteiro de Lérez é a doazón que o rei de Galicia Ordoño II fixo ó abade Guntado no ano 916, non estaría desencamiñado pensar que nesa data, e probablemente con anterioridade a ela, existise xa en Spinareto (topónimo co que se denominaba na Idade Media o lugar onde se sitúa o mosteiro) unha comunidade relixiosa que se albergaría nunhas dependencias humildes e rezaría nunha modesta igrexa prerrománica, tal vez de estilo visigodo, de non ser unha construcción de escaso ou nulo valor artístico.

    Pero, se consideramos o pulo económico e a progresiva importancia que adquire o mosteíro de Lérez entre os séculos X e XIII, podería pensarse que aquelas primitivas dependencias foron substituídas por outras máis acordes coas posibilidades e necesidades dos frades. De ser así, e atendendo ó momento histórico, a “nova” igrexa sería loxicamente de estilo románico, aínda que descoñezamos cal puido ser o grao de beleza da súa traza. Ó lado da igrexa estarían, como na maioría dos mosteiros, o resto das dependencias: claustro, sala capitular, adega, almacéns e obradoiros, entre outras.

    En calquera caso, da igrexa primitiva — ou das igrexas primitivas —non se conserva case nada. Só sabemos que algúns sillares procedentes das primeiras edificacións foron reutilizados na fábrica da igrexa actual. Daquela, hai que esperar a posteriores investigacións para obtermos a información necesaria que nos desvele o pasado deste mosteiro, de xeito que poidamos saír do plano das hipóteses.

A igrexa de Lérez está inspirada en modelos barrocos

    Se sobre as construccións primitivas  só se poden formular  hipóteses, non é moito máis o que coñecemos da igrexa actual, a non ser o que o propio edificio nos achega. Non se atopan contratos, nin cos arquitectos que puideron proxectar o edificio nin cos mestres de obra que participaron na súa construcción. Tampouco se coñece o libro de fábrica que podería ofrecer datos sobre a xestación e autoría da igrexa que nos ocupa. Isto non é nada raro, toda vez que moitos mosteiros contaban entre os membros da comunidade con mestres de cantería e mestres de obra en xeral cos que realizaban obras, quedando logo no anonimato.

    No tocante á cronoloxía, existen dúas inscricións que nos desvelan a época en que foi construída a actual igrexa. Unha está situada na parte externa do lintel da porta da capela de San Bieito que comunica co adro. Nela pódese ler — AÑO 1700 — que nos indica que daquela, ademais de construírse a referida capela, remataríase a zona presbiterial, que era por onde se adoitaba comezar un templo e, con toda probabilidade, nese ano realizaríase a consagración da igrexa. A outra inscrición - MDCCXLVIII (1748) - figura no medallón do tímpano que coroa a fachada principal, sinalándonos que, arredor dese ano, rematan as obras da totalidade da igrexa.

    Vemos que a igrexa de Lérez edifícase entre os últimos anos do século XVIII e os últimos da primeira metade do século seguinte, en pleno desenvolvemento barroco e é neste estilo onde podemos encadrar esta igrexa monástica. Nembargantes, a severidade ornamental do interior, así como a xeral sinxeleza exterior puidera inducirnos a calificala de neoclásica con elementos barrocos, o que non deixa de ser, ó meu parecer, un erro. En primeiro lugar, porque o barroco pervive en Galicia ata finais do século XVIII e o neoclasicismo non aparece ata 1770. En segundo lugar, porque é pouco probable que na mesma obra se empregue barroco sobre neoclásico, como erroneamente se quere ver na fachada, onde a parte inferior móstrase menos decorada cá superior que presenta a maior plasticidade. Daquela, estamos diante dunha obra de estilo barroco, con algún indicio de barroco de placas, todo con gran austeridade quizais por limitacións económicas ou tal vez polo desinterese artístico no que estaban asolagados algúns medios rurais.

