Entrevista a Xosé Arán

 
 

          Para falar das camelias imos ó lugar de Ramallás, onde nos recibe amablemente Xosé Arán Carragal, acompañado da súa dona, Mercedes Fonterosa Barbeito, na súa casa e granxa experimental " As Camelias ". Aquí pasa as horas de lecer coa finalidade de conseguir a creación de novas variedades de camelias.

          As camelias sempre foron motivo de agarimo e admiración en Galicia. O crear novas variedades era unha asignatura pendente xa que portugueses, franceses, ingleses, italianos e belgas son países nos que, o mesmo ca no noso, a admiran. Todos son creadores de moi boas e importantes variedades. Camelias con nomes como " Cidade de Vigo " ou " Rosalía de Castro" son creacións portuguesas, concretamente de Moreira da Silva.

¿ Como xurdiu a túa afección polas camelias ?

             A miña afección polas camelias xorde da amizade con Antonio Odriozola. Eu creo que non podía ser doutro xeito. Era unha amizade que xa viña do meu pai e ó casarme en Lérez, esa amizade incrementouse. Eu acompañábao a moitos sitios onde el era requerido e, como ben sabido era que Antonio non tiña coche, era o seu chofer para estes mesteres. É de aí onde nace a miña afección polas camelias.




Camelia Dream Boat ( Soños en barco )

¿ De que maneira se introduciu a camelia en Europa ?

         A camelia chegou a Europa pódese dicir que por un engano dos chineses ós ingleses. Os chineses eran os mellores exportadores de té para Europa e os europeos sempre estiveron interesados en que lle facilitasen a planta; porque non cabe dúbida que o té é unha camelia, a Tea Chinense, concretamente. Entón os chinos, en principio mandáronlle unha camelia que foi a Alba Plena e esa camelia, por medio do Capitán Conner, chegou a Inglaterra en 1792. Cando os ingleses se deron conta de que esa non era a planta do té xa transcorreran moitos anos, e cando llelo fixeron ver, os chineses, coa súa filosofía, mandáronlles outra, que foi a Captain Rawes no ano 1820, por conseguinte estas foron as dúas primeiras camelias que chegaron a Europa. Esta última, a Captain Rawes, foi moi famosa despois porque era aquela camelia vermella, grande, que Antonio levaba na lapela da chaqueta.

Sabemos que existen moitas variedades de camelias. ¿ Cales son as máis vistosas ou espectaculares ?

              Eu creo que pasa como coas cores, cada un terá as súas preferencias. Para min, dende logo, son as " reticulatas ", que son unhas camelias que veñen do Sur de China. Despois tamén os novos híbridos que están nacendo a base de moitos cruces.

Nos concursos-exposición están aparecendo novas cores. ¿ Que podes dicirnos sobre isto ?

              Pois si, non cabe dúbida, están aparecendo moitas cores porque a camelia tiña unha cor pendente, que era a cor amarela. Pois ben, a camelia hoxe xa ten esa cor así como tamén ten os escuros, e case se pode dicir que son camelias negras. Incluso eu estou pendente de que me poida abrir en datas próximas algunha de cor azul, á que os ingleses chaman cor " lavender "

¿ Cales son os pasos para acadar unha nova variedade ou unha nova cor ?

             Os pasos son atopar camelias xa moi boas, de moi boa calidade, e de aí intentar que nazan outras tamén moi boas.


Camelia Pink Deahlia ( Dalia Rosa )

¿ Cales son as variedades que florecen antes ?

              As variedades que florecen antes son as camelias sansacuas , unha das moitas que hai na China. É unha camelia que normalmente ten a súa floración en outono e chega a xaneiro. Pero este ano xa temos camelias sansacuas abertas porque este ano hai un adianto en toda a natureza.

¿ Dende que ano participas nos concursos-exposición que se veñen celebrando alternativamente en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía ?

             Pois dende 1989. Empecei participando na cidade de Vigo na que obtiven un premio, un áccesit, que foi para min unha sorpresa xa que nos premios e nas bases do concurso non existe o áccesit. O feito de conseguir algo foi unha grande motivación.

¿ Quen pode participar nos concursos-exposición ?

              Pode participar toda aquela persoa que teña unha camelia na casa. Eu aproveitaría esta ocasión para dicir que deberían ter todas as persoas unha camelia.

              Porque para ter un premio, unha soa xa chega, e a min cónstame que hai unha fermosura de camelias moi grande aquí nos arredores de Lérez e o mesmo pasará moutras parroquias. Por conseguinte, animo a que todo o mundo leve a súa camelia a concursar.

¿ Cres que nestes concursos-exposición se ve recompensado o teu esforzo ?

              Coido que os que temos esta inquedanza ou afección por unha cousa, adicámoslle moito tempo, ás veces máis do que sería necesario e nunca se pensa en que poida vir ou non un premio. Cando se fan estas cousas, fanse porque che gusta.

              Despois do áccesit conseguido o primeiro ano e partir de aí foron seis Camelias de Ouro consecutivas. Despois foi un ano no que dos catro primeiros premios obtiven tres, e este ano pasado en Vilagarcía, a Camelia de Ouro outra vez.




Familia Arán-Fonterosa mostrando un dos premios conseguidos

¿ Que nos recomendarías ós que temos unha camelia no noso horto ou xardín ?

              Eu sempre digo que os que teñen unha camelia no seu xardín o primeiro que teñen que facer é coidala, e os que non teñan unha camelia, deben plantala. En todo xardín, de aquí de Galicia, das nosas Rías Baixas, eu creo que unha camelia é a única planta que non debería de faltar. Ó ter camelias hai que abonalas porque non se soen abonar e bastante duro é que non se nos morra.
 
 
 

                                RAIMUNDO PIÑEIRO