REVISTA.
No mes de outubro de 2000, esta asociación publicou o número
catro da revista Cedofeita,
que se distribuíu entre os socios, entidades da parroquia e
outras sociedades e organismos da capital. O presente número
cinco sae tamén do prelo no mesmo mes de 2001.
VI
XORNADAS MICOLÓXICAS. Como é habitual, celebráronse
as Xornadas Micolóxicas no mes de novembro. Houbo unha charla
nas dependencias do Colexio de Lérez con proxección de
diapositivas. Ó día seguinte realizouse unha saída
ó monte. Os asistentes degustaron varios pratos cociñados
coas variedades recollidas.
Está previsto organizar as VII Xornadas Micolóxicas a principios do vindeiro mes.
HOMENAXE A BARRIGA VERDE. Cedofeita, coa colaboración
de Títeres Viravolta de Lalín, organizou unha
sinxela homenaxe a Barriga Verde, no Colexio de Lérez o sete
de abril. O acto, ó que asistiu numeroso público,
consistiu na charla O engado dun persoeiro a cargo de
Xaime Iglesias González, que fixo un percorrido pola vida do
homenaxeado, na actuación de Títeres Viravolta,
que ofreceu o espectáculo Barriga Verde e na entrega ós
fillos, Saladina e Alfonso, dun recordo da homenaxe.
LETRAS
GALEGAS. As principais actividades realizadas por Cedofeita co
gallo da Festa das Letras Galegas foron:
+ Concurso para escolares, no que participaron numerosos alumnos.
+ Charla de José L. Estevez Solla sobre Eladio Rodríguez e proxección de vídeo.
+ Representación da obra O anano e a princesa polo grupo 5 máis 5 do IES A Xunqueira.
+ Entrega de premios do concurso.
As tres últimas actividades celebráronse no Colexio de Lérez o día 12 de maio con asistencia de numeroso público.
CONCERTO. A Coral Polifónica de Caldas de Reis, dirixida por Xoaquín Barreira Pereira, ofreceu na igrexa do mosteiro de Lérez un concerto o pasado dous de xuño. Houbo unha nutrida asistencia que aplaudiu fortemente unha brillante actuación.
EXCURSIÓN.
O 10 de xuño realizouse unha viaxe recreativo-cultural ás
Médulas, na provincia de León. Paramos en Chantada.
Despois de contemplar as interesantes paisaxes deixadas trala
explotación aurífica polos romanos, xantamos e, á
volta, visitamos a Ribeira Sacra, San Pedro de Rochas, con posterior
parada en Ourense.
EXPOSICIÓN. No mosteiro de Lérez, do 4 ó 7 de agosto, estivo aberta a exposición, visitada por numeroso público, Sociedades de Lérez. De 1886 a 1936 coa que Cedofeita tentou homenaxear a aquelas persoas que contribuíron co seu esforzo a mellorar a sociedade da súa época.
PUBLICACIÓN. Barriga Verde, un persoeiro con engado é a primeira publicación, distinta da revista, que promove Cedofeita. Esperemos que non sexa a última.
CEDOFEITA
en Internet. Case desde a súa fundación, Cedofeita
estivo en Internet. O xornal La
Voz de Galicia ofreceu o pasado
día 11 de febreiro unha reportaxe sobre esta páxina
web.