O tipo de planta atópase en varias igrexas galegas do século XVIII


Planta da igrexa de Lérez
(Realizada por Benigno García Casalderrey)
 

    A planta da igrexa do mosteiro de Lérez responde, con pequenos matices, a un dos tipos modestos empregado en Galicia no século XVIII. Consta dunha soa nave rectangular que se prolonga nunha ábsida case cadrada. No muro norte da nave, inmediatamente antes da ábsida, ábrese a capela de San Bieito, tamén de planta rectangular, á que se accede subindo un par de escalóns.

    Interiormente, a existencia da ábsida vén dada por varios indicadores. En primeiro lugar, dúas grandes pilastras, situadas a ambos lados do remate da nave, recollen a ábsida, separándoa do resto da igrexa; por outro lado, as referidas pilastras soportan un arco de triunfo, dando paso, na ábsida, a unha bóveda situada a menor altura cá da nave; ademais a ábsida estréitase a ambos lados respecto da nave e esta, en superficie, está máis baixa ca aquela, á que se accede mediante dous escalóns. Sen embargo, desde o exterior, a ábsida pasa desapercibida, pois unicamente está marcada pola diferente altura da cuberta e polo estreitamento no cerramento norte. Mentres, existen elementos que a disimulan como a sacristía, a capela de San Bieito, e arquería do claustro e mesmo o muro sur que, exteriormente, segue a misma liña na ábsida ca na nave.

    A orientación da igrexa do mosteiro de Lérez segue a tradición románica de situar a porta principal cara ó oeste, pois, entrando por ela, os fieis diríxense ó altar maior, situado cara ó leste, onde, segundo as sagradas escrituras, está ó Paraíso.

A fachada é o elemento exterior de maior fermosura e grandiosidade

    A fachada presenta unha estructura sinxela determinada por un corpo central e dúas torres que o flanquean. Como é frecuente no barroco galego, que toma do arquitecto madrileño Pedro de Ribera, o corpo articúlase sobre un eixo vertical que neste caso está marcado pola porta principal, fornelo para a imaxe de San Bieito, fiestra e escudo, buscando con esta disposición a alternancia van e macizo.

    A porta principal está enmarcada por resaltes que se acobadan nos ángulos superiores e forman pequenas aletas inferiores. O fornelo, que remata cun arco de medio punto que descansa sobre pilastras, leva na parte inferior un saínte a modo de cornixa, sobre a que, nos extremos, se asentan as placas laterais que, resaltando do propio paramento, pretenden ser pequenas pilastras rematadas en pináculos. A cada lado, aparecen uns aletóns, de corte vignolesco, motivo renacentista moi socorrido no barroco, que teñen certa semellanza cos da fachada do mosteiro de San Martiño Pinario, atribuída a Fray Manuel de los Mártires. Dentro do fornelo está a imaxe pétrea de San Bieito (pois estamos nun mosteiro benedictino), maxistralmente tallada sobre un pedestal, cos seus atributos:
libro da regra benedictina, báculo e mitra abaciais e corvo cun pan no peteiro.


Fornelo coa imaxe de S.Bieito
Sobre a porta principal

    Sobre este fornelo, ábrese unha ampla fiestra rectangular, encadrada con resaltes de factura semellantes ós da porta principal, que permite a entrada de luz ó interior da igrexa. O último elemento do eixo antes aludido é o escudo que, situado sobre a fiestra, interrompe a imposta que percorre horizontalmente toda a fachada e, lateralmente, os muros das torres. O escudo, elemento decorativo socorrido frecuentemente na época barroca, correspóndese, neste caso, co escudo de España daqueí momento: acuartelado en cruz, con dous leóns rampantes e dous castelos — que representan os reinos de León e Castela respectivamente — e timbrado por unha coroa real, amosa unha orla de rica decoración.
As torres, que teñen as súa impronta en planta, son totalmente lisas a non ser na parte superior, onde co frontón forman o conxunto máis plástico e orixinal da fachada. Teñen planta cadrada e, en altura, presentan dous corpos, o primeiro con fiestras (onde se suxeitan as campás) con arcos de medio punto e o segundo, máis baixo, remata en pináculos, que tamén leva o primeiro, e casquete que está dividido por catro resaltantes rematados en volutas e coroado cun pináculo de aspecto barroco.

