As nosas actividades


     Ó longo de case seis anos de existencia, Cedofeita vén organizando unha serie de actividades dirixidas ó público en xeral e especialmente ós socios. Non se trata aquí de explicar polo miúdo o contido e desenvolvemento de cada unha delas, cousa que sería desatinadamente tediosa, senón de comentar algunhas, aínda que sexa dun xeito xenérico.

(Actualizada ata o ano 1997, data de publicación da revista. Pulse aquí para ver datos posteriores)


As exposicións


       As exposicións que se instalaron na igrexa ( salón parroquial), coincidindo coas festas patronais, tiveron un éxito de público considerable, así como un notable eco nos medios de comunicación.


Aspecto da exposición " Unha Pincelada no Tempo ", 1995


     A primeira delas, Unha pincelada no tempo. Persoas e paisaxes de Lérez ,entre outras cousas significou a presentación en público da Asociación. A magnífica acollida nos tres días en que se desenvolveu, ademais de implicar a súa reposición na sala de arte de Socel en Pontevedra, do día 11 ó 26 de setembro, supuxo para nós unha forte dose de moral que nos deu pulo para seguir a andaina que con ela comezabamos.

    Se con esta exposición obtivemos moitas felicitacións, non foron menos os praces recibidos nas dúas seguintes: Lembrando ós avós e Lérez na emigración americana.

   A primeira delas ofrecía unha mostra de obxectos antigos de uso doméstico, entre que os que aparecían pezas verdadeiramente singulares que foron a admiración dos numerosos visitantes. No contido de Lérez na emigración americana puideron observarse, por un lado, aspectos xerais da emigración ( causas, eivas e vantaxes, portos de saída e chegada, rotas, humor, etc... ) e, por outro, unha cara máis achegada á parroquia, na que aparecía unha mostra fotográfica da nosa xente que participou no feito migratorio e documentos e artigos de prensa referidos a emigrantes lerezáns.

    A exposición de 1998, que se achegaba ó Mosteiro de Lérez, colleitou moitas felicitacións, tanto polo importante labor histórico (búsqueda de documentos, comentarios históricos,...) como polo aspecto artístico (fotografías das imaxes da igrexa,reconstrucción do claustro,...). Non menos laboriosa foi a exposición montada en agosto do 1999, co título Memoria das pedras, intentando recoller as mostras máis interesantes da arquitectura popular de Lérez (hórreos, muíños, cruceiros,...), con fotografías e estudios sobre o tema. O ano 2000 foi o de Lérez, o río que nos dá nome. Fíxose un completo percorrido fotográfico polas ribeiras do Lérez, recollendo imaxes de muíños, pontes, fervenzas,... A mostra tivo unha extraordinaria aceptación, destacando todos a calidade das fotografías; serviu tamén para concienciar a xente da importancia patrimonial do río desde o seu nacemento ata a embocadura na ría de Pontevedra, un patrimonio actualmente ameazado polos proxectos de construcción de encoros na súa cauce.

En agosto do ano 2001 vaise montar a exposición Sociedades de Lérez (1886-1936), onde se fará un repaso á intensa actividade asociativa da nosa parroquia durante eses anos (cultural, agraria, deportiva,...), actividade que se viu truncada pola Guerra Civil.

Letras Galegas. Curso de galego


         Ocorrendo que o fomento da nosa cultura é un dos principais obxectivos da Asociación, e sendo como é que a lingua é a canle natural de expresión de toda cultura, Cedofeita non podía quedar á marxe á hora de ensalzar a nosa fala. Daquela, co gallo do Día das Letras Galegas, programáronse e realizáronse varios actos orientados, en especial, ós nenos. Así, convocáronse concursos de adhesivos e de contos para os alumnos dos tres colexios da nosa parroquia: Xunqueira-1 Xunqueira-2 e Colexio Público de Lérez, establecéndose tres premios por cada unha das catro categorías. O grupo de títeres da Asociación, dirixido por Xosé M. Castro, ofreceu tres obras: As Uvas , Os Tres Desexos e Cousas de Burros , para ledicia de nenos e maiores. Ademais, organizáronse conferencias, disertando a nosa veciña, Fina Casalderrey ( Premio Nacional de Literatura ) co título A Ledicia de Escribir e Mario Gallego con Paseo polos contos de Ánxel Fole. A participación nos concursos e a asistencia ás sesións de títeres, así como ás charlas, foi masiva e no público notábase un alto grao de satisfacción.