     O frontón preséntasenos particularmente barroco: pártese e retórcese en volutas; algunha delas lémbranos, coas debidas diferencias, as colocadas por Simón Rodríguez ós lados do van central da fachada do convento de Santa Clara de Santiago; tamén está adornado con pináculos tipicamente barrocos, rematados en bólas, ocupando o espacio central un gran medallón que leva escrito o ano de finalización da igrexa: MDCCXLVIII.

    As molduras acobadadas que enmarcan a porta principal e a fiestra, o fornelo de San Bieito cas adornos que o flanquean, a plasticidade do frontón, a factura das torres e a sobria traza da imposta provocan un progresivo xogo de luces e sombras e intégranse nun conxunto severo e sinxelo no que a mobilidade plástica aumenta a medida que se ascende. Todo isto imprime á fachada da igrexa do mosteiro de Lérez un aspecto singularmente belo.

Na construcción da igrexa reutilizáronse materiais procedentes de edificacións anteriores.

    Na construcción da igrexa do mosteiro de Lérez emprégase como material preferente o granito, o que imprime ó monumento unha gran solidez e estabilidade. En realidade, non podía ser doutro xeito dada a abundancia deste material na nosa terra.

    Como ocorre nalgunhas construccións barrocas, na igrexa de Lérez, a factura que se lles dá as pezas de cantería é diferente segundo as distintas partes, Así, na fachada, a pesar da súa sinxeleza, a pedra está cincelada con mestría, ofrecendo perpiaños isódomos que, xunto cos elementos ornamentais, dan ó conxunto un aire de calidade; no resto dos muros, o paramento ofrece un aspecto máis irregular onde abundan as pezas de escasa labra, colocadas algunhas delas como se fuxisen de calqueira simetría e orientación, aparecendo incluso cachotería no muro norte da capela de San Bieito.

    No muro norte da nave, algúns perpiaños están colocados a corte vivo o que dá a entender o descoido ou escasa formación dos canteiros ou que se aproveitou un muro existente con anterioridade. No muro sur, preto da torre, existen unhas pegadas desde as que debeu arrincar o muro perpendicular que probablemente pechaba o claustro polo oeste; outras suxírennos por ónde puido rematar a cuberta das dependencias do claustro situadas nesta zona. Igualmente se nota que a cuberta da única arquería existente do claustro remataba máis arriba do que o fai hoxe.

    Dá a impresión que os muros norte e sur da nave foron elevados despois de dálos por rematados, pois mentres as fileiras de pedra son maioritariamente irregulares, cando falta pouco máis dun metro para a altura actual e sobre as ventás, hai unha que arrinca á mesma altura ó longo de todo o paramento de ambos
muros. Este "engadido" que se remata cunha sinxela cornixa, resta esveltez ás torres, pero dá máís monumentalidade ó edificio.

    No muro norte da capela de San Bieito pode verse onde remataba a cuberta dunha dependencia arrimada, hoxe desaparecida, que funcionou como sala de autopsias ata que o cemiterio foi trasladado desde as proximidades do adro ó lugar actual. En boa parte do muro, que vén ser o da cabeceira da capela, emprégase cachotería, quizais por quedar daquela oculto ó exterior.

    Cando no século XVIII se realizaba algunha obra nun mosteiro ou nunha catedral, era frecuente utilizar materiais existentes co que se abarataban os custos. Así, en Lérez, tamén se utilizan nos muros de cerramento da igrexa moitas pedras, procedentes de edificios anteriores. Algunhas teñen gravadas marcas gremiais ou símbolos de canteiras, aínda que neste momento descoñecemos o seu significado. Tamén se atopan varias inscricións (á parte das mencionadas na cronoloxía) das que a máis significativa é a do muro sur, situada debaixo da arquería do claustro, descuberta despois de eliminar o encalado que cubría o paramento. Trátase dunha inscrición medieval sobre unha pedra (hoxe partida e separadas as partes polo arrinque dun arco transversal do claustro), procedente da igrexa anterior, realizada en dúas liñas, adornadas con rosetas de seis pétalos que ten a seguinte transcrición:

IN NE DE... HONORE SCI SALBATORIS El SCE MARIE VI... ... ET MARINA PELAGIO GONTATO ET BRIA FTR
Lectura: ln nomine Dei et in honore Sancti Salvatoris et Sanctae Mariae
Virginis et Marinae, Pelagio, Gontato et Bria fratres.
(No nome de Deus e en honra de San Salvador e Santa María Virxe e dos irmáns Marina, Pelaio, Guntado e Bría)

    Hai que sinalar tamén que neste muro sur existe un van non moi ancho coroado por un reaproveitado arco conapial, típico do gótico tardío, polo que se pode datar entre finais do século XV e principios do XVI.

    No interior, a pedra de factura coidada resérvase para os elementos nobres: arcos, elementos sustentantes, impostas, etc, ocultándose os perpiaños menos traballados das paredes cun revocado pintado en branco.

O interior da igrexa do mosteiro de Lérez caracterízase pola austeridade

    Todos os elementos arquitectónicos que conforman interiormente a igrexa de Lérez teñen unha nota común: a sobriedade. Sen embargo, non por iso deixa de ter a igrexa unha factura de certa calidade artística, porque neles, na súa disposición e alternancia, xuntamente coa altura da nave, reside a beleza do conxunto que impacta gratamente ó observador.

    Sobre as paredes de pedra, revocadas e pintadas de branco — o que contribúe a dar claridade ó interior — distribúense na nave seis pilastras arrimadas, tres a cada lado, lisas, de sección rectangular, reforzadas lateralmente ata media altura, que se erguen sobre basas de sinxelas molduras. Sobre estas pilastras cargan os arcos faixóns, tamén lisos e de sección rectangular, que sosteñen a bóveda  - que o mesmo cás paredes está revocada e pintada de branco - que cobre a nave e a ábsida; aínda que
aquí estea a menor altura.

    A bóveda presenta lunetos con ventás adinteladas, recurso herdado da época renacentista o mesmo que varias igrexas barrocas galegas como, mutatis mutandi, na igrexa de San Nicolás da Coruña ou en Santa María de Conxo. Sobre estas fiestras, oito en total, a través das que entra a luz que completa a suave iluminación natural do interior da igrexa, sitúanse arcos de medio punto que as ennobrecen ó tempo que delimitan o comezo dos lunetos na parte máis ampla.


A parte superior da fachada, co frontón e as torres, é o conxunto máis plástico da igrexa

    Entrando na igrexa, sitúase o coro sostido por tres arcos rebaixados que descansan sobre catro pilastras arrimadas e dúas exentas. Estes arcos esaxeradamente rebaixados sostéñense gracias a uns cálculos precisos, a realización milimétrica de cada doela, así como á súa distribución equilibrada. Sen embargo, a sensación que transmiten é que se sustentan gracias a un efecto máxico de ingravidez que os obriga a non derrubarse. As prolongacións laterais do coro están sostidas por ménsulas decoradas verticalmente con estrías e con pequenas rosetas de seis e oito pétalos.

    No muro norte ábrese un van corcado por un arco de medio punto, coa clave decorada, sobre o que se sitúa, máis arriba, outro arco tamén de medio punto que descansa en ménsulas das que penduran unhas placas de recortadas formas xeométricas, dando a sorpresiva sensación barroca de que o arco queda flotando. Idéntica disposición atopamos en fronte, no muro sur, coa diferencia que aquí a porta, que dá ó claustro, é adintelada.