       Igualmente, co desexo de aumentar o coñecemento e dominio da nosa lingua, Cedofeita organizou, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, dous cursos de Galego ( Iniciación en 1996 e Perfeccionamento en 1997), con validez oficial, nos que obtiveron o correspondente diploma trinta e seis alumnos e alumnas.


Xornadas micolóxicas


   A dedicación ó mundo do cogomelos foi unha constante nas ocasións en que Cedofeita tivo a oportunidade de organizar actividades neste eido. O primeiro ano formaron parte do que chamamos Xoves Culturais -95 , realizándose o 6 de decembro unha saída ó campo coa finalidade de coñecer as principais clases de cogomelos, aprender procedementos de recollida e obter certa cantidade e variedade deles para montar unha exposición e ofrecer unha degustación. Ó día seguinte, programáronse charlas que estiveron a cargo de X. Carlos Rumbao e Pepe Álvarez, quen ó ano seguinte ( 31 de outubro ) deu unha charla baixo o título Cogomelos: bondades e perigos e dirixiu as saídas ó campo que se realizaron nas mañás dos domingos de novembro. Non pasa un ano sen que no outono (cando o tempo acompaña) se programen charlas e saídas ó campo con posterior degustación, abertas a todo o mundo que quixer participar nelas.


Exposición de Cogomelos no Local Social Recreativo, 1995


Venres Culturais

       Aínda que nun principio se denominaron Xoves Culturais, pareceu máis axeitado trasladar esta actividade ós venres, fundamentalmente porque ó día seguinte os nenos descansan das actividades escolares.

     Como xa comentamos, no primeiro ano, os dous primeiros días dedicáronse á micoloxía; o día 14 de decembro, Xosé Raposeiras ofreceu unha charla, Importancia dunha boa elección ó remate do ensino obrigatorio, e o día 22 ofreceuse unha sesión de teatro a cargo do grupo Bacharel coa obra Xoguemos, bobos, xoguemos. A estas actividades foi considerable a asistencia de público, que saíu notablemente compracido.

     Ó ano seguinte, 1996, das actividades programadas só se realizaron as xornadas micolóxicas, xa comentadas; posponse a obra de teatro para o día 3 de xaneiro, pois ó ser representada polo grupo da Asociación, Aceno, preferiuse aproveitar as vacacións de Nadal para os ensaios.


Teatro


      No seo de Cedofeita constitúese un grupo de teatro, dirixido porManolo Cuñarro primeiro, e Toño García despois, no que teñen cabida todos aqueles nenos e nenas, mozos e mozas que desexen participar nesta formativa actividade.


Representación de Títeres con motivo do Día das Letras Galegas, 1996

     A presentación do grupo, que se bautizou co nome de Aceno, realizouse no Local Social Recreativo da Parroquia o tres de abril de 1996, día de Venres Santo, coa obra Os Últimos Agoiros de Xesús, á que asistíu numeroso público que ateigou o local e non regateou ós novos actores os aplausos, tanto nos momentos máis sorprendentes da obra, como ó final cunha sentida e prolongada ovación. O éxito volve a repetirse ó ano seguinte, o 3 de xaneiro,coa representación de Soños dunha Noite de Verán, na que as situacións equívocas da trama provocaron repetidamente a hilaridade dos cuantiosos asistentes que se divertiron abondo e aplaudiron o bo facer dos noveis actores, ós que desde aquí animamos a proseguir o labor emprendido.

Como se pode apreciar na lista de actividades, as representacións de monicreques son unha das actividades que Cedofeita leva a cabo moi a miúdo, tanto por parte do propio grupo da Asociación como por parte doutros grupos. Cabe sinalar moi destacadamente a representación (a cargo do grupo Viravolta, de Lalín) que tivo lugar durante o acto de homenaxe a José Silvent, Barriga Verde, organizado pola nosa Asociación.