    Nas grandes pilastras que separan a nave da ábsida atopamos, na cara que dá á primeira, caixeados rectangulares cun lado curvo para adaptarse ós arcos de medio punto que, sostidos por pilastras laterais, albergan pequenos retablos. Estas grandes pilastras teñen cadansúa placa, que arrincando da imposta, terminan ambas en formas geométricas, como de marquetería, O que, xunto cos remates do arco mencionado no parágrafo anterior, sitúannos diante de elementos do barroco de placas, semellantes ós que podería concebir Fernández Sarela, salvando as debidas diferencias.

    A harmonía interior da igrexa complétase cun motivo recurrente no barroco como é imposta corrida ó longo dos muros da igrexa que, onde está interrompida (en catro fiestras), remata en tímidas volutas.

A capela de San Bieito ten na cúpula o elemento máis nobre

    A capela de San Bieito, de planta rectangular, sitúase ó norte da igrexa desde a que se accede a través dun arco de medio punto. A súa sinxeleza plástica permítenos disfrutar da beleza arquitectónica dos elementos que a conforman que responden a unha austeridade do máis puro clasicismo.

    Nos muros alternan o liso paramento revocado e pintado de branco coa relativa escuridade da pedra das pilastras arrimadas. Hai cinco vans adintelados: tres ventás, unha delas cega, e dúas portas que comunican co exterior e coa sacristía respectivamente. Sobre as pilastras, que se colocan formando un cadrado. Sitúanse unha sinxela pero decorativa imposta —que percorre todo o perímetro da capela — e catro arcos de medio punto que conforman as pechinas sobre as que se asenta a cúpula caracterízada pola súa nudez, pero que lle dá á recollida capela un efecto sobranceiro.

                                                        Cúpula da capela de San Bieito

    Esta cúpula pola súa traza e ausencia de decoración ten certa semellanza coa da igrexa de Santa María de Caldas de Reis, remata nunha lanterna exagonal, cunha fiestra en cada lado por onde entra unha luz cenital que, xunto coas fiestras, ilumina o interior da capela. Exteriormente pódese observar que a lanterna está cuberta por un cupuliño coreado por un pináculo, recursos ambos usuais na época barroca.

    O espacio que queda entre a cúpula e o acceso desde a nave da igrexa — lémbrese que a capela é rectangular e que a cúpula só ocupa un espacio cadrado — cóbrese cunha pequena e pétrea bóveda de canón que, o mesmo cá cúpula, mostra unha evidente sinxeleza formal.


Lanterna con capuchiño que coroa
a cúpula da capela de San Bieito

    En definitiva, estamos diante dunha igrexa monacal na que a austeridade e a sinxeleza son as súas notas máis destacadas. Nela non atopamos a decoración vexetal de Fernando de Casas nin a profusión ornamental xeométrica ó estilo de Simón Rodríguez. Non hai na igrexa do mosteiro de Lérez columnas salomónicas como en Santa María a Real de Entrímo nin de orde xigante como na Igrexa de San Xurxo da Coruña, obra de Fernández Sarela. Tampouco as torres son tan esveltas como a de Santa María dos Anxos na Maía nin os pináculos tan altos como os da catedral de Santiago. Pero na ¡grexa de Lérez atopamos ménsulas proporcionadas, arcos de medio punto de impecable traza, frontón caprichosamente partido, portas e fiestras adinteladas e enmarcadas sobria pero elegantemente, ademais de pilastras, cúpula e bóveda. Todo dentro dunha perfecta concepción do conxunto, dunha realización de digna factura e dunha axeitada distribución de elementos que converten a igrexa do mosteiro de Lérez nunha obra non só fermosa e sorpresivamente harmónica, senón tamén senlleira dentro do barroco do noso contorno.

                                                                                                                            CASALNOVO