Concertos e outras actividades


     O pasado 26 de abril de 1997, tivemos a fortuna de podermos regalarlle ós nosos oídos un concerto do coro de cámara Camerata ad libitum de Ponteareas, que actuou na nosa igrexa ( amablemente cedida por D. Plácido ), ofrecendo unha selección de pezas que arrincaron os aplausos dos numerosos asistentes, non só veciños da parroquia senón de zonas limítrofes, en especial de Pontevedra. O coro, conformado por vinteoito voces mixtas, brindounos un repertorio basicamente a capella, con obras de todos os estilos e épocas, aínda que, dun xeito especial, de compositores contemporáneos. Cedofeita sentiu a fachenda de poder ofrecer esta singular actuación,tanto pola categoría do coro, como pola magnífica actuación do mesmo.

A boa acollida desta actividade levou a Cedofeita a repetila cando tivo ocasión. Así, o 4 de xuño de 1999, na mesma igrexa parroquial tivemos a oportunidade de escoitar a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Tamén no marco do mosteiro de Lérez, en xuño do ano 2000, puidemos comprobar a arte da Coral Polifónica do Liceo Marítimo de Vilagarcía.

    Ademais, Cedofeita colaborou na realización de bailes organizados por outras entidades parroquiais: Baile de Entroido (25-2-96) organizado pola Asociación do Cristo e Bailes de Reis (4-1-97), artellados pola Asociación de Veciños.

 


Listado de actividades


Salón Parroquial, onde se instalan algunhas das nosas exposicións.

1995

- Exposición Unha pincelada no tempo. Persoas e paisaxes de Lérez. Mosteiro de Lérez, 4-6 de agosto. Sala Socel 11-26 de setembro.

- Xoves Culturais

                 - 7 de decembro. Coñecer os cogumelos. Charla dada por Xoán Carlos Rumbao e Pepe Álvarez. Saída ó campo, proxeccións, exposición e degustación.

                 - 14 de decembro. Importancia dunha boa elección ó rematar a escolaridade obrigatoria. Charla de Xosé Raposeiras.

                 - 22 de decembro. Teatro. Xoguemos, bobos, xoguemos. Grupo Bacharel.

1996

- Baile de Entroido. 25 de febreiro. En colaboración coa Asociación do Cristo.

- Teatro. 5 de abril. Presentación do grupo Aceno da propia Asociación, coa obra Os últimos agoiros de Xesús

- Letras Galegas

- Concurso de adhesivos

- Exposicións, 16-19 de maio: Galicia terra nai. Os mellores adhesivos do concurso.

- Charla 16 de maio. A ledicia de escribir. Fina Casalderrey

- Títeres. 16 de maio. Grupo da Asociación. Represéntanse as obras: As uvas,Os tres desexos, Cousas de Burros.

- Exposición 4-7 de agosto. Lembrando ós avós . Obxectos antigos de uso doméstico.

- Curso de galego (Iniciación). Do 16 de setembro ó 26 de novembro.

- Xornadas micolóxicas .A cargo do grupo Sendeiriña da propia Asociación.

- 31 de outubro, charla de Pepe Álvarez. Cogumelos: bondades e perigos.

- Saídas ó campo as mañás dos domingos de novembro.

1997

- Teatro. 3 de xaneiro. A cargo do grupo Aceno da propia Asociación. Soños dunha noite de San Xoán.

- Baile de Reis .4 de xaneiro. En colaboración coa Asociación de Veciños.

- Concerto. 26 de abril. Coro de cámara Camerata ad libitum de Ponteareas.

- Letras Galegas 16 de maio.

- Concurso de contos para escolares

- Títeres, Cousas de burros, polo grupo da propiaAsociación.

- Conferencia de Mario Gallego Paseo polos contos de ÁnxelFole.

- Entrega de premios do concurso.

- Curso de galego (Perfeccionamento). Realizado de abril a xullo.

- Exposición 6-10 de agosto. Lérez na emigración americana

- Presentación da revista Cedofeita.

- Xornadas Micolóxicas 97.